Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 14 de novembro de 1995 Páx. 8.332

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 2 de novembro de 1995 pola que se regula a concesión de axudas para a paralización temporal de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

O novo Regulamento (CE) 3699/1993, do 21 de decembro, do Consello, establece subvencións unicamente para a paralización temporal da actividade dos buques pesqueiros cando concorran acontecementos imprevisibles e non reiterados provocados fundamentalmente por causas biolóxicas.

En anos anteriores realizáronse en Galicia paralizacións temporais para consegui-la repoboación de

certos caladoiros, e parece oportuno continua-la mesma liña de protección destes recursos.

Por isto, é preciso desenvolve-los mecanismos de tramitación, resolución e pagamento destas axudas, ó tempo que se establecen as condicións que deben reuni-los buques pesqueiros que se pretendan acoller a estas axudas.

Por todo o anteriormente exposto, en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acción e obxecto da axuda.

1. É obxecto da presente orde a regulación de axudas para palia-las pérdidas de ingresos ocasionados pola paralización temporal da actividade pesqueira por mor de acadar unha repoboación dos caladoiros, mellorando os stocks das pesqueiras seguindo as indicacións dos informes científicos elaborados para os efectos.

2. Os buques afectados deberán estar incluídos nun plan de paralización temporal realizado por unha organización pesqueira e aprobado pola Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras, que concretará as zonas, flotas e períodos de paralización.

3. As axudas establecidas na presente orde aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.614B.770.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995 e en exercicios posteriores, ás partidas previstas para os mesmos fins na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de cada ano, así como as transferencias que, se é o caso, nos correspondentes exercicios e na forma e para os obxectivos previstos no artigo 95 do Real decreto 798/1995, realice o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación con cargo ós créditos consignados nos orzamentos xerais do Estado.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser destinatarios destas axudas os propietarios de buques que realicen as paradas temporais de acordo co estipulado no artigo anterior, con porto base nesta Comunidade Autónoma e inscritos no Rexistro de buques de Galicia, que cumpran, ademais das condicións xerais do Real decreto 798/1995, as contidas na presente orde.

2. En todo caso, deberá tratarse de buques que, en ningún caso, poidan alterna-la actividade pesqueira obxecto da paralización temporal.

3. Soamente poderán solicitar e percibi-las primas por paralización temporal os titulares da propiedade da embarcación que no dito concepto figuren inscritos no rexistro mercantil.

4. A Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras, poderá establecer co inicio de cada exercicio, as modalidades de pesca, zonas ou portos pesqueiros e períodos de paralización que se consideren prioritarios para a realización da inactividade programada.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

As axudas que se establecen, terán os límites establecidos no Regulamento (CE) 3699/1993 e o Real

decreto 798/1995, e consistirán nunha prima diaria por inmobilización de acordo co anexo II da presente disposición.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. Para acollerse a estas axudas, as organizacións pesqueiras presentarán un plan de paralización temporal da actividade pesqueira, que indicará a modalidade de pesca, a relación de barcos que realizarán a parada coas súas características, período de paralización e motivos que inducen a iso.

2. A Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras a vista dos plans presentados, aprobará, se é o caso, o plan de paralización establecendo a prima diaria e o número máximo de días aprobados, dentro do establecido no baremo que se xunta como anexo II.

3. Unha vez aprobado o plan de paralización a organización pesqueira recadará dos titulares as solicitudes individualizadas de axudas que, dirixidas ó Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, se presentarán nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería, no modelo que se xunta como anexo I, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes presentaranse en orixinal e catro copias coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI e NIF do solicitante e, se é o caso, acreditación da súa representación, mediante poder en caso de pluralidade de titularidade ou sociedade e tarxeta de identificación fiscal do beneficiario ou beneficiarios.

b) Folla de asentamento de inscrición marítima actualizada e autenticada.

c) Certificación da Capitanía Marítima acreditativa da actividade pesqueira, (ou que substitúan a un buque que si a tivese) polo menos de 120 días no ano anterior á primeira solicitude de axuda.

d) Certificación rexistral acreditativa da titularidade.

e) Certificación bancaria acreditativa da conta do beneficiario.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos plans será de polo menos, 30 días antes do inicio da paralización programada, e o prazo das solicitudes individualizadas, 15 días hábiles contados desde a data de inicio da paralización.

Artigo 6º.-Procedemento.

1. Se unha vez presentada a documentación á que se refire o artigo 4º da presente orde, no que respecta ás solicitudes individuais, está non reúne os requisitos esixidos, as delegacións territoriais requirirán á organización pesqueira correspondente a enmenda-lo

defecto de forma cunha presentación da documentación preceptiva.

A documentación que reúna os requisitos establecidos será remitida á Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras que elevará proposta ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa resolución que será motivada e porá fin á vía administrativa.

2. A non resolución expresa no prazo de tres meses contados desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes individuais determinará a súa denegación presunta, quedando expedita a vía contencioso administrativa.

Artigo 7º.-Percepción da axuda.

A axuda poderase conceder total ou parcialmente segundo os importes globais solicitados e en función das dispoñibilidades orzamentarias e será transferida á conta sinalada polo solicitante.

Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobro, os beneficiarios das axudas deberán presentar unha solicitude de cobro acompañada de:

a) Certificación da Capitanía Marítima acreditativa do período de entrega e retirada do rol.

b) Acreditación de que o beneficiario se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias e socias e que non teñe pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, e sempre que se cumpran os demais requisitos, a Administración poderá recoñece-la obriga coa acreditación do depósito do rol, e proporase o pagamento logo de acreditación da paralización efectiva.

Artigo 8º.-Natureza destas medidas.

As medidas de paralización incluídas nesta disposición non se computarán como medidas de limitación das actividades pesqueiras dos programas de orientación plurianuais, para os efectos previstos no artigo 8, apartado 3 do Regulamento (CE) 3699/93, do Consello, do 21 de decembro de 1993.

Disposición transitoria

As solicitudes que, debido ás circunstancias, se presentasen con anterioridade á entrada en vigor desta orde, poderán ser tidas en conta sempre que se cumprise o disposto no artigo 5º, referente ó prazo de presentación do plan de paralización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras para dicta-las normas que cumpran para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO II

As primas por paralización temporal pagadas ós beneficiarios non poderán supera-los baremos do seguinte cadro:

Categoría do buque por

clase de tonelaxe de

rexistro bruto (TRB)

Importe máximo da

prima por buque

(ecus/día) (1)

0<254,52/TRB+20

25<504,30/TRB+25

50<703,50/TRB+65

70<1003,12/TRB+88

100<2002,74/TRB+120

200<3002,36/TRB+177

(1) Para efectos de cálculo en pesetas das axudas incluídas na presente orde, aplicarase a taxa de conversión do ecu o 1 de xaneiro de cada exercicio económico no que se concede a axuda.

9507437