Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Venres, 29 de setembro de 1995 Páx.

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 xullo de 1995, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma para o persoal de mantemento, recadación, reconto de moedas, limpeza e publicidade de cabinas telefónicas da empresa Limpiezas Faro, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Limpiezas Faro, S.L, que se subscribiu na data do 17 de xullo de 1995, entre a representación da empresa e a representación dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90, apartados 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 2 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo,

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1995.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo para o persoal de mantemento, recadacion, reconto de moedas, limpeza e publicidade de cabinas telefonicas da empresa Limpiezas Faro, S.L., actual contratista, ou empresa que a poida substituir, para as catro provincias de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto.

Este convenio colectivo ten por obxecto principal a regulación das relacións laborais entre a empresa Limpiezas Faro, S.L., actual contratista, ou a empresa que a poida substituír, e os traballadores en réxime laboral de mantemento, recadación, reconto de moedas, limpeza e publicidade das cabinas telefónicas, das catro provincias de Galicia, tanto sexan estas cabinas da titularidade de Telefónica, como as de titularidade de Cabitel, así como as reparacións en todo tipo de teléfono, consistente en desatranco de moedas en placa selectora e substitución e conexión do microteléfono. En definitiva, o traballo que realizan os traballadores encadrados neste convenio é:

Recadación e proba de funcionamento; reconto e precintaxe; conservación de moble e a súa ilumina

ción: limpeza, montaxe, substitución e desmontaxe de publicidade en mobles de teléfonos públicos; reparación en todo tipo de teléfonos, consistente en desatrancos de moedas e placa selectora, e substitución e conexión de microteléfonos.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo afecta a todo o persoal dedicado ó traballo de cabinas telefónicas descrito no artigo anterior, da empresa Limpiezas Faro, S.L., actual contratista, ou empresa que a poida substituír nas provincias de Pontevedra, A Coruña, Lugo e Ourense.

As disposicións, decretos e normas laborais de rango superior, en tanto non se contradiga o establecido no presente convenio colectivo, serán de aplicación ós traballadores.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

1. Este convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1995, sen prexuízo da súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia, e estará en vigor ata o 31 de decembro de 1996.

2. Este convenio quedará denunciado automaticamente con 90 días de antelación á data do 31 de decembro de 1996, data a partir da cal as partes lle poderán notificar á outra as correspondentes propostas de negociación.

3. No suposto caso de que cando finalice a vixencia deste convenio as partes asinantes non teñan aprobado un novo convenio, este entenderase en vigor ata a aprobación do que o deba substituír.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Constituirase a comisión paritaria para o desenvolvemento deste convenio, que poderá ser convocada.

Ámbalas partes se comprometen a presentarlle á dita comisión as cuestións da súa competencia e, no caso de desacordo, a cuestión alí formulada será sometida á xurisdicción laboral competente.

A devandita comisión estará composta por tres membros en representación da empresa e cinco en representación dos traballadores (Enrique Couso Suárez, Juan González Pérez, Antonio Marzo Nogueira, Juan Casas Copo e Carmen Segurana Bedrina, como representantes de CC.OO.) elixidos entre os membros da comisión deliberadora deste convenio.

As funcións da comisión serán as inherentes ó cumprimento do seu cometido de desenvolvemento e interpretación deste convenio. Os acordos requirirán o voto favorable da maioría dos membros que a integran, no ben entendido caso de que, se unha das partes acudise a algunha das convocatorias faltando algún dos seus membros, os asistentes da dita parte disporán de cinco votos á hora de someteren a votación calquera das cuestións.

Dos acordos da comisión paritaria levantarase a oportuna acta e o seu contido terá a mesma forza de obrigar có disposto no presente convenio.

As reunións da comisión poderán asistir con voz pero sen voto os asesores económicos e sociais da comisión deliberadora.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións establecidas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible.

Artigo 6º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas neste convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza e orixe delas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación só poderán afecta-las condicións pactadas no presente convenio cando, consideradas as novas retribucións no cómputo anual, superen as aquí pactadas. En caso contrario, serán compensadas e absorbidas estas últimas, manténdose o presente convenio nos seus propios termos e na forma e condicións en que quedan pactadas.

Tódalas funcións aquí detalladas son a título enunciativo, non querendo significar que sexan únicas e invariables. Calquera variación ou inclusión será feita logo de informe da comisión paritaria.

Artigo 7º.-Organización e racionalización.

1. A organización do traballo será competencia da empresa, á que lle corresponde a iniciativa conforme coa lexislación vixente.

2. A racionalización do traballo terá, entre outras cousas, as seguintes finalidades:

a) Mellora das prestacións de servicio do usuario.

b) Simplificación do traballo, mellora de métodos e procesos administrativos.

c) Establecemento de cadros de persoal correctos.

d) Definición e clasificación das relacións entre postos e categorías.

3. Será preceptivo e previo o informe do comité de empresa ou delegados de persoal para calquera modificación da xornada de traballo, horario, réxime de traballo a quendas, sistema de remuneración, así como sistema de traballo e rendemento deste.

No caso de non existir acordo, as modificacións deberán ser aprobadas pola autoridade laboral.

Artigo 8º.-Clasificación persoal.

O persoal abranguido no ámbito deste convenio colectivo clasificarase nos grupos, subgrupos e categorías seguintes:

Grupo A: mandos.

a) Encargado xeral.

b) Encargado provincial.

c) Xefe de equipo.

Grupo B: subgrupo de reconto.

a) Auxiliar de reconto.

b) Oficial de reconto.

Recadación e limpeza.

a) Conductor-recadador-limpador.

b) Limpador

Mantemento.

a) Oficial mecánico.

b) Oficial cerralleiro.

c) Oficial electricista.

Grupo C: traballos en formación.

a) Aprendiz de 16 anos

b) Aprendiz de 17 anos

c) Aprendiz de 18 anos.

Artigo 9º.-Cadro de persoal e escalafóns.

A empresa estará obrigada a confecciona-lo cadro do seu persoal fixo e contratado unha vez ó ano.

No dito cadro de persoal sinalarase o número de traballadores que comprende cada categoría profesional coa separación e especificación por grupos e seccións. Os cadros de persoal, unha vez confeccionados, deberán ser sometidos ó informe do comité de empresa ou delegados de persoal e, no caso de descacordo, a súa aprobación será instada á autoridade laboral.

Os cadros de persoal confeccionaranse cada ano, respectándose os dereitos adquiridos dos traballadores que forman parte da empresa.

A empresa deberá confeccionar e mante-lo escalafón do seu persoal, cos seguintes datos de cada un dos traballadores:

a) Nome e apelidos.

b) Data de nacemento.

c) Data de ingreso do traballador na empresa.

d) Categoría profesional.

O dito escalafón deberá publicarse nos taboleiros de anuncios da empresa antes do día 15 de febreiro ou dous meses despois da sinatura do presente convenio. O persoal poderá formula-las súas reclamacións contra o escalafón mediante escrito dirixido á empresa nun prazo de 20 días a partir da data de publicación. Cando se dea resolución expresa, esta deberá producirse dentro dun período igual de tempo. Contra o acordo desestimatorio, expreso ou tácito, quedará a vía xurisdiccional laboral.

Artigo 10º.-Contratación e descrición de funcións.

1. Cando por necesidades da empresa sexa preciso cubrir postos de traballo con persoal de novo ingreso, a dirección informará os representantes dos traballadores dos postos e das súas características.

2. Naqueles casos de nova contratación publicarase no taboleiro de anuncios e en tódolos servicios, establecéndose un plan de admisión de solicitudes de 5 días.

3. En todo caso, terán preferencia para o ingreso na empresa aqueles que desempeñasen nela traballos de carácter temporal.

4. Reconto: a actividade desenvólvese nas dependencias da empresa (sala de reconto) e consiste na realización de tódalas tarefas necesarias para a desprecintaxe e precintaxe das huchas, o reconto e cartuchado das moedas que previamente foron recadadas dos teléfonos públicos. Igualmente consiste no tratamento dos datos obtidos, todo iso baixo a supervisión da empresa contratante.

5. Limpeza: consiste na realización de tódalas tarefas necesarias para efectua-la limpeza das cabinas, semicabinas, módulos, locutorios e calquera outro tipo de soporte telefónico de uso público existente ou que sexa instalado no futuro, utilizando os medios adecuados. Tamén, referido ós mesmos soportes, consiste na realización das tarefas necesarias para a montaxe e desmontaxe da publicidade, así como a notificación das avarías e desperfectos. Para a realización destas tarefas utilizarase un vehículo facilitado pola empresa.

6. Recadación: consiste na realización das tarefas necesarias para efectua-la extracción da hucha ou excepcionalmente o metálico existente no interior dos teléfonos públicos, calquera que sexa o soporte no que se atopen, así como realiza-las probas de funcionamento e detención de avarías.

7. Reparacións: substitución de microteléfonos, desatranco de moedas e limpeza das placas selectoras de moedas, mentres o dispoña Cabitel. Para realizar esta tarefa utilizarase un vehículo facilitado pola empresa.

8. Mantemento: consiste na realización de reparacións nos mobles de cabinas, módulos telefónicos, locutorios e calquera tipo de soporte de uso público, existente ou que sexa instalado no futuro. Reparacións en pechaduras e dispositivos de seguridade instalados no interior do teléfono de uso público. A revisión, conexión e reparación da iluminación nos soportes dos teléfonos públicos. Para os desprazamentos utilizarase un vehículo facilitado pola empresa.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

Establécese unha xornada laboral de 38 horas e media semanais, coa seguinte distribución:

1. Do 1 de outubro ó 30 de abril, xornada continuada de luns a venres; o sábado traballará o 50% do persoal en activo.

2. Do 1 de maio ó 30 de setembro, de luns a sábado, todo o persoal en xornada continuada.

3. Esta xornada entrará en vigor unha vez que cada provincia elabore o plan de traballo para levala a cabo e que se reflicte nos respectivos calendarios.

Artigo 12º.-Descanso diario.

O traballador terá dereito a desfrutar dun descanso de 20 minutos para toma-lo bocadillo dentro da súa xornada diaria, que se computará como tempo efectivo para tódolos efectos.

Artigo 13º.-Prolongación de xornada: horas extraordinarias.

1. Terán a consideración de horas extraordinarias as que excedan da xornada diaria establecida.

2. Os traballadores serán libres de aceptaren ou denegaren a realización de horas extras, salvo nos casos específicos regulados pola lexislación laboral, establecéndose para tal fin, rotación entre voluntarios.

3. Terán a consideración de horas extras estructurais, ademais das citadas, aquelas que se efectúen para as montaxes e desmontaxes de campañas publicitarias para cumpri-los prazos establecidos por Cabitel.

4. Os traballadores serán libres de aceptaren ou denegaren a realización de horas extraordinarias estructurais, establecéndose para tal fin rotación entre voluntarios.

5. As horas extraordinarias serán retribuídas a razón de 1.463 ptas. cada unha.

6. Os representantes dos traballadores asinarán as horas estructurais que se realicen.

7. As horas extras incluiranse en nómina, no apartado correspondente a horas extras.

8. As horas extraordinarias poderanse acumular durante todo o ano ou cambiarse por días libres entre os meses de outubro a marzo, ambos inclusive, sempre de común acordo entre traballador e empresa.

-Cada cinco horas extras traballadas suporán un día libre.

Artigo 14º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio desfrutará de 30 días de vacacións, preferiblemente nos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro. O inicio das vacacións será sempre en día laborable, que non sexa sábado, domingo, festivo, día de descanso nin véspera deste.

As vacacións serán retribuídas na totalidade de tódolos conceptos salariais.

O persoal que desfrute as vacacións nos meses de outubro a maio, ambos inclusive, recibirá da empresa unha bolsa de compensación de 12.000 ptas.

Artigo 15º.-Traballo en días festivos.

1. Cando por razóns de servicio sexa necesario realizar rutas de recadación en días festivos, a empresa exporá un impreso de inscrición que debe indica-lo día festivo de traballo e mailo número de rutas previstas.

a) Todos aqueles traballadores que desexen traballar ese día deberán inscribirse no citado impreso.

b) As rutas de recadación deses días nunca superarán a xornada establecida de traballo.

c) Os festivos así traballados retribuiranse en nómina, baixo o concepto de complemento festivo ou denominación similar claramente identificable.

2. A retribución do dito día será por rutas establecidas a razón do que pague Cabitel por cada plus á empresa concesionaria, ou, se é o caso, por dous días de libranza, logo de pacto entre traballador e empresa.

3. No caso de non existiren voluntarios, tendo en conta que a prestación de servicio é inaprazable e obrigatoria, de común acordo entre a empresa e representantes dos traballadores, establecerase un sistema que garanta a prestación do servicio.

Artigo 16º.-Conceptos retributivos.

As retribucións dos traballadores afectados no presente convenio compensaranse a razón de básicas e complementarias.

1. Serán básicas:

Salario base: as retribucións correspondentes ás distintas categorías do persoal afectado por este convenio fíxanse do modo seguinte:

a) Fíxanse en táboa anexa e para o tempo comprendido entre o 1-01-95 e o 31-12-95, que supón un 3,75% sobre os salarios do 94.

b) Para o período do 1-01-96 ó 31-12-96 incrementaranse tódolos conceptos salariais co IPC do 95 máis un punto.

2. Serán complementarias:

a) Antigüidade: é o complemento persoal que recibe o traballador en razón ó tempo traballado de servicios na empresa, estimados en trienios, considerándose como tempo traballado os servicios prestados durante o período de proba. Cada trienio será do 5% calculado sobre o salario base. O seu aboamento ó traballador comezará a partir do mes en que se cumpran os tres anos.

b) Plus de transporte ou locomoción: os traballadores afectados por este convenio percibirán por este concepto a cantidade de 9.587 ptas. (nove mil cincocentas oitenta e sete) mensuais. Por cada día de ausencia ó traballo descontarase a cantidade de 373 ptas., e non se considerará como ausencia para estes efectos o descanso semanal a que ten dereito, nin as vacacións. Este plus aboarase en proporción ó tempo traballado.

c) Plus de asistencia: co mesmo criterio do plus de transporte en tódolos seus conceptos, percibirase por este plus a cantidade de 7.688 ptas. (sete mil seiscentas oitenta e oito). Por cada día de ausencia e co mesmo criterio có plus de transporte, descontarase a cantidade de 299 ptas. Este plus aboarase en proporción ó tempo traballado.

d) Prima de producción: o mesmo cós outros pluses, percibirase por este concepto a cantidade de 14.259 ptas. (catorce mil duascentas cincuenta e nove). Este plus, así como a antigüidade, pagaranse nas tres pagas extraordinarias establecidas no presente convenio.

e) Axudas de custos e desprazamentos: sempre que o traballador supere nunha hora e trinta minutos a hora de saída, terá dereito a xantar onde se atope e a que se lle retribúa a factura da comida.

f) Plus de reparación da parte superior do teléfono público: aboarase a mensualidades vencidas, a razón do 50% do total da facturación mensual que a empresa perciba polo dito traballo en cada unha das provincias. En cada provincia este plus (50%) repartirase entre os traballadores mensualmente e a partes iguais en cada un deles. No caso de ausencia ó traballo por baixas de ILT, accidente laboral, etc., descontarase a parte proporcional que corresponda por día.

Non se terán en conta para desconto as vacacións anuais nin os permisos retribuídos.

Artigo 17º.-Pagas extraordinarias.

-Paga extra de marzo, aboable do 10 ó 15 de marzo.

-Paga extra de verán, aboable do 10 ó 15 de xullo.

-Paga extra de Nadal, aboable do 10 ó 15 de decembro.

Na contía das pagas extras serán incluídos os conceptos de salario base, máis producción e máis antigüidade, segundo as táboas salariais anexas, e aboaranse sempre completas (30 días), independentemente de que o traballador estivese en situación de incapacidade laboral transitoria durante o período de devengo de cada unha delas.

Artigo 18º.-Cobro de salarios.

O cobro de salarios efectuarase por meses completos e vencidos.

Todo traballador terá dereito a percibir anticipos a conta do seu salario, sen que poida exceder do 90% do importe devengado.

Artigo 19º.-Melloras sociais.

A empresa disporá dun fondo para préstamos ó persoal sen devengar xuros, para un caso de necesidade.

Artigo 20º.-Seguro de vida.

Tódolos traballadores comprendidos neste convenio terán un seguro de vida que está estipulado da seguinte forma:

En caso de morte: 1.750.000 ptas.

En caso de invalidez: 2.500.000 ptas.

Este seguro cubrirá as 24 horas do día e se o accidente ou defunción ocorresen en Galicia, en xornada de traballo, terían unha axuda de 1.000.000 de ptas.

Artigo 21º.- Licencias.

1. Tódolos traballadores afectados polo presente convenio terán dereito ás licencias retribuídas nas seguintes continxencias e coa seguinte duración:

-Por casamento do traballador: 16 días naturais.

-Por casamento de fillos ou irmáns: 1 día natural.

-Por parto da esposa ou cohabitante: 5 días naturais.

-Por falecemento ou enfermidade grave da esposa ou cohabitante: 5 días naturais.

-Por falecemento ou enfermidade grave de fillos e fillos políticos: 4 días naturais.

-Por falecemento ou enfermidade grave de pais, avós, irmáns, netos directos ou políticos do traballador: 3 días naturais.

-Por cambio de domicilio: 2 días naturais.

-Por falecemento de tíos directos ou políticos: 1 día natural.

Se o falecemento ou enfermidade grave dos parentes se producise fóra da praza serían 5 días naturais.

2. Igualmente, o traballador, solicitándoo con 8 días de anticipación, terá dereito a dispoñer de 5 días de licencia non retribuída. Estes días serán continuados.

3. A empresa facilitará permiso retribuído polo tempo indispensable para a renovación do carné de conducir, DNI, ou calquera necesidade de amañar asuntos persoas xustificables, e igualmente para exames.

Artigo 22º.-Excedencias especiais con dereito ó posto de traballo.

-Por servicio militar

-Polo nomeamento de cargos públicos ou sindicais

-Por coidado de fillos menores de tres anos

-No suposto caso de detención por un accidente de circulación, o operario detido poderá solicita-lo seu pase á reserva de posto de traballo e nas mesmas condicións ca se se tratase de excedencia obrigatoria.

Os traballadores con antigüidade superior a tres anos terán dereito a que se lles conceda ata un ano de excedencia con reingreso automático con tres meses de antelación.

Artigo 23º.-Baixas por hospitalización ou accidente.

a) No caso dun traballador que se atope en situación de ILT derivada de accidente de traballo, a empresa completará a prestación económica ata acada-lo 100% do seu salario mentres dure a devandita situación.

b) En situación de ILT e sempre que exista hospitalización, a empresa completará a prestación económica ata o 100% do seu salario mentres dure a hospitalización.

Artigo 24º.-Retirada do permiso de conducir.

No suposto caso de que a un traballador que precise o permiso de conducir para a prestación do seu traballo lle fose suspendido o uso del, en primeiro lugar desfrutará as súas vacacións anuais correspondentes e se, finalizadas estas, continuase na mesma circunstancia, será destinado a outra sección onde non sexa necesario a posesión de permiso de conducir, reincorporándose ó seu posto ó serlle devolto.

Artigo 25º.-Traslados de persoal.

O persoal non pode ser trasladado dunha provincia na que presta os seus servicios a outra distinta, salvo pacto coa empresa.

Os traslados de persoal que impliquen cambio de domicilio poderán ser a petición do traballador mediante permuta. Tamén neste caso será necesario o acordo entre empresa e traballador.

Artigo 26º.-Subrogación do persoal.

O cambio de titularidade na empresa, centro de traballo, provincia ou unidade productiva autónoma dela, ou no suposto de sucesión de empresas no servicio de cabinas telefónicas, non extinguirá de seu a relación, e o novo empresario quedará subrogado nos dereitos e obrigas laborables do anterior. O previsto neste artigo será expresamente aplicable cando a empresa sucesora sexa unha nova contrata, e tamén cando se trate do propio contratista principal que se decida a realizar por si mesmo o servicio. Acolleranse a esta subrogación os seguintes traballadores:

a) Traballadores en activo que presten os seus servicios nos ditos traballos nas cabinas telefónicas cunha antigüidade mínima dos últimos 6 meses, sexa cal sexa o seu contrato de traballo.

b) Traballadores que no momento do cambio de titularidade da contrata se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, en servicio militar ou situación análoga, sempre que prestasen os seus servicios nestes traballos obxecto de subrogación con anterioridade á suspensión do seu contrato de traballo e que reúnan a antigüidade mínima establecida na alínea a).

Artigo 27º.-Control e supervisión.

Só poderá realizarse rexistro sobre a persoa do traballador, nos seus armarios e efectos particulares, cando sexan necesarios para a protección do patrimonio empresarial e o dos demais traballadores dentro do centro de traballo e en horas de traballo. Na súa realización respectarase ó máximo a dignidade do traballador e contarase coa asistencia dun representante legal dos traballadores.

Artigo 28º.-Dereitos sindicais.

a) A empresa recoñece os representantes dos traballadores elixidos libre e democraticamente segundo a normativa vixente.

b) A empresa comunicaralles ós representantes dos traballadores no prazo mínimo de 48 horas de antelación, todo o concernente a cesamentos, despedimentos, sancións e modificacións de traballo, etc.

c) Os representantes dos traballadores disporán dun crédito de 20 horas mensuais para o exercicio das súas funcións.

Artigo 29º.-Seguridade e hixiene.

Será obxectivo máximo, tanto da dirección da empresa como dos traballadores, logra-la preservación da saúde e a prevención dos accidentes laborais.

a) Todo o persoal deberá someterse a unha revisión médica anual da empresa e dentro da xornada laboral. En casos de traballadores de máis de 50 anos, se os servicios médicos o consideran oportuno, poderán ser sometidos a un exame cardiovascular.

b) En todo centro de traballo deberá haber unha botica de urxencia debidamente provista.

c) Os vestiarios deberán dispor de armario individual, ducha e lavabos, auga potable e xabón, toallas

e papel hixiénico, e a empresa deberá coidar da súa hixiene.

Artigo 30º.-Uniformes.

A empresa facilitaralle a cada traballador o correspondente uniforme segundo os modelos homologados para a actividade.

A empresa consultará cos traballadores a calidade da roupa para poder elixi-la máis adecuada.

A entrega dos uniformes será:

-Temporada de verán, do 1 ó 15 de maio.

-Temporada de inverno, do 1 ó 15 de outubro.

Composición do uniforme:

-Temporada de verán: 2 pantalóns, 2 camisas de manga curta e calzado correspondente.

-Temporada de inverno: 2 pantalóns de inverno, 2 camisas de manga longa, 1 cazadora, 1 anorak de tres cuartos cada 2 anos e calzado correspondente.

Artigo 31º.-Vehículos.

Os vehículos adscritos ás rutas de provincia disporán de faros en condicións para a néboa.

Os vehículos deberán ser revisados con periodicidade para que estean en condicións de saír á estrada en boas condicións.

En todo o non regulado neste artigo observarase o vixente xa disposto na normativa da materia.

Os traballadores, antes do inicio da ruta, comprobarán que os vehículos se atopan en orde de marcha.

Artigo 32º.-Lexislación supletoria.

Para todo aquilo non regulado no texto do presente convenio, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e na ordenanza laboral para a actividade de limpeza de edificios e locais, aprobada por orde do 15-12-1975. No suposto de que derrogue a ordenanza laboral nos aspectos que non estean regulados neste convenio e que se recollan na referida ordenanza laboral derrogada, pasarán estes artigos a formar parte deste convenio, mentres non se negocie un convenio colectivo de ámbito superior que o substitúa.

Cláusula adicional

A parte social reserva para si a posibilidade de negociar ou adherirse a un convenio de ámbito estatal de cabinas telefónicas.

95-6137