O desenvolvemento dos sectores agrícolas, gandeiros e forestais promóvese baseándose nunha mellor utilización de técnicas e recursos que esixen, cada vez máis, a presencia de persoal con alto nivel de formación e cualificación específica. Esta demanda crea a necesidade de especialización de titulados superiores no eido da investigación agraria, que irá encamiñada a cubrir e promove-las actividades de formación e prácticas a exercer por estes titulados.
Polo exposto, esta consellería, en virtude das atribucións que ten conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e os artigos 1 e 3 do Decreto 205/1990, do 15 de marzo,
DISPÓN:
Artigo 1º
Con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.432B.480.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995, convócanse seis (6) bolsas para especialización de titulados superiores no eido da investigación agraria.
A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo I a esta orde.
Artigo 2º
O importe global máximo que alcanzarán en 1995 as axudas convocadas é de 1.975.000 ptas. brutas incluíndo primas de seguro colectivo por importe de 85.000 ptas. para a cobertura de accidentes e da responsabilidade civil dos bolseiros.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.
Segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 1995.
Tomás Pérez Vidal
Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes
ANEXO I
BASES
Primeira.-Obxecto e dotación.
O obxecto da presente convocatoria é a concesión de seis (6) bolsas ou axudas económicas para o ano 1995, prorrogables por anualidades ata un total de tres anos, segundo o establecido na base décima.
Segunda.-Áreas de especialización e ubicación.
-Loita integrada contra pragas e enfermidades mediante sistemas informáticos de alerta baseados en datos agrometeorolóxicos (1 bolsa). Con destino no Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia; San Tirso de Mabegondo-Abegondo-A Coruña.
-Selvicultura e mellora xenética forestal (1 bolsa)
- Hidroloxía forestal (1 bolsa).
-Métodos eléctricos, estudios forestais (1 bolsa).
As anteriores, con destino no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán-Pontevedra.
-Fermentación láctica e microbiolóxica da fabricación de queixos (1 bolsa).
-Manexo integrado de explotacións ovinas en zonas desfavorecidas (1 bolsa).
As anteriores, con destino no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, San Tirso de Mabegondo-Abegondo-A Coruña.
Terceira.-Contía.
A contía das axudas será de 105.000 ptas. mensuais, nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.
Cuarta.-Carácter da bolsa.
Dado o seu carácter formativo e de especialización, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, aínda que si a aceptación do regulamento e normas de réxime interno
do centro de investigación onde realiza a súa formación, nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social, se ben quedará incluído nunha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o período desta concesión.
O bolseiro deberá dedicarse de maneira plena a cumpri-las tarefas que lle sexan encomendadas. O desfrute da bolsa é imcompatible coa percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas.
Quinta.-Condicións xerais.
Para optar a estas bolsas é necesario:
a) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.
b) Ter veciñanza administrativa en Galicia ou ser natural de Galicia ou fillo de emigrantes galegos no exterior.
c) Posuí-las titulacións que de seguido se relacionan para cada área de especialización:
-Loita integrada contra pragas e enfermidades mediante sistemas informáticos de alerta baseados en datos agrometeorolóxicos (enxeñeiro agrónomo ou biólogo).
-Selvicultura e mellora xenética forestal (enxeñeiro de montes).
-Hidroloxía forestal (enxeñeiro de montes ou xeólogo).
-Métodos eléctricos, estudios forestais (enxeñeiro industrial, enxeñeiro de montes ou licenciado en ciencias físicas).
-Fermentación láctica e microbiolóxica da fabricación de queixos (enxeñeiro agrónomo, biólogo, veterinario, licenciado en farmacia ou licenciado en ciencias químicas).
-Manexo integrado de explotacións ovinas en zonas desfavorecidas (enxeñeiro agrónomo, licenciado en económicas ou sociólogo).
Sexta.-Solicitudes e documentación.
1. A solicitude destas bolsas farase segundo o modelo do anexo II, dirixido ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, xunto cos seguintes documentos:
a) Fotocopia do DNI, ou no caso que proceda fotocopia do pasaporte.
b) Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.
c) Certificación académica completa de cualificacións, e fotocopia compulsada do título correspondente, ou, no seu defecto, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.
d) Declaración xurada de renuncia a outras bolsas, remuneracións ou axudas, no caso de ser seleccionado.
e) No caso de títulos expedidos por centros non pertencentes á Unión Europea, será necesario que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
f) Outros datos que se poidan xustificar documentalmente e que o solicitante considere de interese en relación coa área de especialización da bolsa.
2. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. O prazo de presentación de solicitudes rematará ós 15 días hábiles, contados desde o día hábil seguinte ó da publicación desta orde no DOG.
Sétima.-Outorgamento da bolsa.
1. As bolsas serán adxudicadas polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, por proposta da comisión avaliadora.
2. A comisión avaliadora estará presidida polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural e integrada polos seguintes membros:
Vocais: o director do Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria; o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; o director do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia; o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; e o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Leiro.
Secretario: un funcionario administrativo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes designado polo presidente da comisión avaliadora.
3 .A selección realizarase tendo en conta os seguintes criterios de valoración:
a) Valoración do expediente académico:
-Matrícula de honra: 5 puntos
-Sobresaliente: 4 puntos
-Notable: 3 puntos
-Ben: 2 puntos
-Aprobado: 1 punto
Valoración total= (Suma puntos de notas x 5) / Número de materias=
b) Outras valoracións:
Poderanse valorar tamén, sempre que resulten perfectamente acreditados documentalmente:
-Coñecementos informáticos: ata 4 puntos
-Coñecementos de galego:
-Curso de iniciación: 2 puntos
-Curso de perfeccionamento: 4 puntos
(máximo 4 puntos)
-Outros idiomas: ata 3 puntos, por cada idioma.
-Experiencia acreditada de traballo e formación, en relación coa área de especialización da bolsa que solicita: ata 10 puntos.
4. Efectuada a selección pola comisión avaliadora, o resultado será publicado nos taboleiros de anuncios dos centros de investigacións de Mabegondo, Lourizán e Laboratorio Agrario, sen prexuízo da comunicación persoal ós solicitantes que resulten adxudicatarios. Os bolseiros seleccionados deberán incorporarse ó seu destino no prazo de quince días.
Oitava.-Efectividade e obrigas do bolseiro.
1. Incorporado o bolseiro ó lugar de desenvolvemento da bolsa, e logo de notificación da incorporación polo director responsable de cada centro de investigación, procederase mensualmente ó pagamento da cantidade mensual fixada na base terceira.
2. A ausencia inxustificada, o baixo interese e rendemento, o non cumprimento das normas de réxime interno, así como a non realización dos traballos propostos, serán causa da perda da bolsa, logo de informe do titor da especialización e o director do centro de investigación respectivo.
3. Antes do pagamento da última mensualidade o bolseiro fará entrega dun informe por escrito sobre os traballos desenvolvidos no período de formación, ó que se acompañará informe do titor da área de especialización, dando coñecemento de todo iso ó respectivo director do centro de investigación. O incumprimento deste requisito dará lugar á perda da última mensualidade.
4. Ó termo do período completo da bolsa, o centro de investigación correspondente emitirá unha certificación a favor do bolseiro para os efectos do seu currículum vitae.
Novena.-Renuncia á bolsa concedida.
No caso de renuncia á bolsa concedida, o bolseiro presentará unha solicitude fundamentada. A vacante poderá ser cuberta por un suplente nomeado seguindo a orde da puntuación acadada na selección.
Décima.
Transcorrido o período anual de desfrute da bolsa, e logo do informe favorable do titor e do director do centro de investigación correspondente, e sempre que exista crédito na partida orzamentaria, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá acordar prórrogas que non excedan da anualidade orzamentaria da bolsa en desfrute ata un máximo de 3 anos nas mesmas condicións nas que se concedeu a orixinaria.
95-05901