Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Martes, 03 de outubro de 1995 Páx. 7.381

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 1995, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio interprovincial da empresa Leyma, Alimentos de Galicia, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito interprovincial da empresa Leyma, Alimentos de Galicia, S.A., que se subscribiu na data do 20 de xuño de 1995, entre a representación da empresa e a representación dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 2 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1995.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Texto do convenio colectivo de aplicación á empresa Leyma, Alimentos de Galicia, S.A.

Capítulo I

Disposicións xerais

Sección primeira

Extensión e vixencia

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio aplicarase no centro de traballo de Leyma, Alimentos de Galicia, S.A. da Coruña, Lugo e Pontevedra ou calquera que no sucesivo se estableza.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afectará a tódolos traballadores adscritos a esta empresa, tanto con carácter fixo como eventual. Todo o persoal obrigado a este convenio ten o deber de o cumprir e esixi-lo seu cumprimento.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio considérase en vigor ata o 31 de decembro de 1995 e prorrogarase de ano en ano, salvo o disposto no artigo seguinte.

A súa aplicación será inmediata á sinatura del, sexa cal for a data de publicación no boletín oficial.

Sección segunda

Revisión e rescisión

Artigo 4º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá formular denuncia, propoñendo revisión ou rescisión cunha antelación de

un mes, como mínimo, respecto á data da súa expiración, ou do período de vixencia de calquera das súas prórrogas.

Artigo 5º.-Incumprimento.

Todo o persoal afectado por este convenio poderá denuncia-lo seu incumprimento na totalidade ou parte del.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria composta por Alfonso López Pena e José Carlos Rodríguez Caamaño, por parte da empresa, e Manuel Cives García e Sergio Luis Bayolo Rodríguez, por parte dos traballadores, para resolver cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir entre as partes, en aplicación e interpretación deste convenio.

Sección terceira

Respecto de dereitos. Compensación e absorción

Artigo 7º

Respectaránselles a tódolos traballadores as situacións persoais actualmente consolidadas, en canto determinen maiores dereitos dos concedidos por este convenio respecto ás materias obxecto da súa regulación.

Artigo 8º

Sen prexuízo de que poidan estenderse a calquera situación as melloras establecidas no convenio, nin da facultade de as ampliar, a empresa, se viña aboando salarios superiores ós regulamentariamente esixidos, non estará obrigada a aplica-las elevacións que por estas estipulacións se fixen.

Así mesmo, as melloras establecidas neste convenio serán compensables ou absorbibles por calquera elevación salarial que por disposición legal puidese establecerse.

Capítulo II

Asignacións económicas

Artigo 9º

Os soldos base deste convenio son os que figuran no anexo adxunto. A táboa salarial enténdese para xornada completa en cada categoría profesional e posto de traballo.

Esta táboa salarial terá aplicación con efecto 1/1/1995.

Revisión salarial. Se con data 31 de decembro de 1995 o índice de prezos de consumo (IPC) fose superior ó 4% efectuarase unha revisión automática con carácter retroactivo ó 1/1/1995 polo exceso sobre a indicada cifra.

Artigo 10º

O total de horas de traballo durante o ano 1995 ascenderá a 1.826 horas.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Quinquenios ó 10% do salario do convenio, coa limitación contida no artigo 25.2º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Plus de axuda ó transporte.

Mantense en 100 ptas./día para todo tipo de persoal, sen distinción de categorías profesionais, tomando como base a xornada de traballo completa.

O citado plus cobrarase exclusivamente os días de asistencia ó traballo, non sendo computable en vacacións, ILT, permisos, etc.

Artigo 13º

Mantense o plus de compensación de traslado en 60 ptas. por día, facéndose extensivo a todo o persoal de alta na empresa anterior ó 1/6/1992.

Este plus cobrarase, ademais dos días de asistencia ó traballo, durante os períodos de ILT, non sendo computable en vacacións.

Artigo 14º

Mantense o plus de vestiario, de aplicación a todo o persoal, cunha contía para o presente ano de 2.656 ptas. ó mes. Este plus non se aboará nas pagas extraordinarias.

Artigo 15º

Mantéñense as tres gratificacións extraordinarias que se veñen satisfacendo na actualidade, equivalente cada unha delas a unha mensualidade, computándose nelas o salario base máis antigüidade.

Artigo 16º

Mantense a concertación da póliza de accidentes, con cobertura durante as 24 horas do día e coas seguintes cantidades:

-Dous millóns de pesetas, en caso de invalidez permanente.

-Un millón e medio de pesetas, en caso de falecemento.

Neste último caso aboarase a cantidade sinalada ás persoas que xustifiquen se-los herdeiros legais do traballador/a falecido/a.

Capítulo III

Disposicións varias

Artigo 17º.-Xerarquía.

Co fin de que tódolos traballadores coñezan en todo momento as xerarquías da empresa e a súa sección, desde a entrada en vigor do presente convenio a dirección da empresa publicará en lugar ben visible o organigrama actualizado da empresa e en cada sección o seu propio.

Artigo 18º.-Difusión.

A dirección porá á disposición de todo o persoal exemplares do presente convenio. Así mesmo, o convenio permanecerá exposto durante a súa vixencia no taboleiro de anuncios.

Artigo 19º.-Vacacións.

Trinta días naturais para tódalas categorías profesionais. Seguirá vixente o sistema rotativo, aceptado polo persoal, recollido en canto ó seu funcionamento no artigo 14 do convenio colectivo de 1986.

Artigo 20º.-Cadro de quendas e descansos.

Antes das 12 horas de cada venres, a empresa terá a obriga de confeccionar e publicar os cadros de quendas e descansos da semana seguinte, correspondentes ó cadro de persoal suxeito a este réxime de traballo.

A empresa, ó confecciona-la lista de quendas, terá en conta que se descansen a maior cantidade de domingos posibles.

As persoas que cubran as quendas de domingos que sexan por quenda de lista, percibirán, en concepto de suplido de gastos (transporte e mantenza), a cantidade de 2.500 ptas. por domingo traballado.

Artigo 21º.-Festivos.

O número de festivos non recuperables para este ano será o que indique a lexislación vixente. O persoal que entre a formar parte da lista dos domingos terá preferencia para traballa-los festivos.

Os festivos traballados serán retribuídos como horas festivas extraordinarias.

Artigo 22º.-Festas navideñas.

Os días 24 e 31 de decembro a segunda quenda será de catorce a dezanove horas, e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro a primeira das quendas será de 9 a 14 horas, computándose como xornada laboral completa para tódolos efectos.

Así mesmo, as dúas quendas do día 25/12 e 1/1 serán realizadas por aqueles ós que lles correspondan os labores de recepción, é dicir, mantemento, recepción de leite e control de calidade, descansando o resto do persoal.

Artigo 23º.-Licencias.

O persoal terá dereito a licencias retribuídas, nos seguintes casos e coa extensión seguinte:

a) Por defunción de pais, irmáns, cónxuxe e fillos, 4 días, se o falecemento ten lugar dentro da provincia, e 6 se ten lugar fóra dos límites desta, sempre e cando se produza o desprazamento.

b) Por defunción de pais e irmáns políticos, dous días dentro da provincia e tres fóra dela, sempre e cando se produza desprazamento.

c) Por enfermidade grave de pais, cónxuxe, fillos e irmáns, tres días dentro da provincia e catro fóra dela, sempre que se produza o desprazamento.

d) Por nacemento de fillo, catro días.

e) Por casamento, quince días.

f) Por traslado de domicilio, un día.

Os días consideraranse naturais.

Artigo 24º

A empresa entregaralles ós traballadores roupa de traballo adecuada ás súas necesidades e respectivas funcións, obrigándose a mante-lo reposto necesario para atende-las necesidades derivadas da producción, respectándose, en todo caso, as normas de seguridade e hixiene.

Artigo 25º.-Retribución en caso de baixa por enfermidade común ou accidente non laboral.

No caso de baixa por enfermidade ou accidente non laboral, a empresa aboará o complemento necesario para que, xuntamente coa prestación económica da Seguridade Social, o traballador perciba a partir da data da baixa o salario total fixado por este convenio, é dicir, salario base, antigüidade, e pluses de convenio e compensación de traslado, exceptuándose o plus de axuda ó transporte.

A dirección terá a facultade de que o médico de empresa, ou o que se designe, visite e recoñeza o traballador no seu domicilio cantas veces se crea conveniente. Así mesmo, poderá requiri-lo productor en baixa para que se presente a recoñecemento coa periodicidade que se coide oportuna.

Nos casos de desconformidade coa situación de baixa, a dirección e mailo comité de empresa nomearán un facultativo para que efectúe o recoñecemento oportuno, e do seu dictame dependerá o aboamento do complemento ó que fai referencia o presente artigo, así como o seguinte.

Artigo 26º.-Retribución en caso de accidente laboral.

En caso de accidente de traballo que dea lugar a unha ILT, a empresa aboará o complemento necesario para que, xuntamente coa prestación que perciba a mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, o traballador accidentado perciba o total dos seus salarios desde o primeiro día que resulte accidentado ou durante todo o tempo que teña dereito á citada prestación económica, con excepción do plus de axuda ó transporte, coma no caso de enfermidade común.

Recoñéceselle á empresa a mesma facultade de vixilancia e comprobación establecida no artigo anterior.

Artigo 27º.-Horas extraordinarias.

A realización de horas extraordinarias axustarase ós seguintes criterios:

a) Reduciranse ás mínimas imprescindibles, sendo a súa realización de carácter voluntario.

b) En canto ás horas extraordinarias por causa de forza maior realizaranse as que veñan esixidas para previr e reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, as cales non se terán en conta, nin para efectos de duración máxima da xornada ordinaria laboral, nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias autorizadas, sen prexuízo do seu aboamento como se se tratase de horas extraordinarias.

c) Entenderanse como horas extraordinarias estructurais as necesarias para atender pedidos, períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda, mantemento e demais circunstancias derivadas da específica natureza das actividades de que se trate.

As horas extraordinarias aboaranse cun incremento do 40% sobre o valor da hora ordinaria, comunicándose mensualmente á autoridade laboral, conxunta

mente pola empresa e comité ou delegado de persoal.

As horas extraordinarias realizadas en festivos polo persoal con alta na empresa anterior ó 9/4/1974 aboaranse cun incremento do 65% sobre o valor da hora extraordinaria.

Artigo 28º.-Nocturnidade.

As horas traballadas en período nocturno, isto é, entre as 10 da noite e as 6 da mañá, terán unha remuneración adicional, cifrada no 25% do valor da hora ordinaria, de aplicación desde o 1/4/1995.

Así mesmo, os traballadores e traballadoras que cubran a quenda de noite percibirán, ademais do incremento sinalado no parágrafo anterior, 300 ptas. por noite traballada, en concepto de suplido de gastos.

Tanto esta última cantidade como a reflectida no artigo 20 (traballo en domingo por quenda), serán actualizadas cada ano co incremento salarial resultante da negociación do convenio colectivo, salvo que nel se determine outro tipo de incremento.

Artigo 29º

A empresa seguiralles aboando ós traballadores as mesmas cantidades que polo concepto do suprimido imposto de rendemento de traballo persoal (IRTP) lles correspondía pagar a cada un o 1 de xaneiro de 1979.

Estas cantidades quedan consolidadas nas súas contías actuais e non poderán ser absorbidas por calquera aumento salarial futuro, xa sexan por disposición legal, por convenio ou por laudo.

Artigo 30º

Cando por necesidades da empresa un traballador sexa desprazado fóra da súa residencia habitual por un período superior a 24 horas, aboaráselle, á parte dos gastos de desprazamento e estadía, unha compensación económica suplementaria de 500 ptas. diarias.

Artigo 31º

A empresa aboaralles ós productores que se xubilen ó cumpriren os 65 anos de idade, como máximo, un premio na contía de 10.000 ptas. por ano de servicio, entendéndose que os que superen esa idade renunciarán a el.

Esta mesma cantidade lles será aboada ós que causen baixa definitiva na empresa, por enfermidade, accidente laboral ou falecemento. Neste último caso, aboaráselles ós que xustifiquen se-los seus herdeiros. Nos supostos deste apartado, o premio será concedido nas mesmas condicións e contías cás sinaladas no apartado anterior.

Artigo 32º.-Dereitos sindicais.

Os delegados de persoal disporán do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determine.

Sen supera-lo máximo, poderán ser consumidas as horas retribuídas co fin de asistir a cursos de formación organizados polos sindicatos, institutos de formación ou outras entidades.

Os traballadores poderanlles esixir ós delegados de persoal a convocatoria de asemblea cando o solicite o 10% do cadro de persoal.

Cláusula adicional.

O horario do persoal administrativo, suxeito a xornada continuada, será o seguinte:

ENTRADA SAÍDA

Luns a xoves 7.45 horas 15.05 horas

Venres 7.45 horas 15 horas

Admítese unha flexibilidade para o devandito departamento administrativo na incorporación ó traballo de 15 minutos. Este retraso, no caso de existir, deberá recuperarse dentro do mesmo día en que se produza.

No non previsto no presente convenio observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e máis no convenio marco de industrias lácteas.

9506308