Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Venres, 22 de setembro de 1995 Páx. 7.172

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector do comercio do moble.

Visto o expediente do convenio colectivo do comercio do moble que tivo entrada nesta delegación provincial o día 27-7-1995, subscrito en representación

da parte económica pola Asociación Provincial de Empresas de Comercio de Muebles e, da parte social, por CC.OO., UGT e CIG o día 27-7-1995 e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A Coruña, vintenove de agosto de mil novecentos noventa e cinco.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo provincial para as empresas de comercio de mobles da Coruña 1995

Artigo 1º

O presente convenio é de obrigada aplicación para tódalas empresas e traballadores da provincia da Coruña, dedicadas ó comercio de mobles. Exceptúanse aquelas empresas que teñan convenio propio, sempre que as súas condicións, no seu conxunto, sexan superiores ás aquí pactadas.

Artigo 2º.-Vixencia.

O convenio terá vixencia para tódolos efectos desde o primeiro de febreiro de 1995 ata o 31 de xaneiro de 1996.

Artigo 3º.-Cláusula de revisión salarial.

No suposto de que o índice de prezos ó consumo (IPC) establecido polo Instituto Nacional de Estatística (INE) rexistrase o 31 de xaneiro de 1996 un incremento superior ó 3,5% con respecto á cifra que resulte do dito IPC o 31 de xaneiro de 1995, efectuarase unha revisión salarial no exceso, tan pronto como se constate oficialmente a dita circunstancia.

Tal incremento aboarase con efectos de primeiro de febreiro de 1995, servindo, por conseguinte, como base de cálculo para os salarios que se pactarán en 1996, e para levalo a cabo teranse como referencia os salarios ou táboas utilizados para realiza-los aumentos pactados en 1995.

Artigo 4º.-Denuncia.

O convenio prorrogarase nos seus mesmos termos por períodos anuais, se ningunha das partes o denuncia con tres meses de antelación á data de expiración do seu período de vixencia.

A denuncia deberá comunicarse á outra parte por escrito e, se é o caso, ó organismo competente da Administración.

Artigo 5º.-Respecto de dereitos, compensación e absorción.

Respectaránselles a tódolos traballadores as situacións persoais actualmente consolidadas en canto determinen maiores dereitos dos concedidos por este convenio respecto ás materias obxecto da súa regulación.

Tódalas melloras contidas neste convenio consideradas no seu conxunto, establécense co carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións actualmente implantadas nas distintas empresas, que impliquen situacións máis beneficiosas cás convidas, serán respectadas e non suprimidas.

Artigo 6º.-Condicións económicas.

As condicións retributivas do persoal afectado polo presente convenio serán as que conteñen as táboas salariais que se unen como anexo, que son o resultante dun incremento do 3,5%.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Os cuadrienios previstos no artigo 38 da ordenanza laboral do comercio consistirán na percepción do 5% do salario base por cada cuadrienio, con respecto a cada categoría.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias, que se farán efectivas nos días laborables inmediatamente anteriores ó 15 de xullo e 22 de decembro e dentro do primeiro trimestre do ano, a correspondente ó mes de marzo.

As tres pagas aboaranse cunha mensualidade do salario base e antigüidade que figuran na táboa anexo deste convenio.

Artigo 9º.-Incapacidade laboral transitoria.

O persoal abranguido no réxime de asistencia á Seguridade Social, ademais dos beneficios outorgados por ela, terá dereito en caso de enfermidade ou accidente debidamente acreditado, a que a empresa lle complete as prestacións obrigatorias, desde o primeiro día da súa percepción, ata o importe íntegro das súas retribucións, cun tempo máximo de 12 meses.

Artigo 10º.-Premio de xubilación.

O premio establecido por xubilación para aqueles traballadores con máis de vinte anos de permanencia na empresa, quedará fixado en dúas mensualidades de salario base e antigüidade para os afectados por este convenio.

Artigo 11º.-Incentivo á xubilación anticipada.

O traballador que, por proposta da empresa e de acordo ámbalas partes, se xubile voluntariamente con anterioridade a cumpri-los 65 anos, terá dereito a percibir por parte da empresa unha cantidade periódica que, sumada á prestación por xubilación, sexa igual ó 100% da base reguladora establecida polo INSS para o cálculo da pensión ata cumprir 65 anos.

Percibirá ademais no momento de xubilarse un premio equivalente á doceava parte do salario anual.

A xubilación será obrigatoria ós 65 anos para tódolos traballadores cunha cotización que os permita xubilarse co 100% da base reguladora.

Artigo 12º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais, que supón un cómputo anual de 1.818 horas, Agás que por norma de categoría superior se cambie a dita xornada ou cómputo anual.

Artigo 13º

Ademais dos días sinalados no Art. 37 do Estatuto dos traballadores, os traballadores afectados por este convenio terán dereito a dous días por asuntos propios que poderán ser acumulados ás vacacións, logo de acordo coa empresa.

Artigo 14º.-Vacacións.

Os traballadores desfrutarán dun período de trinta días naturais de vacacións preferentemente no verán. Poderanse establecer quendas rotatorias para a elección do período de vacacións, comezando polo traballador de máis antigüidade.

Artigo 15º.-Desprazamentos.

Os traballadores que por necesidade da súa función, teñan que desprazarse e efectuar fóra do seu domicilio algunha comida ou ben pasa-la noite, terán dereito a que a empresa lles aboe os gastos correspondentes, logo de presenta-lo xustificante daqueles.

Artigo 16º.-Quebranto de moeda.

Os cobradores percibirán por este concepto a cantidade de 4.323 pesetas mensuais.

Artigo 17º.-Garantías sindicais.

As empresas respectarán o dereito dos traballadores a sindicarse libremente.

Os traballadores afiliados a un sindicato ou asociación legalmente constituídos poderán destribuír información e recadar cotas fóra das horas de traballo, sen perturba-la actividade normal da empresa.

Por requirimento dos traballadores afiliados a un sindicato con incidencia superior ó 15% do cadro de persoal do centro de traballo, as empresas descontarán da nómina do persoal, o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado remitirá un escrito á empresa no que expresará a orde de desconto, a central á que pertence, a contía da cota, así como o número de conta corrente a que debe ser transferida a cantidade. Isto na empresa que conte con máis de trinta traballadores.

As empresas efectuarán as anteditas detraccións agás indicación en contra, durante períodos de un ano.

Os representantes dos traballadores elixidos conforme a normativa vixente dispoñerán dun crédito de horas para o desenvolvemento da súa actividade sindical.

As horas retribuídas dos membros do comité de empresa de empresas de máis de trinta traballadores poderán acumularse para seren desfrutadas por un

ou varios de entre eles, sen excede-lo número total de horas e logo de acordo entre os interesados, notificando á dirección da empresa, con oito días de antelación ó comezo do mes de que se trate, e non supoña alteración grave do réxime laboral dela.

Artigo 18º.-Comisión paritaria.

Constituirase unha comisión integrada por dous representantes dos empresarios e dous dos traballadores, para a interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio entre as centrais UGT e CC.OO. e a Asociación de Empresas do Comercio do Moble.

-Parte empresarial:

Miguel Agromayor Vázquez.

Fernando Fernández Fernández.

-Parte social:

José Luis Paz Pena (CC.OO.)

Miguel Cagigal Fariña (UGT).

Artigo 19º.-Seguro de accidente.

As empresas subscribirán un seguro de accidentes que cubra os seguintes riscos durante as 24 horas do día:

a) Morte por accidente.

b) Invalidez absoluta e total por accidente.

O capital asegurado será de 1.000.000 de ptas. en ámbolos casos.

As empresas que contratasen o seguro correspondente cunha compañía aseguradora non responderán subsidiariamente, en ningún caso, do pagamento da indemnización correspondente ós accidentes aquí recollidos.

Artigo 20º.-Cláusula de desvinculación.

As empresas que tivesen perdas durante os exercicios de 1993 e 1994 e as previsións para o 1995 fosen similares, poderán prescindir da aplicación dos salarios pactados neste convenio.

No prazo de dous meses desde a publicación deste convenio, as empresas que pretendan acollerse a esta cláusula deberán presenta-la solicitude á comisión mixta do convenio ante a que deberá acreditar, no caso de sociedades e empresas obrigadas pola normativa fiscal a leva-la contabilidade, as contas anuais presentadas no Rexistro Mercantil e as declaracións correspondentes presentadas ante a Axencia Tributaria. As demais empresas deberán acreditalo mediante a documentación que acredite suficientemente a súa situación a xuízo da comisión.

Poderase solicita-la presencia dos representantes dos traballadores, así como da documentación aclaratoria que se considere necesaria.

De non existir acordo no seo da comisión mixta, as partes acordan o sometemento á arbitraxe do AGA.

As empresas acollidas a esta cláusula, de acordo cos traballadores, poderán aplicar incrementos sala

riais menores ós aquí pactados ou, mesmo, non incrementa-los salarios durante a vixencia do convenio.

Tódolos membros da comisión, así como os seus asesores, están obrigados a manter na maior reserva a información recibida, observando o maior sixilo profesional.

9506088