Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Luns, 11 de decembro de 1995 Páx. 9.283

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN DE ARZÚA

AUTO.

En Arzúa o vinteún de xuño de mil novecentos noventa e catro.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O procurador Carlos Fernández Rial, en nome e representación de Manuela Mejuto Sánchez, presentou escrito o 25 de xaneiro de 1994 no que solicita o recoñecemento e plena eficacia no ordenamento español, como firme e executoria, da sentencia dictada polo Tribunal de Primeira Instancia da República e do Cantón de Xenebra, o día 7 de febreiro de 1980, na causa número 179 A, 1858, sentencia número 1029, seguida por Manuela Mejuto Sánchez contra o seu esposo, José Varela e López, sentencia sobre denegación de paternidade, solicitando así mesmo a mencionada representación que se comunique de oficio ó Rexistro Civil de Melide en que constan inscritos os nacementos.

Segundo.-Tralos oportunos trámites legais, por providencia do 31 de xaneiro de 1994 déuselle traslado do escrito a José Varela e López e mais ó Ministerio Fiscal, non comparecendo o primeiro deles,

e informando o Ministerio Fiscal que se dicte resolución na que se desestime a solicitude de declaración de executividade da resolución presentada por non acomodarse ós requisitos mínimos establecidos no ordenamento xurídico español.

Razoamentos xurídicos.

Primeiro.-De conformidade cos artigos 22.1º e 56.4º da Lei orgánica do poder xudicial e co artigo 995 da LAC, a competencia para a execución de sentencias dictadas por tribunais estranxeiros corresponderalle á Sala do Civil do Tribunal Supremo, salvo que, conforme o acordado nos tratados, lles corresponda o seu coñecemento a outros órganos xudiciais. No presente caso, existe un tratado entre España e a Confederación Suíza do 19 de novembro de 1896 polo que se lle atribúe tal competencia, segundo o artigo 2, ó tribunal ou á autoridade da localidade onde o cumprimento deba efectuarse, outorgándolle así a facultade de concede-lo «exequatur». Esta é aplicable ó presente caso xa que os certificados de nacemento figuran inscritos no Rexistro Civil de Melide (A Coruña).

Segundo.-Os requisitos esixidos para o recoñecemento de sentencias dictadas en países estranxeiros recóllense na LAC, nos artigos antes citados. O artigo 951, como se dixo, establece a eficacia de tales sentencias conforme o que se estableza nos tratados respectivos, neste caso, o xa mencionado tratado do 19 de novembro de 1896. Neste corpo legal, no artigo 2, esíxese como requisitos básicos: a copia literal da sentencia ou parte dispositiva, que consta en autos; documento que xustifique que a parte contraria foi debidamente citada e que se lle notificou a sentencia; e certificación de que a sentencia é firme e executoria. Dándose claramente o primeiro e mailo último requisito, é procedente examina-lo segundo, pois o Ministerio Fiscal alega o seu incumprimento. Sen embargo, do que consta en autos no folio, certifícase polo Tribunal de Primeira Instancia de Xenebra que «visto o domicilio e residencia descoñecidos de José Varela e López, este último foi citado para comparecer o xoves

14 de novembro de 1979 ás 8.15 horas, sala A, 1º piso, 2º dereita, tribunal, por publicación na folla oficial de avisos do 24 de setembro de 1979».

Así mesmo, tamén se certifica, no dito folio, que a sentencia de negación número 1029, dada o sete de febreiro de 1980, na causa 179 A 1858, lle foi comunicada ó demandado José Varela e López (porque o seu domicilio continúa sendo descoñecido) por publicación na folla oficial de avisos do 11 de febreiro de 1980, constando a pé de páxina o selo do Tribunal de Primeira Instancia de Xenebra. Polo que se entende cumprido o segundo requisito esixido no artigo 2 do tratado do 19 de novembro de 1896 entre España e a Confederación Suíza para a execución das sentencias ou resolucións dictadas nos respectivos países, entendendo que no presente caso a parte contraria foi debidamente citada e que se lle notificou a sentencia de acordo coas normas de procedemento previstas no referido país estranxeiro.

Vistos os citados artigos e demais de xeral e pertinente aplicación.

Parte dispositiva.

Acordo que procede a plena eficacia no ordenamento español e a validez como firme e executoria da sentencia dictada polo Tribunal de Primeira Instancia da República e do Cantón de Xenebra o día 7 de febreiro de 1980 na causa número 179 A 1858, sentencia número 1029, seguida por Claude Turian, actuando na súa calidade de curador dos nenos María del Mar Varela e López, Roberto Carlos Varela e López e María Cristina Varela e López, contra José Varela e López e Manuela Mejuto Sánchez sobre denegación de paternidade.

Sendo firme esta resolución líbrese o oportuno despacho ó Rexistro Civil de Melide para que se proceda á inscrición do previsto na mencionada sentencia con relación a María del Mar e Roberto Carlos e respecto a María Cristina líbrese o oportuno despacho ó Rexistro Civil do Consulado Xeral de España en Xenebra.

Este auto é firme e contra el non cabe ulterior recurso.

Así o acordo, mando e asino, María Dolores de los Ríos Andérez, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Arzúa e o seu partido.

Rubricado