Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Venres, 06 de outubro de 1995 Páx. 7.463

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 1995, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector do comercio de alimentación.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do comercio de alimentación (código 2700155), da provincia de Lugo, asinado o 3 de xullo de 1995, polas representacións da asociación de empresarios do sector e das centrais sindicais UGT, CC.OO., CIG e USO, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Lugo, 3 de agosto de 1995.

Dto. 13/1994, de 20 de enero

Carlota Novo Ríos

Secretaria provincial de Lugo

ACTA

Asistentes

Pola parte empresarial

Asociación de Empresarios Maioristas de Alimentación de Lugo.

Juan Bautista Prado Carreira.

Manuel Fernández Santos.

Cesáreo López Beltrán.

Manuel Rodríguez.

Luis García Cobreros.

Severino Prado Casal.

Antonio Domingo Tudo.

Rafael Souto Outeda

Polas centrais sindicais

UGT (3)

Ricardo Varela Sánchez.

Fernando Teijeiro Valledor.

Carmen Basadre Vázquez.

CC.OO. (2)

Anselmo Sampedro Ania.

Manuel Núñez.

CIG (3)

Ofelio Alonso García.

Mª Carmen Antas Pérez.

Ignacio Javier García Gómez.

USO (5)

Virginia Alonso González.

Elena Fernández López.

Jesús Cantero Pérez.

Manuel Belver Belver.

Manuel Expósito López.

En Lugo, sendo as 17.30 horas do día 3 de xullo de 1995, reúnense nos locais da CEL (rúa San Froilán, nº 5, Lugo) as persoas na marxe relacionadas, todas elas integrantes da comisión negociadora do convenio colectivo do comercio da alimentación da provincia de Lugo, adoptando os seguintes acordos:

Primeiro.-Aproba-lo texto do convenio colectivo provincial de comercio de alimentación da provincia de Lugo, que se anexa á presente acta, para o cal as partes contan coa capacidade legal necesaria, tal e como se expresa na acta de constitución da comisión negociadora.

Segundo.-Ámbalas dúas partes acordan remiti-la presente acta á autoridade laboral pertinente para os efectos da súa aprobación e publicación.

E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión á que corresponde a presente acta que os asistentes asinan, en proba de conformidade, no lugar e data indicados no encabezamento.

Texto articulado do convenio colectivo provincial para o comercio de alimentacion de Lugo

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio é de aplicación para tódalas empresas dedicadas á actividade de comercio de alimentación, almacenistas, distribuidores de alimentación e retallistas (como economatos, chacinería, etc.).

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidos neste convenio tódolos traballadores das empresas incluídas no seu ámbito funcional, agás os menores de 16 anos, a contratación das cales queda prohibida.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

A vixencia deste convenio colectivo de traballo será desde o 1 de xaneiro de 1995 ó 31 de decembro de 1996, con independencia da súa publicación no BOP.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As disposicións do presente convenio rexerán para as empresas e os seus traballadores que teñan centro de traballo en Lugo e a súa provincia.

Artigo 5º.-Denuncia.

O convenio prorrogarase por períodos anuais ó non denunciarse, por calquera das partes, con antelación de 3 meses respecto da data da súa finalización.

Artigo 6º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles no cómputo anual conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma.

Artigo 7º.-Comité mixto paritario.

Constituirase un comité mixto paritario entre as partes asinantes deste convenio, integrado por cinco membros da asociación, dous de Unión Sindical Obreira, un de Unión Xeral de Traballadores, un de Comisións Obreiras e un de Converxencia Intersindical Galega.

O comité cumprirá as funcións de aplicación do pactado, así como o seu seguimento. No caso de desacordo, sométese á competencia do SMAC e da xurisdicción competente.

Artigo 8º.-Vinculación á totalidade.

No suposto de que a autoridade laboral estimase que o convenio conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente intereses de terceiros e dirixira oficio á xurisdicción competente, co obxecto de corrixi-las supostas anomalías e como queira que este convenio na súa redacción actual constitúe un todo orgánico indivisible, terase por totalmente ineficaz debendo reconsiderarse o seu contido íntegro pola comisión negociadora.

Artigo 9º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral durante a vixencia do presente convenio será de 1.826 horas, 27 minutos de traballo efectivo, en cómputo anual.

Artigo 10º.-Vacacións.

O persoal comprendido neste convenio gozará dun período anual de vacacións de 30 días naturais.

A retribución correspondente ó período total de vacacións estará constituído polo salario base e antigüidade.

Artigo 11º.-Inasistencia retribuída.

Nos supostos taxativamente previstos no artigo 37 apartado 3, 4 e 5 do Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no artigo 56 da vixente ordenanza de traballo de comercio, o traballador percibirá durante a súa ausencia, dentro da marxe que para este sinalan os ditos preceptos, o soldo base e aumentos por anos de servicio que conforme a súa categoría profesional correspondese polo convenio.

No suposto do artigo 56 c) da vixente ordenanza, establécense tres días de inasistencia retribuída, ampliables a cinco se é necesario desprazamento fóra da provincia.

Artigo 12º.-Salario base.

Comprende as retribucións que en xornada normal de traballo figuran na táboa de salarios do anexo,

con vixencia desde 1 de xaneiro a 31 de decembro de 1995.

Para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e 31 de decembro de 1996, as táboas salariais correspondentes a 1995 incrementaranse nun 4%.

Artigo 13º.-Aumentos por anos de servicio.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio, consistentes no aboamento de cuadrienios ó 5% do salario base vixente en cada momento.

Cando o traballador ascenda de categoría profesional adicionaráselle ó soldo base da nova categoría, o número de cuadrienios que viñese desfrutando, calculándose a contía destes de acordo coa nova categoría alcanzada.

A data inicial para o cómputo de aumentos por ano de servicio será a de ingreso na empresa, incluído o tempo de aprendizaxe.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e 25 de xullo serán equivalente, cada unha delas, ó importe dunha mensualidade, e aboaranse os días 22 de decembro e 22 de xullo, respectivamente.

Cada gratificación estará constituída polo salario base e os aumentos por ano de servicio que cada categoría profesional estableza no cadro de salarios anexo ó presente convenio.

O importe das ditas gratificacións será prorrogable en proporción ó tempo de traballo, computándose como tal o correspondente a enfermidade xustificada, accidente de traballo, vacacións e outros servicios retribuídos.

Así mesmo, o persoal que levase dous anos prestando servicios na empresa, ó tempo de ser incorporado ó servicio militar ten dereito a percibir, como se estivese presente no traballo, o importe das ditas gratificacións.

Artigo 15º.-Gratificacións en función das vendas ou beneficios.

O importe das gratificacións a que se refire o artigo 44 da vixente ordenanza de traballo no comercio, será como mínimo de unha mensualidade ó ano, abonándose a razón do salario base e aumento por ano de servicio. A dita gratificación aboarase dentro do primeiro trimestre de cada ano e o seu importe será proporcional ó tempo de traballo durante o mesmo computándose como tal, o correspondente á enfermidade xustificada, permisos retribuídos e baixa por accidente de traballo.

Artigo 16º.-Promoción cultural.

Con esta finalidade as empresas aboaranlles ós seus traballadores media mensualidade por ano de traballo.

O seu aboamento efectuarase dentro da primeira quincena do mes de outubro e o seu cálculo farase sobre o salario base máis antigüidade; esta media mensualidade en concepto de promoción cultural terá carácter extrasalarial e polo tanto non será cotizable para os efectos de Seguridade Social.

Artigo 17º.-Compensación por enfermidade ou accidente de traballo.

As empresas completarán as prestacións por IT ata o cen por cen do salario real nos seguintes casos:

a) Hospitalización do traballador, desde que comece ata que remate esta.

b) Accidente de traballo e enfermidade profesional, desde o día seguinte ó inicio da baixa.

Artigo 18º.-Axuda por xubilación.

As empresas concederanlles un complemento de xubilación a aqueles traballadores que, con dez anos como mínimo de antigüidade nela, se xubilen durante a vixencia do convenio.

Por xubilación voluntaria ós 59 anos, 13 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 60 anos, 12 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 61 anos, 11 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 62 anos, 10 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 63 anos, 9 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 64 anos, 7 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 65 anos, 1 mensualidade.

Para a percepción terá que solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade correspondente. Se cumpridos os 64 anos de idade e seis meses máis o traballador non solicitase a xubilación, perderá o dereito a este complemento.

Artigo 19º.-Sobresoldo de transporte.

Establécese un sobresoldo de transporte para tódolos traballadores afectados polo presente convenio, na contía de 330 ptas. por día de traballo efectivo. Este sobresoldo de transporte terá carácter extrasalarial e polo tanto non será cotizable para os efectos de Seguridade Social.

Artigo 20º.-Quebranto de moeda.

Aqueles traballadores que teñan a responsabilidade de efectuar operacións monetarias fóra da empresa, e os auxiliares de caixa, terán unha compensación de 2.500 ptas. mensuais por quebranto de moeda. Esta compensación económica terá carácter extrasalarial e polo tanto non será cotizable para os efectos de Seguridade Social.

Artigo 21º.-Traballo en domingos e festivos.

Aqueles productores que traballen en domingos e festivos percibirán unha retribución, incluído o salario habitual, de 7.500 ptas. por cada xornada completa.

Artigo 22º.-Modalidades de contratación.

A) Contratos de aprendizaxe. Poderanse celebrar contratos de aprendizaxe con traballadores maiores de dezaseis anos e menores de vintecinco anos.

O salario de contratación destes traballadores será igual ó 70%, 80% e 90% do salario base da súa categoría durante, respectivametne, o primeiro, o segundo e o terceiro ano de vixencia do contrato.

B) Contratos en prácticas. A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 70% ou do 85% do salario base da súa categoría profesional durante, respectivamente, o primeiro e o segundo ano de vixencia do contrato.

C) Contratos de duración determinada regulados no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Estes contratos poderán ter unha duración máxima de doce meses, dentro dun período de catorce meses.

Artigo 23º.-Delimitacións da función do conductor.

Chofer de 1ª. É o traballador que, cos coñecementos e permisos necesarios, conduce vehículos para o manexo dos cales se esixe permiso de conducir de 1ª especial ou 1ª, coida da conservación del, debendo repara-las pequenas avarías tanto en ruta como no garaxe, transporta, cobra e factura as mercadorías de acordo coas instruccións que reciba, debendo participar na carga e descarga.

Chofer de 2ª. É o traballador que cos coñecementos e permisos necesarios conduce vehículos para o manexo dos cales se esixe o permiso de conducir de 2ª ou 3ª clase; coida da conservación del, debendo repara-las pequenas avarías tanto en ruta como no garaxe, transporta, reparte, cobra e factura as mercadorías de acordo coas instruccións que reciba, debendo participar na carga e descarga.

O conductor de 1ª terá categoría de oficial de 1ª e o de 2ª, de oficial de 2ª.

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

As empresas poñerán á disposición dos comités de empresa ou delegados de persoal o oportuno taboleiro de anuncios para uso sen prexuízo de poder mantelo para outros nos que así se teña autorizado.

As empresas poderán deducir, a través da nómina, as cotas correspondentes ós afiliados das centrais sindicais asinantes do presente convenio. Os interesados deberán solicitalo por escrito á dirección da empresa.

Artigo 25º.-Revisión de táboas salariais. Ano 1995.

No suposto de que o IPC real estatal a 31 de decembro de 1995 rexistrase un incremento superior a 4,6 puntos, no mes de xaneiro de 1996 efectuarase unha revisión das táboas salariais, no exceso sobre a cifra

indicada, con efecto retroactivo desde xaneiro de 1995, e que servirá de base para a fixación das táboas salariais de 1996.

Artigo 26º.-Póliza de seguros.

As empresas, a partir do mes seguinte ó da publicación do presente convenio, estarán obrigadas a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, unha póliza de seguros que cubra nos casos de accidente laboral con resultado de morte, 2.750.000 ptas. de indemnización, e con resultado de invalidez permanente total, absoluta e grande invalidez 3.250.000 ptas.

A referida póliza soamente abranguerá os procesos iniciados a partir da súa vixencia e validez.

Para os efectos deste artigo, a cualificación de accidente de traballo e o grao de invalidez, será a que fixen os órganos administrativos ou, se fose o caso, xurisdiccionais competentes.

As indemnizacións que sexan percibidas polos traballadores con cargo á póliza que se regula neste artigo, consideraranse entregadas a conta das indemnizacións que, se fose o caso, puidesen declarar con cargo á empresa, compensándose ata onde aquelas alcancen.

As cuantías en que se incrementarán as indemnizacións fixadas neste convenio, respecto das do ano anterior, entrarán en vigor no termo de 30 días a partir da publicación deste convenio no Diario Oficial de Galicia, prazo do que disporán as empresas para actualiza-las referidas contías nas súas pólizas.

Artigo 27º.-Clasificación do persoal.

O persoal ó servicio das empresas afectadas por este convenio colectivo queda encadrado nalgúns dos seguintes grupos profesionais en función das súas titulacións académicas, aptitudes profesionais e contido xeral da prestación laboral requirida.

As definicións contidas para cada grupo profesional non son exhaustivas, serán meramente enunciativas:

Grupo I: están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que coordinan, dirixen, establecen e crean políticas xerais, prácticas normativas e procedementos amplos, cun alto grao de autonomía a partir de directrices xerais. Exercen a supervisión a través de mandos intermedios co fin de consegui-los obxectivos operacionais marcados.

Grupo II: están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que desenvolvan a súa actividade baixo especificacións precisas e con certo grao de autonomía, podendo coordina-lo traballo dun equipo, para o que se require unha certa pericia ou habilidade sistemática en actividades e/ou procesos técnicos, comerciais, informáticos ou administrativos, estando ou non estandarizados.

Grupo III: están comprendidos neste grupo aqueles traballadores en postos que se executan baixo instruccións concretas con dependencia xerárquica e funcional total. Esixe o coñecemento total do seu oficio e as funcións poden implicar incomodidade temporal ou esforzo físico.

TÁBOA SALARIAL CONVENIO COLECTIVO DE ALIMENTACIÓN DE LUGO

VIXENCIA 1-1-1995 Ó 31-12-1995

Categoría profesionalSoldo

mensual

Retribuc.

anual

Grupo I
Director99.6041.628.850
Encargado xeral93.3121.531.307

Grupo II
Xefe de división94.5691.550.826
Xefe de persoal93.3121.531.307
Xefe de compras93.3121.531.307
Xefe de vendas93.3121.531.307
Xefe de sección90.1991.483.075
Xefe de sucursal ou supermercado87.5391.441.834
Xefe de almacén87.5391.441.834
Xefe de grupo87.5391.441.834
Encargado establecemento, vendedor, comprador82.8001.368.398
Xefe administrativo89.3371.453.129
Xefe de sección administrativa85.7381.413.951
Xefe de sección servicios84.5421.395.380

Grupo III
Corredor de praza ou vixilante81.2381.344.193
Dependente82.4221.362.521
Dependente maior88.2131.452.306
Axudante75.5411.256.042
Contable83.4251.378.042
Oficial administrativo ou operador de máquinas contables82.4221.362.521
Auxiliar administrativo ou perforista75.4191.254.000
Profesional de oficio de 1ª80.2141.328.315
Profesional de oficio de 2ª78.2191.297.408
Mozo especializado75.4191.254.000
Mozo72.3291.206.084
Empaquetador72.3291.206.084
Cobrador79.4591.316.611
Vixilante, sereno, ordenanza, porteiro72.3291.206.084
Auxiliar de caixa73.7341.227.844

95-6260