Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Luns, 18 de setembro de 1995 Páx. 7.035

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Frinova, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Frinova, S.A., da provincia de Pontevedra que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-7-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data 28-6-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación, no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, vinteún de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Antonio Coello Bufill

Delegado Provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Frinova S.A. para 1995.

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio terá aplicación no centro de traballo de Frinova S.A., sito no polígono industrial das Gándaras, parcela nº 9, O Porriño - Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O presente convenio afecta á totalidade do persoal de Frinova, S.A., sito no polígono industrial das Gándaras, parcela nº 9 , O Porriño- Pontevedra, existente no momento da sinatura deste, así como ó que ingrese posteriormente na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1995, cun período de duración ata o 31 de decembro próximo, e o conxunto do articulado manterá a súa vixencia mentres as partes non acorden modificalo.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas establecidas no presente convenio teñen o carácter de mínimas e figurarán nas táboas salariais anexas.

Terán carácter de absorbibles aquelas melloras que durante a súa vixencia e por disposicións legais puidesen establecerse.

Agás o especificado nos artigos 22º e 23º do presente convenio, quen viñese desfrutando dalgunha ou algunhas condicións máis beneficiosas cás que aquí se establecen, deberá conservalas.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e vixilancia das condicións pactadas neste convenio, crearase unha comisión paritaria composta por tres membros da cada unha das partes, social e económica. Pola parte social, comporase do presidente do comité e un representante de cada central sindical con representación.

Cando para a resolución de calquera asunto non exista acordo, será a Maxistratura de Traballo competente a que decida.

Artigo 6º.-Clasificación do persoal atendendo á duración do contrato.

O persoal que presta os seus servicios no centro de traballo afectado polo convenio clasificarase, segundo a súa permanencia e de acordo co seu contrato, en fixo e eventual.

Artigo 7º.-Persoal fixo.

Terá carácter fixo o persoal que se precisa con carácter continuo para as actividades da empresa e ocupa un posto de traballo permanente no seu cadro de persoal.

O persoal eventual de factoría e cámaras con categoría de mozo ou aprendiz que pase á situación de persoal fixo, ascenderá automaticamente á categoría de operario de 2ª ; transcorrido un ano desde o seu paso á situación de fixo, ascenderá á categoría de operario.

O persoal eventual do taller mecánico con categoría de aspirante que pase á situación de persoal fixo, ascenderá automaticamente á categoría de oficial de 3ª; transcorrido un ano desde o seu paso a esta situación, ascenderá a oficial de 2ª.

Artigo 8º.-Persoal eventual.

É o que en situacións extraordinarias se contrata por tempo fixo e para un traballo temporal e determinado.

A duración do contrato estará en función da duración do traballo para o que foi contratado, e observarase sempre na súa contratación o disposto no Estatuto dos traballadores e Real decreto, baixo o acollemento do cal fosen contratados e o seu contrato individual asinado e selado pola correspondente oficina de emprego; a súa copia básica entregaráselle puntualmente á representación dos traballadores.

Artigo 9º.-Clasificación do persoal atendendo ó grupo profesional.

O persoal ó servicio da empresa incluído no ámbito de aplicación deste convenio, queda encadrado nalgún dos seguintes grupos profesionais:

I.-Persoal técnico

II.-Persoal administrativo

III.-Persoal obreiro e actividades auxiliares

Artigo 10º.-Definición de grupos profesionais.

I.-Técnicos: clasifícanse neste grupo os que realizan traballos que esixan, con titulación ou sen ela, unha adecuada competencia ou práctica, e exerzan funcións de tipo facultativo, técnico ou dirección especializada.

O dito grupo, á súa vez, clasifícase nos seguintes subgrupos:

1.-Técnicos con título superior.

2.-Técnicos con título non superior.

3.-Técnicos non titulados.

II.-Administrativos: neste concepto quedan abranguidos os que realicen traballos de mecánica administrativa contable e outros análogos non abranguidos no grupo anterior.

III.-Obreiros e actividades auxiliares: inclúe este grupo o persoal que exerce fundamentalmente traballos de índice material ou mecánico e engloba o persoal de fabricación, cámaras e oficios varios, así como o persoal subalterno.

Artigo 11º.-Vacantes e postos de nova creación.

Na creación de novos postos de traballo ou na provisión de vacantes, cando se requira persoal de novo ingreso, a empresa terá en conta, en primeiro lugar, o persoal de Frinova, S.A.; en segundo lugar, os fillos dos traballadores en activo, falecidos, xubilados ou pensionistas, e concederálle-lo emprego, en calquera caso, se superan as probas de aptitude que correspondan. Para postos de certa responsabilidade que precise a empresa, será necesario que as súas condicións non sexan inferiores ás do outro candidato.

A empresa fará pública a existencia de vacantes ou novos postos mediante nota para tal efecto no taboleiro de anuncios con 15 días de antelación á data prevista para cubrilos.

O comité participará co mesmo número de vocais cá empresa para o control da cualificación nas probas que fosen necesarias para a selección do persoal, se ben non exercerán veto sobre a decisión do empresario e a súa acción limitarase ó prescrito pola lexislación vixente.

Artigo 12º.-Horarios de traballo.

A xornada de traballo especifícase nos horarios que se detallan a seguir:

Factoría:

Quenda de mañá: de luns a venres, de 6 a 14 horas, con descanso de quince minutos a cargo da empresa.

Quenda de tarde: de luns a venres, de 14 a 22 horas, con descanso de quince minutos a cargo da empresa.

Quenda de noite: de luns a venres de 22 a 6 horas, con descanso de quince minutos a cargo da empresa.

Técnicos e administrativos:

Primeira quenda:

Inverno: de luns a venres, de 8 a 14 horas e de tarde de 15 a 17.05 horas.

Verán: de luns a venres, de 8 a 14.30 horas.

Segunda quenda:

De luns a venres, de 9 a 13.30 e de 14.45 a 18 horas todo o ano.

Terceira quenda:

De luns a venres, de 8 a 14 horas e de 15,30 a 17.15 todo o ano.

Almacéns:

Primeira quenda:

De luns a venres de 6 a 14 horas e de 14 a 22 horas, con descanso de quince minutos por quenda a cargo da empresa.

Segunda quenda:

De luns a venres, de 8 a 14 horas e de 15.30 a 17.15 todo o ano.

Cámaras:

Quenda de mañá: de 8 a 16 horas.

Quenda de tarde: de 16 a 24 horas.

Quenda de noite: de 24 a 8 horas.

Tódalas quendas descansarán quince minutos a cargo da empresa.

Artigo 13º.-Organización do traballo.

De acordo coas disposicións vixentes sobre convenios colectivos, o obxecto destes é o incremento de productividade nas empresas. Ó longo de 1995, cando as circunstancias o aconsellen, a empresa poderá

implanta-lo sistema de remuneración por primas de producción, con carácter xeral, por seccións ou quendas de traballo, de acordo coas circunstancias e as posibilidades perseguidas, e poderá ser suspendido, con carácter xeral, por seccións ou quendas de traballo, cando as circunstancias o aconsellen, logo dun acordo co comité da empresa.

Artigo 14º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado polo presente convenio, incluídos traballadores eventuais con contratos para a formación, terá trinta días naturais de vacacións e estas aboaránselles coa retribución do salario da táboa anexa máis antigüidade.

O 24 e o 31 de decembro considéranse non laborables para todo o persoal.

Outórgase un día laboral de vacacións para desfrutar nunha das pontes do ano.

A forma de desfrute de vacacións para o persoal da sección industrial fixarase nun proxecto de quendas para que elabore a dirección de acordo co comité e que se publicará debidamente.

Se, por dificultades imprevistas , fose preciso efectuar un reaxuste de vacacións, estableceranse de mutuo acordo, de xeito que se salven os inconvenientes que poidan afecta-lo normal desenvolvemento do programa da empresa.

En canto ás vacacións do persoal masculino que, polo seu traballo, debe cubrir postos de mantemento, sala de máquinas e resto do persoal, serán de forma rotativa, de tal xeito que, ós que por sorteo lles corresponda unha das datas que elixan, ó ano seguinte corresponderánlle-las datas alternativas.

O persoal de oficinas desfrutará da vacacións de acordo cos seus xefes respectivos.

Períodos oficiais de vacacións para o ano 1995:

Do 10 ó 12 de abril, todo o persoal.

Dúas quendas de vacacións no verán:

Primeira quenda: do 17 de xullo ó 13 de agosto, incorporándose o 16 de agosto.

Segunda quenda: do 31 de xullo ó 27 de agosto, incorporándose o 28 de agosto.

Persoal en xeral: do 15 de xuño ó 15 de setembro.

Teranse en conta as normas fixadas no E.T. e demais vixentes á hora de fixa-los calendarios de vacacións por quendas.

Ó persoal que, por necesidades da empresa, non desfrute das súas vacacións nos períodos oficiais fixados, retribuiráselle un complemento de 20.000 ptas.

O persoal que no período oficial se atopase en situación de I.T. poderá desfrutar das súas vacacións durante o resto do ano.

Artigo 15º.-Bolsa de vacacións.

A todo o persoal afectado polo presente convenio agás os traballadores da sección industrial baixo contratos temporais, a empresa retribuiralles unha bolsa

de vacacións de 60.000 ptas para o ano 1995, que se aboará o 31 de agosto.

Artigo 16º.-Traballo en cámaras.

A dirección da empresa coidará de que se distribúa o traballo de tal xeito que non se prolonguen os períodos de estadía ininterrompida do persoal no interior das cámaras de conservación de productos conxelados por máis de unha hora e deberán permanecer fóra delas por igual período de tempo exercendo outra actividade.

O persoal que realice o seu traballo a temperaturas entre 0 e 10 graos centígrados cobrará un plus equivalente ó 10% do salario base.

O persoal que traballe no interior das cámaras frigoríficas cobrará un plus equivalente ó 25% do salario base.

Artigo 17º.-Licencias retribuídas.

O persoal afectado polo presente convenio, con igual tratamento para matrimonio que para parellas estables, terá dereito a solicitar licencias retribuídas nos casos seguintes:

A-Matrimonio: quince días naturais.

B-Parto da esposa: tres días naturais.

C-Enfermidade con internamento ou intervención cirúrxica, tamén con internamento do cónxuxe, pais, fillos: cinco días naturais. Pais políticos: tres días naturais ( deben presentar certificado médico ).

D-Falecemento do cónxuxe, pais e fillos: tres días retribuídos e dous sen retribuír, se residen na provincia de Pontevedra; catro días retribuídos e dous sen retribuír se é no resto de Galicia, e cinco días retribuídos no resto de España.

E-Falecemento de irmáns políticos, avós políticos, tías , tíos, tías e tíos políticos e sobriños en primero grao: un día.

F-Falecemento de avós, netos, pais políticos e irmáns: dous días.

G-Por intervención cirúrxica, sen internamento ou recoñecemento médico de pais, cónxuxe e fillos: un día.

H-Por cambio de domicilio: un día.

I-Cando haxa que acudir a probas ou recoñecementos médicos en centros sanitarios, con xustificante médico: un día.

Nos casos en que se teña que acompaña-lo cónxuxe e fillos a recoñecemento médico a calquera parte de Galicia, fóra da provincia de Pontevedra por enfermidade: un día retribuído a Madrid e outras cidades fóra da comunidade galega: tres días; e cando esta saída fose a Madrid a consecuencia de intervención cirúrxica ou internamento: cinco días e acreditarase, en todo caso, con certificado médico.

A dirección da empresa estudiará os casos non incluídos nos puntos anteriores para resolvelos adecuadamente.

Para consultas médicas: catro horas para todo o persoal, sempre e cando acuda o resto da xornada á empresa se lle é posible, agás para o persoal ó que pola súa distancia lle é máis difícil, Moaña, Cangas e Domaio, que terán todo o tempo que lles dure a consulta, debidamente acreditado.

Artigo 18º.-Licencias non retribuídas.

Sobre licencias non retribuídas haberá que aterse ás leis respectivas.

Artigo 19º.-Excedencias.

Terá dereito á situación de excedencia todo o persoal afectado polo presente convenio, de acordo coas normas reguladas no Estatuto dos traballadores, e manterase unha opción preferente para vacantes en igual ou similar categoría laboral.

A empresa obrígase, para o persoal feminino da sección industrial, á readmisión das solicitantes, cando estas a cursasen, polo menos, con dous meses de antelación, sempre e cando a excedencia sexa igual ou superior a un ano.

Artigo 20º.-Vestiario.

Polas circunstancias de traballo, será preciso que certo persoal utilice vestiario axeitado ó traballo que realiza.

En tal caso a empresa proverá o vestirio correspondente.

A definición de tal vestiario e a súa calidade, así como os prazos de entrega, serán consecuencia das disposicións vixentes, dos requirimentos especiais do traballo e do estudio técnico-sanitario deste, así como do informe que en cada caso emita o comité de seguridade e hixiene.

O dito vestiario será de dous equipos anuais e un par de calzado. A aqueles que por necesidade do posto de traballo o necesiten, facilitaráselles un par adicional.

Ó persoal de mantemento facilitaránselle dúas fundas, dous traxes de frío e un par de botas, distribuídos segundo as súas necesidades.

Ó persoal de nova incorporación dotaráselle do vestiario preciso, unha vez superado o período de proba.

Inclúese unha peza de roupa de abrigo, consistente nun xersei, que se distribuirá a principios da tempada de inverno, para todo o persoal da sección industrial e actividades relacionadas con esta, que deberá ser usado por debaixo do uniforme.

O vestiario distribuirase antes do 31 de maio.

Artigo 21º.-Salarios.

A partir do 1º de xaneiro de 1995, rexerán, para tódolos efectos, os salarios que figuran na táboa anexa e que supuxeron un incremento salarial do 4% máis 1.500 ptas. cada unha das 16 pagas, incrementado o plus convenio. O incremento porcentual, é dicir, o 4% aplicarase a tódolos conceptos salariais, agás bolsa de vacacións, fondo social e seguro de accidentes.

Artigo 22º.-Traballos penosos, insalubres, perigosos e nocivos.

A todo o persoal que, polas súas condicións de traballo, se lle recoñeza actualmente unha prima polos ditos traballos, seguiráselle recoñecendo este dereito na contía que figura na táboa salarial anexa. Os ditos traballos pagaranse proporcionalmente ó tempo traballado.

As primas por serra, primas porcionadora, primas producción, primas maquinista caprichos e as primas de rebozado incrementaranse a 57 ptas./hora.

Artigo 23º.-Plus de tarde.

Incrementarase o plus de tarde na mesma porcentaxe cós salarios.

Artigo 24º.-Plus de noite.

O persoal que traballe na dita quenda recibirá unha prima do 25% sobre o salario base, por día traballado.

Artigo 25º.-Antigüidade.

Tódolos traballadores afectados por este convenio desfrutarán de trienios do 6% sobre salario base e terán como mínimo, por este concepto, o salario mínimo interprofesional.

A dita antigüidade contarase a partir do 1 de xaneiro do ano no que se cumpre o trienio.

Artigo 26º.-Horas extras.

Durante a vixencia deste convenio, aboaranse as horas extras e incrementarase nun 4% o valor que tiñan o 31 de decembro de 1994.

As horas extras que se efectúan a partir das 22 horas, serán aboadas como segundas horas.

A empresa facilitaralle ó comité mensualmente un resumo co número de horas extras realizadas por banzo e a súa retribución.

Artigo 27º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal afectado por este convenio, incluídos os traballadores baixo contratos para a formación, desfrutará de catro pagas extraordinarias aboadas a razón de unha mensualidae mailos complementos salariais que cumpran, como se vén facendo ata a data.

As ditas pagas correponden a:

A-O día 15 de marzo. O período do devengo é do 1 de xaneiro ó 31 de decembro do ano no que se paga.

B-O día 15 de xullo. O período de devengo é do 1 de xaneiro ó 30 de xuño do ano no que se paga.

C-O día 15 de outubro. O período do devengo é do 1 de outubro do ano anterior ó da paga ata o 30 de setembro do ano no que se paga.

D-O día 15 de decembro. O período de devengo é do 1 de xullo ó 31 de decembro do ano no que se faga.

As ditas pagas faranse efectivas o día laboral inmediatamente anterior á data sinalada neste artigo.

As pagas correspondentes ós días 15 de xullo e 15 de decembro serán aboadas por semestres.

A paga correspondente ó 15 de marzo para o persoal que ingrese durante o ano farase efectiva o día 31 de decembro e aboarase en parte proporcional. A paga correspondente ó 15 de outubro seguirase devengando de acordo coa normativa da empresa, de considerala como paga de asistencia ó traballo e proporcionalmente ó tempo traballado, e terá tal consideración a situación de incapacidade temporal derivada de accidente laboral, maternidade, ou cando se produza a consecuencia de intervención cirúrxica.

Artigo 28º.-Plus de distancia.

Todo o persoal afectado por este convenio percibirá, en concepto de plus de distancia, a cantidade que figura na táboa anexa.

Artigo 29º.-Plus de asistencia.

Así mesmo, todo o persoal, como premio por asistencia ó traballo, percibirá a cantidade que figura na táboa anexa.

Artigo 30º.-Axudas de custo.

Cando, por necesidades da actividade da empresa, se considere precisa a continuidade da xornada laboral habitual de traballo en máis de 4 horas, a empresa facilitará unha axuda de custo de comida de 1.560 ptas. Deberá, entón, partirse a xornada laboral e considerarase un tempo entre 30 e 60 minutos segundo as circunstancias para poder realiza-la dita comida. Se esta continuidade da xornada laboral corresponde á segunda quenda de traballo, aplicarase cando de realicen máis de dúas horas extraordinarias despois da dita xornada, en concepto de cea.

O persoal que realice xornada partida cobrará unha axuda de custo de 1.560 ptas/día.

Os sábados que se precise realizar horas extras por máis de seis horas establecerase un descanso para comer de 30 a 60 minutos e aboarase a axuda de custo de comida cando se continúe por dúas ou máis horas.

Artigo 31º.-Accidentes.

Percibirase a totalidade do traballo como se estivese traballando.

Artigo 32º.-Anticipos.

Para casos de necesidade, de acordo entre o comité e a dirección da empresa, adiantarase un máximo de dúas mensualidades e deduciranse, en partes iguais, nas catro pagas extras seguintes.

A empresa fixa un tope de 2.000.000 de ptas. para o montante total de anticipos concedidos e non recuperados. Isto quere dicir que non se concederán novos anticipos en tanto que non se lle reembolsase á empresa a cantidade necesaria para a concesión solicitada e o traballador deberá esperar a que se dispuxese destes fondos para desfrutar do anticipo solicitado.

Artigo 33º.-Traslados ó Porriño.

A empresa aboará os desprazamentos de Frinova ó Porriño e viceversa para saídas xustificadas e necesarias. En caso de urxencia, a empresa aboará taxis, ambulancia ou o que fose necesario, desde a factoría ó centro médico.

Artigo 34º.-Fondo social.

A empresa destinará 2.822.000 ptas. para o ano de vixencia do convenio ó fondo social, que será distribuído polo comité de empresa para bolsas de estudio e outros fins sociais. A dita cantidade, acumulada ós restos que puidesen quedar do ano anterior, será distribuída durante o presente ano entre todo o persoal afectado polo presente convenio.

Artigo 35º.-Xubilación.

Queda establecida a xubilación, con carácter obrigatorio, ós 65 anos para todo o persoal da empresa; non obstante, a comisión paritaria do convenio realizará os trámites precisos co obxecto de xestionar ante a Administración a posibilidade de xubilar anticipada e voluntariamente co 100% do seu salario de cotización a tódolos traballadores maiores de 60 anos. Se a empresa decidise cubrir esas baixas, terá en conta o disposto no artigo 11º.

Artigo 36º.-Premio de xubilación.

Ó producirse a xubilación no mínimo que dispón a lei e que leve máis de 20 anos na empresa, esta concederalle un premio de dúas mensualidades. Se a dita xubilación se anticipa ó mencionado mínimo, gratificaráselle con 15 días máis por ano de anticipación.

Artigo 37º.-Seguro de accidentes.

Con independencia das indemnizacións obrigatorias da Seguridade Social, mediante a concertación de póliza de cobetura cunha entidade aseguradora, a empresa garantiralles ós seus traballadores ou, se é o caso, ós seus herdeiros, e nos supostos que se especifican, as seguintes indemnizacións:

1.1. Por accidente non laboral.

1.1.1. Morte do traballador.

Os herdeiros do traballador ou, no seu defecto, a persoa que el mesmo designase, percibirán a cantidade de 6.730.649 ptas.

1.1.2. Invalidez permanente total ou invalidez absoluta do traballador e grande invalidez.

O traballador percibirá a cantidade de 6.730.649 ptas. para os primeiros casos, 13.461.297 ptas. para os segundos e 26.922.594 ptas. para os terceiros.

1.2. Por accidente laboral.

1.2.1. Morte do traballador.

Os herdeiros do traballador ou, no seu defecto, a persoa que el mesmo designase, percibirán a cantidade de 6.730.649 ptas.

1.2.2. Invalidez permanente total, invalidez permanente absoluta ou gran invalidez.

O traballador percibirá a cantidade de 6.730.649 ptas. para os primeiros casos, 13.461.297 ptas para os segundos e 26.922.594 ptas para os terceiros.

Entenderase por invalidez permanente total a incapacidade que inhabilite ó traballador, de modo permanente, para realizar todas ou as fundamentais tarefas da súa profesión habitual, aínda que poida dedicarse a outra distinta.

Entenderase por invalidez permanente absoluta a incapacidade que inhablite ó traballador, de modo permanente, para toda profesión ou oficio.

Entenderase por gran invalidez a situación do traballador para efectos de incapacidade permanente absoluta e que, por consecuencia de perdas anatómicas ou funcionais, necesite a asistencia doutra persoa para realiza-los actos máis esenciais da vida, como vestirse, desprazarse, comer ou análogos.

As condicións quedan establecidas na póliza de seguros e a copia oficial desta entregaráselle ó comité de empresa.

Artigo 38º.-Garantías dos representantes dos traballadores.

A empresa seguirá respectando as disposicións en vigor en relación coas garantías dos representantes dos traballadores.

Non serán contabilizadas no cómputo de horas sindicais as destinadas a reunións coa empresa.

O crédito horario acumularase anualmente e non se computará para efectos de cálculo de índices de absentismo.

Artigo 39º.-Mobilidade funcional dentro da empresa Frinova S.A.

1.-Cada traballador quedará encadrado dentro dun grupo profesional.

2.-A prestación debida por cada traballador quedará delimitada polo seu grupo profesional e, se é o caso, polos grupos profesionais equivalentes.

3.-A mobilidade funcional considérase dentro do grupo profesional sen menoscabo da dignidade do traballador e sen prexuízo da súa formación e promoción. Pode darse excepcionalmente mobilidade funcional con outro grupo profesional equivalente, de acordo á formación e experiencia profesional do traballador, logo dun acordo do comité da empresa para valorar que as causas que o producen son o suficientemente xustificables.

Artigo 40º.-Formación do persoal.

A empresa concédelles prioridade de elección de horario e quenda, entre os traballadores da súa categoría, ós que compatibilicen estudios regulados, conforme o que se expresa nos artigos 22, 23, 24 e 25 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 41º.-Regulamento de réxime interno.

Segundo o acordo entre empresa e comité do 19 de febreiro de 1991, aquela comprométese a elaborar

un proxecto de regulamento de réxime interno que lle entregará ó comité para o seu estudio, co fin de chegar a un documento final consensuado, que se presentará á asemblea de traballadores e que conterá tódolos detalles posibles relativos a organización do traballo, responsabilidades, categorías, faltas, sancións, e todo o que poida resultar de común interese para as relacións entre o traballador e a empresa. Este documento revisaríase anualmente.

Artigo 42º.-Transporte.

Todo o persoal ten dereito a desfrutar dos servicios de autobús nos percorridos e condicións actuais.

Artigo 43º.-Complemento por I.T.

Todo traballador que estea en situación de I.T., calquera que sexa a súa causa, con efectos a partir do 1º de xullo e ata o 31 de decembro de 1995, percibirá da empresa un complemento ata o 100% das súas retribucións como se estivese traballando.

No mes de xaneiro de 1996, avaliarase conxuntamente entre a dirección da empresa e o comité de empresa a avaliación do absentismo habido no segundo semestre de 1995, para determina-la aplicación deste artigo no primeiro semestre de 1996, e tomarase como punto de referencia o índice de absentismo ( por banzos) promedio dos seis primeiros meses de 1995.

Cláusula adicional.

O presente convenio está subscrito pola comisión negociadora formada, por parte da empresa, por Fernando Ilarri, director de persoal e recursos humanos do grupo Pescanova e Alberto Durán Iglesias, xefe de Persoal de Frinova,S.A.

Por parte do comité da empresa:

Dolores Fernández Lorenzo e Carlos Lago Rodal, de Comisións Obreiras (CC.OO.); Teresa Areal Carballido e Amalia Abalo Carrera, de Unión Xeral de Traballadores (UGT); Dolores López Iglesias e José Ramón Pereira Suárez, da Confederación Intersindical Galega (CIG); Javier Portela Alonso, José Benito Alonso González e Antonio Rodríguez Bargiela, como independentes.

Subscriben o presente convenio os que asinan, como integrantes da comisión negociadora.

Polo comité:Pola empresa:

RubricadoRubricado

5115