Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 03 de xaneiro de 1996 Páx. 56

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 21 de decembro de 1995 pola que se prorroga a vixencia da do 9 de febreiro de 1995, pola que se regula a concesión de axudas ás embarcacións, ás súas tripulacións e ós mergulladores pola súa participación en tarefas de auxilio, rescate e salvamento de persoas e embarcacións en perigo, durante o ano 1996.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e dispón, no seu artigo 1, apartado 1.1, que os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV, VI e VII poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vai materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que se someta a aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta, e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación.

No DOG nº 40, do 27 de febreiro de 1995, publícase a Orde do 9 de febreiro de 1995, pola que se regula a concesión de axudas para o ano 1995 ás embarcacións, ás súas tripulacións e ós mergulladores pola súa participación en tarefas de auxilio, rescate e salvamento de persoas e embarcacións en perigo.

Como é necesario continuar na mesma liña de apoio a este tipo de accións, polas facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Prorrógase a vixencia da orde do 9 de febreiro de 1995, pola que se regula a concesión de axudas ás embarcacións, ás súas tripulacións e ós mergulladores pola súa participación en tarefas de auxilio, rescate e salvamento de persoas e embarcacións en perigo, durante o ano 1996.

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.612B.470.0 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 13 de outubro de 1995.

Artigo 2º.

As solicitudes presentaranse de acordo co modelo de solicitude que como anexo I se publica con esta orde, xunto coa documentación que se esixe na orde que se prorroga.

Artigo 3º.

O prazo de presentación rematará o 30 de setembro de 1996.

Disposición transitoria

Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gastos regulados por esta orde entenderanse condicionados a que, ó dictarse o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e dereito existentes no momento no que foron producidos aqueles actos.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo y Acuicultura

95-