Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 15 de novembro de 1995 Páx. 8.394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 294/1995, do 3 de novembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dunha parcela de 1.598 metros cadrados, sita en San Pedro-Cesantes, hoxe Avda. Mendiño, concello de Redondela, feita a favor do Servicio Galego de Saúde para a construcción dun centro de saúde.

O Concello de Redondela en sesión celebrada o día tres de abril de mil novecentos noventa e cinco acordou ceder ó Servicio Galego de Saúde unha parcela de 1.598 m, sita en San Pedro-Cesantes hoxe Avda. Mendiño, para a construcción dun centro de saúde.

Conforme o artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, requírese decreto do Consello da Xunta de Galicia, para a adquisición de bens a título gratuíto. Por outra banda, o artigo 23.1º da mesma lei establece que non se

poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións, impostos sobre estes sobrepase o seu valor intrínseco, se ben non se consideran cargas, gravames ou afeccións os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para dá-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente.

En cumprimento do disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e coas condicións estipuladas no acordo do Pleno do Concello de data 3 de abril de 1995, e en caso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de novembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Acéptase a cesión a título gratuíto dun inmoble, propiedade do concello de Redondela, feita a favor do Servicio Galego de Saúde para a construcción dun centro de saúde.

2. O inmoble cedido ten unha superficie de 1.598 m e está sito en San Pedro-Cesantes, hoxe Avda. Mendiño, concello de Redondela, sendo os seus lindes os seguintes:

-Ó norte: Dolores Soto.

-Ó sur: dominio público municipal, camiño de baixada ó instituto.

-Ó leste: dominio público marítimo terrestre, patrimonio do Estado.

-Ó oeste: dominio público municipal, Avda. de Mendiño.

3. A parcela obxecto de cesión está inscrita no Rexistro da Propiedade a favor do concello de Redondela, no folio 155, libro 183, tomo 426, predio nº 25.433, inscrición primeira.

Artigo 2º

O inmoble cédese libre de cargas e gravames e destinarase á construcción dun centro de saúde.

Artigo 3º

Servicio Galego de Saúde a través do seu órgano competente procederá á formalización da aceptación no correspondente documento público, inscribíndose no Rexistro da Propiedade ó seu nome e integrándose no seu patrimonio propio.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, tres de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde

7337