Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 15 de novembro de 1995 Páx. 8.366

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 1995, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución e se lle autoriza a Enagás, S.A. a instalación da rede de distribución de gas natural para usos industriais correspondente á rede O Porriño-Vigo, nos termos municipais de Mos, O Porriño e Vigo.

Vistos o escrito e a documentación presentados ante a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra por Enagás, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid con data 9 de febreiro de 1995, pola que se solicita autorización de instalacións para a construcción do proxecto redes de distribución de gas natural para usos industriais na provincia de Pontevedra, e dentro del a correspondente á rede do Porriño-Vigo, de conformidade co disposto no Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles e para os efectos previstos na Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos.

Resultando que, por orde da Consellería de Industria e Comercio do 12 de marzo de 1993, se lle outorgan a Enagás, S.A. concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais en diversos termos municipais da provincia de Pontevedra, entre eles Mos, O Porriño e Vigo.

Resultando que, por resolución da Dirección Xeral de Industria do 10 de marzo de 1995, se someteu a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, publicada no Diario Oficial de Galicia do 16 e 19 de xuño de 1995, no BOP de Pontevedra do 5 de maio de 1995, no xornal La Voz de Galicia do 21 de abril de 1995 e, en resumo, no Boletín Oficial del Estado do 7 de xuño de 1995 e exposto, igualmente, nos taboeiros de anuncios dos concellos de Mos, O Porriño e Vigo.

Resultando que, con data 15 de marzo de 1995 esta dirección xeral lles remitiu ós distintos organismos afectados pola construcción do referido proxecto as separatas técnicas correspondentes, co fin de que emitisen o preceptivo informe, significándolles que, de non recibir resposta no prazo de trinta días contados a partir da recepción se entenderá emitido en sentido favorable.

Resultando que, presentaronse catro alegacións ó proxecto da rede O Porriño-Vigo, referidas nuns casos a modificacións puntuais do trazado e noutros a cambios de titularidade ou natureza dos predios afectados.

Resultando que, con data 13 de setembro de 1995 Enagás, S.A. contesta individualmente as alegacións presentadas durante a fase de información pública, sinalando que procede a modificación do trazado entre os vértices V-S-13 e V-S-15 para situalo nos viais do polígono do Consorcio da Zona Franca de Vigo, que a subministración a futuras industrias se realizará cando se coñeza a instalación e o consumo delas e que estudiará o trazado entre os vértices V-V-31 e V-V-37 en relación coas zonas protexidas, empresariais ou centro neurálxico do Parque Tecnolóxico de Vigo; que a alternativa proposta polo Concello de Mos no tramo do trazado que discorre polo monte en man común non é viable pola prohibición vixente segundo a lexislación de estradas, que no tramo de Peña de Francia-Pedreira a utilización do camiño Os Carrexóns non é tecnicamente viable polas súas dimensións e características xeométricas, que no tramo Pedreira-Outeiro tampouco é viable a alternativa de situa-lo trazado na zona de

afección paralelo á liña eléctrica, dadas as influencias negativas que presentan as liñas eléctricas sobre as conduccións metálicas soterradas, que Enagás, S.A. só ten a concesión para a subministración de gas natural para usos industriais, que se adoptarán as medidas pertinentes para evita-la afección a restos arqueolóxicos que no puidesen ser detectados no estudio de prospección arqueolóxica supervisado polo departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela; que non existe un camiño polo límite norte das parcelas nº PO-MS-1183 e 1185 ó que poda adaptarse a tubería; que as parcelas nº PO-MS-1186 e 1194 son minimamente afectadas ó cruza-lo trazado polos extremos das súas esquinas norte e sur respectivamente e que o accidentado do terreno no contorno e a limitación da Lei de estradas de prohibi-la utilización da zona de dominio público para outro fin que non sexa o de servicio da estrada fan inviable a instalación da tubería paralela á N-120; que procede a

modificación do trazado entre os vértices V-G-10 e V-G-12 de acordo co solicitado por José Antonio Iglesias Álvarez toda vez que non afecta a terceiros non implicados no expediente; informando, así mesmo, que procederá a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados ou, se é o caso, pendentes de realizar.

Resultando que as características das instalacións a realizar son, en síntese, as seguintes:

-Lonxitude da rede: 42.972 m.

-A conducción será de aceiro ó carbono, cumprindo a especificación API-5L-GrB, de 12'' a 4'' de diámetro, en función das condicións de explotación, dotada de revestimentos externos e dispositivos de protección catódica.

-Na orixe da rede considerouse unha presión de 17 bar absolutos, calculándose unha presión mínima de chegada a cada punto de consumo superior a 7 bar absolutos.

-O caudal que se vai transportar para os consumos previstos ascende a 26.330 m3 (n)/h.

-Orzamento das obras 809.369.896 ptas.

Visto o informe favorable da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Pontevedra, a Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos, o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro polo que se aproba o Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, o Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, o Real decreto 2135/1980, do 26 de setembro, sobre liberalización industrial, a orde da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 1993, a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Considerando que, o proxecto cumpre as medidas de seguridade establecidas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas e regulamentos que as desenvolven, o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobados pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

Considerando que, Enagás, S.A. informou favorablemente as modificacións puntuais do trazado entre os vértices V-S-13 e V-S-15 e os vértices V-G-10 e V-G-12 toda vez que as ditas modificacións son tecnicamente viables e non se afecta a terceiros non incluídos no expediente.

Considerando que, a autorización administrativa e aprobación do presente proxecto é competencia da Xunta de Galicia, conforme dispón o Real decreto 2563/1982, do 14 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, en virtude do establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio como órgano competente por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Outorgar a Enagás, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións que se contemplan no proxecto de redes de distribución de gas natural para usos industriais na provincia de Pontevedra: rede O Porriño-Vigo, conforme as seguintes condicións:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto asinado polo enxeñeiro industrial Luis Silvestre Guardia, visado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia con data 18 de marzo de 1993, coa modificación do trazado entre os vértices V-S-13 e V-S-15 para situalo nos viais do polígono do Consorcio da Zona Franca de Vigo e entre os vértices V-G-10 e V-G-12 de

acordo coa alternativa proposta por José Antonio Iglesias Álvarez.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten ós datos básicos do proxecto será necesario a autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento cumprirase canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, en concreto as instruccións técnicas complementarias ITC-MIG 5.2. Canalizacións de transporte e distribución de gas en alta presión A e ITC-MIG 6.1. Acometidas de gas en alta presión, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo dispuesto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así como a norma UNE 20.322-86: clasificación de emprazamentos con risco de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. O emprazamento de canalizacións realizarase segundo o establecido na norma UNE 60-302. As zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo así mesmo establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de vintecatro meses contados a partir da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, no caso necesario, logo da oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra poderá realizar durante as obras e unha vez terminadas estas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra de calquera indicencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización de probas e controis regulamentarios, todo isto con antelación suficente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios e probas previstas se realizaron por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

O finaliza-las obras remitirase a dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as

instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/o, se é o caso, ás modificacións autorizadas, adxuntando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo de informe do técnico designado pola dita delegación estenderá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Un. Expropiación en pleno dominio dos terreos sobre os que se van de construir as instalacións fixas en superficie.

Dous. Para as canalizacións:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de 2 m de largo, por onde discorrerá soterrada a tubería ou tuberías que se requiran para a conducción do gas. Esta franxa estará suxeita, por razóns de seguridade, ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a 50 cm, así como de plantar árbores ou arbustos, a unha distancia inferior a 2 m contados a partir do eixe da tubería.

2. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como as obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar calquera acto que poida danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a 5 m de eixe do trazado, a ambos lados del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración.

C) Libre acceso do personal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

D) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos plans parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres. Para o paso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de 1 m de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica, que estará suxeita á prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a 50 cm. A dita franxa ampliarase a 1,5 m a cada lado do eixe das instalacións en canto á prohibición de plantar árbores ou arbustos e para realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación, así como o dereito a talar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbese a unha distancia inferior á indicada.

B) Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións ou operacións precisas para os ditos fins.

Catro. Para as liñas eléctricas:

A) Servidume de paso de liña eléctrica aérea que comprenderá: o voo sobre o predio sirvente; o establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a substentación dos cables conductores de enerxía; o dereito de paso ou acceso para atender á instalación; vixilancia, conservación e reparación da liña, así como as limitacións en canto a distancias mínimas a edificacións, bosques, árbores e masas de arboredo que establece o artigo 35 do Regulamento de liñas aéreas de alta tensión.

B) Ocupación temporal da superficie que se determina para cada predio nos planos parcelarios para realiza-las obras necesarias.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se encontran as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo deberá facilitar ós servicios de bombeiros, concellos afectados e organismos con competencias en materia de protección civil, copias dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimosegunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia de outros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimoterceira.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas polo artigo 34 do

Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado a partir da súa publicación.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 1995.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

9506834