Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 06 de novembro de 1995 Páx. 8.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 1995 pola que se desestiman as reclamacións presentadas por José Manuel Agra Chaves e outros, membros da confraría de pescadores San Xulián da Illa de Arousa, en relación coas eleccións xerais dela celebradas o 15 de xullo de 1995.

En relación coas reclamacións presentadas por José Manuel Agra Chaves e outros membros da confraría

de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa, en relación coas eleccións xerais dela celebradas o 15 de xullo de 1995 exponse o seguinte:

Primeiro.-O día quince de xullo de 1995 celebráronse na confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa eleccións xerais ós órganos rectores dela.

Segundo.-Con data 17 de xullo de 1995 ten entrada nesta consellería o escrito de impugnación e solicitude de anulación das eleccións xerais da confraría presentado por José Manuel Agra Chaves e outros, baseado esencialmente no incumprimento, infracción e inaplicación por parte da comisión electoral e da mesa electoral das normas e calendario electoral, así como a exclusión dos reclamantes e outros afectados do proceso electoral pola falta de pagamento das cotas sociais.

Terceiro.-Xa con anterioridade, con data 13 de xullo, os afectados presentaran ante esta consellería escritos de impugnación das actas da comisión electoral celebradas os días 6 e 11 de xullo de 1995, baseándose nos mesmos argumentos.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, sinala no seu artigo 1 que as confrarías de pescadores son corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, que actúan como órganos de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro e representan intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector, sen prexuízo da representación que posúen as organizacións de empresarios e traballadores da pesca

No seu parágrafo 2º engade que as confrarías quedan suxeitas á tutela da Administración pública galega que será exercida a través da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Segundo.-A tutela administrativa implica unha facultade de control estrictamente suxeita ós límites que as normas constitutivas das confrarías de pescadores, recollidas na lei autonómica precitada e na Orde do 31 de agosto de 1978, que desenvolve o Decreto do 11 de marzo de 1978, reguladora da creación e recoñecemento das confrarías de pescadores, establecen. En ningunha das referidas normas se contén precepto ningún que faculte á Administración a acorda-la anulación das eleccións, per se.

A única intervención da Administración en materia electoral é a correspondente a resolve-los recursos de alzada contra as resolucións da comisión electoral ou das mesas electorais (artigo 5.6º e 8.2º da referida orde). O que non cabe en ningún caso é a anulación dun proceso electoral en vía administrativa polo órgano de tutela. O contrario suporía unha desnaturalización do instituto xurídico da tutela administrativa, tendo en conta que o contido se refire en esencia a velar polo respecto da legalidade na actuación suxeita ó dereito administrativo do ente tutelado, requiríndoo,

se é o caso, para que modifique ou rectifique o seu proceder.

Terceiro.-Neste sentido resulta sumamente explícita a sentencia do Tribunal Supremo do 18 de outubro de 1993, pola que en vía casacional se confirma a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 15 de maio de 1992. Nesta sentencia o Tribunal Supremo sinala expresamente que: «entre as facultades administrativas non se comprende a de anula-las eleccións que tiveron lugar nas ditas entidades (que neste caso eran tamén confrarías de pescadores), calquera que fora o motivo que existise para iso...».

Cuarto.-O artigo 7 da orden de 1978 dispón que os recursos en materia electoral se rexerán polo disposto na normativa xeral vixente. A maior abundamento o Real decreto-lei do 18 de marzo de 1977 sobre normas electorais prescribe no seu artigo 73.4º que a representación pública e a defensa da legalidade no recurso contencioso-electoral corresponderá ó Ministerio Fiscal. Polo tanto serán os socios ou o Ministerio Fiscal os que, no exercicio dos seus dereitos e no ámbito da súa competencia, poidan interpoñe-lo correspondente recurso contencioso-electoral ante os tribunais da xurisdicción contencioso-administrativa.

En consecuencia, e dado todo o exposto con anterioridade, esta consellería,

RESOLVE:

Desestima-la pretensión deducida polos reclamantes de anulación do proceso electoral impugnado, por exceder tal decisión do ámbito competencial desta Administración pública, todo iso sen prexuízo do dereito dos afectados a impugnar xurisdiccionalmente o mencionado proceso electoral.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderán os reclamantes interpoñer recurso contencioso-administrativo na forma e prazos previstos na Lei reguladora da xurisdicción contencioso administrativa do 27 de decembro de 1956 (artigo 58 e concordantes).

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

95-6181