Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 21 de decembro de 1995 Páx. 9.557

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de novembro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións a asociacións e institucións sen fin de lucro para a realización de actividades de promoción da lingua galega.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa finalidade de lle dar cumprimento ó disposto na Lei 3/1983, de normalización lingüística, que establece a posibilidade de lles conceder subvencións ás asociacións e institucións sen fin de lucro, constituídas na nosa Comunidade Autónoma ou fóra dela, que realicen actividades de promoción da lingua galega, desenvolvendo determinados proxectos ou organizando actuacións diversas coa mesma finalidade.

E considerando o feito da permanencia das actividades de asesoramento lingüístico dun xeito preferente pola súa relevancia práctica na promoción lingüística, cun maior efecto cás actuacións puntuais e concretas.

De acordo coas indicacións presentadas pola Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, e coa normativa vixente en materia de subvencións, faise pública a presente convocatoria. Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás institucións sen fin de lucro legalmente constituídas, agás as dependentes de entidades locais.

Para estes efectos terán a condición de entidades locais as que gocen de tal carácter na Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, no seu artigo 3º.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades de promoción da lingua galega, desenvolvemento de proxectos ou organización de actuacións coma congresos ou simposios coa mesma finalidade, con suxeición ás normas contidas na presente orde, con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.480.0, por unha contía máxima total de 120.000.000 de ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996, e condicionado o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1996, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionaranse as actividades obxecto da presente orde que empreguen correctamente o galego

coma lingua oficial, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro), teñan como fin principal a súa difusión e se realicen entre o 1 de novembro de 1995 e o 31 de outubro de 1996.

Artigo 4º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1. O ámbito que abranga a actividade, tanto cuantitativa como cualitativamente considerado.

2. O número de participantes posibles.

3. A súa relación cos eidos lingüístico e cultural da realidade galega no prazo de vixencia desta orde.

4. A viabilidade do proxecto.

Artigo 5º.-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1. Solicitude, cuberta debidamente segundo o modelo do anexo I da presente orde.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada dos correspondentes estatutos e, se fose o caso, da resolución do órgano competente na que se lle concede a representación da entidade.

3. Unha memoria descritiva do proxecto na que constarán tódolos datos referidos á subvención, especificando os autores, colaboradores, participantes (no caso de congresos ou simposios), lugar de realización, e todos aqueles aspectos que se consideren de interese para o coñecemento e a valoración da petición.

4. Orzamento desagregado de gastos correspondente ó custo real de realización da actividade para a que se solicita a subvención, con indicación expresa da cantidade que se solicita.

5. Certificación bancaria orixinal da conta corrente ó nome da entidade solicitante na que desexen que se lles realice o pagamento.

6. Fotocopia do CIF da entidade.

Artigo 6º.-Entrega da documentación.

As solicitudes, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 20 días naturais contado a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, serán valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Polí

tica Lingüística, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando un informe-proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 8º.-Órgano informante.

Será competente para a elaboración do informe-proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-A xefa da Sección de Xestión e Promoción Lingüística.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz e sen voto.

Artigo 9º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que lle porá fin á vía administrativa.

Para os efectos do disposto no artigo 59.5º.b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Información e Atención ó Cidadán da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela), e no Diario Oficial de Galicia.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As entidades seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

As publicacións, escritos, comunicacións, relatorios, informacións e publicidade das distintas actividades, proxectos ou actuacións terán que se facer correctamente en galego, de acordo co disposto no artigo 3º da presente orde.

En todo o material citado no parágrafo anterior constará, coa mesma técnica que os créditos da entidade promotora, o patrocinio da Dirección Xeral

de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia, co seguinte texto: «Subvencionado pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística».

Artigo 11º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que de seguido se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o 31 de outubro de 1996.

Antes da citada data deberá remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos enviados:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo ca resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente á axuda outorgada, xunto cunha relación pormenorizada e numerada deles.

2. Certificación de atoparse ó corrente das súas obrigas sociais expedida pola Tesourería da Seguridade Social.

3. Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, expedida pola Consellería de Economía e Facenda.

4. Mostras que respondan ás actividades subvencionadas, se fose o caso, ou xustificación documental (dossier de prensa, vídeo, fotografías ou gravación magnetofónica) da realización da actividade e o correcto emprego do galego nos termos do artigo 3º da presente orde.

En relación cos xustificantes citados no número 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de novembro de 1995 e o 31 de outubro de 1996, admitíndose unicamente verbo de:

a) Gastos de material e servicios necesarios para a realización da actividade subvencionada, consonte o expresado na memoria descritiva e no orzamento presentado xunto coa solicitude.

b) Gastos de persoal (que nos casos de asesoramento lingüístico terá que ser licenciado en filoloxía galega ou equivalente, ou tratarse de profesorado especialista en lingua e literatura galegas) xustificados mediante unha copia dos correspondentes contratos e a constancia do seu pagamento.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

Se o resultado da actividade non se axustar ós datos que figuran no impreso de solicitude ou incumprir algunha das normas contidas na presente orde, revogarase a axuda logo de audiencia á entidade interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma entidade no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, a entidade terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplica

ción o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

95-8187