Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Luns, 18 de setembro de 1995 Páx. 7.031

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector da carpintería, ebanistería e actividades afíns.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector carpintería, ebanistería e actividades afíns, da provincia de Pontevedra que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 11-7-1995, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de la Madera (Asema) e a Asociación Comarcal de Empresarios de A Estrada (ACE), e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, en data 8-6-1995. De conformidade co disposto no artigo 90, 2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores,

Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG) en galego e castelán.

Vigo, 18 de xullo de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio de carpintería, ebanistería e actividades afíns da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio, en representación empresarial: a Asociación Provincial de Empresarios de la Madera (Asema) e a Asociación Comarcal de Empresarios de A Estrada (ACE), e, representando ós traballadores, as centrais sindicais: Unión General de Trabajadores (UGT), Comisiones Obreras (CC.OO.) e a Confederación Intersindical Galega (CIG).

Ámbalas partes recoñécense mutuamente lexitimación para negocia-lo presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito territorial, funcional e persoal.

O presente convenio afectará a tódalas empresas da provincia de Pontevedra que realicen actividades recollidas nos grupos e os seus respectivos epígrafes do imposto de actividades económicas que se relacionan a continuación.

* Fabricación de productos semielaborados de madeira (chapa, taboleiros, madeiras melloradas, etc.). 462.

* Fabricación en serie de pezas de carpintería, parqué e estructuras de madeira para a construcción. 463.

* Fabricación de envases e embalaxes de madeira. 464.

* Frabricación de obxectos diversos de madeira (excepto mobles). 465.

* Fabricación de productos de cortiza. 466.

* Fabricación de artigos de xunco e cana, cestería, brochas, cepillos, etc. (excepto mobles). 467.

* Industria do moble de madeira. 468.

* E calquera outra actividade afín que se poida crear no futuro.

O presente convenio afectará á totalidade do persoal que presta os seus servicios nas empresas afectadas.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor a partir do día 1 de abril de 1995. A súa vixencia será ata o 31 de decembro de 1995, renovándose por períodos anuais se non fose denunciado.

Denuncia. Estarán lexitimados para formula-las mesmas representacións que o están para negocialo, e deberá comunicarllo á outra parte, de maneira que faga fe, con un mes de anticipación á súa terminación. Esta comunicación deberá dirixirse ó domicilio da comisión paritaria, en Vigo, na sede da Confederación Provincial de Empresarios de Pontevedra.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras obtidas no presente convenio establécense con carácter de mínimas. Os pactos ou situacións existentes en calquera empresa e que no seu conxunto impliquen condicións máis beneficiosas a respecto das convidas serán respectadas.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria composta por un máximo de 6 membros, designados 3 por cadansúa parte, empresarial e sindical, do xeito que decidan as respectivas organizacións e coas funcións que se especifiquen no artigo seguinte.

Os acordos da comisión paritaria adoptaranse en todo caso por unanimidade e aqueles que interpreten este convenio terán a mesma eficacia que a norma que fose interpretada.

A comisión paritaria reunirase unha vez o ano. Poderanse convoca-las reunións extraordinarias que se estimasen necesarias e serán solicitadas pola metade máis un dos seus membros.

Artigo 6º.-Funcións e procedementos da comisión paritaria.

A comisión paritaria á que se refire o artigo anterior terá as seguintes funcións:

a) Vixilancia e seguimento do cumprimento deste convenio.

b) Interpretación da totalidade dos preceptos do presente convenio.

c) A instancia dalgunha das partes mediar e/ou intentar conciliar, se é o caso e logo de acordo das partes, e, por solicitude delas, arbitrar en cantas cuestións e conflictos, todos eles de carácter colectivo, poidan suscitarse na ampliación do presente convenio.

d) Cantas outras funcións tendan á maior eficacia práctica do presente convenio, ou se deriven do estipulado no seu texto e anexos que formen parte del.

Como trámite que será previo e preceptivo a toda situación administrativa ou xurisdicional que se pro

mova, as partes asinantes do presente convenio obríganse a pór en coñecemento da comisión paritaria cantas dúbidas, discrepancias e conflictos colectivos, de carácter xeral, puidesen formularse en relación coa interpretación e aplicación do mesmo, sempre que sexan da súa competencia conforme o establecido no apartado anterior, co fin de que, mediante a súa intervención, se resolva o problema formulado ou, se iso non for posible, emita un dictame ó respecto. Dito trámite previo entenderase cumprido no caso de que transcorrese o prazo previsto no apartado 5 sen que se emitise solución ou dictame.

Establécese que cuestións propias da competencia da comisión paritaria e que se promovan perante ela adoptarán a forma escrita, e o seu contido será o suficiente para que se poida examinar e analiza-lo problema co necesario coñecemento de causa, debendo ter como contido obrigatorio:

1. Exposición sucinta e concreta do asunto.

2. Razóns e fundamentos que entenda que asistan ó propoñente.

3. Proposta e petición concreta que se formule á comisión.

Ó escrito-proposta acompañaranse cantos documentos se consideraren necesarios para mellor comprensión e resolución dos problemas.

A comisión poderá solicitar, por vía de ampliación, canta información ou documentación se estime pertinente para unha mellor ou máis completa información do asunto; para este efecto, concederáselle ó propoñente un prazo que non poderá exceder de 5 días hábiles.

A comisión, unha vez recibido o escrito-proposta, e se é o caso, completada a información pertinente, disporá dun prazo non superior a vinte día hábiles para resolve-la cuestión suscitada ou, se iso non for posible, emiti-lo oportuno dictame. Transcorrido o dito prazo sen producirse resolución nin dictame, quedará aberta a vía administrativa ou xurisdicional competente.

Artigo 7º.-Salarios.

Todo o persoal afectado polo presente convenio recibirá desde o 1º de abril de 1995 as retribucións consignadas na táboa anexa, incrementadas, se é o caso, coa antigüidade correspondente.

Os aumentos concedidos polo presente convenio absorverán ós que, por imperativo legal, se impuxesen posteriormente durante a vixencia do mesmo.

Os efectos económicos entrarán en vigor ós oito días da súa sinatura.

Artigo 8º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase, a 31 de decembro de 1995, un incremento, respecto do 1 de abril de 1995, superior ó cinco por cento, efectuarase unha revisión salarial en tódolos conceptos económicos do convenio tan pronto se constate oficialmente a dita circunstancia no exceso sobre a indicada cifra. Tal

incremento pagarase con efectos do 1 de abril de 1995.

Artigo 9º.-Pagamento de nóminas.

O pagamento da nómina realizarase de xeito mensual. Non obstante, o persoal poderá solicitar, coa debida antelación, anticipos á conta de haberes devengados.

Para todo o persoal consideraranse as mensualidades de 30 días.

Artigo 10º.-Antigüidade.

O premio de antigüidade calcularase sobre o salario pactado neste convenio segundo marca a ordenanza laboral.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

Por este concepto, os traballadores percibirán, incluída a antigüidade quen a tivese, trinta días do seu salario nas tres pagas extraordinarias (dezanove de marzo, xullo e Nadal).

Artigo 12º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito ó desfrute dun período de vacacións anuais retribuídas de trinta días naturais de duración dos que vintedous, como mínimo, serán laborables.

Para as empresas que pechen por vacacións, estas serán de trinta días naturais.

O seu desfrute iniciarase en calquera caso en día laborable.

As empresas concederán preferentemente as vacacións entre os meses de xuño e setembro, ambos inclusive, salvo pacto individual en contrario; así mesmo, poderanse excluír por motivos de organización, determinados períodos para o seu desfrute.

Os traballadores coñecerán con dous meses de antelación ó seu desfrute o período vacacional.

O calendario de vacacións, unha vez aprobado, quedará exposto no taboleiro de anuncios da empresa.

O dereito a vacacións non é susceptible de compensación económica. Non obstante, o persoal que cese durante o transcurso do ano terá dereito ó aboamento do salario correspondente á parte de vacacións devengadas e non desfrutadas, como concepto integrante da liquidación pola súa baixa da empresa.

Para efecto da retribución de vacacións consideraras como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de ILT, sexa cal for a súa causa. Non obstante, dado que o dereito ó desfrute de vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase se ó vencemento deste o traballador continuase de baixa.

O desfrute das vacacións, como norma xeral e salvo pacto en contrario, terá carácter ininterrompido.

Se no momento no que a un traballador lle correspondese, por estar así establecido, o inicio do período vacacional e se encontrase en situación de ILT por calquera motivo, poderá apraza-lo seu desfrute de común acordo coa empresa.

No caso de que o traballador caese en situación de ILT mentres estivese a desfrutar das vacacións, a duración da mesma computarase como días de vacacións sen prexuízo do dereito do traballador a percibi-la diferencia entre a retribución correspondente a vacacións e a prestación de ILT.

Artigo 13º.-Roupa de traballo.

A empresa deberá entregarlle ó persoal un conxunto de chaquetiña e pantalón cada seis meses.

O incumprimento desta obriga dará lugar ó aboamento de 4.500 ptas. en compensación por cada conxunto de roupa non entregada.

A pesar do sinalado no parágrafo primeiro, as empresas que teñan en almacén fundas de traballo poderán entregalas ata esgotalas.

Artigo 14º.-Plus de traballos tóxicos.

Estarase ó establecido pola ordenanza laboral.

Artigo 15º.-Desgaste de ferramentas.

A empresa que non lles entregase ós seus productores as ferramentas necesarias para os seus traballos, pagará en compensación do desgaste das mesmas, cento cincuenta e cinco pesetas por cada día de traballo.

Artigo 16º.-Accidentes de traballo.

As empresas pagaranlles ós seus productores accidentados, a partir do quinto día do accidente, a diferencia que exista entre a prestación económica que perciba da mutua de accidentes e o salario vixente, incrementado coa antigüidade, se é o caso.

Artigo 17º.-Baixas con hospitalización.

Durante o tempo que o traballador permaneza hospitalizado, ben como no mes posterior de convalecencia domiciliaria, como máximo, a empresa pagará a diferencia que exista entre a prestación económica que perciba da Seguridade Social e o salario vixente, incrementado coa antigüidade, se é o caso.

Artigo 18º.-Seguro de accidentes.

As empresas afectadas por este convenio teñen a obriga de facer un seguro por accidentes de traballo, sempre que se produzan en horas laborables, que cubra as seguintes continxencias:

a) En caso de morte: 575.000 pesetas.

b) En caso de invalidez permanente: 1.250.000 pesetas.

c) En caso de absoluta e grande invalidez: 1.500.000 pesetas.

Artigo 19º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral máxima ordinaria será de 1.800 horas efectivas de traballo ó ano. A xornada será de 40 horas semanais distribuídas de luns a venres.

Para efectos da súa distribución e da súa adecuación consideraranse como non laborables e retribuídos os días: 14 de agosto, 13 de outubro e 7 de decembro.

Por acordo entre a empresa e os representantes legais dos traballadores e, no seu defecto, cos propios tra

balladores, poderanse modificar estes días para o seu desfrute noutras datas.

Artigo 20º.-Revisión médica.

A empresa estará obrigada a realizar recoñecemento periódico a tódolos traballadores ó seu servicio, cando menos unha vez no ano.

Así mesmo, efectuarase revisión médica ó traballador que se incorpore á empresa dentro dos trinta días seguintes ó do seu ingreso, agás que xa a realizase no último ano natural.

O traballador poderá optar por pasa-lo recoñecemento médico pola súa conta; neste caso, deberá presentar obrigatoriamente na empresa o certificado médico pertinente.

Os traballadores disporán de media xornada retribuída para realiza-la revisión. No caso de que fose necesario máis tempo terá que presentar xustificante, séndolle igualmente retribuído o exceso. Os gastos de desprazamento serán a cargo da empresa.

Artigo 21º.-Axudas de custo.

Tódolos traballadores que por necesidade da empresa e por orde do empresario teñan que efectuar viaxes e ou desprazamentos que lle impidan realizar comidas ou pernoctacións no seu lugar habitual ou enderezo, terán dereito ás seguintes axudas de custo:

* Axuda de custo completa: 3.500 pesetas/día.

* Media axuda de custo: 1.600 pesetas/día.

Se a empresa se fixese cargo de tódolos gastos non aboará cantidade ningunha por estes conceptos dos traballadores.

Se por circunstancias especiais os gastos orixinados superan os importes establecidos para o efecto, o exceso deberá ser pagado pola empresa, logo de coñecemento da mesma e posterior xustificación do traballador.

Artigo 22º.-Licencias.

O traballador logo de aviso e xustificación poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 2 días naturais en caso de nacemento de fillo ou enfermidade grave, ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguineidade ou afinidade. Cando, con tales motivos, o traballador necesitase facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días naturais.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento inexcusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que este dispoña en canto a duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do antedito deber supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido, en

máis dun vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasar ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por incumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización descontaráselle o importe da mesma do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Para realizar consulta ó medico especialista, polo tempo necesario, cun máximo de cinco horas ó día.

Artigo 23º.-Período de proba.

Ós traballadores que se incorporasen á empresa poderáselles concertar, por escrito, un período de proba que en ningún caso poderá exceder de:

* Técnicos titulados: 6 meses.

* Xefes e encargados: 3 meses.

* Oficiais: 30 días laborables.

* Resto de persoal: 15 días.

Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desenvolva, como se fose do cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso, sen necesidade de previo aviso e sen que ningunha das partes teñan dereito a ningunha indemnización, debéndose comunica-lo desistimento por escrito.

Transcorrido o período de proba sen que se producise o desistimento o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo de servicios prestados para efectos de antigüidade.

A situación de ILT que afecte ó traballador durante o período de proba interrompe o cómputo do mesmo.

Artigo 24º.-Idioma.

O presente convenio publicarase nos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional.

Acórdase continuar coa negociación do novo texto de convenio colectivo para o sector de carpintería, ebanistería e actividades afíns que substituirá unha vez totalmente elaborado o actual convenio.

Táboa salarial do 1-4-1995 ó 31-12-1995

Persoal de taller.

Encargado xeral, xefe de taller94.809.

Encargado de sección de producción94.312.

Oficial preparador-trazador93.666.

Oficial 1ª, tupista 1ª, serrador 1ª, galerista,

ensambrador, oficial de máquina circular,

oficial afiador92.579.

Oficial 2ª, especialistas en serie y semiserie,

oficial montador, tupista 2ª, serrador

segunda, oficial máquinas especiais,

oficial lixador, fogoneiro, oficial instalador 90.776.

Axudante, peón especializado89.745.

Peón87.595.

Aprendices.

Aprendiz de 16 a 17 anos52.557.

Aprendiz de 18 anos75.873.

Persoal administrativo.

Xefe de oficina107.690.

Oficial de primeira 96.224.

Oficial de segunda 89.655.

Auxiliar telefonista e mecanógrafa 89.525.

95-5456