Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Venres, 08 de setembro de 1995 Páx. 6.874

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 setembro de 1995, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo sobre aplicación do Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia ós traballadores contratados eventualmente para obra ou servicio determinado do Plan INFOGA.

Visto o texto do acordo sobre aplicación do Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia ós traballadores contratados eventualmente para a obra ou servicio determinado do Plan INFOGA, subscrito entre os representantes da Administración autonómica e o comité intercentros ó abeiro do disposto no artigo 48.6º e) do III Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e ratificado pola comisión paritaria do dito convenio na súa reunión do 31 de xullo de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90 do Estatuto dos traballadores, en relación co previsto no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito acordo no rexistro correspondente desta dirección xeral.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 1995.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Acordo sobre a aplicación do Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia ós traballadores contratados

eventualmente para a obra ou servicio determinado do plan INFOGA.

I. Obxecto e marco.

A sentencia do 29 de xuño de 1994 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, confirmada pola do 7 de febreiro de 1995 do Tribunal Supremo (Sala do Social), declarou «a aplicación do ... [Convenio] Colectivo Unico para o persoal laboral da Xunta de Galicia ós traballadores que, contratados eventualmente para a obra ou servicio determinado na campaña de extinción contra incendios forestais do Plan INFOGA..., estean incluídos dentro do réxime xeral da Seguridade Social, no que sexa compatible coas particularidades da devandita relación laboral».

O obxecto do presente acordo é a aplicación do devantito convenio colectivo:

-Ós traballadores con contrato temporal de obra ou servicio determinado.

-Para as campañas do Plan INFOGA.

-Incluídos no réxime xeral da Seguridade Social.

-No que sexa compatible coas particularidades da devandita relación laboral.

E simultaneamente a aplicación dos aspectos económicos que corresponden á situación derivada do INFOGA 1994, a partir do 1 de xullo, cos salarios base do II convenio e o complemento salarial ou plus do convenio de 1995 deflectado no 3,5 % .

O Plan INFOGA é anual e diríxise á prevención, detección e extinción de incendios forestais en Galicia.

O seu carácter anual determina, en primeiro lugar, o feito da dependencia orzamentaria do organismo que o executa, de modo que só poderá proporciona-la cobertura necesaria para a vixilancia e extinción dos incendios en función das súas dispoñibilidades de tal orde, que poden diferir dun ano a outro, e, en segundo lugar, poden tamén varia-las planificacións anuais, cos seus concretos e obxectivos específicos, en atención ás características de cada tempada (sentencia do Tribunal Supremo do 10 de xuño e 3 de novembro de 1994, en recursos de casación para a unificación de doutrina).

E respecto ó seu fin de prevención, detección e extinción de incendios debe sinalarse que os incendios forestais son imprevisibles e as consecuencias indeterminables en canto a vidas e facendas; velaí que, por unha parte, toda persoa que advirta a existencia ou iniciación dun incendio forestal deberá tenta-la súa extinción coa máxima urxencia, se o permitise a distancia ó lume e a súa intensidade; en caso contrario, debe dar conta do feito, polo medio máis rápido posible, ó axente da autoridade máis cercano, e que, cando os medios permanentes non sexan bastantes para domina-lo sinistro, os gobernadores civís e os alcaldes poderán proceder á mobilización das persoas útiles, ..., con idade comprendida entre os dezaoito e os sesenta anos, así como o material, calquera que fora o seu propietario, en canto o estimen preciso para a extinción do incendio (artigos 10.1º e 12.1º

da Lei 81/1968, do 5 de decembro, sobre incendios forestais, e con maior amplitude os artigos 57 e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 3769/1972, do 23 de decembro), e, por outra banda, a súa consideración de servicio esencial en caso de folga (Decreto da Xunta de Galicia 155/1988, do 9 de xuño), ante o que sería de aplicación plenamente e sen posibilidade de restricción ningunha ó principio de que salus populi maxima lex esto se sucedese que fose precisa a utilización do total dos efectivos de que se dispoñen.

Por todo o anterior é de resalta-la autonomía e substantividade que, en relación á actividade normal da Administración, ten cada unha das campañas que organiza, a súa duración incerta, así como a peculiaridade propia de cada unha delas, dependendo do seu condicionante orzamentario, de factores climáticos e do específico e concreto obxectivo a que atende (sentencia do Tribunal Supremo do 10 de abril de 1995, tamén en recurso de casación para a unificación de dotrina), e, como consecuencia, a absoluta idoneidade, procedencia e pertinencia da utilización de contratos de duración determinada para obra ou servicio determinado (artigo 15 do Estatuto dos traballadores e Real decreto 2546/1994, do 29 de decembro), nos que, en todo caso, pola propia natureza do traballo que se vai desenvolver, entenderase que é para cada período concreto, e non con carácter permanente, a suficiencia acreditada polos interesados nas probas físicas e doutra orde previstas nas respectivas bases da convocatoria

(sentencia citada do 10 de xuño de 1994).

II. Acordos:

1.-En principio non son de aplicación os artigos que se refiren exclusivamente ó persoal fixo de cadro segundo a correspondente relación de postos de traballo.

2.-O sistema de selección terá carácter anual e baremo propio no que se prime a experiencia e o coñecemento do terreo, para garanti-la eficiencia e rapidez da mobilización do persoal comprendido entre os 18 e 65 anos, sempre que acrediten, na forma que se estableza, a capacidade física precisa para o desempeño do traballo, sen prexuízo dos cambios que poidan producirse en función dos específicos e concretos obxectivos anuais.

Este sistema de acceso ós contratos para a obra ou servicio determinado realizarase con respecto ós principios de mérito e capacidade, e só se terá en conta para acceder ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais.

Na orde anual na que se concrete o devandito sistema de selección regularanse as condicións e requisitos da mobilidade funcional, que responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible.

3.-Xornada de traballo, horario e descansos.

A xornada de traballo con carácter xeral será de 37 horas e 30 minutos semanais, que poderá prestarse en réxime de quendas de mañá-tarde-noite en xornada continuada e tandas rotativas, sen prexuízo de que poida ser ampliada, modificada ou distribuída

irregularmente ó longo do período contratado, en función da especificidad dos servicios que se van prestar, das pecualiaridades da súa localización e climatoloxía e polas necesidades imprevisibles dos mesmos, respectándose a xornada máxima anual.

4.-Vacacións e licencias.

Os períodos de vacacións e o desfrute de licencias e permisos están subordinados ás necesidades do servicio. Neste sentido, nos períodos e tempada de perigo alto, as vacacións correspondentes ó persoal contratado para as devanditas épocas poderanse desfrutar ben ó final do período contractual ou, se é o caso, durante o mesmo se a Administración estima que, nun determinado espacio de tempo do período contractual, non existe risco de incendios forestais e non se interfire o correcto funcionamento dos servicios, e só se poderán desfrutar aquelas licencias debidas a feitos que non permitan pospoñe-lo seu desfrute

5.-Estructura do salario.

As retribucións deste persoal son as reflectidas no anexo II, estando constituídas polo salario base e o complemento salarial ou plus do convenio que a continuación se definen:

a) Salario base.-É a parte de retribución do traballador/a fixada para a xornada ordinaria de traballo, en función da súa categoría profesional segundo se establece no anexo I

b) Complemento salarial ou plus do convenio.- É o complemento salarial que, na contía que para cada categoría se especifica no devandito anexo II, con carácter global, fixo e mensual retribúe a totalidade das especiais dificultades, tanto materiais e técnicas como de natureza funcional e ocasional, que esixa o desempeño ou se deriven das características especiais destes traballos e, en concreto: a especial dedicación polas xornadas extraordinarias e/ou a prolongación das ordinarias que o servicio esixa, e que serán obrigatorias, no caso de ter que previr ou reparar sinistros ou outros danos de carácter extraordinarios e urxentes, considerándose retribuídas ata un máximo de 55 horas mensuais; o traballo nocturno e os domingos e festivos que como consecuencia do sistema de organización do traballo por quendas deban realizarse segundo a tempada; a especial responsabilidade e a especial dirección que comportan determinados postos de traballo; a conducción de vehículos; e a perigosidade,

toxicidade e penosidade pola actuación en primeira liña de lume nos labores de extinción de incendios propiamente dita. A percepción deste complemento salarial único exclúe e impide a percepción de calquera outro complemento salarial ou compensación económica.

6.-Incapacidade laboral transitoria.

En caso de baixa por ILT o traballador poderá ser substituído inmediatamente por outro cun contrato de interinidade mentres dure esta situación.

7.-Mobilidade.

Os traballadores/as do Plan INFOGA, polas especiais caráctericas do mesmo, son especificamente contratados para presta-los seus servicios en centros de traballo móbiles e itinerantes.

8.-Disposición adicional.

A comisión paritaria de vixilancia e interpretación do convenio terá en conta o carácter especial do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais á hora

de interpreta-lo mesmo, do que o presente acordo formará parte, e, en especial, nos apartados correspondentes a beneficios sociais, seguridade e hixiene, dereitos sindicais e réxime disciplinario.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 1995.

Por la Administración autonomica:

Director xeral da Función Pública.

Joaquín López-Rúa Soler

Directora xeral de Presupostos da Consellería de Economia e Facenda.

Margarita Rodríguez Rama.

Secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Antonio Luis Rosón Pérez.

Polas organizacións sindicais:

Presidente do comité intercentos.

Manuel Pena Santar

95-5789