Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 09 de novembro de 1995 Páx. 8.241

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Real Club Náutico de Vigo.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Real Club Náutico de Vigo, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 18-8-1995, subscrito, en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 29-7-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, de 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación, no BOP e no Diario Oficial de Galicia, en galego e castelán.

Vigo, 4 de outubro de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Real Club Náutico de Vigo

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo será de aplicación na empresa Real Club Náutico de Vigo, con domicilio social nas Avenidas, s/n.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio abrangue tódalas actividades existentes actualmente para o desenvolvemento das funcións propias da sociedade.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio colectivo entrará en vigor, para tódolos efectos, a partir do 1º de xaneiro de 1995. A duración do presente convenio será dun ano.

Artigo 4º.-Denuncia.

O presente convenio deberá ser denunciado por algunha das partes con tres meses de antelación ó seu vencemento. De non se efectuar denuncia ningunha quedará prorrogado, agás nos conceptos salariais que se verán actualizados no IPC que para o ano anterior estableza o INE.

Artigo 5º.-Ámbito persoal.

Enténdense comprendidos baixo o ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores dependentes desta empresa, excluíndose aqueles que segundo a lei poidan quedar fóra do seu ámbito.

Artigo 6º.-Salarios.

Os salarios para o ano 1995 son os establecidos para cada categoría na táboa anexa, que representan un incremento dun 4% sobre os vixentes o 31-12-1994.

Artigo 7º.-Revisión salarial.

Se o 31-12-1995 o IPC respecto ó 31-12-1994 superase o 4% de incremento, as táboas salariais actualizaranse na diferencia que o dito exceso represente, liquidándose as diferencias resultantes con efectos do 1-1-1995.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo semanal será de 39 horas, o que supón un máximo anual de 1.757 horas/ano.

Os horarios específicos de cada sección son os pactados entre o comité de empresa e a dirección dela.

Como mínimo, cada traballador terá dereito a librar unha fin de semana completa ó mes, sábado e domingo.

Establécense dous días de descanso ininterrompido á semana.

Os traballadores con xornada continuada incluídos neste convenio terán dereito a un descanso retribuído de 30 minutos durante a xornada de traballo ou de 15 minutos se realizan xornada partida.

Durante este tempo os traballadores poderán come-lo bocadillo dentro ou fóra do recinto de traballo.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

As partes que asinan o presente convenio acordan reducir ó mínimo as horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias tódalas que excedan da xornada laboral legalmente establecida.

A dirección da empresa terá a iniciativa das horas extraordinarias, coa libre aceptación do traballador.

Terán que ser aboadas mensualmente e non poderán ser compensadas nin gratificadas en ningunha outra forma.

A empresa informará mensualmente o comité de empresa do número de horas realizadas, especificando as causas e o persoal que as realizou.

O máximo de horas extras non poderá superar baixo ningún concepto nin causa o límite establecido segundo a lexislación vixente.

Fórmula de valoración das horas extras:

HE = P(S+A) x 1,75

H

HEN= HE x 1,30

HE= hora extra.

P= número de pagas ó ano.

S= salario base do convenio.

A= antigüidade.

H= número de horas ó ano.

HEN= horas extras nocturnas.

Artigo 10º.-Vacacións.

Os traballadores incluídos neste convenio desfrutarán dun período de vacacións de 30 días, que se poderán desfrutar en dous períodos separados.

Os períodos vacacionais estipularanse de común acordo entre os traballadores e a dirección da empresa. O traballador terá dereito a escolle-la metade deste período nas datas que este considere oportunas.

Aqueles traballadores que desexen desfruta-la totalidade das súas vacacións nos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, do 1 ó 15 de xuño, do 15 ó 30 de setembro, outubro, novembro e decembro terán dereito a 3 días máis de vacacións e a un día e medio se son en períodos separados.

Durante as vacacións o traballador percibirá, con cargo á empresa, o salario real que lle corresponda por tódolos conceptos económicos.

As festas aboables e non recuperables poderanse, de común acordo entre a empresa e o traballador, acumular ás vacacións anuais ou seren desfrutadas en períodos distintos, respectando os descansos semanais.

O desfrute das vacacións farase de maneira rotativa entre o persoal.

Artigo 11º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores incluídos neste convenio percibirán unha mensualidade, composta polo salario base máis a antigüidade, os días 15 de marzo, 15 de xullo, 15 de outubro e 15 de decembro, respectándose o dereito dos traballadores que queiran mante-lo rateo das pagas.

As ditas pagas non se verán afectadas cando o traballador cause baixa, tanto por enfermidade como por accidente.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Os aumentos de antigüidade contarán de data a data desde o día de incorporación á empresa sen que o

ascenso de categoría supoña a perda adquirida conforme os salarios que resulten da aplicación do presente convenio.

Establécense as seguintes porcentaxes acumulativas segundo a seguinte escala:

a) Un 5% do salario base ó cumprir 3 anos ó servicio da empresa.

b) Un 7% ó cumprir 6 anos, equivalente ó 12%.

c) Un 10% ó cumprir 9 anos, equivalente ó 22%.

d) Un 12% ó cumprir 14 anos, equivalente ó 34%.

e) Un 14% ó cumprir 19 anos, equivalente ó 48%.

f) Un 2% ó cumprir 20 anos, equivalente ó 50%.

g) Superados os 20 anos un 3% máis por cada 5 anos.

O complemento persoal de antigüidade regulado no presente artigo será de aplicación exclusivamente para o persoal da empresa que se encontre en cadro de persoal á entrada en vigor deste convenio, é dicir, 1-1-1995. En consecuencia e para tódolos traballadores que se incorporen á empresa a partir da dita data, deixará de ter aplicación.

Artigo 13º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, nos seguintes casos:

a) Por matrimonio do traballador, 15 días.

Por matrimonio de pais, fillos, irmáns, netos, sobriños, primos e tíos directos ou políticos, 2 días, se teñen lugar na mesma provincia e 3 se é noutra distinta.

b) Por enfermidade grave ou morte de cónxuxe, compañeiro/a, pais, fillos, irmáns, avós, netos, sobriños, primos e tíos directos ou políticos ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 4 días, se ten lugar na mesma provincia e 6 se é noutra distinta en caso de cónxuxes, compañeiros, pais, fillos e irmáns.

En caso de enfermidade moi grave poderase solicitar licencia sen retribuír a partir do 4º día.

c) Por nacemento dun fillo, 3 días se reside na mesma localidade e 5 días se reside en localidade diferente.

d) Por asuntos particulares o traballador poderá solicitar permiso retribuído ata un máximo de 4 días e sen retribuír ata un máximo de 30, de común acordo entre empresa e traballador e sempre que na mesma sección non haxa outra persoa na mesma situación.

e) Cando por razóns de enfermidade do traballador, este precise consulta médica, a empresa concederá permiso retribuído polo tempo necesario, logo de xustificación visada polo médico.

Artigo 14º.-Plus de asistencia e plus de transporte.

O plus de asistencia aboarase a razón de 7.000 ptas. ó mes.

Mantense, con carácter xeral, para todo o persoal un plus de transporte na contía de 5.000 ptas. mensuais durante o ano 1995.

Artigo 15º.-Plus de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 7 da mañá, agás que o horario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza, terán unha retribución específica incrementada nun 30% do salario base reflectido nas táboas salariais anexas do convenio.

Artigo 16º.-Excedencias.

O persoal afectado polo presente convenio que leve dous anos ó servicio da empresa terá dereito a pasar á situación de excedencia voluntaria por un prazo non inferior a un mes nin superior a cinco anos, estando obrigada a empresa ó reingreso do excedente que o solicite, polo menos cun mes de antelación ó remate do tempo de excedencia, e non poderá volver á situación de excedencia voluntaria ata transcorrido un ano desde o remate da anterior, continuando no momento do reingreso ou incorporación coa mesma antigüidade que tiña no momento de pasar á situación de excedencia, obrigándose o traballador excedente a non lle facer competencia á empresa.

Ben entendido que a obriga a cargo da empresa de reincorpora-lo excedente é inescusable, contratándose para estes supostos unha persoa para que substitúa o excedente cun contrato da mesma duración da excedencia.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

Ó persoal amparado por este convenio entregaránselle dous uniformes completos, de inverno e verán, cada dous anos, con independencia de que, por algunha causa de forza maior, se lle teña que entregar unha nova roupa de traballo.

O completo consistirá:

a) Porteiros e conserxes: 1 chaqueta, 1 gravata, 2 pantalóns, 2 camisas, 1 par de zapatos, 2 pares de calcetíns.

b) Mantemento e servicios: 2 camisas, 2 pantalóns, 1 xersei, 1 funda, 1 par de botas, 1 par de zapatos, 1 par de zapatillas, 1 gorra (mariñeiros), 2 pares de calcetíns.

c) Limpeza: 2 batas, 1 par de botas, 1 par de zocos, 2 pares de medias e 1 chaqueta.

d) Piscina: 1 chándal, 1 par de tenis, 1 par de zocos, 2 bañadores, 1 albornoz.

A empresa solicitará, polo menos, tres orzamentos coas súas mostras, poñéndoo en coñecemento do comité de empresa, quen dará a súa opinión sen ser esta vinculante.

Ó persoal que realice traballos no exterior, a empresa proverao de roupa de abrigo ou auga.

O vestiario indicado anteriormente será outorgado o 15 de maio para os de verán e o 15 de setembro para os de inverno, en anos impares.

Artigo 18º.-Revisión médica.

Ós traballadores afectados polo presente convenio a empresa realizaralles unha revisión médica ó ano, establecendo esta as datas.

Artigo 19º.-Seguridade e hixiene.

A empresa está obrigada ó cumprimento das normas de hixiene e seguridade no traballo; para iso terá que instalar aseos, duchas e vestiarios para mulleres e homes, de acordo coa normativa vixente. Constituirase un comité de seguridade e hixiene na forma sinalada para a lexislación vixente.

Artigo 20º.-Traballos tóxicos, perigosos ou penosos.

Cando polas condicións en que se realice o traballo, estea declarado tóxico, penoso ou perigoso, os salarios fixados no anexo serán incrementados nun 20%, cando o posto de traballo estea nun dos supostos, un 25% cando coincidan en dous deles e un 30% cando coincidan os tres.

Artigo 21º.-Complemento por enfermidade.

Cando o traballador leve na empresa un mínimo de 6 meses e cause baixa por enfermidade ou accidente, debidamente acreditado, a empresa estará obrigada a complementar ata o 100% do salario real desde o primeiro día se hai hospitalización ou accidente, e desde o terceiro día se é por enfermidade.

Artigo 22º.-Premio por xubilación.

A todo traballador que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar a situación de invalidez permanente, que teña máis de 5 anos de antigüidade na empresa, esta aboaralle o equivalente a 6 meses de traballo. Este premio percibirao o seu viúvo/a, se o traballador morre antes de se xubilar e ten cumpridos 55 anos ou leva 10 anos ininterrompidos ó servicio da empresa no momento da súa morte, e no seu defecto os orfos menores de 18 anos e de máis de 18 se non teñen traballo.

Artigo 23º.-Xubilación anticipada ós 64 anos.

Nesta empresa será de aplicación o Real decreto 1194/85 sobre contrato de substitución por anticipación da idade de xubilación, xa que logo, todo traballador que cumpra os 64 anos poderase xubilar sempre que o comunique con 6 meses de antelación, con tódolos dereitos económicos de cotización e Seguridade Social, sendo substituído por outro traballador mediante un contrato cun mínimo de duración dun ano.

Artigo 24º.-Axuda familiar especial.

Aplicarase unha axuda familiar especial anual de 65.000 ptas. por cada fillo que teña recoñecido o dereito de diminuído físico polo Inserso e que non estea traballando. O traballador achegará a documentación acreditativa para o aboamento desta axuda, que se pagará a razón de 5.417 ptas. mensuais.

Artigo 25º.-Axuda ó transporte.

Cando non exista medio de transporte público, os gastos de transporte serán por conta da empresa, logo da oportuna xustificación.

Artigo 26º.-Remisión legal.

En todo o non previsto neste convenio haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e convenio e ordenanza de hostelería.

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

Como órgano de interpretación, conciliación e arbitraxe do presente convenio, créase unha comisión mixta paritaria integrada por cada un dos membros da comisión negociadora do convenio.

Esta comisión reunirase a petición de calquera das partes interesadas e deberá reunirse obrigatoriamente nun prazo máximo de 7 días despois de ser solicitada.

Artigo 28º.-Dereitos sindicais.

1. Crédito horario.

Os membros do comité de empresa, como representantes legais dos traballadores, poden dispoñer dun crédito horario mensual retribuído, para o exercicio das súas funcións de representación. Este crédito será de 20 horas mensuais. Os membros do comité de empresa pertencentes a un mesmo sindicato poderán acumula-lo seu crédito de horas nun ou varios dos membros do dito sindicato, logo de llo comunicar á empresa.

2. Funcións do comité de empresa.

O comité de empresa terá os dereitos e facultades que lle recoñece a lexislación. Ademais deberá ser informado das sancións graves ou despidos que se pretenden impoñer e dos movementos de cadro de persoal. Deberán ser informados dos contratos que se asinen na empresa e dos termos concretos que nel se establezan. Vixiará o cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social, así como do cumprimento das normas de seguridade e hixiene no centro de traballo.

3. Garantías dos membros do comité de empresa e delegados de persoal.

a) Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte ó do seu cesamento, agás que este se produza por renovación ou demisión e sempre que o despimento ou a sanción se baseen na actuación do traballador no exercicio legal de representación; se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves obedecesen a outras causas, deberá tramitarse expediente contradictorio no que será oído, á parte do interesado, o comité de empresa.

b) Non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesión por causa ou en razón do desempeño da súa representación.

c) Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, e poderán publicar ou distribuír, sen perturbaren o normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou

social, comunicándolle todo iso, previamente, á empresa e exercendo tales tarefas de acordo coa norma legal vixente para o efecto.

c) Non se computará dentro do máximo legal o exceso que sobre del se produza con motivo da designación dos membros do comité de empresa como compoñentes de comisións negociadoras do convenio e polo que atinxe á celebración de sesións oficiais a través das cales transcorren as negociacións.

4. Organización sindical dos traballadores na empresa.

A empresa considerará os sindicatos debidamente implantados no cadro de persoal como elementos básicos e consubstanciais para afrontar a través deles as necesarias relacións entre traballador e empresario.

A empresa respectará o dereito de tódolos traballadores a se sindicaren libremente. Non poderá suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical.

A empresa non poderá despedir un traballador nin prexudicalo de calquera maneira a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

A empresa recoñece o dereito dos traballadores afiliados a un sindicato a celebraren reunións, recadaren cotas e distribuíren información sindical durante a xornada de traballo, sen perturbaren a actividade normal da empresa; logo de llo comunicaren á empresa, por parte do comité da empresa os traballadores poderán celebrar unha asemblea ó mes durante dúas horas. Esta terá lugar no centro de traballo. Existirá nos centros de traballo un taboleiro de anuncios sindical no que figurará o horario laboral, as follas de liquidación das cotas á Seguridade Social (TC1 e TC2), o cadro horario e de vacacións do persoal e a información sindical precisa.

Os posibles cambios de departamentos e os posibles postos que se vaian cubrir serán expostos no taboleiro de persoal, para que o traballador ó que lle interese acceder a eles faga a súa solicitude.

Nos centros de traballo existirá un local dotado con infraestructura mínima para o funcionamento do comité de empresa.

Artigo 29º.-Pluriemprego.

Calquera persoa que realice traballos na empresa, mesmo que estes sexan esporádicos, deberá estar debidamente contratado e coa súa correspondente alta na Seguridade Social, sendo competencia do comité de empresa controlar e vixia-lo cumprimento da lei neste aspecto. Para estes efectos, cóidase necesario que se aplique co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente nos casos de traballadores non dados de alta na Seguridade Social, por estaren dados de alta noutra empresa.

Artigo 30º.-Superior e inferior categoría.

Ningún traballador estará obrigado a realizar traballos de inferior categoría. A realización de traballos de superior categoría á que corresponda terán carácter excepcional. No caso de que estas funcións se realicen

durante 6 meses continuados ou 10 meses alternativos, darán lugar a que o traballador consolide a categoría superior para tódolos efectos e será inmediatamente reflectida en nómina.

Artigo 31º.-Seguro colectivo.

Con vixencia do 1 de xaneiro de 1995 ata o 31 de decembro de 1995, a empresa deberá concertar un seguro colectivo de accidentes, con primas íntegras ó seu cargo, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións:

a) Accidente laboral con resultado de morte: 1.000.000 de ptas.

b) Accidente laboral con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou gran invalidez: 1.400.000 ptas.

O traballador facilitará o nome do beneficiario. Para o persoal de nova incorporación, a póliza de seguro establecida no presente artigo deberá concertarse no prazo dun mes a partir da contratación do traballador.

Unha copia destas pólizas inserirase no taboleiro de anuncios.

Táboa salarial

Administración

Salario base

Secretaria executiva187.424

Xefe de administración153.140

Oficial de primeira102.655

Oficial de segunda96.527

Auxiliar administrativo88.978

Persoal técnico

Director técnico piscina350.903

Director de servicios149.659

Director de deportes149.659

Encargado Instal. porto149.659

Axdte. Adestr. natación111.882

Monitor de ximnasia105.964

Xefe maquinistas100.914

Telefonista (1)96.526

Maquinista de primeira91.937

Mantemento e xardín90.489

Camareiros89.420

Maquinista de segunda88.978

Porteiros (1)(2) 85.844

Mariñeiros82.694

Monitor natación82.694

Profesora ballet82.694

Monitor de vela82.694

Limpadores77.069

Gardarroupa77.069

Bibliotecaria76.402

Vixilante de couto73.572

Equiparación porteiro-telefonista.

Diferencia salarial:

-Salario base telefonista: 96.526

-Salario base porteiro: 85.844 = 10.682.

Repartido en 18 meses sería: 593.

(1) A partir do 1-7-1995 estas categorías pasarán a denominarse porteiro/recepcionista/telefonista.

(2) A partir do 1-1-1997, 96.526, a salvo de calquera incremento que poida afectalo como consecuencia da negociación colectiva 1996.

95-7219