Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 16 de novembro de 1995 Páx. 8.433

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de industrias vinícolas, licoreiras, sidreiras e o seu comercio.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de industrias vinícolas, licoreiras, sidreiras e o seu comercio, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-10-1995 subscrito en representación da parte económica pola asociación de empresarios distribuidores e embotelladores de bebidas, e, da parte social, por UGT, CC.OO., o día 26-9-1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 23 de outubro de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo provincial para industrias vinícolas, licoreiras e sidreiras da provincia da Coruña 1995-1996 (Código 1500835)

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio será de aplicación a tódalas empresas encadradas nas actividades de industrias vinícolas, licoreiras, sidreiras e o seu comercio.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Ampara este convenio a tódolos productores que presten servicio nas empresas e centros ós que se refire o artigo anterior.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

Canto polo presente convenio se estipula, será de obrigatoria observancia en toda a provincia da Coruña respecto ás empresas e traballadores afectados por el.

Artigo 4º.-Vixencia e revisión.

A duración do presente convenio será de dous anos; iniciará a súa vixencia o 1 de xaneiro de 1995 e finalizará o 31 de decembro de 1996.

Os seus efectos terán carácter retroactivo ó 1º de xaneiro de 1995, agás nas mencións específicas referidas a axudas de custo e seguros, que entrarán en vigor o día da sinatura do convenio.

Todo o anterior será de aplicación con independencia da data da súa publicación no BOP.

Artigo 5º.-Compensación, garantías e absorción.

As condicións pactadas forman un todo orgánico, ndivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán considerados globalmente.

As melloras establecidas por este convenio serán absorbibles ou compensadas coas melloras que de calquera clase, forma ou denominación, teñan establecidas ou concedidas as empresas con carácter voluntario en calquera momento, e polas que se establezan no futuro, en virtude de disposición de calquera título ou rango.

Tendo en conta a natureza do convenio, as disposicións legais futuras que impliquen variación económica en todos ou algúns dos conceptos retributivos, unicamente terán eficacia práctica se, globalmente considerados ou sumados ós efectos vixentes con anterioridade ó convenio, superan o nivel destes.

En caso contrario, consideraranse absorbidos polas melloras pactadas neste convenio.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter global excedan do convenio, e manteranse estrictamente ad personam.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

A comisión será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do pactado no presente convenio. As súas funcións serán:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que sexan sometidas por ámbalas partes, de común acordo, en asuntos derivados deste convenio.

3. Conciliación facultativa nos problemas colectivos, con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponderlles ós organismos competentes.

4. Vixilancia do cumprimento do pactado.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade pola comisión paritaria terán carácter vinculante.

A comisión comporase dun presidente que se elixirá en primeira reunión e actuaría como mediador, con voz pero non con voto, e de seis vocais, tres por cada parte, de entre os que actuaron na deliberación do convenio. Ademais do presidente, levantará acta de acordos e resolucións que adopte a comisión, que deberán ser asinados polos señores que interveñan.

Poderán nomearse asesores por cada representación, aínda que estes terán dereito a voz pero non a voto.

A comisión, na primeira convocatoria, non poderá actuar sen a presencia de tódolos vocais e, en segunda, o seguinte día hábil, actuará cos que asistan, e terá voto unicamente en número paritario dos vocais presentes, sexan titulares ou suplentes.

A comisión paritaria reunirase a pedimento de calquera das partes, e poranse estas de acordo co presidente sobre o lugar, o día e a hora da reunión, e convirán ámbalas partes en darlle coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos puidesen producirse como consecuencia da interpretación e aplicación do convenio.

Artigo 7º.-Réxime de traballo.

A xornada máxima de traballo efectivo para o persoal abranguido no presente convenio será de 1.808 horas anuais, distribuídas de luns a venres.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal abranguido no presente convenio desfrutará dun período anual de vacacións dun mes (30 días).

É obriga da empresa, logo de acordo dos comités ou delegados de persoal, confeccionar un calendario de vacacións que deberá estar exposto no taboleiro de anuncios cunha antelación mínima de tres meses antes do período de vacacións para o coñecemento dos traballadores.

O desfrute desta será: quince días de xuño a setembro, ambos inclusive, e os quince restantes no resto do ano, de común acordo entre empresario e traballador.

A retribución correspondente ó período de vacacións estará constituída polo salario base, a antigüidade e o plus de asistencia que corresponda a cada categoría.

Artigo 9º.-Salario base.

Os traballadores afectados polo presente convenio percibirán en concepto de salario base desde o 1º de xaneiro ata o 31 de decembro de 1995, as cantidades que figuran neste convenio e por categoría profesional no anexo I.

Artigo 10º.-Aumentos periódicos por anos de servicio.

A antigüidade para o persoal abranguido no presente convenio consistirá en 12 bienios.

O importe de cada bienio transcorrido a partir da data de iniciación da vixencia deste convenio será de 3.832 pesetas.

A contía dos novos bienios que se cumpran será a correspondente ás 3.832 pesetas citadas.

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

De acordo co Decreto lei do 17-8-1973, sobre ordenación do salario e orde ministerial, do 22-11-1973 que o desenvolve, a determinación das horas extraordinarias farase mediante a aplicación da fórmula seguinte:

(365+G)x(S+A)

S.H.I. =

D.T.x733

Na dita fórmula:

S.H.I. = é o salario individual hora.

365 = son os días do ano.

G = é o número de días de retribución que corresponden ás gratificacións extraordinarias de Nadal, xullo e beneficios.

D.T.= días de traballo ó ano, deducidos os domingos, festivos e vacacións.

A = antigüidade.

O salario hora que resulte da aplicación da fórmula anterior servirá de base para determina-lo importe das horas extraordinarias.

O incremento que hai que aplicar sobre o salario hora para o pagamento das horas extraordinarias será o seguinte:

-O 75% nas horas extraordinarias dos días laborables.

-O 150% nas horas nocturnas, domingos e festivos.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

A) As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo serán equivalentes ó importe dunha mensualidade completa cada unha.

Cada gratificación está constituída polo soldo base e a antigüidade que para cada categoría profesional establece o presente convenio. O importe das ditas gratificacións será rateable en proporción ó tempo traballado durante o ano e computarase como tal o correspondente a enfermidade xustificada, accidentes de traballo, vacacións e permisos.

B) Establécese unha gratificación de 42.571 ptas. para o ano 1995 para todo o persoal afectado por este convenio, sen distinción de categorías, que se aboará en concepto de patroa do sector, o día 8 de decembro.

As empresas, logo de acordo co comité de empresa, poderán ratear cada mes as gratificacións de xullo e a da padroa, a metade da de Nadal. A outra metade da de Nadal será aboada na primeira quincena de decembro.

Artigo 13º.-Plus de asistencia

Establécese un plus de asistencia ó traballo cunha contía de 378 ptas. por día efectivo de traballo para o primeiro ano de vixencia do convenio. Os días laborables de vacacións de luns a venres devengarán de igual forma o dito concepto aínda cando non haxa presencia física no centro de traballo. Exceptúanse as faltas ó traballo como causa de accidente laboral ou logo de consentimento expreso da empresa para a súa non deducción.

Artigo 14º.-Plus de tóxicos, penosos e perigosos.

Naqueles supostos nos que concorrese a existencia de penosidade, toxicidade ou perigosidade, aboarase un 25% sobre o salario base.

A falta de acordo entre a empresa e traballador respecto á cualificación do posto de traballo como penoso, tóxico ou perigoso, resolveraa a Delegación Provincial de Traballo. A percepción dos indicados pluses será, en todo caso, proporcional ó tempo de prestación de servicios no posto de traballo cualificado como tal, e desaparecerá o dereito á percepción das cantidades que por tal concepto se perciben se, por mellora das instalacións ou procedementos, desaparecesen as condicións que orixinan a súa existencia.

Artigo 15º.-Premio de xubilación.

Consistirá nun premio por xubilación de acordo coa seguinte escala para tódolos traballadores que teñan un mínimo de antigüidade de 5 anos na empresa e se xubilen coas seguintes idades:

60 anos: 300.000 ptas.

61 anos: 250.000 ptas.

62 anos: 200.000 ptas.

63 anos: 175.000 ptas.

64 anos: 150.000 ptas.

65 anos: 125.000 ptas.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

As empresas entregaranlle ó traballador dúas fundas por ano, a primeira no mes de xaneiro e a segunda en xullo. Estas pezas de roupa poderán ser substituídas por uniforme ou roupa de traballo semellante, con duración dun ano, pero sen que en ningún caso teñan valor inferior ás expresadas fundas; igualmente, en razón da clase de traballo que se realice e cando as necesidades deste o requiran, entregaráselle ó traballador un par de calzado ó ano.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

As empresas virán obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de tres meses, unha vez homologado o presente convenio, unha póliza de seguros para a cobertura e os riscos de falecemento ou invalidez permanente absoluta dos traballadores, por accidente de traballo, incluídos os accidentes in itinere, que lle garanta ó traballador ou ós seus habente causa no caso de falecemento producido por causa fortuita espontánea, exterior ou independente da vontade do traballador, ou a invalidez indicada, a percepción das indemnizacións seguintes:

a) 1.750.000 ptas. en caso de falecemento do traballador.

b) 1.750.000 ptas. en caso de invalidez permanente absoluta derivada da mesma continxencia.

En ámbolos casos, a referida póliza só abranguerá os procesos indicados a partir da súa vixencia e validez.

Para os efectos deste artigo, a cualificación de accidente e o grao de invalidez será o que no seu día dictaminen os organismos laborais.

Estas compensacións son compatibles coas pensións ou indemnizacións que lle poida corresponder percibir ó traballador da Seguridade Social ou Montepío.

Non obstante o exposto anteriormente, as indemnizacións que sexan percibidas polos traballadores con cargo ó contrato do seguro de accidente que voluntariamente se contén neste convenio, considéranse como entregadas a conta das indemnizacións que, se é o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, e compensaranse ata onde aquelas alcancen.

Faise constar expresamente que os capitais anteriormente pactados e que cobren os riscos indicados, soamente empezarán a rexer unha vez que a póliza de seguro subscrita con motivo do anterior convenio e actualmente en vigor chegue á súa caducidade.

Artigo 18º.-ILT.

Nos casos de baixa por enfermidade, as empresas afectadas polo presente convenio complementarán as prestacións da Seguridade Social ata alcanza-lo 90% do salario real do convenio dos traballadores afectados, desde o primeiro día de baixa e ata o día 30, a partir do cal o aboamento será do 100%. Nos casos de baixa por accidente, hospitalización ou intervención cirúrxica, o aboamento será do 100% desde o primeiro día.

Artigo 19º.-Porcentaxes de incremento salarial.

As porcentaxes de incremento salarial establecidas no presente convenio non serán de necesaria ou obrigada aplicación para aquelas empresas que acrediten obxectiva e fidedignamente situacións de déficit ou perdas nos exercicios contables 1992, 1993 e 1994. Así mesmo, teranse en conta as previsións para 1995.

Nestes casos, trasladaráselles ás partes a fixación do aumento de salarios para valorar esta situación, teranse en conta as circunstancias tales como o insuficiente nivel de producción e venda e atenderanse os datos que resulten da contabilidade das empresas, do seu balance e das súas contas de resultados.

En caso de discrepancia sobre a valoración dos ditos datos, poderán utilizarse informes de auditorías ou censores de contas, atendendo as circunstancias e dimensión das empresas. En función da unidade de contratación na que se atopan abranguidas, as empresas que alegan as ditas circunstancias deberán presentar ante a representación dos traballadores a documentación precisa, balance, contas de resultados e, se é o caso, informe de auditores ou censores, que xustifiquen un tratamento salarial diferenciado.

Neste sentido, nas de menos de 25 traballadores e en función dos custos económicos que iso implica, substituirase o informe de auditores ou de censores xurados de contas pola documentación que resulte precisa dentro da sinalada nos parágrafos anteriores, para demostrar fidedignamente a situación de perdas.

Os representantes legais dos traballadores están obrigados a tratar e manter na maior reserva as informacións recibidas e os datos ós que tivesen acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando, por conseguinte, sixilo profesional.

Artigo 20º.-Duración do convenio.

A duración deste convenio será de dous anos, desde o 1 de xaneiro de 1995 ó 31 de decembro de 1996, salvo que por falta de denuncia dentro do prazo e forma que se estipula, se considere prorrogado.

O convenio colectivo quedará prorrogado tacitamente ó seu vencemento co incremento do IPC por períodos sucesivos dunha anualidade, a non ser que se denuncie para a súa revisión cun mínimo de tres meses antes do seu vencemento ou do dalgunha das súas prórrogas por calquera das partes.

Esta denuncia farase mediante escrito razoado dirixido á Delegación de Traballo, e estará obrigada a parte denunciante a comunicarllo ó mesmo tempo á parte demandada.

Artigo 21º.-Dereitos sindicais.

A) Os recoñecidos na normativa legal vixente.

B) Dereito á creación de seccións sindicais.

C) A empresa descontará, logo de autorización nominativa e conformada de cada traballador, a cota da nómina.

Artigo 22º.-Contía das retribucións.

O incremento salarial para 1995 será dun 4,3% sobre os salarios vixentes a 31 de decembro de 1994.

No caso de que o IPC real anual de 1995 fose superior ó 4,3% anterior, na mesma porcentaxe do dito exceso se revisarán os salarios con efectos de 1º de xaneiro de 1995, e servirán de base os novos salarios así establecidos para determina-los correspondentes a 1996.

O incremento salarial para 1996 será igual en porcentaxe ó que se tome como IPC previsto polo goberno para 1996.

No caso de que o IPC real para ese ano resultase superior ó previsto, na mesma porcentaxe do dito exceso se revisarán os salarios con efectos de 1º de xaneiro de 1996, e servirán de base os novos salarios así

establecidos para determina-los correspondentes ós próximos anos.

Artigo 23º.-Axudas de custo.

A axuda de custo na modalidade que se sinala está excepcionalmente ligada á viaxe ou desprazamento que, por necesidade ou orde da empresa, deban efectua-los traballadores a poboación distinta a aquela na que radiquen o domicilio habitual da empresa ou centro de traballo, de tal forma que lle impida ó traballador efectuar, ben sexa unha ou dúas comidas principais e, se é o caso, pasa-la noite no seu domicilio.

Axuda de custo para almorzo. Devengarase cando o comezo do servicio se efectúe antes das 8 da mañá. O seu importe será de 235 ptas.

Axuda de custo para xantar. Devengarase cando non exista posibilidade de regreso antes das 14 horas. O seu importe será de 1.200 ptas.

Axuda de custo por cea. Devengarase cando non exista posibilidade de regreso antes das 22 horas. O seu importe será de 1.095 ptas.

Cando se pase a noite fóra do domicilio, a empresa aboará os gastos, logo de xustificación deles.

Artigo 24º.-Ordenanza laboral.

No suposto de que a ordenanza laboral que regula a actividade no sector fose derrogada, e mentres non sexa substituída por un convenio marco, as partes comprométense a mante-la súa vixencia durante a duración do convenio, é dicir, ata o 31 de decembro de 1996, e comprométense así mesmo para a negociación do convenio para 1997 a introduciren aqueles aspectos que non se atopen regulados no actual convenio colectivo de forma negociada.

ANEXO I

Táboas salariais 1995

Categoría profesionalSal. base

mes

Salario

ano

Grupo A
Técnicos
Xefe superior188.5172.732.604
Técnicos titulados
Titulado superior169.6652.468.673
Titulado medio150.8162.204.786
Titulado inferior120.6521.782.496
Técnicos non titulados
Encargado xeral adega131.9651.940.869
Encargado laboratorio105.5691.571.337
Axudante laboratorio90.4901.360.221
Auxiliar laboratorio82.9481.254.634

Grupo B
Administrativos
Xefe superior188.5172.732.604
Xefe de primeira150.8162.204.786
Xefe de segunda131.9651.940.869
Oficial de primeira98.0291.465.779
Oficial de segunda90.4901.360.221

Categoría profesionalSal. base

mes

Salario

ano

Auxiliar82.9481.254.634
Aspirante 16 e 17 anos64.097990.717

Grupo C
Comerciais
Xefe superior188.5172.732.604
Xefe de vendas113.1121.676.938
Inspector de vendas101.8011.518.580
Corredor de vendas94.2581.412.978
Viaxante94.2581.412.978

Grupo D
Subalternos
Conserxe88.1991.328.155
Subalterno de primeira840.0001.269.367
Subalterno de segunda81.5531.235.111
Subalterno auxiliar79.1781.201.862
Botóns e recadeiros

de 16 e 17 anos

60.325937.916
Persoal limpeza75.4071.149.061
Persoal limpeza/hora313

Grupo E
ObreirosSalario

día

Salario

ano

Profesional de oficio
Capataz de adega3.2301.466.189
Encargado de sección3.1051.412.996
Oficial de primeira2.9811.360.246
Oficial de segunda2.8561.307.053
Oficial de terceira2.6131.203.770
Oficios auxiliares
Oficial de primeira2.9811.360.246
Oficial de segunda2.8561.307.053
Peón especializado2.6131.203.770
Peón1.5711.186.039
Pinche 16 e 17 anos2.1851.022.027

Antigüidade (valor dos novos bienios): 3.832 ptas.

Gratificación padroa do sector: 42.571 ptas.

Plus asistencia (valor diario): 378 ptas.

95-07421