Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 15 de novembro de 1995 Páx. 8.369

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 1995, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución e se lle autoriza a Enagás, S.A. as instalacións de distribución de gas natural para usos industriais recollidas no proxecto ramal Pontevedra-Ourense.

Vistos o escrito e a documentación presentados ante a Dirección Xeral de Industria e Comercio por Enagás, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid con data 22 de febreiro de 1995, pola que se solicita autorización de instalacións para a construcción do proxecto ramal Pontevedra-Ourense, de conformidade co disposto no Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles e para os efectos previstos na Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos.

Resultando que, por orde da Consellería de Industria e Comercio do 12 de marzo de 1993, se lle outorgou a Enagás, S.A. concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais en diversos termos municipais das provincias de Pontevedra e Ourense.

Resultando que, por resolución da Dirección Xeral de Industria do 6 de marzo de 1995, se someteu a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, publicada no Diario Oficial de Galicia do 21 de xuño de 1995, no BOP de Pontevedra do 5 de maio de 1995, BOP de Ourense do 30 de marzo de 1995, no xornal La Voz de Galicia nas súas edicións de Pontevedra e Ourense do 21 e 20 de abril respecitvamente, Boletín Oficial del Estado do 7 de xuño de 1995 e exposto, igualmente, nos taboeiros de anuncios dos concellos de Pontevedra, Ponte-Caldelas, Cotobade, A Lama, Avión, Boborás, O Carballiño, Maside, Punxín e Amoeiro.

Resultando que, con data 13 de marzo de 1995 esta dirección xeral lles remitiu ós distintos organismos afectados pola construcción do referido proxecto as separatas técnicas correspondentes, co fin de que emitisen o preceptivo informe, significándolles que, de non recibir resposta no prazo de trinta días contados a partir da recepción se entenderá emitido en sentido favorable.

Resultando que, presentaronse catro alegacións referidas nuns casos a modificacións puntuais do trazado e noutros a cambios de titularidade o natureza dos predios afectados así como á valoración dos prexuízos causados.

Resultando que, con data 13 de setembro de 1995 Enagás, S.A. contesta as alegacións sinalando que no momento de proceder ó replanteo da tubería sobre o terreo verificarase a viabilidade das modificacións puntuais solicitadas sobre os predios afectados, sempre que non existan impedimentos técnicos, non se incremente innecesariamente o trazado e non se afecte a terceiros non implicados no expediente; que as actuacións se entenderán cos verdadeiros propietarios logo das comprobacións oportunas; que durante o levantamento da acta previa á ocupación verificarase a natureza dos predios afectados procedendo, se é o caso, as correccións oportunas; que no momento procedemental correspondente se formulará a valoración das afeccións reais; informando, igualmente, que procederá a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados ou, se é o caso, pendentes de realizar.

Resultando que as características das instalacións que se van realizar son, en síntese, as seguintes:

-Lonxitude da rede: 55.999 m, dos que 24.121 pertencen á provincia de Pontevedra e os restantes 31.878 á provincia de Ourense.

-A conducción será de aceiro de calidade X-42, segundo API-5L, con diámetro de 10'', dotada de revestimentos externos e dispositivos de protección catódica.

-A presión de deseño é de 72 bar.

-O ramal ten capacidade para transportar un caudal de 6.660 m(n)h, non obstante, o deseño previsto permite o transporte dun caudal de ata 70.000 mn(h).

-Instalacións auxiliares: acometidas eléctricas:

A) Posición I-022.2, no termo municipal de Avión:

Liña eléctrica a 15 kV de 1.139 m de lonxitude, en conductor LA-56 de 54,6 mm, apoios metálicos e de formigón, con orixe no apoio nº 31 da liña procedente da subestación de Alvarellos e final no centro de transformación intemperie, sito sobre torre metálica galvanizada n/UNESA tipo C-3000, de 25 kVA de potencia e tensións 15-20/0,400-3x0,231 kV.

Acometida de baixa tensión. Desde o armario de contadores partirá a derivación individual con cable de cobre, de 3,5x10 mm, finalizando no cadro de protección da posición de válvulas. O tendido será en canalización subterránea de PVC de 80 mm Ø.

B) Posición I-022.4, no termo municipal de Amoeiro.

A acometida proxectada partirá dunha liña en B.T. a 220-380 V procedente do C.T. de Albeiros, cunha lonxitude de 50 m e discorrendo na súa totalidade por zona de paso común, no termo municipal de Amoeiro, lugar de Albeiros. O tendido será en cana

lización subterránea de PVC de 80 mm Ø. Os conductores serán R.Z. de 4x16 mm en aluminio.

-Orzamento das obras: 1.841.485.677 (mil oitocentos corenta e un millóns, catrocentas oitenta e cinco mil seiscentas setenta e sete pesetas).

Vistos os informes favorables das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra e Ourense, a Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos, o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, o Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, o Real decreto 2135/1980, do 26 de setembro, sobre liberalización industrial, a orde da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 1993, a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Considerando que, o proxecto cumpre as medidas de seguridade establecidas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas e regulamentos que as desenvolven, o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobados pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

Considerando que as instalacións que se autorizan constitúen un servicio máis a sumar ós xa existentes nos diferentes concellos; que unha vez soterrada a tubería desaparecerá a ocupación temporal, debidamente indemnizada, da superficie necesaria para a execución das obras, restituíndose os terreos e instalacións afectadas ó seu estado orixinal; que as ditas instalacións son compatibles cos cultivos das parcelas afectadas; que non se diminúe o volume de edificabilidade dos terreos xa que a limitación de construír a menos de 10 m do eixo da tubería é unha norma de criterio xeral xa que a dita distancia pode reducirse logo de solicitude á delegación provincial de Industria e Comercio correspondente e cumprindo unhas medidas mínimas de seguridade, que teñen como único fin que ninguén faga obras sen previamente advertilo xa que, por erro na localización da tubería, se poderían causar prexuízos importantes ós usuarios, o propietario do predio e a Enagás, S.A. que a limitación de plantación

de 2 m non é ningún obstáculo, xa que, como norma xeral, o marco de plantación ou distancia entre árbores vén coincidir coa limitación de 2 m que se impón; que a denominada servidumbre de paso (2 m a cada lado do eixo da tubería) non supón a existencia dunha banda para o tránsito de vehículos de mantemento senón a facultade de acceso ós predios por técnicos de Enagás, S.A. nos recoñecementos anuais.

Considerando que, a autorización administrativa e aprobación do presente proxecto é competencia da Xunta de Galicia, conforme dispón o Real decreto 2563/1982, de 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade

Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, e en virtude do establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio como órgano competente por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Outorgar a Enagás, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións que se recollen no proxecto ramal Pontevedra-Ourense consonte as seguintes condicións:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto asinado polo enxeñeiro ICAI José María de Toledo Jáudenes, visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros con data 5 de febreiro e 20 de maio de 1993.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten ós datos básicos do proxecto será necesario a autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, as delegacións provinciais de Industria e Comercio en Pontevedra e Ourense poderán autorizar, dentro das súas competencias, as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento cumprirase canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, en concreto as instruccións técnicas complementarias ITC-MIG 5.1. Canalizacións de transporte e distribución de gas en alta presión B e ITC-MIG-R.7.1 sobre estacións de regulación e/o medida para presións de entrada superiores a 12 bares, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes.

Cuarta.-As instalacións eléctricas deberán cumpri-lo dispuesto no Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión, do 28 de novembro de 1968, o Regulamento de estacións transformadoras así como as modificacións introducidas a el de data 11 de marzo de 1971, o Regulamento de condicións técnicas e garantías de seguridade de centrais e centros de transformación, Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, o Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así como a norma UNE 20.322-86: clasificación de emprazamentos con risgo de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. O emprazamento de canalizacións realizarase segundo o establecido na norma UNE 60-302. As zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo así mesmo establecerse dispositivos que limiten a presión

nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de vintecatro meses contados a partir da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, no caso necesario, logo da oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra e Ourense, segundo corresponda, poderán realizar durante as obras e unha vez terminadas éstas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra ou de Ourense, segundo corresponda, de calquera indicencia que se poda producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización de probas e controis regulamentarios, todo isto con antelación suficente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios e probas previstas se realizaron por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

O remata-las obras remitirase a dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/o, se é o caso, ás modificacións autorizadas, adxuntando as actas probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo de informe do técnico designado pola dita delegación estenderá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Un. Expropiación en pleno dominio dos terreos sobre os que se han de construir as instalacións fixas en superficie.

Dous. Para as canalizacións:

A) Imposición de servidumbre permanente de paso nunha franxa de terreo de 4 m de largo, dous a cada lado do eixe da tubería, ó longo dela, por onde discorrerá soterrada a tubería ou tuberías que se requiran para a conducción do gas. Esta franxa estará suxeita, por razóns de seguridade, ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a 50 cm, así

como de plantar árbores ou arbustos, a unha distancia inferior a 2 m contados a partir do eixe da tubería.

2. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación, as tomas de potenciais e os tubos de ventilación, así como as obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construcción, edificación ou efectuar calquera acto que poida danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a 10 m do eixe do trazado, a ambos lados del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración.

C) Libre acceso do personal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

D) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos plans parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres. Para o paso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de 1 m de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica, que estará suxeita á prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a 50 cm. A dita franxa ampliarase a 1,5 m a cada lado do eixe das instalacións en canto á prohibición de plantar árbores ou arbustos e para realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación, así como o dereito a talar o arrinca-las árbores ou arbustos que houbese a unha distancia inferior á indicada.

B) Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións ou operacións precisas para os ditos fins.

Catro. Para as liñas eléctricas:

A) Servidume de paso de liña eléctrica aérea que comprenderá: o voo sobre o predio sirvente; o establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a substentación dos cables conductores de enerxía; o dereito de paso ou acceso para atender á instalación; vixilancia, conservación e reparación da liña, así como as limitacións en canto a distancias mínimas a edificacións, bosques, árbores e masas de arboredo que establece o artigo 35 do Regulamento de liñas aéreas de alta tensión.

B) Ocupación temporal da superficie que se determina para cada predio nos planos parcelarios para realiza-las obras necesarias.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se encontran as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo deberá facilitar ós servicios de bombeiros, concellos afectados e organismos con competencias en materia de protección civil, copias dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia de outros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado a partir da súa publicación.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 1995.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

94-07302