Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 20 de outubro de 1995 Páx. 7.791

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de empresas de transporte público de viaxeiros por estrada da provincia de Pontevedra.

Visto o expediente de revisión salarial do convenio colectivo de empresas de transporte público de via

xeiros por estrada, da provincia de Pontevedra, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 17-8-1995, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Transporte Regular de Viajeros e a Asociación de Transporte Discrecional de Viajeros, e da parte social, polas centrais sindicais UGT, CC.OO e CIG, en data 3-8-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación, no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, 22 de agosto de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o transporte público de viaxeiros por estrada da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a tódalas empresas comprendidas no ámbito de aplicación da ordenanza laboral para as empresas de transporte por estrada nas actividades de: transporte regular e discrecional de viaxeiros, que radiquen na provincia de Pontevedra e que, aínda residindo fóra dela, teñan establecemento dentro desta no que respecta ó seu persoal.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de 2 anos, contados desde o 1 de abril de 1995, rematando os seus defectos o 31 de marzo de 1997. Entrará en vigor ós dez días da súa sinatura, aínda que os efectos económicos dos salarios pactados para o primeiro ano de vixencia do convenio rectrotraeranse ó 1 de abril de 1995.

Entenderase prorrogado de ano en ano, salvo denuncia de calquera das partes, con tres de anticipación, cando menos, á data do seu remate. A dita denuncia deberá facerse por escrito, dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan a totalidade do persoal contratado pola empresa, tanto se realizan función téc

nica como manual, agás unicamente aquelas persoas ás que cita o artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º.-Compensación.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que xa viñeran rexendo por mellora voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 5º.-Absorción.

As melloras que por disposición legal ou regulamentaria poidan establecerse no futuro, serán absorvibles polos acrecentamentos acordados no presente convenio, sempre e cando superen os beneficios que se conceda no seu conxunto.

Artigo 6º.-Situacións persoais.

Respectaranse as condicións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estrictamente ad personam.

Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio teñen o carácter de mínimas no seu conxunto, subsitirán os pactos, cláusulas e situacións de feito establecidas por costume xeral ou de lugar, implantadas pola empresa que significan condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 7º.-Soldos e salarios.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías terá que se rexer para o primeiro ano de vixencia, 1 de abril de 1995 ó 31 de marzo de 1996, pola táboa salarial anexa.

Para o segundo ano de vixencia, 1 de abril de 1996 ó 31 de marzo de 1997, a devandita táboa acrecentarase unha porcentaxe igual ó IP previsto polo Goberno para o ano 1996, máis 1 punto, agás para o persoal de taller e persoal administrativo para os que se acrecentará dita táboa nunha porcentaxe igual ó IPC previsto polo Goberno para o ano 1996, máis 1 punto e medio.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, maila antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios, e faranse efectivas do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo respectivamente.

Artigo 9º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de 30 días naturais, que se desfrutarán en 1 ou 2 períodos. No caso de fraccionamento, un dos períodos nunca será inferior a 8 días, e os traballadores terán dereito a desfrutar un día máis nun deses. Un deles desfrutarase preferentemente nos meses de verán. As datas de desfrute acordaranse entre empresario e traballadores.

Artigo 10º.-Traballos nocturnos.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 6 da mañá terán unha retribución específica acrecentada nun 25% sobre o salario base.

Exclúese do cobro do expresado complemento os traballadores que, coa categoría de serenos, gardas e vixilantes, así como a de lavacoches e mecánico de taller (no límite nos 2 últimos casos de 1 cada 10 vehículos por empresa), fose contratado especificamente para traballar no período nocturno.

Tamén se exclúen do cobro deste complemento os demais traballadores qeu realicen traballos nocturnos cos que se pactaran condicións salariais máis favorables e/ou reducción de xornada laboral, na proporción antes dita.

Artigo 11º.-Conductores-perceptores.

O conductor-perceptor, cando desempeña ó tempo as funcións de conductor e cobrador percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial por posto de traballo igual ó 20% do seu salario base, por cada día no que se realicen ámbalas dúas funcións.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

O persoal que saia da súa residencia por causas do servicio, terá dereito á percepción dunha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axudas de custo.

No caso de que non se traslade en vehículo da empresa, terá dereito a que se lle aboe o importe do billete en segunda clase, con dereito a liteira, se a viaxe fose nocturna.

O importe das axudas de custo para o primeiro ano da vixencia do convenio será o que a continuación se reficte:

1. Galicia: 3.999 pesetas axuda de custo completa, repartidas en 1.091 pesetas o xantar, 1.091 pesetas a cea e 1.817 pesetas pasa-la noite.

2. Territorio nacional e Portugal: 4.800 pesetas axuda de custo completa, repartidas en 1.309 pesetas o xantar, 1.309 pesetas a cea e 2.182 pesetas a pasa-la noite.

3. Restantes países europeos: 8.798 pesetas axuda de custo completa, repartidas en 2.399 pesetas o xantar, 2.399 pesetas a cea e 4.000 pesetas a pasa-la noite.

Para o segundo ano de vixencia, as cantidades anteriores acrecentaranse nunha porcentaxe igual ó IPC previsto polo Goberno para o ano 1996 máis un punto.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento do aloxamento e comida do traballador en substitución das axudas de custo.

Nos casos de destacamento, as axudas de custo establecidas no presente artigo sufrirán unha reducción do 33%, sen prexuízo da facultade que o precedente parágrafo lle recoñece á empresa.

Devengarán axudas de custo enteiras os que saian da súa residencia antes das 12 horas e regresen despois das 0 horas.

Percibarase a parte da axuda de custo correspondente á comida do mediodía, sempre que o traballador

saia da súa residencia antes das 12 horas e regrese despois das 14 horas.

Cobraranse axudas de custo para a cea, cando a saída se faga antes das 20 horas e a chegada despois das 22 horas.

Pasa-la noite corrépondelles ós que cheguen á residencia despois das 0 horas.

En viaxes superiores a 3 días de duración, o traballador terá dereito a unha axuda de custo adicional de 325 pesetas que devengará a partir do cuarto día.

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinario de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores. A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo. Cando a súa distribución a nivel de empresa supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose en todo caso o tempo máximo de xornada ordinaria anual dita anteriormente.

Para efectos de xornada, será de aplicación o disposto no Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e demais disposicións específicas para o sector de transportes.

O traballador terá dereito como mínimo a unha hora para realiza-la comida do mediodía, no período comprendido entre as 12.30 e as 16.30 horas.

No caso de que por necesidade do servicio non fose posible realiza-lo xantar nese período, o traballador terá dereito a unha axuda de custo adicional de 300 pesetas.

Artigo 14º.-Traballos en domingos e festivos.

Os domingos e festivos, se por excepcional necesidade da empresa, o traballador non puidese desfrutar do seu descanso neses días, farao dentro da semana seguinte, sinalándose o día con anterioridade ou cobrarao co acrecentamento do 75%.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias estructurais.

Para os efectos do previsto no Real decreto 92/1983, e a Orde do 1 de marzo de 1983 do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, sobre cotización adicional de horas extraordinarias estructurais, consideraranse como tales as que se realicen con ocasión de accidentes ou para solucionar necesidades urxentes e apremiantes que veñan esixidas de inmediato polo servicio, as que obeceden a períodos punta de producción, ausencias imprevistas, trocos de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da propia natureza da actividade de transportes.

Artigo 16º.-Caderno de control.

Todo o persoal, traballe ou non horas extraordinarias, será provisto dun caderno individual ou de ficha de control, na cal se irán anotando aquelas, así como as sucesivas liquidacións que se fagan.

Artigo 17º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneracion, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais no caso de matrimonio.

b) 3 días nos casos de nacemento de fillo, enfermidade grave ou morte de fillos ou cónxuxe. O traballador terá dereito a 1 días máis de licencia, se con tal motivo tivese a necesidade de desprazarse a unha distancia mínima de 80 quilómetros, ida e volta, contados desde a núcleo do concello onde o traballador teña o seu domicilio.

c) 2 días nos casos de enfermidade grave ou morte de demais parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

d) 1 día por traslado do domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convenional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispón en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes dito supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido, en mais do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasarlle ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

f) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 18º.-Cesamentos.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación.

Para iso, o persoal comunicará á dirección da empresa a data do seu cesamento, cunha anticipación mínima de 15 días, agás para o persoal non cualificado para o cal o preaviso será de 8 días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do seu contrato, deberá seguir prestando os seus servicios en tanto non transcorran os prazos sinalados no presente artigo.

O abandono do posto de traballo, sen que transcorresen os prazos sinalados, será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data na que, cumprido o trámite do preaviso, lle correspondería o cesamento.

Artigo 19º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de

traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase por designación ou elección para o cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá solicitarse dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa, os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só o seu dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou semellante categoría á súa que houbese ou se producise na empresa.

Artigo 20º.-Uniformes.

Cumprira a empresa e o traballador canto se refire a uniformes, consonte o que se determine na vixente ordenanza laboral para as empresas de transportes por estrada.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

As empresas que dispoñan de taller facilitaralle ó seu persoal calzado adecuado, tendo en conta para iso o traballo específico que o dito persoal desenvolva no taller.

Artigo 22º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará, totalmente ó seu cargo, un seguro colectivo a favor dos seus traballadores, de 2.600.000 pesetas por cada un, de xeito que, en caso de falecemento por accidente laboral o servicio da empresa, a devandita cantidade sexa cobrada polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de seguridade social, senón un complemento desta.

Artigo 23º.-Accidente de traballo e enfermidade.

Durante as situacións de incapacidade laboral transitoria derivadas de accidente de traballo, as empresas completarán ata o importe íntegro do salario do convenio e por un máximo de 3 meses, contados desde a data da baixa, a prestación económica aboada pola seguridae social.

Se, ocorrido o accidente de traballo se hospitalizase o traballador, as empresas deberán completar, durante a hospitalización e por un máximo de 6 meses, incluído o período de 3 meses dito no parágrafo anterior, a prestación económica da seguridade social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Por outra banda, nas situacións de incapacidade laboral transitoria derivadas de enfermidade común que motive hospitalización, as empresas completarán durante a hospitalización e ata un máximo de 6 meses, a prestación económica da seguridade social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 24º.-Retirada do carné de conducir.

No caso de que por resolución administrativa se produzca a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a 6 mes, durante a vixencia do convenio e conducindo un vehículo da empresa para a que presta os seus servicios, esta com

prométese a facilitarlle ó productor afectado o posto de traballo máis apropiado de acordo coa súa categoría profesional.

Se a retirada do carné de conducir é por resolución xudicial firme, o período non será superior a 90 días.

Artigo 25º.-Pagamento de multas.

As multas por infraccións de tráfico imputables á culpa ou imprudencia do traballador serán aboadas por este. No caso de que a infracción non se deba a culpa ou imprudencia do traballador, as multas serán aboadas pola empresa.

Artigo 26º.-Obtención do carné escolar.

Cando un conductor, non contratado para realizar transporte escolar, sexa requirido pola empresa para obter, por primeira vez, a autorización administrativa correspondente par conducir vehículos dedicados a este tipo de transporte, a empresa estará obrigada a aboa-las taxas e demais gastos necesarios para a súa obtención perante os organismos competentes da Administración.

Artigo 27º.-Quebranto de moeda.

En concepto de quebranto de moeda, os conductores que realicen ó mesmo tempo labores de cobrador, polo menos 2 horas no día, percibirán a cantidade de 102 pesetas por cada día no que leven a cabo os ditos labores. Para o segundo ano de vixencia, a cantidade anterior acrecentarase nunha porcentaxe igual ó IPC previsto polo Goberno para 1996, máis un punto.

Para calcula-lo mínimo de 2 horas antes dito, realizando servicios como cobrador, estas computaranse tendo en conta os horarios e tempos correspondentes ás expedicións autorizadas pola Xefatura Provincial de Transportes.

Artigo 28º.-Período de probas.

Poderá concertarse por escrito un período de probas que non poderá exceder de 4 meses para os mandos e encargados, e de 2 meses para os demais traballadores, cos efectos establecidos no Estatuto dos traballadores.

Artigo 29º.-Licencias sen soldo.

Os traballadores terán dereito a unha licencia de 1 día sen soldo por necesidade debidamente xustificada de acompañar a fillos menores de idade á consulta médica, de non existir cónxuxe do traballador ou, no caso de separación ou divorcio, se o traballador tivese a custodia do fillo menor, ou cadre cos días de visita.

Artigo 30º.-Desprazamentos temporais.

Cando por razóns de servicio a empresa desprazase temporalmente os seus traballadores, por tempo superior a 3 meses, que esixa residencia en poboación distinta do seu domicilio habitual, os traballadores terán dereito a acumula-los medios días do descanso semanal non desfrutados, ata un total de 6,5 días, sendo a cargo do empresario os gastos do desprazamento do traballador ata o seu domicilio para desfrutar do dito descanso.

No caso de que o traballador retorne ó seu domicilio antes de chegar a acumula-los 6,5 días de descanso,

segundo o disposto no parágrafo anterior, terá dereito a desfruta-lo tempo acumulado de descansos a partir do primeiro día do regreso.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e en xeral para entender en cantas cuestións se deriven da aplicación deste, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes económicos e das centrais sindicais asinantes do convenio, a razón de un membro por cada central sindical.

A devandita comisión elixirá o presidente desta, que non poderá ser membro do devandito órgano.

Artigo 32º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible, e para efectos da súa aplicación práctica, considerado na súa totalidade.

Artigo 33º.-Categoría de azafata.

Nas taboas salariais anexas aparece como nova categoría profesioinal a de azafata.

Entenderase por tal aquel traballador encargado de prestar asistencia ós viaxeiros naqueles servicios que así o requiran, por imposición legal ou por decisión da empresa, tanto por razóns de seguridade como de atención ó cliente.

Artigo 34º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio, haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente, así como na ordenanza laboral de transportes por estrada, aínda que esta sexa derrogada polo Goberno e ata a súa substitución por convenio colectivo.

Disposicións adicionais:

Primeira.-As diferencias salariais debidas polas empresas como consecuencia da entrada en vigor deste convenio con posterioridade ós seus efectos económicos do 1 de abril, serán aboadas no prazo máximo de 60 días, contados desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-As partes asinantes do presente convenio son as seguintes:

En representación dos traballadores, as centrais sindicais UGT, CC.OO., e CIG.

En representación dos empresarios, as asociacións de transporte regular e discrecional de viaxeiros.

TÁBOA DE SALARIOS

(Vixencia 1-4-1995 ó 31-3-1996)

Grupo I. Persoal superior e técnicos.

Subgrupo A)

I. Xefe de servicio130.620 ptas./mes.

II. Inspector principal114.291 ptas./mes.

Subgrupo B)

I. Enxeñeiros e licenciados119.906 ptas./mes.

II. Enxeñeiros técnicos e Aux. titulados 91.843 ptas./mes.

III. Axudantes técnicos sanitarios 83.683 ptas./mes.

Grupo II. Persoal administrativo.

I. Xefe de sección 97.521 ptas./mes.

II. Xefe de negociado 90.556 ptas./mes.

III. Oficial de primeira 84.367 ptas./mes.

IV. Oficial de segunda 77.330 ptas./mes.

V. Auxiliar administrativo 73.350 ptas./mes.

Grupo III. Persoal de movemento.

Subgrupo A) Estacións ou administracións.

Sección 1ª. Persoal de Estacións.

Clase 1ª.

I. Xefe de Estación de primeira 98.648 ptas./mes.

II. Xefe de Estación de segunda 94.109 ptas./mes.

Clase 2ª.

I. Xefe de administración de primeira 98.648 ptas./mes.

II. Xefe de administración de segunda 94.109 ptas./mes.

Clase 3ª.

I. Xefe de administración en ruta 89.575 ptas./mes.

II. Vendedor de billetes 76.725 ptas./mes.

III. Factor 76.725 ptas./mes.

IV. Encargado de consigna 76.725 ptas./mes.

V. Repartidor de mercadorías 2.546 ptas./día.

VI. Mozo 2.546 ptas./día.

Subgrupo C) Transporte de viaxeiros en autobuses, microbuses e trolebuses interurbanos.

Subgrupo D) Transporte de viaxeiros en autobuses urbanos.

I. Xefe de tráfico de primeira 98.648 ptas./mes.

II. Xefe de tráfico de segunda 94.109 ptas./mes.

III. Xefe de tráfico de terceira 89.575 ptas./mes.

IV. Inspector 2.834 ptas./día.

V. Conductor 2.785 ptas./día.

VI. Conductor-perceptor 2.785 ptas./día.

VII. Cobrador 2.403 ptas./día.

VIII. Azafata 77.330 ptas./mes.

Grupo IV.

Persoal de talleres.

I. Xefe de taller105.531 ptas./mes.

II. Encargado ou contramestre 90.378 ptas./mes.

III. Encargado xeral 88.290 ptas./mes.

IV. Encargado de almacén 84.887 ptas./mes.

V. Xefe de equipo 3.019 ptas./día.

VI. Oficial de primeira 2.901 ptas./día.

VII. Oficial de segunda 2.775 ptas./día.

VIII. Oficial de terceira 2.668 ptas./día.

IX. Mozo de taller 2.382 ptas./día.

X. Traballadores en formaciónSalario mínimo segundo idade.

Grupo V. Persoal subalterno.

I. Cobrador de facturas 71.637 ptas./mes.

II. Telefonista 71.637 ptas./mes.

III. Porteiro 71.637 ptas./mes.

IV. Vixilante 71.637 ptas./mes.

V. Limpadora (por horas) 284

VI. Botóns de 16-17 anosSalario mínimo segundo a súa idade.

95-5801