Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 19 de outubro de 1995 Páx. 7.781

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO DOUS DE FERROL

EDICTO (117/1994).

María José González Movilla, maxistrada-xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Ferrol e o seu partido, fago saber que no procedemento de suspensión de pagamentos número 117/1994, seguido neste xulgado a pedimento da Cooperativa de Productores do Campo de Covas, Esmelle e Marmacón S.C.L., dictouse providencia con data do 21 de xullo de 1995, na que se acorda:

«Dada conta, adherido ó convenio proposto polos acredores Constantino Vila Freijomil e outros, acredores cuns créditos que acadan a suma de 1.073.141.531 pesetas, cantidade que supera os 2/3 do pasivo esixidos polo artigo 14 da Lei de suspensión de pagamentos para a aprobación do referido convenio, procédase á publicación do dito resultado nos mesmos medios de difusión có auto, e téñase por solicitada a declaración de suspensión de pagamentos e no taboleiro de anuncios deste xulgado, con inserción do texto íntegro do convenio referido co fin de que, dentro dos oito días seguintes á derradeira publicación, os acredores que teñan dereito a iso, conforme o disposto no artigo 16 da citada lei, formulen, se é o caso, a súa oposición á aprobación de tal convenio. Asinada».

O texto do convenio proposto por Constantino Vila Freijomil, José Antonio Rodríguez Sardiña, María del Carmen Fernández Montero, Francisco Martínez García, Luis Fraga Varela, Juan López Hermida e José López Pazos, é do teor literal seguinte:

«Proposta de convenio:

Primeiro.-A Sociedade Cooperativa Limitada Agraria de Covas, Esmelle e Marmacón pagará a totalidade dos créditos polos seus principais, e sen aboamento de ningunha cantidade por concepto que non sexa estrictamente o principal dos ditos créditos, unha vez que sexa firme o presente convenio, da seguinte maneira:

Do que resulte da xestión ordinaria da sociedade cooperativa iranse ingresando as cantidades que se xeren, e descontaranse as cantidades precisas para as atencións sociais nun fondo depositado nunha entidade financeira e investido naqueles activos financeiros que decida a comisión de seguimento, da que máis adiante se tratará, por proposta do consello rector da entidade, e disporase semestralmente das cantidades que resulten de descontarlle ó dito fondo a

contía de cincuenta millóns de pesetas, da que non se poderá dispor, para entregarlles ós acredores en proporción ós seus créditos correspondentes. A primeira entrega de diñeiro procedente deste fondo faráselles efectiva ós acredores dentro dos doce meses seguintes á firmeza do presente convenio.

Segundo.-Opcionalmente, os acredores que á vez sexan debedores da Sociedade Cooperativa Limitada Agraria de Covas, Esmelle e Marmacón, poderán cancela-los seus créditos contra o saldo acredor que teñan recoñecido no balance definitivo da suspensión de pagamentos, e valorarase o cargo acredor para estes únicos efectos ó cincuenta por cento do valor recoñecido na lista definitiva de acredores formulada no seu día pola intervención xudicial.

Os acredores que queiran gozar desta opción poderán realizalo dentro dos seis meses seguintes á adquisición de firmeza do presente convenio. O exercicio desta opción polos acredores supón a total liberación da sociedade cooperativa en canto ás cantidades recoñecidas ós acredores que se vexan afectadas sen que poidan reclamar nada os acredores en canto a xuros e outros conceptos. Para o exercicio desta opción, os acredores deberán dirixirse á comisión de seguimento que se constituirá.

Terceiro.-Todos aqueles acredores que figuren como parte denunciante nas dilixencias previas número 149/1994 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Ferrol, gozarán da forma de pagamento que con carácter xeral se establece nas cláusulas anteriores, coa particularidade de que, se perciben algunhas cantidades derivadas da resolución do dito procedemento penal, deberán entregarlle á Sociedade Cooperativa Limitada Agraria de Covas, Esmelle e Marmacón, as cantidades percibidas desta polos pagamentos establecidos anteriormente. As cantidades que, se é o caso, perciban estes acredores derivadas do citado procedemento penal, reducirán na mesma cantidade o crédito que manteñen os ditos acredores coa Sociedade Cooperativa, sen que poidan reclamar nada os acredores en canto a xuros ou outros conceptos.

Cuarto.-Firme que sexa o convenio, a entidade suspensa continuará co pleno exercicio das súas actividades e funcións propias do seu obxecto social, a través dos órganos de representación, administración e goberno que as leis e os seus propios estatutos determinan, e daralle conta trimestralmente da marcha da actividade á comisión de seguimento que se crea.

Quinto.-A comisión de seguimento informará os acredores, dentro dos seis primeiros meses de cada ano, da evolución da Sociedade Cooperativa Limitada

Agraria de Covas, Esmelle e Marmacón, cos datos precisos para tal fin.

Sexto.-A comisión de seguimento estará formada polos seguintes membros:

-O presidente do consello rector da Sociedade Cooperativa Limitada Agraria de Covas, Esmelle e Marmacón.

-Dous interventores xudiciais nomeados no expediente de suspensión de pagamentos, Daniel Mejuto Trasmonte e Rafael Rodríguez Alves.

-Dous acredores dos que figuran na lista definitiva, nomeados polos anteriores.

Sétimo.-A comisión de seguimento poderá convoca-la xunta extraxudicial de acredores se se aprecia falta de rendibilidade na actividade empresarial da entidade ou por calquera outra circunstancia que afecte de maneira grave e directa os intereses dos acredores.

De considera-la comisión de seguimento a necesidade de celebración de xunta extraxudicial de acredores, a convocatoria realizarase mediante carta certificada na que se indicará a data e lugar na que se celebrará, e requirirase para a validez dos seus acredores o voto favorable da maioría simple do capital asistente á xunta.

Oitavo.-No suposto de que se acorde a liquidación da sociedade, a mencionada comisión de seguimento converterase en comisión liquidadora e incrementarase o número de membros en dous máis, que serán elixidos pola xunta extraxudicial de acredores.

A comisión liquidadora gozará das máis amplas facultades para a realización dos bens que compoñen o activo da sociedade cooperativa e distribuirá o seu importe activo entre tódolos acredores en proporción ós seus respectivos créditos, para iso, a Sociedade Cooperativa Limitada Agraria de Covas, Esmelle e Marmacón comprométese a outorgarlles poder ós membros da comisión para este fin.

Noveno.- Nos supostos de renuncia ou baixa por calquera motivo dalgún dos membros das distintas comisións, os restantes elixirán quen o substitúa no prazo dunha semana desde que a vacante sexa coñecida».

E para que sirva de notificación para os fins acordados na providencia transcrita, expido e asino o presente edicto en Ferrol o vinteún de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

María José González Movilla

Maxistrada-xuíza

95-6553