Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Xoves, 21 de setembro de 1995 Páx. 7.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 1995 pola que se fai público o convenio entre o Igape e as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia en aplicación da orde da Consellería de Economía e Facenda de 27 de xuño de 1995 pola que se fixa a aportación do instituto ós fondos de provisións técnicas das ditas sociedades de garantía recíproca.

Dentro da liña de actuación do Igape para 1995 de cara a mellora-las condicións de financiamento das pequenas e medianas empresas e apoia-la actuación das sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia como instrumentos financeiros ó servicio das necesidades da pequena e mediana empresa, suscríbese o presente convenio ó amparo da orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de xuño de 1995 pola que se fixa a contribución do Instituto Galego de Promoción Económica ós fondos de provisións técnicas das ditas sociedades. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-Co obxecto de darlle unha adecuada difusión e de que sexa de xeral coñecemento, faise público o contido do dito convenio que figura como anexo I e as sociedades de garantía recíproca asinantes que figuran como anexo II.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Convenio entre o Igape e as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia en aplicación da orde da Consellería de Economia e Facenda do 27 de xuño de 1995 (DOG do 17 de xullo) pola que se fixa a aportación do instituto ós fondos de provisións técnicas de ditas sociedades de garantía recíproca.

En Santiago de Compostela o 21 de xullo de 1995, establécese o presente convenio, asinado dunha parte polo director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Jorge González Gurriarán, facultado para este acto por acordo do consello de dirección do instituto e doutra parte polas sociedades de garantía recíproca ... representadas por ... con poder suficiente.

Este convenio inscríbese dentro do marco da política emprendida pola Xunta de Galicia de apoio ó sistema de sociedades de garantía recíproca como instrumentos financeiros ó servicio das necesidades da pequena e mediana empresa, pola que se pretende alcanza-lo dobre obxectivo de facer asequible a tales empresas o custo do aval da sociedade de garantía recíproca e de mellora-la solvencia das ditas sociedades, posi

bilitando a asunción de maiores riscos nas operacións dos seus asociados, especialmente, e entre outras, as referidas a proxectos innovadores e os promovidos por xoves empresarios.

No dito sentido publicáronse as ordes da Consellería de Economía e Facenda do 28 de setembro de 1993 e do 23 de novembro de 1994 que fixan as cantidades coas que vai contribui-lo Igape -instrumento básico para impulsa-lo desenvolvemento económico de Galicia- ós fondos de provisións técnicas das sociedades de garantía recíproca con domicilio social en Galicia.

Un paso máis na mesma vía constituiuno a orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de xuño de 1995 que institúe un sistema mixto de contribucións anuais fixas e variables, que dan entrada a unha contribución reintegrable calculada con base na contía das operacións avaladas que, contando coa previa aprobación da dirección do Igape na súa formalización resultasen falidas no curso do exercicio anterior. A dita orde prevé a concreción da operativa do dito sistema mediante a formalización do pertinente convenio entre as partes, o que se leva a cabo segundo as seguintes,

CLÁUSULAS

Primeira.-Obxecto.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre a... e o Instituto Galego de Promoción Económica (en adiante, Igape) co fin de establece-las liñas de actuación que permitan proporciona-las garantías precisas co fin de que as pequenas e medianas empresas galegas consigan o financiamento necesario para facer viables os seus proxectos, atendendo especialmente a aqueles que signifiquen unha proposta de innovación e os promovidos por xoves emprendedores, e contarán para iso, co aval das sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia.

Segunda.-Ámbito territorial.

O ámbito de aplicación do presente convenio será o da Comunidade Autónoma de Galicia, e deberán estar radicadas no dito territorio as empresas ou centros beneficiarios.

Terceira.-Beneficiarios e actividades.

1. Terán a consideración de beneficiarias aquelas empresas (PEMES) que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter como máximo 250 traballadores.

b) Que os seus recursos propios non sexan superiores a 500 millóns de pesetas.

c) Non te-lo seu capital participado en máis dun 25% por outra empresa, excepto nos casos nos que as cifras consolidadas non superen os requisitos establecidos nos apartados a) e b).

Os citados criterios entenderanse automáticamente modificados en canto o Goberno, en aplicación da disposición adicional terceira da Lei 1/1994, do 11 de marzo, sobre o réxime xurídico das sociedades de

garantía recíproca, os modifique en función dos criterios fixados pola normativa comunitaria.

Tamén poderán ser beneficiarias das ditas axudas as empresas que, sen cumpri-los anteriores requisitos, presenten expedientes de solicitude comprendidos no marco da orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de xuño e deste convenio, que se consideren de especial interese socioeconómico polo Igape.

2. Serán consideradas actividades prioritarias para a aplicación do presente convenio as referidas a proxectos innovadores e as promovidas por xoves empresarios, sen prexuízo da súa extensión a aqueloutras actividades que, se é o caso, aproben a sociedade de garantía recíproca e o Igape.

Cuarta.-Dotación ó fondo de provisións técnicas.

Establécese que a contribución do Igape ó fondo de provisións técnicas da S.G.R. a que se refire a letra a) do artigo 3 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de xuño alcanzará ata o 25% dos falidos que se produzan nas operacións formalizadas acollidas ó presente convenio, ata o límite que anualmente se sinale que para o ano 1995 se fixa en 150.000.000 de pesetas.

Para tales efectos, entenderase por falido a totalidade do importe efectivamente pagado á entidade financeira pola S.G.R. en nome do titular avalado.

O Igape recuperará a parte que lle corresponda, segundo a proporción indicada, dos recobros de falidos que se produzan segundo o método indicado no punto 8º da claúsula quinta do presente convenio.

Quinta.-Tramitación.

1. As empresas interesadas que pretendan acometer un proxecto acollido ó presente convenio presentaran a súa solicitude directamente ante a S.G.R. As solicitudes que se presentasen ante o Igape serán remitidas para o seu estudio á S.G.R. asinante do presente convenio que corresponda segundo ámbito xeográfico, e seguirá desde ese momento o trámite que se indica no punto 2º desta claúsula.

2. A S.G.R., que reciba este proxecto e a solicitude de aval realizará o estudio económico-financeiro de viabilidade do proxecto. Caso que a conclusión de dito estudio sexa positiva e favorable á concesión de aval e logo da presentación ante os seus órganos competentes para a súa aprobación, remitirá ó Igape toda a documentación, á que se unirá unha memoria-proposta de concesión que conterá tódolos datos esenciais do aval e a finalidade do crédito ou préstamo avalado. A dita proposta deberá ser aprobada polo director xeral do Igape, e obrigará o instituto únicamente en canto os extremos que nela figuren.

3. Unha vez aprobada a operación polos seus órganos competentes, a S.G.R. formalizará, por medio de póliza intervida por fedatario público, o aval correspondente ante a entidade financeira que outorgue o financiamento.

4. As condicións económicas do aval serán as que rixan en cada momento na S.G.R. para este tipo de operacións.

5. A S.G.R. comprométese a xestionar para estas operacións as mellores condicións financeiras ás que teñen acceso os seus socios, ben a través dos programas de apoio financeiros ás PEMES subscritos co Igape, ou ben a través dos convenios de colaboración establecidos entre a propia S.G.R. e diversas entidades financeiras.

6. Unha vez formalizado o préstamo garantido, se a operación resultase falida e a S.G.R. tivese que facer efectivo o aval, comunicarallo de inmediato ó Igape, que se fará cargo do 25% da totalidade do pagamento realizado, e liquidarase acumuladamente ó final de cada exercicio.

7. A S.G.R. deberá notificar ó Igape a producción dun falido nos trinta días seguintes quen, nun prazo máximo doutros trinta días, recoñecerá documentalmente o compromiso do pagamento adquirido.

As notificacións de falido realizadas pola S.G.R. antes do 28 de decembro serán liquidadas polo Igape con data 31 de decembro de cada exercicio. As notificadas con posterioridade, serán liquidadas con data 31 de decembro do exercicio seguinte.

8. A S.G.R. comprométese a realizar tódolos trámites xudiciais e extraxudiciais recoñecidos en dereito para o recobro do importe total dos falidos. O Igape participará no dito recobro proporcionalmente á súa contribución e aplicaranse ás cantidades recobradas pola S.G.R. primeiramente ó aboamento das custas procesuais e dos gastos orixinados por razón das accións xudiciais ou extraxudiciais para o recobro, incluídos honorarios de avogados, embargos, cancelación de cargas, etc., as que deberán ser debidamente acreditadas. A cantidade que resulte de deduci-las cantidades anteriores destinarase a cubri-los xuros e/ou o principal da operación garantida, e participará o Igape coa porcentaxe correspondente á súa cobertura, que será ingresada ó final de cada ano na conta que o Igape designe.

9. Se a S.G.R. se adxudicase en pagamento bens ou dereitos dun socio debedor, fiadores ou terceiros, ben para si ou coa intención de cedelo a un terceiro, xa sexa en virtude de acordos extraxudiciais (dacións en pagamento, cesión de bens, permutas, etc.) ou por procedementos xudiciais, liquidará no dito momento co Igape o importe total da cantidade proporcionada por este ó seu fondo de provisións técnicas, que será ingresado na forma sinalada no punto 8.

Sexta.-Duración.

O presente convenio será executivo ata o 31 de decembro de 1995, e poderá ser prorrogado por anos naturais mediando a correspondente ratificación das partes expresada por escrito. En calquera caso as operacións formalizadas con anterioridade á data de resolución quedarán amparadas ata a súa completa amortización nas condicións estipuladas nel.

Séptima.-Límites aportación.

A cantidade máxima anual que o Igape destinará ós fins deste convenio virá determinada anualmente mediante orde da Consellería de Economía, e manterá

o instituto unha provisión suficiente para facer fronte ó risco vivo xerado, que será utilizada no caso de falidos de operacións de anos anteriores ó da vixencia corrente.

Para estes fíns, a S.G.R. comprométese a comunicarlle por escrito ó Igape, ó final de cada exercicio, o importe do risco vivo en vigor derivado das operacións acollidas ó presente convenio.

Oitava.-Información e inspección.

A S.G.R. responsabilizarase da correcta aplicación dos créditos ou préstamos avalados, e o Igape poderá solicitarlle-la remisión de calquera documentación adicional que acredite a execución do investimento correspondente ós beneficiarios ós que prestase o seu aval.

Igualmente, poderá proceder á inspección directa dos investimentos que realicen os beneficiarios destas axudas.

A S.G.R. manterá en todo momento informado ó Igape e con periodicidade mensual remitirán un informe sobre a situación dos avais en vigor e o seu risco vivo.

Novena.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a denuncia e rescisión do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas claúsulas.

A denuncia deberá facerse con 30 días de preaviso e suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décima.-Comisión de seguimento.

Créase unha comisión de seguimento ó presente convenio formada por un representante de cada unha das partes asinantes. A súa finalidade será a de resolve-los problemas que se presenten na execución, garanti-lo puntual cumprimento dos compromisos adquiridos e propoñerlles ás partes outorgantes as vías óptimas para implementa-la súa eficacia. A dita comisión reunirase a solicitude de calquera dos seus integrantes.

Décimo primeira.-Natureza administrativa.

O presente convenio ten natureza administrativa, e correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda a interpretación do seu contido.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 1995.

O director do IgapeA sociedade de garantía recíproca

ANEXO II

ENTIDADES ASINANTES

-Sociedade de garantía recíproca da pequena e mediana empresa de Pontevedra e Ourense, S.G.R. (Sogarpo).

-Afianzamentos de Galicia, S.G.R. (Afigal).

9505932