Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 14 de novembro de 1995 Páx. 8.335

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 1995 pola que se anuncia a celebración dunhas xornadas sobre o futuro do Estado autonómico.

1. Obxecto.

Os días 4 e 5 de decembro de 1995 terán lugar, na Aula de Cultura de Caixa Galicia, en Santiago de Compostela, unhas xornadas sobre o futuro do Estado autonómico, patrocinadas pola Fundación Caixa Galicia.

O obxectivo destas xornadas é analizar en profundidade o desenvolvemento, desde a súa creación, do Estado das autonomías, e á vista deste estudio tratar de establecer un diagnóstico sobre o seu horizonte.

2. Contido.

No curso das citadas xornadas abordaranse, entre outras, as seguintes materias:

-Competencias de execución das comunidades autónomas.

-Os Länder e o dereito europeo.

-Funcionalidade do principio de cooperación.

-Execución do dereito estatal polos Länder.

-O consello económico e social.

-Mecanismos de cooperación no Estado Federal alemán.

-O senado territorial.

-Administración única.

3. Destinatarios.

Persoal funcionario dos grupos A e B de calquera das administracións públicas galegas, e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento e duración.

As xornadas abriranse o luns, día 4 de decembro, ás 9.30 horas, e rematarán na tarde do martes, día 5 de decembro.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 29 de novembro de 1995.

-Lugar de presentación: Secretaría das Xornadas, r/ Hórreo, 19-local 22. Tfno. e telefax nº 58 94 75.

-Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que figura ó final destas bases. Serán rexeitadas todas aquelas peticións que non reúnan o dito requisito.

As peticións de admisión poderanse enviar por correo ordinario ou por telefax ó número consignado.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baldeiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

A partir do 30 de novembro, os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono en días laborables, de 11 a 12.30 horas, ó seguinte número: (981) 58 94 75, ou ben consultando a lista de admitidos que se expoñerá no taboleiro de anuncios da EGAP 24 horas despois do remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. Certificación de asistencia.

Entregaráselles ó remate destas xornadas a aqueles asistentes que concorresen asiduamente a estas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 1995.

Xaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública

9507422