Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Venres, 22 de setembro de 1995 Páx. 7.159

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de setembro de 1995 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais para a folga convocada para os días 25 e 26 do mes de setembro de 1995 que afecta ó corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, grupo D, escala de axentes forestais.

O exercicio do dereito de folga na Administración da Comunidade autónoma de Galicia está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais, de acordo co Decreto 155/1988, do 9 de xuño, o que significa, tal como ten declarado o Tribunal Constitucional, que o dereito da sociedade a estas prestacións vitais é prioritario respecto do dereito de folga, se ben esta prioridade necesita ser constatada en cada situación de folga e sometida ó principio de proporcionalidade dos sacrificios impostos ós folguistas e ós beneficiados polo servicio, no que atinxe ós dereitos fundamentais, as liberdades públicas e os bens constitucionalmente protexidos.

As centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e Unión Xeral de Traballadores (UXT), comunican a convocatoria de folga para os día 25 e 26 do mes de setembro de 1995, que afecta ó corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, grupo D, escala de axentes forestais no ámbito de toda a Comunidade Autónoma.

O mencionado Decreto 155/1988, polo que se dictan normas para garanti-la prestación dos servicios esenciais no ámbito de Comunidade Autónoma, establece que terán a consideración de servicios esenciais, entre outros e polo que respecta á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes os servicios de vixilancia e os de extinción de incendios (artigo 2).

A motivación da concreta determinación do mínimo de actividade e da fixación do persoal preciso para asegura-lo mantemento dos específicos servicios esenciais prestados por esta consellería, é respecto a cada un deles, a seguinte:

-No Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, a inprevisibilidade do feito causante da prestación do servicio esencial de vixilancia e extinción de incendios e a súa posible incidencia na seguridade e benestar da poboación.

-Nos Servicios de Medio Ambiente Natural e de Montes e Industrias Forestais, a realización de funcións de vixilancia de bens públicos.

A designación nominal do persoal que deberá cubri-los servicios fixados será feito polos delegados provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Polo exposto, esta consellería, en virtude das atribucións que ten conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, e o Decreto 205/1990, do 15 de marzo, oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con carácter xeral o mínimo de actividade e o persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais durante a folga convocada para os días 25 e 26 de setembro e que afecta ó corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, grupo D, escala de axentes forestais, é o seguinte:

-Servicio de defensa contra incendios forestais.

Un axente forestal en cada unha das xefaturas territoriais de defensa contra incendios forestais.

-Servicio de medio ambiente natural.

Un axente forestal en cada comarca.

-Servicio de montes e industrias forestais.

Un axente forestal en cada comarca.

Artigo 2º

O persoal que debe presta-los servicios mínimos establecidos no artigo anterior serña designado polos delegados provinciais da Consellería de Agricultura,

Gandería e Montes, publicándose os nomes dos designados nos taboleiros de anuncios dos respectivos centros de traballo.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde, será sancionado de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 4º

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

95-06052