Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 20 de decembro de 1995 Páx. 9.504

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de novembro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas editoriais para a edición de libros e materiais didácticos, para niveis non universitarios, impresos en lingua galega.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva de promoción e o ensino da lingua galega en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto na Constitución e nas leis orgánicas.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, do uso do galego no ensino, establece: «O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos» e «as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino».

Así mesmo, no seu artigo 4, do uso do galego nos medios de comunicación, establece que serán obrigas da Xunta de Galicia contribuír ó fomento do libro en galego, con medidas que potencien a producción editorial e a súa difusión.

No mesmo sentido, o artigo 8.2º do Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a citada Lei 3/1983, ordena que os materiais que se empreguen nas áreas e materias impartidas en lingua galega estarán escritos normalmente en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, as peculiaridades de Galicia. Concretando de seguido que, con esta finalidade, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a elaboración e a publicación dos materiais curriculares correspondentes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás editoriais legalmente constituídas como empresas privadas que elaboren material escolar incluíble no seu ámbito de aplicación.

Para os efectos da presente orde, terán a condición de suxeitos tódalas empresas privadas susceptibles de encadrarse no parágrafo precedente con independencia das clasificacións legais de carácter fiscal ou mercantil que supoña o emprego do termo «editorial».

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a edición de libros e material didáctico de niveis non universitarios con suxeición ás normas contidas na presente orde, con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.470.00, por unha contía máxima total de 263.900.000 ptas., correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996, e condicionado o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1996, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionaranse os libros e o material didáctico que cumpran as seguintes condicións:

1. Estar correctamente escritos en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2. Corresponder ós niveis de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, postobrigatoria (bacharelato, formación profesional, módulos profesionais), educación especial e educación permanente de adultos. Poderanse acoller tamén os libros destinados ó ensino especializado e ó non regrado.

3. Aterse previamente ó disposto no Decreto 89/1993, do 19 de abril, e nas súas ordes de desenvolvemento, polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para o ensino de réxime xeral.

4. Publicarse entre o 1 de novembro de 1995 e o 31 de outubro de 1996. Para estes efectos considérase data de publicación aquela na que se efectúe o rexistro de solicitude do número do depósito legal.

Artigo 4º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación da presente orde, malia cumpriren requisitos esixidos no artigo precedente:

1. Os libros de bibliófilo.

2. Os libros destinados a seren distribuídos gratuitamente.

3. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre os seus subscritores.

4. Os libros que se vendan a prazos.

5. Os libros que, publicados no prazo de vigor desta orde, recibisen xa ou tivesen asignado algún tipo de axuda por parte dalgún ente público.

6. Os libros de uso escolar correspondentes ás materias de lingua e literatura galegas.

Artigo 5º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1. A viabilidade do proxecto.

2. O tipo de material:

a) Material básico.

a.1) Libros de didáctica na aula que desenvolvan un deseño curricular.

a.2) Cadernos e manuais prácticos de traballo.

b) Material complementario (libros de consulta de uso individual ou colectivo).

3. O grao de orixinalidade de acordo coa seguinte escala:

a) Creación propia.

b) Adaptación.

c) Traducción.

d) Recompilación.

4. De acordo co establecido no Art. 19 da Lei 3/1983, daráselles preferencia a aqueles proxectos presentados por editoriais que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

Artigo 6º.-Limitacións.

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de catro millóns de pesetas por obra ou material didáctico presentado.

As subvencións que se concedan estableceranse (segundo o disposto no número un do artigo precedente), dependendo do seu grao de orixinalidade, do xeito seguinte:

a) Material básico, ata o 60% do custo real de producción da obra sen IVE.

b) Material complementario, ata o 40% do custo real de producción da obra sen IVE.

Non obstante, por proposta motivada da comisión de avaliación, poderanse conceder subvencións en porcentaxes superiores ás anteriormente indicadas.

Artigo 7º.-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1. Solicitude, debidamente cuberta de acordo cos anexos I e II da presente orde, xuntando un único exemplar do anexo I por empresa solicitante, e tantos exemplares do anexo II como obras presentadas.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade e do poder notarial correspondente, constando a inscrición de ámbolos documentos no Rexistro Mercantil.

No caso de empresas individuais, presentarase unha fotocopia compulsada do DNI do titular.

3. Un exemplar da obra ou do material educativo.

4. No caso de non ter elaborado o material, unha memoria descritiva dos contidos e dos procedementos do proxecto na que constarán tódolos datos referidos á subvención.

5. Orzamento desagregado de gastos correspondente ó custo real de producción da obra para a que se solicita a subvención, no que ademais deberá de constar expresamente a tirada de exemplares e o prezo de venda ó público sen IVE.

6. Características físicas e técnicas da obra para a que se solicita a subvención.

7. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando:

a) O número de contratos da empresa acollidos ó réxime da Seguridade Social e

b) Que a empresa non goza de ningunha outra axuda económica máis doutras entidades ou institucións para esta mesma finalidade.

8. Certificación bancaria orixinal da conta corrente ó nome da empresa solicitante na que desexen que se lles realice o pagamento.

9. Fotocopia do CIF da empresa.

Artigo 8º.-Entrega da documentación.

As solicitudes, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, serán valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando un informe-proposta de concesión, denegación ou exclusión, segundo o caso, das subvencións.

Artigo 10º.-Órgano informante.

Será competente para a elaboración do informe-proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-A xefa da Sección de Xestión e Promoción Lingüística.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz e sen voto.

Artigo 11º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que lle porá fin á vía administrativa.

Para os efectos do disposto no artigo 59.5º b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Atención ó Cidadán da

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela) e no Diario Oficial de Galicia.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 12º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As empresas seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e mailos compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

A empresa editorial, nos proxectos subvencionados ó abeiro da presente orde, aplicará no prezo de venda ó público (sen IVE) un desconto que coincida, como mínimo, coa metade da porcentaxe que se aplicou para subvenciona-la obra en cuestión.

No reverso de toda a edición de libros e material didáctico para os que se conceda a axuda constará impreso, coa mesma técnica cós créditos da empresa editora, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia, co seguinte texto: «Subvencionado pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística».

Artigo 13º.-Xustificación.

O prazo, improrrogable, de xustificación e entrega da totalidade da documentación que de seguido se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o 31 de outubro de 1996.

Antes da citada data deberán remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número do expediente e os documentos enviados:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente á axuda outorgada, xunto cunha relación pormenorizada e numerada deles.

2. Certificado do editor no que constará expresamente a realización da edición e, como mínimo, a tirada de exemplares que se mencionaba no proxecto de solicitude.

3. Certificación de atoparse ó día das súas obrigas tributarias expedida pola correspondente delegación ou axencia do Ministerio de Economía e Facenda.

4. Certificación de atoparse ó día das súas obrigas sociais expedida pola Tesourería da Seguridade Social.

5. Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, expedida pola Consellería de Economía e Facenda.

6. Unha cantidade mínima de sesenta exemplares por obra subvencionada.

En relación cos xustificantes citados no nº 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de novembro de 1995 e o 31 de outubro de 1996, admitíndose unicamente verbo de:

a) Gastos de imprenta e material.

a.1) Composición.

a.2) Impresión.

a.3) Encadernación.

a.4) Fotomecánica.

b) Gastos de persoal.

b.1) Auditoría/dereitos.

b.2) Ilustración/deseño.

b.3) Fotografía.

b.4) Traducción.

b.5) Revisión de textos.

Para aqueles gastos que sexan de difícil xustificación admitirase unha declaración xurada e razoada, asinada polo director ou presidente da empresa, non superando o 25% do total da xustificación.

Artigo 14º.-Perda da subvención.

De o resultado da publicación non se axustar ós datos que figuran no impreso de solicitude ou incumprir algunha das normas contidas na presente orde, revogarase a axuda logo de audiencia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma empresa no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, a empresa terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9508185