Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 03 de novembro de 1995 Páx. 8.100

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial da empresa Hermanos Pérez Muebles Diseño, S.L. de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Hermanos Pérez Muebles Diseño, S.L. (código número 3200602) de Ourense para o ano 1995, con entrada nesta delegación provincial o día 8 de setembro do ano en curso, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo delegado de persoal, en xuntanza celebrada o día 30 de xuño de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación provincial, con notificación á representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 13 de setembro de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo da empresa Hermanos Pérez Muebles Diseño, S.L.

Artigo 1º

De conformidade co Estatuto dos traballadores, o presente convenio afectará a tódolos traballadores da empresa Hermanos Pérez Muebles Diseño, S.L., do sector da venda de mobles.

Quedan excluídos do presente convenio:

A) O persoal de alta dirección ou alto consello e os socios da empresa.

B) O persoal de contrato en prácticas ou de aprendizaxe.

Artigo 2º

O presente convenio terá unha duración de dez meses; entrará en vigor o 1 de marzo de 1995 e finalizará o 31 de decembro de 1995, se ben os seus efectos económicos terán carácter retroactivo desde o 1 de marzo de 1995, e manterase a súa vixencia mentres non se negocie outro que o substitúa.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes deste convenio serán absorbidas ata onde chegue o cómputo anual con aquelas outras condicións que puidesen establecerse por disposición legal, salvo cando expresamente se pacte o contrario.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

Polo tempo de vixencia deste convenio establécese unha xornada laboral de 40 horas semanais de traballo efectivo. A xornada máxima do sector queda establecida en 1.800 horas de traballo efectivo anual.

Artigo 5º.-Vacacións.

O tempo de vacacións será de trinta días naturais a salario real ou a parte proporcional que corresponda no caso de non levar traballando a ano requirido para o desfrute pleno deste dereito.

O total de días anuais de vacacións repartiranse para os efectos de desfrute con carácter xeral da seguinte maneira: 15 días ininterrompidos para desfrutar no verán e o resto para desfrutar de acordo entre o traballador e a empresa, atendendo de forma prioritaria ás necesidades do mercado.

Deberá publicarse cun mínimo de dous meses de antelación á data de vacacións.

Se ó finaliza-lo ano 1995 se traballase máis das 1.800 horas sinaladas como xornada anual de traballo

efectivo, como consecuencia do calendario de vacacións, estas horas de máis deberán compensarse como descanso.

Conceptos retributivos.

Artigo 6º.-Salario.

O salario base será o que figura na táboa anexa do presente convenio.

Artigo 7º.-Antigüidade.

A antigüidade fíxase en quinquenios ó 5% sobre o salario base para cada grupo salarial, o valor que figura na columna do salario base.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo serán de 30 días de salario base máis antigüidade. A gratificación establecida no parágrafo 2 do artigo 110 da ordenanza laboral da madeira será de 12 días de salario base máis antigüidade e farase efectiva o 30 de abril.

Artigo 9º.-Indemnización por desgaste de ferramentas.

Establécese unha indemnización por desgaste de ferramentas para aqueles traballadores ós que non lles sexan facilitadas pola empresa, consistente en 34 ptas. por día efectivo de traballo para o oficial, e de 19 ptas. para o axudante. A empresa determinará os casos de contribución de ferramentas polo traballador.

Artigo 10º.-Permisos e licencias.

Establécese un permiso retribuído nos casos que se indican e polo tempo que se sinala:

15 días en caso de matrimonio.

2 días en caso de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou morte de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal razón o traballador necesite facer un desprazamento para tal efecto, o prazo será de 4 días.

O tempo necesario para acudir ó médico, presentando a xustificación correspondente.

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralles a tódolos traballadores a roupa de seguridade necesaria adaptada ós distintos postos de traballo. A roupa de traballo e a roupa de seguridade reporanse sempre que sexa necesario cando o seu grao de deterioramento non sexa imputable á neglixencia por parte do traballador. Estas pezas de roupa serán sempre propiedade da empresa e o traballador verase obrigado á súa boa conservación e emprego.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

Ó persoal afectado por este convenio aboaránselle, en caso de desprazamento fóra do seu centro de traballo habitual, os gastos ocasionados debidamente xustificados.

Artigo 13º.-Retribución de menores.

Os traballadores comprendidos entre os 16 e 18 anos percibirán unha retribución de 1.488 ptas./día.

Artigo 14º

No caso de non ser autorizado pola autoridade laboral competente algún dos preceptos deste convenio, este quedará sen efecto e deberá considerarse o seu contido total.

Artigo 15º.-Póliza de seguros.

A empresa está obrigada a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de tres meses a partir da contratación do traballador, unha póliza de seguros na orde de cobertura de riscos de morte e de incapacidade para todo tipo de traballo dos traballadores por accidente laboral, incluido o in itinere, que lle garanta ó traballador accidentado ou a aqueles que teñan dereito por causa fortuíta, espontánea e exterior á vontade do traballador, o cobro da indemnización seguinte:

-1.500.000 ptas. en caso de morte.

-2.500.000 ptas. en caso de incapacidade para todo tipo de traballo.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío. As indemnizacións que se mencionan non se considerarán como entrega a conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo á empresa os tribunais de xustiza, unha vez que exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 16º.-Situación de incapacidade laboral.

Tódolos traballadores afectados por este convenio, no caso de accidente laboral, con ou sen hospitalización, percibirán polo período de ILT a cargo da empresa o 100% do salario desde o día 10 ó 70 ambos inclusive. Para supostos de enfermidade común e enfermidade profesional, percibirán no caso de ILT a cargo da empresa o 100% desde o día 20 ó 60, ambos inclusive.

Artigo 17º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión mixta paritaria para a interpretación deste convenio, constituída polos membros da comisión negociadora.

Disposición transitoria

Única.-Para todo o previsto no presente convenio teranse en conta como normas supletorias a orde ministerial do 2 de xullo de 1969, que se manterá en vigor mentres non sexa derrogada e as partes non acorden substituíla por acordo colectivo, a Lei 1/1995, do 24 de marzo e a Lei 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Táboa salarial

CategoríaSalario base

Peón77.509 ptas.

Axudante84.342 ptas.

Oficial 2ª86.452 ptas.

Oficial 1ª86.758 ptas.

Encargado88.835 ptas.

Aux. administrativo84.342 ptas.

Administrativo de 2ª86.452 ptas.

Administrativo de 1ª86.758 ptas.

95-07031