Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 15 de novembro de 1995 Páx. 8.395

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 6 de novembro de 1995 pola que se regula, con carácter transitorio, a acumulación de postos de traballo vacantes da clase de matronas titulares.

O artigo 1 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, permite dictar normas especiais para adapta-las súas prescricións ás peculiaridades do persoal sanitario. Así mesmo, a Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, autoriza a Xunta de Galicia para dicta-las normas de carácter regulamentario e demais disposicións que sexan necesarias para o seu desenvolvemento e o Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolve a Lei 17/1989, autoriza a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do dito decreto.

Igualmente, o Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, deseña un novo modelo de atención primaria que, neste momento, se está a desenvolver.

Como consecuencia da implantación desta nova ordenación, resulta necesario afronta-la reestructuración de postos de traballo pertencentes ás clases de funcionarios que desenvolven as súas funcións no eido da atención primaria de saúde, entre as que se atopa a de matronas titulares. Neste sentido, estase xa a negociar coas organizacións sindicais do sector nos termos concretos da dita reforma.

Sen embargo e dado que a dita reforma vai comportar, necesariamente, unha reestructuración de carácter territorial dos postos de traballo actualmente existentes, parece oportuno dictar, con carácter transitorio, unha norma que adapta o réxime de acumulación dos postos de traballo da clase de matronas titulares á que se refire o artigo 2 da Orde do 30 de setembro de 1994 á dita situación transitoria.

Por todo isto, esta consellería, logo da negociación coas organizacións sindicais presentes na mesa sectorial de negociación do persoal sanitario e logo do informe da comisión de persoal,

DISPÓN:

Artigo 1.

En canto non se efectúe a correspondente reestructuración dos postos de traballo pertencentes ó corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de matronas titulares, poderase acorda-la acumulación dos postos de traballo que se atopen vacantes e dotados orzamentariamente, incluídos na relación de postos de traballo aprobada polo Consello da Xunta de Galicia do 11 de abril de 1992 e publicada no Diario Oficial de Galicia nº 81, do 29 de abril de 1992, modificada pola Orde do 25 de outubro de 1994, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 219, do 14 de novembro de 1994.

Artigo 2.

A acumulación do posto de traballo será acordada polo director xerente da dirección xerencia de atención primaria correspondente tendo en conta o número de nacementos e o número de mulleres en idade fértil existentes no ámbito de actuación del, así como a existencia de programas sanitarios sobre a muller embarazada que estivesen a ser desenvolvidos por el, logo do informe da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, solicitado a través da Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde. O mesmo procedemento seguirase para os supostos nos que se pretenda desacumular un posto de traballo previamente acumulado.

Artigo 3.

No suposto de acordarse a acumulación, esta efectuarase en favor dun dos practicantes titulares do propio partido sanitario. De non existir practicantes no dito partido, poderá acumularse a un practicante titular dun partido sanitario próximo.

Artigo 4.

Nos supostos nos que non sexa acordada a acumulación, as funcións do posto de traballo entenderanse subsumidas dentro das que competen ós médicos titulares e ós facultativos de medicina xeral de equipo ou zona, segundo corresponda.

Artigo 5.

As acumulacións que se acorden serán retribuídas nas condicións previstas no artigo 5 do Decreto 3207/1967, do 28 de decembro, que regula o réxime de acumulacións de prazas nos corpos de sanitarios locais.

Disposición transitoria

As xerencias de atención primaria poderán propoñer, do xeito establecido no artigo 2º da presente orde, a desacumulación dos postos de traballo dos que se acordou a súa acumulación con anterioridade á entrada en vigor da presente orde.

Disposicións finais

Primeira.-Quedan sen aplicación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes disposicións en relación coa clase de matronas titulares:

a) Os artigos 62, 63 e 64 do Decreto 2120/1971, do 13 de agosto, que aproba o regulamento provisional para o ingreso e provisión de postos de traballo nos corpos de sanitarios locais.

b) O Decreto 3207/1967, do 28 de decembro, polo que se regula o réxime de acumulación de prazas nos corpos de sanitarios locais, agás o establecido no artigo 5 do mesmo.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

95-07539