Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Xoves, 07 de decembro de 1995 Páx. 9.233

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Gestión de Estación de Transporte de Viajeros, S.A. (Gestravisa).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Gestión de Estación de Transporte de Viajeros, S.A. (Gestravisa), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-10-1995, subscrito, en representación da parte económica, por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal en data 10-10-1995; de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a súa notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 27 de outubro de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Gestravisa

Capítulo I

Unidades de negociación

Artigo 1º.-Partes concertantes.

A comisión negociadora do convenio que se subscribe está integrada, por parte empresarial, pola empresa Gestión de Estación de Transporte de Viajeros, S.A. (Gestravisa) e pola parte social, polo delegado de persoal pola Unión Xeral de Trabajadores (UGT).

Ámbalas partes se recoñecen como interlocutores válidos con lexitimación suficiente para a negociación do presente convenio, de acordo co que establece o título III do Real decreto lexislativo 1/1995, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Ámbitos, vixencia e denuncia

Artigo 2º.-Ámbito persoal e funcional.

Rexeranse por este convenio a totalidade dos traballadores que, na actualidade ou no sucesivo, presten os seus servicios na empresa Gestión de Estación de Transporte de Viajeros, S.A. (Gestravisa).

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As normas deste convenio serán de aplicación en tódolos centros de traballo da empresa Gestravisa.

Artigo 4º.-Ámbito temporal e vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996, con independencia da data da súa publicación no BOP de Pontevedra.

A súa duración será ata o 31 de decembro de 1997, e entenderase prorrogado tacitamente por bianualidades naturais de non mediar denuncia expresa das partes.

Artigo 5º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá solicita-la revisión do convenio, formulando a súa denuncia á outra parte e á autoridade laboral competente, con tres meses de antelación, como mínimo, á data de expiración da súa vixencia ou á de calquera das súas prórrogas. No caso de non chegar a unha negociación despois de realizada a denuncia, o texto do convenio quedará prorrogado, non así os conceptos salariais, que aumentarán de acordo co que se establece no Art. 12º do presente texto.

Capítulo III

Representación das partes negociadoras

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado neste convenio.

Esta comisión estará formada, por acordo das partes, pola representación económica e social que deliberaron sobre el e que figuran como asinantes do presente convenio.

Para efectos de notificacións, sinálase o seguinte enderezo: avenida de Madrid, estación de autobuses, s/n, 36214 Vigo.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo virá distribuída segundo o cadro horario específico para cada unha das seccións da empresa, e segundo o prevido no Art. 34, 1), 2), do R.D. lexislativo 1/1995, así como no Art. 36 do referido texto.

Os traballadores afectados por este convenio colectivo de traballo quedarán suxeitos ó previsto nos artigos 39 e 40 do R.D. lexislativo 1/1995, texto refundido

da Lei do Estatuto dos traballadores, relativo a mobilidade funcional e xeográfica.

Artigo 8º.-Permisos retribuídos.

A aqueles traballadores interesados concederáselles, necesariamente, os seguintes permisos retribuídos:

a) Casamento do traballador: 15 días.

b) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, pais políticos e fillos: 5 días.

c) Parto da esposa: 3 días.

d) Morte do cónxuxe, pais, pais políticos, fillos e irmáns: 5 días, que se ampliarán ata 8 días se a morte se produce en municipio distinto ó do centro de traballo.

e) Morte de tío ou cuñado: 2 días.

f) Necesidade de atender asuntos propios que non admiten demora: o tempo necesario para iso. Outorgarase este permiso unha vez demostrada a necesidade e posteriormente deberá xustificarse.

g) Licencia a representantes dos traballadores. Aplicarase o lexislado nesta materia.

Os días a que fai referencia este artigo entenderanse, en todo caso, como naturais.

Artigo 9º.-Vacacións anuais.

O persoal regulado por este convenio terá dereito a 30 días naturais de vacacións anuais que se desfrutarán segundo o calendario acordado entre empresa e traballadores, de acordo coas necesidades da empresa.

O período de vacacións deberá ser coñecido polos traballadores alomenos con dous meses de antelación ó comezo do desfrute e o inicio farase coincidir cun luns laborable.

Capítulo V

Percepcións económicas e revisión

Artigo 10º.-Salario base.

En concepto de salario base mensual corresponden, a cada unha das categorías profesionais, os que se detallan na primeira columna da táboa salarial anexa.

Esta táboa salarial terá efectos económicos desde o día 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro do mesmo ano.

Artigo 11º.-Remuneración anual.

En cumprimento do que dispón o vixente texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, detállanse na segunda columna da táboa salarial anexa os salarios no seu cómputo anual, en función da xornada efectiva pactada neste convenio.

Artigo 12º.-Revisión económica.

Na táboa salarial anexa detállanse as retribucións correspondentes a cada categoría do persoal. As ditas retribucións serán consideradas como base de cálculo para tódolos efectos.

Para o ano 1997 será revisada na súa totalidade, establecéndose un incremento do 3% sobre a táboa salarial do ano 1996.

Se a 31 de decembro de 1996 o IPC entre xaneiro e decembro dese ano alcanzase o 4,5%, o incremento xa establecido para o ano seguinte do 3% aumentará nun 0,5%.

Artigo 13º.-Antigüidade.

O complemento por antigüidade queda conxelado na contía que se estea percibindo a 31-7-1995, polo que a partir desta data non se xerará ningún incremento polo referido complemento salarial.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias e participación en beneficios.

O persoal afectado por este convenio percibirá anualmente dúas gratificacións extraordinarias: unha no mes de xullo, e outra no mes de decembro, por un importe de trinta e tres días de salario base maila antigüidade que se estivese percibindo.

Así mesmo, percibirase unha paga extraordinaria no mes de setembro e outra no de marzo polo mesmo importe cás anteriores, as cales se percibirán rateadas mensualmente.

O persoal que ingrese ou cese na empresa durante o transcurso do ano percibirá as gratificacións extraordinarias en proporción ó tempo traballado.

Artigo 15º.-Incapacidade temporal.

En calquera suposto de baixa por incapacidade temporal, a empresa aboaralles ós traballadores afectados o 100% do salario que lles corresponda no momento de se produci-la baixa e durante un máximo de seis meses.

Capíulo VI

Conceptos extrasalariais

Artigo 16º.-Axudas de custo e desprazamentos.

As axudas de custo para o persoal que, en razón dos métodos de organización da empresa, deba efectuar saídas fóra do municipio no que radica o centro de traballo, quedan establecidas na contía seguinte: axuda de custo completa: 3.000 ptas. para tódalas categorías.

A media axuda será do importe do 50% da contía anterior, igualmente para tódalas categorías.

Capítulo VII

Acción sindical

Artigo 17º.-Dereitos sindicais.

En todo o concernente ós aspectos sindicais dentro e fóra da empresa, observarase o que sobre esta materia dispón o vixente Real decreto lexislativo 1/1995, e a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Artigo 18º.-Revisións médicas.

A empresa está obrigada a solicitar do Gabinete Técnico Provincial do Servicio Social de Hixiene e

Seguridade no Traballo de Rande, ou da mutua patronal que cubra o risco de accidentes de traballo, un recoñecemento médico anual para todo o persoal.

O tempo empregado para ese recoñecemento será aboado pola empresa.

Capítulo IX

Cómputos e vinculación

Artigo 19º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, polo tanto, absorberán e compensarán no seu conxunto as melloras de calquera tipo que viñesen antes satisfacendo as empresas, ben sexa por imperativo legal, convenio colectivo, etc.

Artigo 20º.-Vinculación á totalidade.

Como se cita no artigo anterior, as condicións establecidas neste convenio e pactadas polas partes deliberadoras del, forman un todo orgánico e indivisible. En consecuencia, non poderá pretenderse a aplicación dunha ou varias normas con esquecemento das restantes, senón que para tódolos efectos o presente convenio deberá ser aplicado e observado na súa integridade.

No suposto de que a autoridade laboral ou xurisdiccional competente, no exercicio das súas facultades, declarase nulo total ou parcialmente algún artigo, quedará o presente convenio invalidado na súa totalidade, e levarase a cabo unha nova negociación.

Disposición derradeira

No non establecido de maneira expresa no presente convenio aplicarase a ordenanza laboral para oficinas e despachos, do 31 de outubro de 1972, e o Real decreto lexislativo 1/1995, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Pola representación económica:

Gestravisa

Pola representación social:

Manuel Fernández Alonso (UGT)

TÁBOA SALARIAL DO ANO 1996

Empresa Gestravisa

CategoríasSalario baseRemun. anual

Persoal administración
Xerente304.6544.996.324
Oficial administración102.5911.682.492
Auxiliar administración 87.5411.435.672

Persoal tráfico
Xefe estación118.8871.949.748
Axudante xefe estación102.5911.682.492
Recepcionista-información 87.5411.435.672
Axte. recepción-información 80.0881.313.444

Persoal facturación
Oficial facturación 76.9431.261.864
Axudante facturación 72.1961.184.016

Persoal vario
Limpadora 74.0381.214.224
Aprendiz 77.1081.264.572

7814