Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 21 de decembro de 1995 Páx. 9.560

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de novembro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións a xornais e revistas para a edición de suplementos didácticos e a promoción da lingua galega.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

Segundo o artigo 27.20º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva de promoción e o ensino da lingua galega en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto na Constitución e nas leis orgánicas.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título IV, do uso do galego nos medios de comunicación, establece que será obriga da Xunta de Galicia contribuír ó fomento do galego nos medios de comunicación, con medidas que potencien a producción editorial e a súa difusión.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeito.

A presente orde vai dirixida ós xornais e revistas non institucionais.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvención en réxime de concorrencia competitiva, para a edición de suplementos didácticos en lingua galega con suxeición ás normas contidas na presente orde, con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.470.0, por unha contía máxima total de 40.000.000 de ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996, e condicionado o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1996, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionarase a edición de suplementos didácticos que cumpran as seguintes condicións:

1ª-Estar correctamente escritos en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2ª-Publicarse entre o 1 de novembro de 1995 e o 31 de outubro de 1996.

Artigo 4º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación da presente orde, aínda que cumpran os requisitos esixidos no artigo precedente, os suplementos editados por xornais ou revistas institucionais.

Artigo 5º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1-De acordo co establecido no artigo 19 da Lei 3/1983 daráselles preferencia a aqueles proxectos presentados por empresas xornalísticas que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

2-A periodicidade da publicación.

3-A tirada de exemplares e maila súa difusión.

4-O arraigo social do suplemento como vehículo de promoción lingüística.

Artigo 6º.-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1-Solicitude, segundo o anexo I da presente orde, debidamente cuberta.

2-Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade e do poder notarial correspondente, constando a inscrición de ambos no rexistro mercantil.

No caso de empresas individuais, presentarase unha fotocopia compulsada do DNI do titular.

3-Un exemplar do suplemento, xunto co xornal ou a revista.

4-No caso de non ter elaborado o material, unha memoria descritiva dos contidos e a maqueta do proxecto na que constarán tódolos datos referidos á subvención.

5-Orzamento desagregado de gastos correspondente ó custo real de producción da obra para a que se solicita a subvención, no que ademais haberá de constar expresamente a tirada de exemplares.

6-Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando o número de contratos da empresa acollidos ó réxime da Seguridade Social e que a empresa non goza de ningunha outra axuda económica máis doutras entidades ou institucións para esta mesma finalidade.

7-Certificación bancaria orixinal da conta corrente ó nome da empresa solicitante na que desexen que se lles realice o pagamento.

8-Fotocopia do CIF da empresa.

Artigo 7º.-Entrega da documentación.

As solicitudes, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, serán valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando

un informe-proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 9º.-Órgano informante.

Será competente para a elaboración do informe-proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-O xefe do Servicio do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

-A xefa do Gabinete de Prensa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un representante proposto pola Secretaría Xeral de Comunicacións da Xunta de Galicia e nomeado polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

-A xefa da Sección de Xestión e Promoción Lingüística.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz e sen voto.

Artigo 10º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que lle porá fin á vía administrativa.

Para os efectos do disposto no artigo 59.5º b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Información e Atención ó Cidadán da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela) e no Diario Oficial de Galicia.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo ca lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As empresas seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e mailos compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

En toda a edición do material para o que se conceda a subvención constará impreso, coa mesma técnica que os créditos da empresa editora, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Uni

versitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia, co seguinte texto: subvencionado pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística.

Artigo 12º.-Xustificación

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que de seguido se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o 31 de outubro de 1996.

Antes da citada data deberá remitírselle á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos enviados:

1-Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó dobre da axuda outorgada, xunto cunha relación pormenorizada e numerada deles.

2-Certificado do editor no que constará expresamente a realización da edición e, como mínimo, a tirada de exemplares que se mencionaba no proxecto de solicitude.

3-Certificación de atoparse ó día das súas obrigas tributarias, expedida pola correspondente delegación ou axencia do Ministerio de Economía e Facenda.

4-Certificación de atoparse ó día das súas obrigas sociais expedida pola Tesourería da Seguridade Social.

5-Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, expedida pola Consellería de Economía e Facenda.

6-Mostras dos suplementos publicados xunto cos números da publicación cos que apareceron.

En relación cos xustificantes citados no número 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de novembro de 1995 e o 31 de outubro de 1996, admitíndose unicamente verbo de:

a) Gastos de material (papel, pranchas, tintas e películas), ata un 30% da xustificación total da subvención.

b) Gastos de persoal (autores, coordinación, debuxantes, montaxes, fotografía e persoal colaborador), ata unha porcentaxe máxima do 60% da subvención.

c) Gastos de distribución, ata unha porcentaxe máxima do 30% da xustificación total da subvención.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

De o resultado da publicación non se axustar ós datos que figuran no impreso de solicitude ou incumprir algunha das normas contidas na presente orde, revogarase a axuda logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma empresa no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, a empresa terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas com

petencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

95-7112