Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 03 de xaneiro de 1996 Páx. 58

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 22 de decembro de 1995 pola que se prorroga a vixencia da do 10 de febreiro de 1995 pola que se regulan as axudas financeiras ás asociacións e organizacións empresariais pesqueiras e marisqueiras.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e dispón, no seu artigo 1, apartado 1.1, que os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV, VI e VII poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vai materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que se someta a aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación.

No DOG nº 66, do 4 de abril de 1995, publícase a Orde do 21 de febreiro de 1995 pola que se regulan as axudas financeiras ás asociacións e organizacións empresariais pesqueiras e marisqueiras.

Como é necesario continuar na mesma liña de apoio a este tipo de accións, polas facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Prorrógase a vixencia da Orde do 21 de febreiro de 1995 pola que se regulan as axudas financeiras ás asociacións e organizacións empresariais pesqueiras e marisqueiras.

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.615B.770.0 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de outubro de mil novecentos noventa e cinco.

Artigo 2º

As solicitudes presentaranse de acordo co modelo de solicitude que como anexo I se publica con esta orde, xunto coa documentación que se esixe na orde que se prorroga.

Artigo 3º

O prazo de presentación de solicitudes rematará ós sesenta días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde.

Disposición transitoria

Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gastos regulados por esta orde entenderanse condicionados a que, ó dictarse o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento que foron producidos aqueles actos.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo y Acuicultura

9507147