Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 03 de novembro de 1995 Páx. 8.102

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 29 de setembro de 1995 pola que se estima a petición formulada por Manuel Martín Sabor, María del Carmen Taboada García e María Lydia Caamaño Fernández de seren incluídos entre os aspirantes aprobados no concurso-oposición libre convocado por Orde do 9 de novembro de 1990 para o acceso ó corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares.

Vistos os escritos con data 8 de xuño de 1995, presentados por Manuel Martín Sabor, María del Carmen Taboada García e María Lydia Caamaño Fernández, nos que solicitan ser incluídos entre os aspirantes seleccionados no concurso-oposición libre convocado pola Orde do 9 de novembro de 1990 para o acceso ó corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares, procede contesta-lo seguinte:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Por Resolución do 22 de maio de 1991 (D.O.G. nº 106, do 5 de xuño), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, publícase a relación dos 285 aspirantes seleccionados no concurso-oposición libre convocado pola Orde do 9 de novembro de 1990 para o acceso á clase de practicantes titulares. Na dita relación os solicitantes ocupaban a seguinte orde: nº 283, Manuel Martín Sabor, nº 284, María del Carmen Taboada García e nº 285, María Lydia Caamaño Fernández, e adquiriron posteriormente a condición de funcionarios.

Segundo.-En execución da sentencia da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 24 de outubro de 1994, recaída nos recursos contencioso-administrativos números 863, 864, 865 e 866/1991 (acumulados), o apartado segundo da Orde do 20 de xaneiro de 1995 (DOG nº 46, do 7 de marzo e nº 60, do 27 de marzo) exclúe da relación de aspirantes seleccionados no dito concurso-oposición os solicitantes en favor doutros tres aspirantes con mellor dereito recoñecido pola dita sentencia.

Terceiro.-Como consecuencia diso, na dita orde déixase sen efecto o seu nomeamento como funcionarios,

así como tódolos actos administrativos derivados deles e, pasan a ostenta-la condición de persoal interino da clase de practicantes titulares. Igualmente, os solicitantes pasan a ocupa-los números 286, 287 e 288, respectivamente, no número de orde final do citado concurso-oposición, non superando, polo tanto, este.

Cuarto.-Da documentación que consta nos servicios administrativos correspondentes, constátase que os aspirantes seleccionados cos números 82, 185 e 258 no concurso-oposición convocado pola Orde do 9 de novembro de 1990 non tomaron posesión como funcionarios de carreira, e foron excluídos expresamente da relación de aspirantes seleccionados mediante senllas resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, nas que se declara o decaemento de tódolos seus dereitos derivados da participación no dito concurso-oposición.

Como consecuencia disto, só 282 dos 285 aspirantes seleccionados chegaron a perfecciona-lo seu nomeamento como funcionarios na forma legalmente esixida.

Quinto.-Invocando os antecedentes descritos e fundamentando a súa petición basicamente no apartado cuarto destes, solicitan a súa inclusión na relación de aprobados no concurso-oposición convocado para o acceso á clase de practicantes titulares convocado pola Orde do 9 de novembro de 1990.

Sexto.-Solicitado informe á asesoría xurídica, esta emíteo, con data 6 de setembro de 1995, en sentido favorable ás teses dos interesados.

Consideracións xurídicas.

Primeira.-Por razóns de economía procesual, esta consellería, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 30/1992, avoca para si o coñecemento do asunto. Para tal efecto, acredítase no expediente ter efectuada xa a notificación desta ós interesados nos termos previstos no dito texto legal.

Segunda.-Contrastados tódolos antecedentes de feito, no referente ó fondo do asunto, o realmente determinante para dilucida-la aceptación da petición dos interesados, consiste en coñecer se esta se encontra amparada polo ordenamento xurídico.

Da Orde do 9 de novembro de 1990, base da convocatoria do concurso-oposición, non se pode extraer conclusión rotunda para a non posible concesión ou denegación desta, dado o seu silencio sobre o particular que se fai extensivo a tódalas demais normas que segundo a propia orde resultan de aplicación ó proceso selectivo e, en especial, á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Terceiro.-Sen embargo, tal e como se afirma no informe emitido pola asesoría xurídica, as esixencias do principio de equidade e non discriminación xogan a favor dunha contestación positiva.

Vistos os feitos desde este punto de vista, é indubidable que os agora comparecentes foron incluídos na relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo e incluso tomaron posesión como funcionarios de carreira, se ben, por efectos da sentencia citada

do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, perderon tal condición, mais se, polas circunstancias relatadas, 3, desas 285 prazas que deberían ser cubertas, non o foron, parece, a todas luces, xusto e equitativo adxudicárllelas ós agora comparecentes en execución da base segunda da orde da convocatoria que establecía o número de 285 como postos para cubrir, e eses son os que se deben cubrir, habendo, como hai, aspirantes que cumpriron as condicións das bases da convocatoria para supera-lo concurso-oposición, todo isto conxugado, ademais, co carácter excepcional da situación destes.

Cuarto.-O razoado no apartado terceiro non se opón, a xuízo desta consellería, ó regulado nas bases da convocatoria nin á normativa xeral que foi de aplicación ó proceso selectivo.

Quinto.-Polo demais, a resolución que se adopta a través da presente orde pronúnciase tamén sobre a forma de ocupación do posto de traballo que veñen desempeñando na actualidade como persoal interino, polo que, conxugando a consideración das pretensións co feito de estar xa resolto por resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde con data 19 de maio de 1995 o concurso de traslados da clase de practicantes titulares, procede acordar que pasen a desempeña-los ditos postos co carácter de destino provisional, quedando expresamente suxeitos á normativa que regule o proceso de integración dos ditos postos de traballo nas novas estructuras de atención primaria e á normativa que regule os procesos de provisión de tódolos postos de traballo integrados nelas.

Por todo o que antecede, esta consellería,

ACORDA:

Primeiro.-Considera-las peticións de Manuel Martín Sabor, María del Carmen Taboada García e María Lydia Caamaño Fernández.

Segundo.-Modifica-la relación de aspirantes seleccionados no concurso-oposición libre para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares, convocado pola Orde do 9 de novembro de 1990 e publicada no anexo da Resolución do 22 de maio de 1991 (DOG nº 106, do 5 de xuño), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, que, á súa vez, foi modificada pola Orde do 20 de xaneiro de 1995, e outorgando o número 283 a Manuel Martín Sabor, o número 284 a María del Carmen Taboada García e o número 285 a María Lydia Caamaño Fernández, permanecendo invariable a puntuación que lles foi asignada no dito concurso-oposición.

Terceiro.-Eximir-los comparecentes do deber de presentación dos documentos previos ó seu nomeamento como funcionarios esixidos na Orde do 9 de novembro de 1990, validando, deste xeito, o que xa cumpriran no seu día.

Cuarto.-Nomear, con efectos desta data, funcionarios de carreira do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares a Manuel Martín Sabor, María del Carmen Taboada García e Dona María Lydia Caamaño Fernández, modificando expresamente o disposto no apartado segundo da Orde do 20 de xaneiro.

Quinto.-Adxudicarlles destino provisional ós ditos funcionarios nos seguintes postos de traballo: a Manuel Martín Sabor na Cañiza (Pontevedra), distrito único; a María del Carmen Taboada García en Becerreá (Lugo), distrito único, e a María Lydia Caamaño Fernández no Carballiño (Ourense), distrito único.

Contra a presente orde poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 1995.

Xosé Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

95-6964