Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Luns, 30 de outubro de 1995 Páx. 7.975

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Ferogasa.

Visto o expediente do convenio colectivo Ferogasa, que tivo entrada nesta delegación provincial o día

20-9-1995, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo comité de empresa o día 3-8-1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 27 de setembro de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo do ano 1995 da empresa Fertilizantes Orgánicos de Galicia, S.A. Ferogasa

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afecta á empresa Ferogasa, desta cidade, nos seus servicios de recollida do lixo, limpeza pública viaria e explotación da planta de tratamento e eliminación de residuos de bens.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan abranguidos dentro do presente ámbito do convenio tódolos traballadores que presten os servicios anteriormente citados na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP, aínda que os seus efectos económicos se retrotraerán ó día 1º de xaneiro de 1995 para tódolos traballadores que se atopen de alta na empresa no momento da entrada en vigor deste, e non terán dereito ó cobro de atrasos os traballadores que cesasen con anterioridade a esta. A súa duración será de un ano por tácito asentimento; en caso contrario, a denuncia deste farase con dous meses de antelación á data de terminación da súa licencia.

Artigo 4º

Respectaranse as situacións persoais que sexan máis beneficiosas cás fixadas neste convenio e manterase o dito respecto en forma estrictamente ad personam.

Artigo 5º

O acordado neste convenio regula con carácter preferente e prioritario situacións entre empresa e traballadores en tódalas materias abranguidas no seu

contido, mesmo naquelas nas que a súa regularización se pacta distinta á que inclúe a ordenanza laboral e outras normas legais.

En todo o non previsto neste convenio, serán de aplicación a ordenanza de traballo para a limpeza pública, regos, recollida do lixo e limpeza e conservación da rede de sumidoiro e demais disposicións de carácter xeral.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do presente convenio.

As súas funcións serán:

1) Interpretación auténtica do convenio.

2) Arbitraxe dos problemas e cuestións que lle sexan sometidos por ámbalas partes de común acordo en asuntos derivados deste convenio.

3) Conciliación facultativa nos problemas colectivos, con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponderlles ós organismos competentes.

4) Vixilancia e cumprimento do pactado.

A comisión comporase dun presidente que poderá se-lo do convenio e actuará como mediador, con voz pero non con voto; e de seis vocais por cada parte de entre os que actuarán na liberación do convenio. O presidente levantará acta dos acordos e resolucións que adopte a comisión, que deberá ser asinada polos señores que interveñan. Poderá nomearse un asesor ou experto por cada representación, aínda que estes non terán dereito a voto.

A comisión, en primeira convocatoria non poderá actuar sen a presencia de tódolos vocais e, en segunda, que se celebrará o seguinte día hábil, actuará cos que asistan e terán voto unicamente en número paritario os vocais presentes, sexan titulares ou suplentes. A comisión reunirase a pedimento de calquera das partes e poranse de acordo os vocais co presidente sobre o lugar, día e hora da reunión. Ámbalas partes conveñen en darlle coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos puidesen producirse como consecuencia da interpretación do convenio.

Artigo 7º.-Retribucións.

Salario base: será o que recolle a táboa salarial do presente convenio.

Plus de antigüidade: durante 1995, en concepto de antigüidade, aboaráselles a tódolos traballadores con categoría de peón o bienio a 95 ptas./día e o quinquenio a 139 ptas./día. E, ó resto de categorías, o bienio a 97 ptas./día e o quinquenio a 140 ptas./día. O período de antigüidade máximo computable será de tres bienios e dous quinquenios.

Plus de nocturnidade: o plus de nocturnidade aboaráselles ós traballadores con categorías de peón a razón de 347 ptas. e ó resto de categorías a razón de 353

ptas. por día traballado no que concorra tal circunstancia.

Plus de compensación: este plus aboaráselles como compensación ós traballadores de taller e persoal de oficina na cantidade de 9.124 ptas. mensuais.

Domingos e festivos: as semanas nas que se traballe os domingos ou festivos, o descanso será de dous días por día traballado e desfrutarase acumulando as fraccións e serán os descansos correlativos.

Plus de toxicidade: será de 14.746 ptas. para a categoría de peón, de 15.455 ptas. para a categoría de conductor e 15.207 para o resto de categorías.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

O tempo traballado que, por algunha necesidade imperiosa, sobrepasase a xornada normal e legal de traballo diaria poderá ser acumulado para efectos de desfrutalo como descanso adicional, en cómputo dunha xornada, avisando coa maior antelación posible á empresa.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de verán e Nadal aboaranse, cada unha, a razón de 30 días de salario base máis antigüidade. A paga de beneficios será de 15 días de salario base máis antigüidade. As pagas extras devengaranse día a día e non se devengarán nas ausencias inxustificadas nin nos casos de ILT.

Artigo 10º.-Axudas de custo.

O importe das medias axudas de custo fíxase en 987 ptas. para os peóns e 995 ptas. para o resto das categorías.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

En aplicación á Lei 4/1983, a xornada de traballo semanal será de 40 horas e será facultade da empresa o cambio de calquera traballador á quenda que fose necesario por necesidade do servicio, dada a modalidade de servicio público da empresa.

Artigo 12º.-Vacacións.

Establécese un período anual de 30 días naturais para cada traballador, que serán aboados a razón do salario base fixado neste convenio máis antigüidade e plus de nocturnidade e toxicidade, se é o caso, correspondente ós días que, de estar traballando, percibise o traballador.

Artigo 13º.-Excedencias.

Todo traballador con un ano de antigüidade na empresa poderá solicitar excedencia voluntaria por un prazo superior a seis meses e inferior a 5 anos. Se se cumpren as obrigas anteriores, a empresa estará obrigada a concede-la excedencia solicitada sempre que os traballadores que nese momento estean en tal situación non acaden o 5% do cadro de persoal. Para o reingreso, haberá que aterse ó disposto no artigo 89 da ordenanza de traballo.

Artigo 14º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a licencias retribuídas en calquera dos casos seguintes:

A) 15 días naturais en caso de matrimonio.

B) 3 días en caso de nacemento de fillos ou enfermidade grave ou falecemento dun parente ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando o traballador, con tal motivo, necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 5 días.

C) 2 días por traslado do domicilio habitual.

D) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público.

Artigo 15º.-Licencias sen soldo.

A empresa concederalles ós traballadores que o soliciten, logo de xustificación, ata dez días de permiso sen soldo ó ano, téndose que avisar á empresa cunha semana de antelación, aínda que se convén que non poderán estar nesta situación máis de dous traballadores ó mes.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.

En caso de baixa por ILT derivada de accidentes de traballo e cando a dita situación supere os 15 días, a empresa aboaralle ó traballador que se atope en tal situación, o complemento necesario para que este perciba os emolumentos que neste convenio se fixarán: salario base, antigüidade e pluses correspondentes ós días que, de estar traballando, percibise o traballador. O aboamento suplementario de referencia comezará a partir do día seguinte ó que se cumpran os primeiros 15 días da dita situación e por un prazo máximo de un ano.

No curso de hospitalización dun traballador, xa sexa derivado de enfermidade común ou accidente, a empresa complementará durante ese período a diferencia necesaria para que este reciba o total dos emolumentos do mesmo xeito que se establece no parágrafo anterior.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

No caso de falecemento por accidente laboral, os beneficiarios do traballador percibirán a cantidade de 600.000 ptas. A dita cantidade será de 300.000 ptas., se a morte se produce por accidente non laboral ou morte natural. Para isto, a empresa procederá a subscribir unha póliza de seguros de vida que cubra tales continxencias no prazo de un mes, contado a partir da data da sinatura do presente convenio.

Artigo 18º

O período de proba para o persoal de ingreso das categorías de peóns, conductores, persoal de taller, será de 15 días e será de un mes para o resto do persoal.

Artigo 19º

As ferramentas e roupa de traballo seranlles entregadas ós traballadores nas horas de traballo.

Artigo 20º.-Dereitos sindicais.

A empresa facilitaralles ós traballadores algún local dos existentes no recinto desta para que estes poidan xuntarse en asemblea, logo de comunicación á empresa. Así mesmo, autorizará as ditas asembleas nas condicións citadas.

Artigo 21º.-Descontos de cotas sindicais.

A requirimento dos traballadores, a empresa deixará de descontar da nómina mensual o importe da cota sindical correspondente.

Artigo 22º.-Garantías no traballo.

Todo conductor ou traballador que, se é o caso, conducindo un vehículo da empresa, cometese unha infracción que comportase a retirada do carné de conducir, terá dereito a desempeñar, sen perda de categoría laboral, o posto que eventualmente puidese asignarlle a empresa.

Artigo 23º.-Xubilación especial ós 64 anos.

No suposto de que os traballadores, acolléndose ó Real decreto lei de 14/1981, do 20 de agosto, opten pola modalidade especial de xubilación ós 64 anos, a empresa, polo presente convenio, obrígase a substituír simultaneamente o xubilado por outro traballador titular do dereito a calquera das prestacións por desemprego ou xove demandante de primeiro emprego. A xubilación será forzosa ós 65 anos para todo o persoal.

TÁBOA SALARIAL

CategoríasMensualAnual

Xefe de Admón.114.357 1.658.177
Of. 2 Admón.92.0091.334.130
E. Xral.95.6341.386.693
Subencargado93.0661.349.455
Ins. distrito91.1121.321.128
Capataz de limpeza87.6271.270.586
Xefe taller93.0621.349.394
Oficial de 1ª90.3751.310.436
Oficial de 2ª88.9701.290.065
Oficial de 3ª87.6291.270.065
Conductor90.4201.311.092
Peóns84.8781.230.735
Peón responsable87.6271.270.586

Artigo 24º

O convenio colectivo desta empresa recollerá os incrementos da masa salarial sobre a correspondente a 1994 dun 4,3% para tódalas categorías. Un 6% para os conductores no soldo base e os pluses, un 8% nos quinquenios para tódalas categorías e incrementarase no plus voluntario a cantidade de 5.000 ptas. para a categoría dos capataces de limpeza.

6978