Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 13 de outubro de 1995 Páx. 7.599

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 1995, da Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental, pola que se incoa expediente para a declaración da delimitación do contorno da igrexa monasterial de Santiago de Barbadelo, no concello de Sarria (Lugo).

Por Real decreto do 7 de novembro de 1980 (BOE do 10 de decembro) foi declarado ben de interese cultural, con categoría de monumento histórico artístico, a igrexa monasterial de Santiago de Barbadelo, concello de Sarria, Lugo.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, de 25 de xuño, do patrimonio histórico español, cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno.

En consecuencia e vistos os informes dos servicios técnicos e órganos consultivos, favorables á incoación do expediente para a declaración da delimitación do contorno da igrexa monasterial de Santiago de Barbadelo, concello de Sarria, Lugo, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Ter por incoado expediente para declaración da delimitación do contorno da igrexa monasterial de Santiago de Barbadelo, Sarria, Lugo.

Protexer este monumento e a zona afectada pola incoación, resultando a súa delimitación a seguinte:

O punto 1 da liña de delimitación do contorno da igrexa monasterial de Santiago de Barbadelo queda definido no eixo da estrada entre Vilei e Rente no seu cruzamento co vial de acceso ó lugar de Loureiro.

Este punto únese co 2, seguindo o eixo do vial antes mencionado en Loureiro.

Continúa a delimitación en dirección oeste polos lindes sur das parcelas catastrais 557-a, 557, 556, 555, 549, 548 e 547 ata chegar ó punto 3, situado no cruzamento entre o vial de acceso ó lugar de San Silvestre e a estrada de Vilei a Rente.

Seguindo o eixo desta estrada, en dirección oeste, ata o lugar de Rente, atópase o punto 4.

A liña continúa, en dirección sur, coincidindo co eixo dun camiño sen pavimentar, ata o punto 5, situado no lugar de Devesa. As edificacións que existen aquí inclúense dentro da delimitación.

Seguindo o camiño que une Devesa con Mosteiro atópase o punto 6.

A partir deste, tomando dirección sueste, percorre o linde entre as parcelas catastrais 349-c e 349-d, o linde sur da parcela 349-c e o oeste da 349-g, continuando polo sur das 717, 928, 165, 164, 166, 167, 667, 668, 669 e 665, ata chegar ó punto 7, situado no eixo do camiño que une Mosteiro con Surriba.

Continúa en dirección leste por camiño ata o punto 8, onde cambia (seguindo o vial) de dirección cara o norte ata o punto 9.

A partir deste punto, a liña segue polo linde leste das parcelas catastrais 752, 750, 751, 753 e o norte da 759, ata chegar de novo á estrada de acceso a Surriba, continuando polo eixo da estrada ata pecharse no punto 1.

Segundo.-Segui-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Terceiro.-Dar traslado da resolución ó alcalde de Sarria e notificarlle que o outorgamento das novas licencias de obras, e a execución das xa concedidas, antes de incoarse o expediente, precisarán resolución

favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental.

Cuarto.-Notificarlle a presente resolución ó bispado de Lugo, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural do Ministerio de Cultura e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Quinto.-Que a presente resolución sexa publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 1995.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Histórico e Documental

95-06489