Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 20 de decembro de 1995 Páx. 9.509

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de novembro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas privadas para accións de promoción da lingua galega.

A Xunta de Galicia promove o uso do galego como lingua propia de Galicia e recoñece, así mesmo, que as empresas privadas, pola súa incidencia e implantación territorial e social, poden constituírse en promotoras da extensión do uso do idioma galego.

Segundo o exposto, a Comisión Coordinadora para a normalización lingüística de Galicia anima as empresas para que promovan o emprego da lingua galega, introducíndoa no ámbito económico e mercantil.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten o obxectivo de fomenta-lo uso da lingua galega nas actividades mercantís, comerciais e publicitarias, coa finalidade cumpri-lo disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, polo que cre conveniente arbitra-las medidas e os procedementos económico-administrativos necesarios para concederlles subvencións a aquelas empresas privadas legalmente constituídas, que realicen actividades de promoción da lingua galega.

Por todo isto, e de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, faise pública a presente convocatoria, e para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeito.

A presente orde vai dirixida ás empresas privadas legalmente constituídas que promovan o emprego da lingua galega no ámbito económico e mercantil.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a realización de accións de promoción da lingua galega no ámbito ecomómico e mercantil, con suxeición ás normas contidas na presente orde, con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.470.0, por unha contía máxima total de 100.000.000 de ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996, e condicionado o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1996, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionaranse as accións de promoción que cumpran as seguintes condicións:

1ª. Estar correctamente realizadas en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2ª. Realizarse entre o 1 de novembro de 1995 e o 31 de outubro de 1996.

Artigo 4º.-Exclusións.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación da presente orde, aínda que cumpran os requisitos esixi

dos no artigo precedente, as empresas que en anos anteriores fosen beneficiarias dunha subvención polo mesmo concepto que agora solicitan.

Artigo 5º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1. O ámbito que abranga a actividade, tanto cuantitativa como cualitativamente considerado.

2. O número de participantes posibles.

3. O seu grao de orixinalidade e a posibilidade de aplicación por outras empresas, así coma a súa viabilidade.

4. O feito de non ter obtido unha subvención en anos anteriores.

Artigo 6º.-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1. Solicitude, debidamente cuberta segundo o anexo I da presente orde.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade e do poder notarial correspondente, constando a inscrición de ambos documentos no Rexistro Mercantil.

No caso de empresas individuais, presentarase fotocopia compulsada do DNI do titular.

3. Memoria descritiva dos contidos e procedementos do proxecto, na que constarán tódolos datos referidos á subvención.

4. Orzamento desagregado de gastos correspondente ó custo real do proxecto, total e por capítulos.

5. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando:

a) O número de contratos da empresa acollidos ó réxime da Seguridade Social.

b) Que a empresa non goza de ningunha outra axuda económica máis doutras entidades ou institucións para esta mesma finalidade.

6. Certificación bancaria orixinal da conta corrente ó nome da empresa solicitante na que desexen que se lles realice o pagamento.

7. Fotocopia do CIF da empresa.

Artigo 7º.-Entrega da documentación.

As solicitudes, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 20 días naturais a contar a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, valoraranse polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política

Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando un informe-proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 9º.-Órgano informante.

Será competente para a elaboración do informe-proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-A xefa de Sección de Xestión e Promoción Lingüística.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz e sen voto.

Artigo 10º.-Resolución.

En vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que lle porá fin á vía administrativa.

Para os efectos do disposto no artigo 59.5º.b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Información e Atención ó Cidadán (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela) e no Diario Oficial de Galicia.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As empresas seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

En todo o material para o que se conceda a subvención constará impreso, coa mesma técnica cós créditos da empresa que leve adiante o proxecto de promoción da lingua galega, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia, co seguinte texto: «Subvencionado pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística».

Artigo 12º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que de seguido se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o 31 de outubro de 1996.

Antes da citada data, deberán remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos remitidos:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó dobre da axuda outorgada, xunto cunha relación pormenorizada e numerada destes.

2. Certificación de atoparse ó día das súas obrigas tributarias expedida pola correspondente delegación ou axencia do Ministerio de Economía e Facenda.

3. Certificación de atoparse ó día das súas obrigas sociais expedida pola tesourería da Seguridade Social.

4. Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia expedida pola Consellería de Economía e Facenda.

5. Mostras materiais ou exemplares impresos da actividade subvencionada, no caso de realizalos dentro da actividade, e, en tódolos casos, xustificación documental da realización da actividade (mediante video, dossier de prensa, disquetes, etc.).

En relación cos xustificantes citados no nº 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de novembro de 1995 e o 31 de outubro de 1996, e non se admitirán xustificantes de adquisición de material inventariable.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

De non se axusta-lo resultado da publicación ós datos que figuran no impreso de solicitude ou de incumprir algunha das normas contidas na presente orde, revogarase a axuda logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma empresa no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, a empresa terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

95-8039