Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Venres, 22 de setembro de 1995 Páx. 7.160

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 248/1995, do 7 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 15/20 kV desde a subestación de Palmeira á L.M.T. San Isidro-Santa Cruz de Lesón, no concello da Pobra do Caramiñal, provincia da Coruña (expediente número 52282).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións r/ Fernando Macías, nº 2, da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 15/20 kV de 5822 m de lonxitude, en conductor LA-110, con orixe na subestación de Palmeira e remate na liña de media tensión (L.M.T.) San Isidro-Santa Cruz de Lesón, no concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña) (expediente número 52282).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 22-7-1992, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 25-9-1992, no BOP da Coruña do 14-9-1992, e no BOE do 31-8-1992.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do Regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria

segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 24-2-1995, no BOP da Coruña do 10-2-1995, e no xornal El Correo Gallego do 24-2-1995, ó mesmo tempo, na forma regulamentaria, notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, durante o período en que se someteu a trámite de información pública formularon escritos de alegacións os titulares dos predios números: 183 e 184, solicitando a modificación do trazado, as cales se desestiman ó non se dar conxuntamente as condicións que establece o artigo 26 do sinalado decreto e corresponde-la valoración definitiva dos bens a outra fase do procedemento. O titular dos eidos nºs: 131, 132, 133, 134, 135, 136 e 137, solicita diversa información sobre as afeccións da liña, a cal se lle facilitou polo seu beneficiario.

Unha vez efectuada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de setembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-las instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa,

S.A., da liña eléctrica aérea entre a subestación de Palmeira e a L.M.T. San Isidro-Sta. Cruz de Lesón.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal da Pobra do Caramiñal (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas. Por solicitude da empresa beneficiaria, ó chegar ó mutuo acordo entre as partes, exclúense desta disposición os predios números 146, 175, 181, 227, 229, 256, 257, 261 e 275.

Santiago de Compostela, sete de setembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

95-06053