Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Martes, 03 de outubro de 1995 Páx. 7.374

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 1995, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector do transporte de viaxeiros por estrada.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de transporte de viaxeiros por estrada (código 2700515), da provincia de Lugo, asinado o 21 de xuño de 1995, polas representacións da asociación de empresarios do sector e das centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Lugo, 11 de xullo de 1995.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de transportes de viaxeiros da provincia de Lugo para o ano 1995

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

As estipulacións do presente convenio obrigan a totalidade das empresas e traballadores/as dedicadas

a actividades do transporte de viaxeiros por estrada de Lugo, así como ó persoal que, en diante, forme parte dos cadros de persoal daquelas.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo regula as relacións laborais entre as empresas dedicadas ó transporte de viaxeiros na provincia de Lugo e ó persoal que nestas mesmas preste os seus servicios, quedando excluídos das diposicións deste convenio as persoas que desempeñan cargos de alta dirección a que se refire o vixente Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O presente convenio afecta a Lugo e provincia así como ós centros de traballo situados nesta, ainda que as empresas tiveran o seu domicilio social en provincia distinta.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

A vixencia do presente convenio colectivo será desde 1 de xaneiro de l995 ó 31 de decembro de 1995.

Artigo 5º.-Denuncia.

Rematada a vixencia do presente convenio colectivo, enténdese este automaticamente denunciado, sen necesidade de formalidade ningunha.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas, forman un todo orgánico e indivisible e para os efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

En caso de nulidade parcial por modificación de calquera das condicións quedara a súa totalidade, sen eficacia práctica; e deberá renegociarse todo o seu contido, quedando en tanto vixente o anterior convenio.

Artigo 7º.-Absorción e compensación.

Tódalas melloras contidas neste convenio, teñen o carácter de mínimas, dentro das condicións pactadas, respectaranse as situacións que impliquen para o/a traballador/a condicións máis beneficiosas cás convidas manténdose ad personam, en canto excedan das pactadas.

En ningún caso serán absorbibles polas melloras estipuladas neste convenio, os suplidos por gastos que as empresas veñan satisfacendo ós/ás seus/súas traballadores/as.

Artigo 8º.-Lexislación supletoria.

Tódolos aspectos que non estean desenvolvidos no presente convenio colectivo estarán ó abeiro do Estatuto dos traballadores, Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, convenio da OIT número 153, regulamento da CEE número 3820/1985 como norma supletoria e demáis disposicións legais de xeral aplicación. A ordenanza laboral de transportes por estrada, asumirase como corpo do convenio, podendo ser modificados estes aspectos, só se se acorda entrámbalas dúas partes en convenios posteriores.

Artigo 9º.-Xornada de traballo para o persoal de movemento.

A xornada ordinaria de traballo, será de l.8l6 horas anuais, en cómputo trimestral de 454 horas, considerándose como horas extraordinarias as que excedan de dita xornada; respectándose, en todo caso, a normativa vixente en materia de conducción.

O tempo total de conducción non poderá exceder de nove horas diarias, salvo dúas veces por semana, que poden chegar a dez horas, sendo de aplicación os regulamentos da CEE 3820/1985 e 3821/1985, así como o Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo.

Descanso diario: once horas consecutivas, non obstante, pode reducirse o descanso diario de once a nove horas, tres veces por semana, pero á semana seguinte haberá de compensa-lo descanso non tomado. Tamén o descanso de once horas se pode substituír por un descanso tomado en dous ou tres períodos durante as 24 horas, sendo un dos períodos, como mínimo, de oito horas, entón o descanso diario pasa a doce horas.

Nos transportes interurbanos, ningún/unha traballador/a poderá conducir de forma ininterrompida máis de catro horas sen facer unha pausa, salvo que a conducción de media hora máis lle permita a chegada ó punto de destino.

A duración mínima da pausa será de trinta minutos, e pode ser susceptible de fraccionamento ó longo do tempo de conducción.

O posible exceso de horas de traballo efectivo no cómputo inferior ó trimestre, poderá compensarse có tempo de descanso non tendo a consideración de extraordinarias sempre que non excedan da xornada establecida en cómputo trimestral.

Artigo 10º.-Definición do tempo de traballo.

1. Para o persoal en movemento.

a) Traballo efectivo:

-A conducción durante a circulación do vehículo.

-Os traballos auxiliares que efectúen en relación co vehículo, os viaxeiros ou súa carga.

b) Tempo de presencia:

Será tempo de presencia aquel período de xornada no que o/a traballador/a, aínda que non preste traballo efectivo, se atope a disposición da empresa, tanto nos locais como no vehículo.

Terán a consideración de tempo de presencia en relación co disposto no artigo 9.lº do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, as gardas, reténs, expectativa, avarías (sempre que non participe de forma efectiva e material), esperas, xantares en ruta e outras similares nas que o/a traballador/a, aínda que non preste traballo efectivo, se atope a disposición da empresa.

O tempo de presencia non excederá de 40 horas bisemanais.

As horas de presencia non se computarán para os efectos de horas extraordinarias, sen prexuízo de que a súa remuneración sexa de igual contía que as horas ordinarias. Poderán, non embargantes, computarse para os efectos de xornada cando se realicen menos horas de traballo efectivo que as legalmente autorizadas, neste caso poderán ser computadas para completa-la xornada.

c) Tempo de espera:

Terá a consideración de tempo de espera aquel no que o traballador non está suxeito á vixilancia do vehículo, nas localidades que non sexan principio e fin de traxecto.

Computarase o 50% e aboarase como o tempo de presencia. Considerarase que o/a traballador/a non está suxeito a vixilancia do vehículo, cando poida dispoñer libremente do seu tempo por non acharse á disposición de empresa.

As esperas en localidades de principio ou fin de traxecto, fora da residencia do/a traballador/a ou do lugar da sua toma habitual do servicio, non computaran para os efectos de xornada, nin como traballo efectivo, nin como tempo de presencia.

2. Para o resto do persoal.

O tempo de traballo computarase de xeito que tanto ó comenzo como ó remate da xornada diaria, o traballador se atope no seu posto de traballo.

Artigo 11º.-Descanso semanal e festivo.

Os/As traballadores/as terán dereito a un descanso mínimo semanal de día e medio ininterrompido, que, por acordo ou pacto entre empresa e traballadores/as, poderá acumularse mensualmente.

As festas laborais que terán caracter retribuído e non recuperable, serán de catorce o ano, das cales dúas serán locais.

Cando excepcionalmente e por razons técnicas ou organizativas, non se puidese gozar do día de festa correspondente ou se é o caso do descanso semanal, a empresa, poderá optar entre proporcionar un descanso compensatorio ó traballador/a dentro dos 30 días seguintes, ou aboarlle os salarios correspondentes cun incremento do 75%.

Artigo 12º.-Vacacións.

Os/As traballadores/as afectados por este convenio colectivo gozarán de 30 días naturais de vacacións, dentro do ano natural, sen distinción de antigüidade ou categoría profesional, de acordo coa normativa laboral vixente.

Para os/as traballadores/as que ingresen ou finalicen o seu contrato no transcurso do ano, ratearanse os días de vacacións en función do tempo de prestación de servicios.

As empresas e os representantes legais dos/as traballadores/as, en ausencia destes os/as propios/as traballadores/as, procurarán pactar un calendario de vacacións nos tres primeiros meses do ano.

Artigo 13º.-Licencias retribuídas.

O/A traballador/a, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais no caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemente de fillo ou enfermidade grave, ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para tal efecto o prazo será de catro días.

c) Un día por matrimonio de pais ou fillos do traballador.

d) Un día por traslado do domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de caracter público e persoal, coas peculiaridades que establece o Estatuto dos traballadores e demáis disposicións de aplicación.

Artigo 14º.-Formación profesional.

De maneira unánime vense recoñecendo a formación profesional continua dos/as traballadores/as ocupados, un valor estratéxico para mellora-la competitividade das empresas, por todo isto, e en cumprimento e desenvolvemento do acordo nacional sobre formación continua, subscrito o 16 de decembro de 1992, as partes acordan:

-Creación dunha comisión mixta paritaria no ámbito contractual, para a aplicación, seguimento e desenvolvemento do acordo mencionado anteriormente.

-A vixencia desta comisión será a da vixencia do acordo.

-As súas funcións serán:

a) A promoción de planes, organización, xestión, distribución de fondos, se é o caso, execución das accións formativas e xustificación destas, así como a regulación e concesión de permisos para a formación, previstos no texto do acordo nacional.

b) Calquera outras funcións que as partes acorden por unanimidade.

-No prazo de un mes, desde a asinatura do convenio, deberase substituí-la citada comisión, e dotarse das súas propias normas de funcionamento.

-De acordo co previsto na disposición derradeira primeira do acordo nacional sobre formación continua procédese a súa insercción como anexo ó presunto convenio colectivo.

Artigo 15º.-Permiso de conducir.

Os/As conductores/as a quen, como consecuencia de conducir un vehículo da empresa por orde e conta desta, se lles retire o seu permiso de conducción por tempo non superior a 182 días acoplaranse durante este tempo a outro traballo, aínda que sexa de categoría laboral inferior, nalgúns dos servicios de que dispoña

a empresa e seguirá percibindo o salario que lle corresponda a súa categoría.

O disposto no presente artigo non será de aplicación nos casos de reincidencia dentro da vixencia do convenio, quedarán excluídos deste beneficio os conductores que se visen privados do permiso de conducir como consecuencia do consumo de drogas ou da inxestión de bebidas alcohólicas no exceso sobre o permitido pola lei.

Artigo 16º.-Compensación en caso de baixa por accidente.

As empresas completarán a diferencia entre a compensación percibida con cargo a Seguridade Social por incapacidade laboral transitoria, e o salario base deste convenio cando aquela estea motivada por accidente de traballo con hospitalización; no caso de non producirse hospitalización, o complemento citado abonarase cun máximo de 50 días.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

As empresas comprendidas no ámbito funcional deste convenio, concertarán as seguintes pólizas:

a) Persoal en movemento.

Para estes traballadores/as haberá que aterse á póliza de seguros que establece a lei e o Regulamento do seguro obrigatorio de viaxeiros, sendo a contía desta, en caso de morte 6.000.000 de pesetas e de 7.000.000 de pesetas no caso de invalidez permanente, nos supostos de accidente producidos no autocar.

b) Resto do persoal.

Exclusivamente para o persoal de non movemento, unha póliza de seguros cunha entidade aseguradora que cubra a contía de 2.000.000 de pesetas en caso de morte por accidente laboral e de 3.500.000 pesetas no caso de invalidez permanente absoluta, derivada así mesmo de accidente laboral.

Artigo 18º.-Gastos de traslado por falecemento en accidente de traballo ou incapacidade do traballador.

No caso de que un traballador, en comisión de servicio fora da súa residencia habitual, faleza ou quede imposibilitado para volver á súa residencia, a empresa farase cargo do traslado ata o seu domicilio acompañado de dous familiares, no caso de que estes gastos non estivesen cubertos por un seguro ou fosen imputables a terceiros.

Artigo 19º-Xubilación anticipada.

Os/As traballadores/as que, con dez anos de antigüidade como mínimo na empresa, decidan xubilarse, de forma anticipada, sempre e cando exista voluntariamente acordo entrambos, percibirán unha gratificación mínima consistente nas contías seguintes:

-Ós 60 anos de idade: 1.216.555 pesetas.

-Ós 61 anos de idade: 1.015.365 pesetas.

-Ós 62 anos de idade: 828.292 pesetas.

-Ós 63 anos de idade: 737.698 pesetas.

A solicitude deberá efectuala o/a traballador/a con un mes de antelación ó cumprimento da idade na que pretende acollerse a estes beneficios.

A xubilación será forzosa ó cumpri-lo traballador/a os 65 anos sen excepción, sempre que reúna os requisitos esixidos pola Seguridad Social sobre períodos de carencia, en atención ás melloras e condicións pactadas neste convenio.

Sempre que exista acordo previo e para cada caso concreto, entre empresas e traballador, este poderá acollerse á xubilación anticipada ós 64 anos que regula o Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

Artigo 20º.-Servicio militar.

Cando un traballador teña que incorporarse ó servicio militar obrigatorio, a contía que a empresa haberá de aboarlle en concepto de paga de beneficios e 50% das pagas de xullo e Nadal, correspondente ó período do servicio militar, será de 152.250 pesetas, a que lle será feita efectiva pola empresa no momento de se incorporar a filas.

Artigo 21º.-Maternidade.

Excedencia: os/as traballadores/as terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos, para atender o cuidado de cada fillo, a contar desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá remate ó que se viñera desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercitar este dereito.

Durante o primeiro ano, a partir do inicio de cada situación de excedencia, o/a traballador/a terá dereito á reserva do seu posto de traballo e a que dito período lle sexa computado para efectos de antigüidade. Rematado este, e ata a finalización do período de excedencia, serán de aplicación, salvo pacto colectivo ou individual en contrario, as normas que regulan a excedencia voluntaria.

Suspensión: no suposto de parto, a suspensión terá unha duración de 16 semanas ininterrompidas, ampliables por parto múltiple ata 18 semanas. O período de suspensión distribuirase por opción da interesada, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, podendo facer uso destas o pai para o coidado do fillo, no caso de falecemento da nai.

No non previsto estarase ó disposto no artigo 48.4º do Estatuto dos traballadores e a Lei 3/1989, do 3 de marzo, en canto o seu contido que modifique normas de carácter laboral.

Lactación: as traballadoras, por lactación dun fillo máis de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. A muller, pola sua vontade poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal

en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou polo pai, no caso de que ámbolos dous traballen.

Artigo 22º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa.

1. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó computo da antigüedadede da súa vixencia, concedérase:

a) Pola designación ou elección para dun cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

b) Ós que ostenten cargos electivos a nivel provincial, autonómico ou estatal nas organizacións sindicais máis representativas, que así mesmo imposibiliten a asistencia ó traballo.

O reigreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público ou sindical.

2. O/A traballador/a, con polo menos unha antigüidade na empresa de un ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito, só poderá ser exercitado outra vez polo/a mesmo/a traballador/a se transcurriron catro anos desde o final da anterior excedencia.

O/A traballador/a excedente conserva só un dereito preferente de reigreso nas vacantes de igual ou semellante categoría á súa, que houbese ou se producisen na empresa.

Artigo 23º.-Viaxes para xubilados.

O persoal xubilado polas empresas do presente convenio terá dereito a oito viaxes ó ano, incluído o seu conxuxe, nos servicios da empresa na que prestase os seus servicios no momento da súa xubilación. Para tal efecto, as empresas afectadas extenderán os correspondentes pases ós beneficiarios que os soliciten.

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

Tódalas empresas, a parte do uniforme que entregarán ós seus traballadores/as, entregarán especialmente ó persoal de taller, as seguintes pezas de roupa ó ano cómo mínimo: dúas fundas e calzado adecuado cando o traballo o requira. Os/As conductores/as que realicen viaxes interurbanas percibirán unha funda ó ano.

Artigo 25º.-Salarios.

A suba das táboas salariais, establécense nun 4,20% e constan na táboa salarial anexa.

Artigo 26º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC (índice de prezos ó consumo) establecido polo INE, rexistrase ó 31 de decembro de 1995, un incremento superior ó 4,20 %, respecto ó vixente o 31 de decembro de 1994, efectuarase, automaticamente, unha revisión salarial tan pronto se constate oficialmente esta circunstancia, na contía exacta do exceso porcentual sobre o citado 4,20%.

Tal incremento aboarase con efectos do 1 de xaneiro de 1995 e para levalo a cabo tomaranse como referencias, os salarios ou táboas utilizadas para realiza-los aumentos pactados para 1995.

As cantidades resultantes aboaranse na nómina do mes seguinte á constatación oficial do índice motivador da revisión. Así mesmo, as diferencias salariais correspondentes á aplicación deste convenio desde o mes de xaneiro de 1995, aboaranse na nómina do mes seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27º.-Antigüidade.

Os/As traballadores/as, en función do tempo de permanencia na empresa, teñen dereito a unha proporción económica nos térmos seguintes:

-Con 2 anos, o 5% do salario base.

-Con 4 anos, o 10% do salario base.

-Con 9 anos, o 20% do salario base.

-Con 14 anos, o 25% do salario base.

-Con 15 anos, o 30% do salario base.

-Con 19 anos, o 40% do salario base.

-Con 24 anos, o 50% do salario base.

-Con 29 anos ou máis, o 60% do salario base.

Todo iso enténdese sen prexuízo dos dereitos adquiridos.

Artigo 28º.-Pagas extraordinarias.

Tódolos/las traballadores/as afectados polo presente convenio terán dereito a tres pagas extraordinarias de participación de beneficios, xullo e Nadal.

O importe de cada unha delas, será o correspondente a unha mensualidade equivalente a 30 días de salario máis antigüidade, e aboaranse respectivamente na segunda decena dos meses de marzo, xullo e decembro, salvo pacto en contrario.

Artigo 29º.-Horas extraordinarias.

Tendo en conta a existencia dun gran número de traballadores/as en paro tenderase a eliminación das horas extraordinarias. En calquera caso, as empresas terán que respectar escrupulosamente os topes existentes marcados pola lei, así mesmo o seu aboamento será segundo lei; en ningún caso o incremento será inferior ó 75% sobre o salario que corresponda a cada hora ordinaria.

Artigo 30º.-Plus de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza, terán unha retribución específica incrementada, como mínimo nun 25% sobre o salario base, proporcionalmente ó tempo traballado.

Artigo 31º.-Conductor-perceptor.

O conductor-perceptor cando desempeñe simultaneamente as función de conductor e cobrador

percibirá ademáis da remuneración correspondente a súa categoría, un complemento salarial dun 20% máis sobre o seu salario base por cada día que realice ambalas dúas funcións.

Ó cobro do referido 20% terá dereito o conductor-perceptor en razón, ó tempo desenvolvido no exercicio da súa función como tal conductor-perceptor, cunha distribución temporal que será facultativa pola empresa.

A empresa que non desexe que o conductor-perceptor efectúe as funcións de cobranza, poderá establece-la fórmula a aplicar, neste caso non percibirá a retribución por tal función.

Artigo 32º.-Plus de presencia.

Dada a dificultade de determina-las horas de presencia, no caso individual, as partes acordan, en aplicación do artigo 9.3º do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, un pagamento global destas de 7.379 ptas. mensuais, sempre e cando, sumando as horas efectivas, tempo de presencia e tempo de espera, supere a xornada laboral establecida, coa realización de horas de presencia e de espera, entendendo que o supera-la xornada laboral con horas efectivas dará lugar ó pagamento das correspondentes horas estructurais ou extraordinarias. Este plus non se aboará durante as vacacións e durante os períodos de baixa por enfermidade ou accidente, agás nos casos nos que a baixa sexa a consecuencia de accidente producido durante o tempo de traballo efectivo, presencia ou espera.

Artigo 33º.-Plus de transporte.

Establécese con carácter extrasalarial un plus de transporte para tódolos/las traballadores/as, en 2.710 ptas. ó mes.

Artigo 34º.-Axudas de custo.

As axudas de custo a satisfacer polo persoal que se despraza do seu lugar de residencia habitual por necesidades do servicio, serán as seguintes:

Servicios regulares: axuda de custo completa 3.545 ptas. desagregadas da seguinte maneira:

Xantar: 1.085 ptas.

Cea: 1.085 ptas.

Pasa-la noite: 1.375 ptas.

Servicios discreccionais: axuda de custo completa, para todo o territorio estatal e Portugal, 5.610 ptas., desagregadas da forma seguinte:

Xantar: 1.755 ptas.

Cea: 1.755 ptas.

Pasa-la noite: 2.100 ptas.

Para o estranxeiro, agás Portugal, a axuda de custo completa será de 8.200 ptas.

Artigo 35º.-Quebranto de moeda.

Queda establecido en 2.500 pesetas para todo o persoal que teña que manexar fondos ata 250.000

pesetas ó mes e en 2.850 pesetas para o persoal que manexe fondos desde 250.001 pesetas ó mes.

Artigo 36º.-Atrasos de convenio.

Como queira que o presente convenio para os efectos económicos se retrotrae o día 1 de xaneiro de l995, os atrasos deberán ser aboados polas empresas nun prazo máximo de 60 días a partir da sinatura deste acordo, independentemente da data de publicación no BOP.

Artigo 37º.-Seccións sindicais e delegados de persoal.

a) As partes asinantes de este convenio colectivo ratifican a sua condición de interlocutores válidos e se recoñecen así mesmo como tales para instrumentar a través das súas organizacións unhas relación laborais baseadas no respecto mutuo e tendentes a facilita-la resolución de cantos conflictos e problemas se susciten nas empresas do sector.

b) Os/As representantes sindicais poderán no ámbito da empresa ou do centro de traballo:

-Celebrar reunións trala notificación ó empresario, recadar cotas e distribuír información sindical fóra das horas de traballo e sen perturba-la actividade normal da empresa recibi-la información que lle remita o seu sindicato.

c) Co finalidade de facilita-la difusión daqueles avisos que poidan interesar ós afiliados e ós traballadores en xeral, a empresa porá á súa disposición no taboleiro de anuncios que se deberá situar dentro do centro de traballo nun lugar onde se garante un adecuado acceso a el dos traballadores.

d) Os que ostente cargos electivos, a nivel provincial, autonómico ou estatal, nas organizacións sindicais máis representativas, terán dereito a gozar dos permisos non retribuídos necesarios para o desenvolvemento das funcións sindicais propias do seu cargo, e poderanse establecer por acordo limitacións ó goze destes en función das necesidades do proceso productivo.

Artigo 38º.-Control de contratación.

Haberá que aterse ó disposto na Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, sobre os dereitos de información dos/das representates legais dos/as traballadores/as en materia de contratación.

Artigo 39º.-Competencia dos mebros de comités de empresa e delegados de persoal.

Sen prexuízo dos dereitos e facultades concedidos polas leis vixentes, recoñécese ós/ás representantes dos traballadores/as o dereito a seren informados pola dirección da empresa de:

1. Todos aqueles problemas de carácter colectivo que afecten ós/ás traballadores/as en xeral. Así mesmo, seran informados e oídos por la empresa con carácter previo nos seguintes casos:

-Restructuracións de cadro de persoal.

-Peches totais ou parciais definitivos ou temporais.

-Traslado de empresa total ou parcial.

-Implantación ou revisión de sistemas de organización de traballo.

-Fusión, absorción ou modificación do estatus xurídico da empresa.

-Sancións impostas a traballadores/as.

2. Toda a información facilitada polas partes, entenderase como materia reservada e viran obrigadas a gardar sixilo profesional.

Artigo 40º.-Acumulación de crédito horario.

O crédito horario retribuído, do que gozan os delegados de persoal ou membros do comité de empresa dunha mesma empresa, poderán acumularse nun ou varios deles/as, sempre que pertenzan a mesma central sindical, aínda que iso permita liberar a sua actividade laboral, total o parcialmente, a calquera deles/as.

O acordo de acumulación e a designación da persoa ou persoas ás que se lles vaia aplica-las horas retribuídas, comunicarase polo responsable do sindicato das listas ou siglas polas que foron elexidos os representantes dos traballadores que desexan acumula-las súas horas.

Artigo 41º.-Comisión paritaria.

Para interpreta-lo contido deste convenio, vixia-lo seu cumprimento ou exerce-las funcións de arbitraxe nos problemas ou funcións suscitados coma consecuencia da aplicación destes, noméase unha comisión paritaria, formada polas centrais sindicais e a organización empresarial asinantes do presente convenio, en número de seis por cada unha das partes.

A comisión paritaria reunirase por petición de calquera das partes, nun prazo máximo de dez días.

As funcións ou actividades da comisión mixta paritaria, serán previas pero en ningún caso obstruirán a competencia da xurisdicción laboral.

Disposición adicional.-Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución dos conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG as partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 42º.-Contratos de duración determinada.

Os contratos de duración determinada, regulados no artigo 15 b) do Estatuto dos traballadores, por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, poderán ter unha duración máxima de dez meses, dentro dun período de doce meses.

Táboas salariais ano 1995

CategoríaSalario

(mes/día)

Salario anual

Grupo I

Xefe de servicio134.9172.023.755
Inspector principal118.0801.771.200
Enxeñeiro e licenciado123.8711.858.065
Enxeñeiro técnico e auxiliar 94.9311.423.965
Axudante técnico sanitario 86.8601.302.900

Grupo II

Xefe de sección 98.4341.476.510
Xefe de negociado 91.4171.371.255
Oficial de primeira 85.6491.284.735
Oficial de segunda 81.3171.219.755
Auxiliar administrativo 80.7471.211.205
Aspirante 16 a 17 anos S.M.I.

Grupo III

Xefe de estación de primeira101.9441.529.160
Xefe de estación de segunda 97.2651.458.975
Xefe de Administración de 1ª102.2151.533.225
Xefe de Administración de 2ª 97.2671.459.005
Xefe de Admón. en ruta 93.0211.395.315
Vendedor de billetes 78.7861.181.790
Factor 2.6641.212.120
Encargado de consigna 78.7861.181.790
Repartidor de mercadorías 2.6111.188.005
Mozo 2.6111.188.005
Xefe de tráfico de primeira102.8181.542.270
Xefe de tráfico de segunda 97.2671.459.005
Xefe de tráfico de terceira 92.5851.388.775
Inspector 2.9291.332.695
Conductor 2.8761.308.580
Conductor-receptor 2.8761.308.580
Cobrador 2.6281.195.740
Encargado xeral de primeira 101.9441.529.160
Encargado de segunda 97.2671.459.005
Encargado de almacén 92.5871.388.805
Engraador lavacoches 2.6111.188.005
Garda de noite 2.6111.188.005
Garda de día 2.6111.188.005
Mozo 2.6111.188.005
Encargado de primeira101.9441.529.160
Encargado de segunda 97.2671.459.005
Engraador 2.6111.188.005
Mozo servicio 2.6111.188.005

Grupo IV

Xefe de taller106.5021.597.530
Encargado-contramestre 91.2401.368.600
Encargado de almacén 84.6671.270.005
Xefe de equipo 3.0431.384.565
Encargado xeral 89.1291.336.935
Ofic. 1ª ou conductor mecánico 2.9291.332.695
Oficial de segunda 2.7781.263.990
Oficial de terceira 2.6671.213.485
Mozo de taller 2.6111.188.005
Aprendiz de 1º, 2º, 3º e 4º ano S.M.I.

Grupo V

Cobrador de facturas 78.2231.173.345
Telefonista 78.2231.173.345
Porteiro 78.2231.173.345
Vixilante 78.2231.173.345
Recepcionista 2.6281.195.740
Limpadora (hora) 368
Mozo recados de 16 a 17 anos S.M.I.

9505589