Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 08 de novembro de 1995 Páx. 8.210

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Liceo Marítimo de Bouzas.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Liceo Marítimo de Bouzas, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-9-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, o 23-5-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectrivos de traballo, que existe nesta delegación provincial, e a notificación ás

representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación, no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 13 de setembro de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do Liceo Marítimo de Bouzas

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo regulará as relacións laborais e económicas na empresa Liceo Marítimo de Bouzas de Vigo, e afectará o persoal que actualmente presta os seus servicios na referida empresa, así como todo aquel que ingrese no futuro, e por extensión a calquera lugar onde o persoal realice servicios por conta da empresa.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

As normas estipuladas no presente convenio terán unha vixencia dun ano, establecéndose desde o 1 de xaneiro de 1995 ó 31 de decembro de 1995. O convenio será denunciado por calquera das partes con dous meses de antelación ó termo do remate da vixencia.

Artigo 3º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo máxima semanal será de 40 horas para todo o persoal, e a súa realización está fixada mediante quendas que cobren as 24 horas do día, incluídos domingos e festivos.

Artigo 4º.-Permisos retribuídos.

A empresa concederá licencias ós traballadores que a soliciten, sen perda de retribución, nos seguintes casos:

Matrimonio do traballador: 20 días.

Enfermidade grave do cónxuxe, fillos, pais ou parto da esposa: 3 días.

Morte do cónxuxe, pais ou fillos na localidade: 3 días.

Morte do cónxuxe, pais ou fillos fóra da localidade: 5 días.

Falecemento de ascendentes ou descendentes ou irmáns na localidade: 1 día.

Idem fóra da localidade: 3 días

Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber público inescusable, en cada caso.

En tódolos non previstos neste artigo, observarase o que dispoña a lexislación vixente.

Nos casos de concesión de permisos retribuídos, deberá avisarse ó departamento de persoal coa antelación debida, e de non ser posible pola urxencia do caso, o máis tarde no prazo de 48 horas despois da súa incorporación ó posto de traballo, e deberán presentarse os xustificantes e documentos legais ou médicos que acrediten a existencia da circunstancia que motivou a ausencia.

Artigo 5º.-Excedencias.

O persoal poderá pasar á situación de excedencia sen dereito a ningunha retribución, en tanto non se incorpore ó servicio activo, tendo dereito a solicitalo o persoal que teña un ano de antigüidade na empresa como mínimo, e de acordo coas seguintes normas:

A petición resolverase dentro do mes seguinte á solicitude.

Procurarase concedela máximo cando se funde en caso de remate de estudios, esixencias familiares ou outras análogas.

Concederase por un prazo non inferior a un ano nin superior a cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Para ningún efecto se computará o tempo de permanencia nesta situación.

O remata-la excedencia terase dereito a ocupa-la primeira vacante que se produza na mesma categoría.

Se o traballador non solicita o reingreso antes do remate do prazo que lle foi concedido, perderá os dereitos.

Artigo 6º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días que se aboarán no importe do salario real, entendéndose este como a totalidade das percepcións económicas aquí establecidas. Así mesmo, terán a consideración de ininterrompidas.

Artigo 7º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralle ó seu persoal nos dous primeiros meses de vixencia do convenio, a seguinte roupa de traballo:

Telefonista: dúas blusas e unha saia cada dous anos.

Conserxes e ordenanzas: unha chaqueta e dous pantalóns cada dous anos.

Mariñeiros: un traxe de augas cada dous anos e dúas fundas e dous pantalóns cada ano.

A entrega desta roupa non poderá ser compensada en metálico en ningún caso.

Artigo 8º.-Rotación de conserxes, ordenanzas e mariñeiros.

A xornada do citado persoal realizarase en quendas rotativas, tal como se vén efectuando.

En caso de que faltase algún deles por enfermidade, vacacións ou outra causa, os demais terán a obriga de cubri-la vacante ou vacantes, compensándose como horas extraordinarias co recargo establecido nelas.

Artigo 9º.-Antigüidade.

O premio á antigüidade consistirá en trienios de acordo coa vixente lei do Estatuto dos traballadores, valorado nun 8% do salario base.

Artigo 10º.-Retribucións.

Na táboa anexa sinálanse as retribucións do persoal, que terán consideración de mínimas e será a base do cálculo para tódolos efectos.

Artigo 11º.-Pagas extraordinarias.

O persoal recibirá anualmente catro pagas extraordinarias os días hábiles inmediatamente ó 18 de xullo, 23 de decembro, 1 de marzo e 1 de outubro; a súa contía será de trinta días a salario real as dúas primeiras, e de quince días as dúas segundas.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias habitualmente quedan suprimidas, entendéndose estas todas aquelas que non se realicen por motivos xustificados de períodos punta de traballo ou mantemento; se de tódolos xeitos fose necesario facelas, a súa retribución será a seguinte:

As dúas primeiras con recargo do 75% sobre o valor da hora ordinaria.

As restantes ó 100%.

As horas traballadas en domingos e festivos, co 140% do valor da hora ordinaria.

Artigo 13º.-Xubilación.

Unha vez chegado á idade de xubilación, o traballador recibirá unha gratificación equivalente ó

importe de dúas pagas mensuais, e terá dereito a un carné de socio xubilado, sen voz nin voto nas asembleas.

Artigo 14º.-Faltas e sancións.

Consideraranse, para tales efectos faltas leves as seguintes:

1. Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo, sen a debida xustificación, durante o período dun mes.

2. Non notificar con carácter previo ou, se é o caso, dentro das vintecatro horas seguintes á falta, a razón da ausencia ó traballo, a non ser que se probe a imposibilidade de telo feito.

3. O abandono do traballo sen causa xustificada, que sexa por breve tempo. Se como consecuencia deste se causa prexuízo dalgunha consideración á empresa ou ós compañeiros de traballo ou fose causa de accidente, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave, segundo os casos.

4. Pequenos descoidos na conservación do material.

5. Falta de aseo ou limpeza persoal.

6. Non atender ó público coa corrección e dilixencias debidas.

7. Non lle comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

8. Discutir cos compañeiros dentro da xornada de traballo.

Consideraranse faltas graves as seguintes:

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas durante un período de trinta días.

2. Faltar de un a dous días ó traballo durante un período de trinta días sen causa que o xustifique. Abondará unha soa falta cando tivera que relevar un compañeiro ou cando como consecuencia desta se causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

3. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social e, se é o caso, ás prestacións de protección á familia. A falsidade ou omisión maliciosa en canto á aportación de datos considerarase como falta moi grave.

4. Entregarse a xogos, calquera que sexan, dentro da xornada de traballo.

5. A desobediencia ós superiores en calquera materia de traballo, incluída a resistencia e obstrucción a novos métodos de racionalización de traballo ou modernización de maquinaria que pretenda introduci-la empresa, así como negarse a cubri-las follas de traballo, control de asistencia, etc. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela se derivase prexuízo notorio para a empresa ou compañeiros de traballo, considerarase falta moi grave.

6. Simula-la presencia doutro no traballo, asinando ou fichando por el.

7. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte á boa marcha deste.

8. A imprudencia en acto de servicio. Se implicase risco de accidente para si ou para os seus compañeiros, ou perigo de avarías para as instalacións, poderá ser considerada como falta moi grave. En todo caso, considerarase imprudencia en acto de servicio non usa-la roupa e aparellos de seguridade de carácter obrigatorio.

9. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada, así como o emprego para usos propios de ferramentas da empresa.

10. A reiteración ou reincidencia en falta leve (excluída a de puntualidade), aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e mediando sanción que non sexa amoestación verbal.

Consideraranse faltas moi graves:

1. Máis de cinco faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de seis meses ou dez nun ano.

2. As faltas inxustificadas ó traballador durante tres días consecutivos nun mesmo mes, ou cinco alternos nun período de seis meses.

3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros como á empresa ou a calquera persoa, realizado dentro das dependencias dela ou durante acto de servicio en calquera lugar.

4. A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase sempre que existe falta cando un traballador de baixa por un de tales motivos realice traballo de calquera clase por conta propia ou allea. Tamén abranguerá este apartado toda manipulación feita para prolonga-la baixa por accidente ou enfermidade.

5. A continuada e habitual falta de aseo e limpeza de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo.

6. A embriaguez durante o traballo.

7. Viola-lo segredo da correspondencia ou de documentos reservados á empresa.

8. Revelar a elementos estraños datos de reserva obrigatoria.

9. Dedicarse a actividades que a empresa declarase incompatibles no seu Regulamento de réxime interior ou que impliquen competencia cara a ela.

10. Os malos tratos de palabra ou de obra ou falta grave de respecto e consideración ós xefes ou ós seus familiares, así como ós compañeiros e subordinados.

11. Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia inescusable.

12. Abandona-lo traballo en postos de responsabilidade.

13. A diminución non xustificada no rendemento do traballo.

14. Orixinar rifas e pendencias cos seus compañeiros de traballo.

15. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se cometan dentro dun semestre e fosen sancionadas.

Artigo 15º.-A comisión paritaria.

Formarase unha comisión paritaria para a aplicación e interpretación do convenio, formada pola representación social e a representación económica, que poderán ser asesorados se o requiren as circunstancias. Esta comisión reunirase a requirimento dunha das partes nun prazo de 72 horas.

Artigo 16º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente establecido no presente convenio, observarase o que dispoña a vixente lexislación.

Artigo 17º.-Negociación do convenio.

O presente convenio foi negociado e asinado pola dirección da empresa e polo delegado de persoal dando cumprimento así ó artigo 85-A do Estatuto dos traballadores.

Táboa salarial

Persoal administrativoSalario base

Secretario executivo158.302

Auxiliar telefonista 90.946

Telefonista85.859

Persoal subalterno

Conserxe encargado93.999

Conserxe89.927

Ordenanza 85.859

Sereno 85.859

Persoal oficios varios

Contramestre 93.999

Mariñeiros85.859

Conformes:

Pola empresa: Emilio Ruíz Blanco.

Delegado de persoal: Juan Carlos Fernández García

9506805