Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Mércores, 22 de novembro de 1995 Páx. 8.563

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 1994, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Forestal del Atlántico, S.A., no concello de Mugardos (A Coruña), e se lle concede á dita empresa a condición de autoxerador eléctrico. (Expediente número 47/1994).

Forestal del Atlántico, S.A., con domicilio para efectos de notificacións en Punta Promontoiro, s/n, 15620 Mugardos (A Coruña), solicitou autorización administrativa para a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica e concesión da condición de autoxerador eléctrico, co motivo de acollerse ós beneficios previstos no Real decreto 872/1982, do 5 de marzo, sobre tramitación de expedientes de solicitude de beneficios creados pola Lei 82/1980, do 30 de decembro, sobre conservación de enerxía, xuntando o preceptivo anteproxecto da instalación e o estudio dos rendementos enerxéticos acadables o do aforro de enerxía que se conseguirá coa posta en servicio das instalacións proxectadas, de acordo co esixido

no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e no Real decreto 907/1966, do 2 de abril e orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 7 de xullo do mesmo ano, sobre fomento da autoxeración de enerxía eléctrica e normas para a obtención da condición de autoxerador eléctrico, respectivamente.

A devandita planta de coxeración situarase nos terreos da factoría, dedicada principalmente á producción de colas de urea-formol para a industria do taboleiro de madeira, propiedade da empresa solicitante, Forestal del Atlántico, S.A., situada na Punta Promontoiro do concello de Mugardos (A Coruña).

Resultando que de conformidade co establecido no citado Decreto 2617/1966, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, dictou Resolución do 6 de maio de 1994 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación da referida planta de coxeración, que foi publicada no DOG do 27-5-1995 e no BOP da Coruña do 7-6-1994, non presentándose no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Resultando que a planta de coxeración da que se solicita autorización administrativa ten as seguintes características técnicas básicas:

-Un motor de combustión interna de fuelóleo, de 5.000 kW de potencia.

-Un xerador eléctrico de 6.250 kVA de potencia e cos phi= 0,8.

-Un centro de transformación de 6.500 kVA e tensións de 6/15-20.

-Equipamento eléctrico de protección, mando, sinalización e medida.

Resultando que a autorización administrativa da devandita planta de coxeración e mailo outorgamento da condición de autoxerador eléctrico, á entidade mercantil solicitante, están informados favorablemente polo facultativo habilitado para o efecto e polo delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio na Coruña.

Considerando que a Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 7 de xullo de 1982, sobre obtención da condición de autoxerador eléctrico.

Considerando que a documentación aportada reúne os requisitos sinalados polo Real decreto 907/1982, do 2 de abril, sobre fomento da autoxeración de enerxía eléctrica, e pola mencionada orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 7 de xullo de 1982, en canto

á obtención da condición de autoxerador eléctrico, a Dirección Xeral de Industria,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Forestal del Atlántico, S.A., que se situa nas instalacións da factoría que a dita empresa ten en Punta Promontoiro, concello de Mugardos (A Coruña).

Segundo.-Outorga-la concesión da condición de autoxerador eléctrico, a cal se condiciona á subscrición do convenio a que fai referencia o apartado terceiro do punto 2.3 da sinanlada orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 7 de xullo de 1982.

O promotor deberá presentar perante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo de un ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión, de acordo co sinalado na orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 5 de setembro de 1985. Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga a este prazo por causa debidamente xustificada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 1994.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

9506640