Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Venres, 08 de setembro de 1995 Páx. 6.867

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial do sector do transporte de viaxeiros por estrada de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo do sector do transporte de viaxeiros por estrada (código nº 3200315) de Ourense para o ano 1995, con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 29 de xuño do ano en curso, subscrito en representación da parte económica pola Confederación de Empresarios do Transporte de Viaxeiros por Estrada de Ourense e da parte social polas centrais sindicais CC.OO. e UGT, en reunión celebrada o día 2 de xuño de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro de rexistro desta delegación provincial,

e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Serviciod e Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 4 de xullo de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de transporte de viaxeiros por estradda de Ourense

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as relacións laborais entre empresas dedicadas ó transporte de viaxeiros na provincia de Ourense e o persoal que preste nelas os seus servicios, quedando excluídas das disposicións deste convenio as persoas que desempeñen cargos de alta dirección a que se refire o Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio afecta a Ourense e provincia, así como ós centros de traballo situados nela, aínda que as empresas tivesen o seu domicilio social en provincia distinta.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As estipulacións do presente convenio obrigan á totalidade das empresas e traballadores dedicados á actividade do transporte de viaxeiros por estrada de Ourense, así como ó persoal que en diante forme parte dos cadros de persoal daquelas.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa sinatura, aínda que os efectos económicos se aplicarán a partir do 1 de xaneiro de 1995. O presente convenio manterá a súa vixencia en canto non sexa substituído por outro. Neste sentido ámbalas partes acordan que con motivo da próxima derrogación da ordenanza laboral se establece un calendario periódico de reunións a partir do 1 de novembro de 1995 ata o 20 de decembro de 1995 co fin de redactar un acordo marco que regule a actividade do transporte de viaxeiros por estrada e que servirá de texto normativo para ámbalas partes. Se, chegado o 20 de decembro, este acordo non se tivese alcanzado, ámbalas partes comprométense a someterse a unha arbitraxe obrigatoria que dirimirá as diferencias existentes e o laudo da cal será de obrigado cumprimento para ámbalas partes, fixándose como data límte para este o 31 de decembro de 1995, data a partir da cal entrará en vigor o novo convenio. Se, chegado o día 20 de decembro de 1995, non se tivese

alcanzado un acordo, ámbalas partes poderán de común acordo prorroga-lo prazo ata a data que consideren conveniente para prosegui-las negociacións, e unha vez finalizado este, se existisen diferencias, someteranse igualmente á arbitraxe sinalada

anteriormente, para a que se sinalará unha data límite para a emisión do laudo arbitral.

No que atinxe á duración do presente convenio, esta será de un ano, é dicir, desde o 1-1-1995 ata o 31-12-1995.

O presente convenio será denunciado con tres meses de anticipación ó final da súa vixencia.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Crearase unha comisión paritaria como órgano interpretativo para a vixilancia e cumprimento do convido, integrada pola comisión negociadora do presente convenio.

As reunións desta comisión celebraranse sempre coa asistencia de dous membros de cada unha das representacións que a compoñen, e para reunírense será suficiente que unha das partes o solicite. Entre esa solicitude e a reunión mediará un prazo de 72 horas como mínimo.

Consideraranse como acordos da comisión aqueles que fosen aprobados pola maioría dentro de cada unha das partes. As discrepancias reflectiranse na acta. En caso de non haber acordo farase unha acta que reflicta as diferencias. A parte económica resolverá o que considere conveniente no prazo de oito días e notificarallo á representación social, por se deciden acudir coa súa reclamación ante a autoridade laboral.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas neste convenio teñen o carácter de mínimas. Dentro das condicións pactadas respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas que as convidas, manténdose ad personam no que excedan das pactadas.

Artigo 7º.-Organización do traballo.

A organización técnica e práctica do traballo corresponderalle á empresa dentro das normas e orientacións da ordenanza e das disposicións legais vixentes.

Non se poderá adoptar ningún sistema de traballo que poida prexudica-la formación profesional e técnica do persoal, antes ben, este ten o deber -e a empresa facilitaralle o medio para facelo- de completar e perfecciona-los seus coñecementos coa práctica diaria e non esquecendo que a eficacia e o rendemento do persoal e, en definitiva, a prosperidade mesma da satisfacción que nace, non só da retribución decorosa e xusta, senón das relacións todas de traballo e, en especial, das que sexan consecuencia do exercicio da liberdade que se recoñece nas empresas, estean asentadas nos principios de xustiza.

Artigo 8º.-Período de proba.

Poderase concertar por escrito un período de proba, que en ningún caso poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados e de tres meses para os demais traballadores, excepto para os non cualificados, caso no que a duración máxima será de 15 días laborables.

O empresario e o traballador están respectivamente obrigados a realiza-las experiencias que constitúan o obxecto da proba. Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desempeñe como se fose do cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que se poderá producir a instancia de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transcorrido o período de proba sen que se producise o desistimento, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa. A situación de incapacidade laboral transitoria que afecte ó traballador durante o período de proba interrompe o cómputo deste, sempre que se produza o acordo entre as partes.

Artigo 9º.-Ascensos.

Aplicarase o disposto no artigo 29 da ordenanza laboral do transporte por estrada.

Artigo 10º.-Traballos de categoría superior.

O traballador que realice funcións de categoría superior ás que correspondan á categoría profesional que tivese recoñecida por un período superior a seis meses durante un ano ou oito durante dous anos consolidará a dita categoría.

Cando se desempeñen funcións de categoría superior pero non proceda legal ou convencionalmente o ascenso, o traballador terá dereito á diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de corenta horas semanais. Tendo en conta as peculiaridades deste sector e, unicamente coa intención de interpretar e coñece-las normas de aplicación, ámbalas partes conveñen en expoñe-las conclusións seguintes:

A) Considérase traballo efectivo o traballo de conducción e tempo de presencia; as esperas, expectativas de traballo, servicios de garda, viaxes sen conducción para a toma de servicio, avarías, comidas en ruta ou outros similares.

B) O tempo de espera en localidades que non sexan principio e fin de traxecto a cargo do vehículo computaranse na súa metade coas seguintes consideracións:

1. Se a espera é en localidade principio e fin de traxecto, consideraranse como tempo de presencia na súa totalidade.

2. Se o traballador ten que estar pendente do vehículo, considerarase como tempo de presencia na súa totalidade.

C) Cando se fale de traballo efectivo, deberase ter en conta:

1. Non se poderá conducir máis de catro horas seguidas sen descansar, salvo que se chege ó punto de destino conducindo media hora máis.

2. No se poderá conducir máis de 9 horas diarias.

D) Sobre a duración máxima da xornada, poderanse engadir 20 horas máis á semana de tempo de presencia, como máximo, as cales non se computarán para o tope máximo das horas extraordinarias. As ditas horas de presencia realizadas por encima da xornada efectiva semanal deberán ser aboadas como mínimo ó prezo da hora ordinaria, é dicir, que se un traballador, despois de realizar 40 horas de traballo efectivo, realiza 20 máis de tempo de presencia á semana, deberá cobrar, ademais do salario mensual que ten establecido, as horas de presencia que excedan da dita xornada, ó prezo cada unha de unha hora normal.

No referente ó descanso entre xornadas, aplicarase o disposto na normativa vixente sobre estas materias.

As empresas disporán dun caderno de control que será utilizado fundamentalmente e sempre que sexa requirido polo traballador, no momento en que varíe o servicio que habitualmente se vén realizando pola empresa, o cal será selado por esta no prazo máximo de tres días desde a entrega dunha copia por parte do traballador e, en todo caso, con anterioridade á confección da súa correspondente nómina.

No non previsto neste último parágrafo, aplicarase o disposto no Real decreto 1270/1984.

Artigo 12º.-Permiso de conducción.

Os conductores ós que, como consecuencia de conducir un vehículo da empresa por orde e conta desta, se lles retire o permiso de conducir por tempo non superior a seis meses, serán acoplados durante ese tempo a outro traballo aínda que sexa de categoría profesional inferior, nalgúns dos servicios de que dispoña a empresa e seguirán percibindo o salario correspondente á súa categoría.

O disposto no presente artigo non será de aplicación nos casos de reincidencia dentro da vixencia do convenio, quedando excluídos deste beneficio os conductores que se visen privados do permiso de conducción a consecuencia do consumo de drogas ou a inxestión de bebidas alcohólicas.

No caso de que un empregado sufra prisión por causas de accidente involuntario no servicio da empresa, esta estará obrigada a defendelo perante os tribunais e a xestiona-la súa liberdade prestando a fianza que fose precisa.

Será voluntario por parte da empresa o pagamento das retribucións ós empregados que non poidan traballar no caso expresado no artigo anterior pero, unha vez dictado auto de sobresemento ou sentencia absolutoria, seranlles aboados tódolos atrasos a teor do salario máis antigüidade.

Artigo 13º.-Recibos de finiquitos.

Todo traballador, ó cesar na empresa, poderá somete-lo recibo de finiquito ou documento que poña fin á relación laboral, antes de asinalo, á supervisión do comité de empresa ou delegado de persoal e, no seu defecto, á do sindicato ó que estea afiliado.

Artigo 14º.-Formación profesional.

As partes asinantes coinciden en que unha das causas da deficiente situación do mercado de traballo deriva do afastamento da formación profesional respecto das necesidades auténticas de man de obra e da carencia da formación ocupacional continua para a actualización e adaptación dos traballadores activos ás novas características das tarefas na empresa.

A formación profesional, en tódalas modalidades (inicial ou continua) e niveis, debe ser considerada como un instrumento máis de significativa validez que coadxuve a logra-la necesaria conexión entre as cualidades dos traballadores e os requirimentos do mercado de traballo (emprego). E, nunha perspectiva máis ampla, ser un elemento dinamizador que acompañe o desenvolvemento industrial a longo prazo, permite a elaboración de productos de maior calidade que favorezan a competitividade das nosas empresas españolas no ámbito internacional e faga posible a promoción social integral do traballador, promovendo a diversificación e afondamento dos seus coñecementos e habilidades de modo permanente.

Para estes efectos, as partes que asinan cren conveniente:

-Realizaren por si ou por medio de entidades especializadas estudios de carácter prospectivo respecto das cualificacións futuras e necesidades de man de obra do sector.

-Desenvolveren e promoveren a aplicación efectiva do artigo 27 do Estatuto dos traballadores, así como dos convenios internacionais subscritos por España referentes ó dereito á formación continua, facilitando o tempo necesario para a formación.

-Proporen e executaren accións formativas nas súas diversas modalidades e niveis, xa sexan con programas que se poidan impartir nos centros de formación de empresa ou que no futuro se puidesen constituír, como a través dos programas nacionais ou internacionais desenvolvidos por organismos competentes.

-Colaboraren segundo as propias posibilidades, mediante entidades especializadas, no diagnóstico e deseño de programas puntuais de formación nas empresas, tendo en conta as especificacións e necesidades concretas así como as características xenéricas ou individuais dos traballadores afectados.

-Coordinaren e seguiren o desenvolvemento de formacións en prácticas dos alumnos que sexan recibidos polas empresas, no marco dos acordos asinados a nivel sectorial ou por empresas.

-Avaliaren de maneira continuada tódalas accións emprendidas, co fin de revisa-las orientacións, promover novas actividades e actualiza-la definición dos obxectivos de formación profesional.

-Nesta perspectiva, as partes asinantes do presente convenio consideran conveniente que as empresas desenvolvan neste sentido procesos formativos (diagnósticos, programación, cursos, avaliación) podéndose constituír en empresas de máis de 250 traballadores, comisións paritarias de estudio, que terían como

obxectivo a avaliación e información sobre o proceso formativo da empresa.

Artigo 15º.-Pagamento de salarios.

A liquidación e pagamento de salario farase puntual e documentalmente no lugar e data convidos como marquen os usos e costumes. O período de tempo non poderá exceder de 15 días.

O xuro anual por mora no pagamento do salario será do 10% do que se estea a deber.

Artigo 16º.-Salario base.

O salario base que corresponde ó persoal afectado polo presente convenio aboarase por día natural, na contía recollida no anexo I.

Artigo 17º.-Pagamento de beneficios.

Tódolos traballadores das empresas, tanto fixos como eventuais ou interinos, terán dereito ó percibo dunha cantidade consistente en trinta días de salario base máis antigüidade. A paga de beneficios aboarase por anos vencidos, antes do quince de marzo. Os traballadores que o trinta e un de decembro leven menos de un ano ó servicio da empresa terán dereito á parte proporcional correspondente ó tempo traballado, computándose este sempre en días naturais. Unicamente non se computarán para efectos de participación en beneficios as excedencias voluntarias, permisos sen soldo e ausencias inxustificadas. A dita paga poderá ser aboada de forma proporcional ó longo das distintas nóminas mensuais.

Artigo 18º.-Plus de conductor perceptor.

O conductor perceptor cando desempeña simultaneamente as funcións de conductor-cobrador percibirá un complemento salarial do 20 por cento do salario base, se é o caso, por cada día que realice ámbalas funcións.

Artigo 19º.-Complemento de antigüidade.

Os traballadores fixos desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico polo tempo de servicios prestados á mesma empresa, consistente como máximo en dous bienios e cinco quinquenios da contía que despois se expresa. O módulo para o cálculo e aboamento do complemento persoal de antigüidade será o último salario base percibido polo traballador, servindo o dito módulo non só para o cálculo de bienios e quinquenios de novo vencemento senón tamén o dos xa perfeccionados. As contías do complemento persoal de antigüidade serán do cinco por cento para os dos primeiros bienios e do 10 por cento para quinquenio a partir do segundo.

A data inicial do cómputo de antigüidade será a do ingreso do traballador na empresa. Para o cómputo da antigüidada terase en conta todo o tempo servido nunha mesma empresa, considerándose como efectivamente traballados os meses e días nos que non se percibise un salario ou remuneración, ben sexa polos servicios prestados ou en vacacións, licencias retribuídas e cando reciba unha prestación económica por accidente de traballo ou enfermidade. Así mesmo será computable o tempo de excedencia forzosa por

nomeamento para un cargo político ou sindical así como no caso de prestación do servicio militar. Polo contario, non se estimará o tempo que permanecese en excedencia voluntaria.

Computaranse estes aumentos en razón dos anos de servicio na empresa, calquera que sexa o grupo profesional ou categoría na que se encontre encadrado, estimándose así mesmo os servicios prestados en período de proba e polo persoal interino, eventual ou complementario cando estes pasen a ocupar praza na cadro de persoal fixo.

Os aumentos por ano de servicio comezarán a devengarse a partir do primeiro do mes seguinte a aquel en que se cumpra o bienio ou quinquenio. O traballador que cese definitivamente na empresa e posteriormente ingrese de novo nela só terá dereito a que se lle compute a antigüidade anteriormente obtidos. Para o máximo de bienios e quinquenios que establece este artigo terase en conta os xa producidos con anterioridade á vixencia da ordenanza laboral aprobada por Orde do 20 de marzo de 1971.

Artigo 20º.-Horas extraordinarias.

Aplicarase a normativa vixente en cada momento sobre réxime de horas extraordinarias no sector do transporte.

Artigo 21º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de xullo e decembro aboaranse na contía de trinta días de salario base máis antigüidade.

Artigo 22º.-Traballos de categoría inferior.

Se por conveniencia da empresa se destina un productor a traballo de categoría inferior a aquela na que está adscrito, sen que con iso prexudique a súa formación profesional, única forma admisible para que se poida efectuar, o productor conservará o xornal correspondente á súa categoría.

Artigo 23º.-Persoal con capacidade diminuída.

As empresas deberán acopla-lo persoal que teña a capacidade diminuída pola idade e outras circunstancias antes da súa xubilación ou retiro, destinándose a outros traballos adecuados ás súas condicións sempre que haxa praza vacante. O persoal acollido a esta situación non excederá do cinco por cento do total da categoría respectiva.

Artigo 24º.-Compensación en caso de accidente ou enfermidade.

As empresas complementarán a diferencia entre a compensación percibida con cargo á Seguridade Social por incapacidade laboral transitoria e o salario real deste convenio cando aquela estea motivada por accidente de traballo con hospitalización. Caso de non producirse hospitalización, o complemento citado aboarase ata un máximo de 45 días.

En caso de baixa por enfermidade, as empresas completarán ata o 100 por 100 do salario dos traballadores desde o día 16 ata o 60 como máximo, ambos inclusive.

Cando a xuízo da empresa existan indicios razoables para presumir algunha irregularidade na situación de baixa por accidente ou enfermidade común, poderá requiri-lo traballador para que se someta ó recoñecemento do facultativo que a empresa designe, sendo a cargo desta os gastos que se orixinen por tal motivo.

Artigo 25º.-Roupa de traballo.

As empresas afectadas por este convenio estarán obrigadas a facilitarlle ó seu persoal roupa de traballo de acordo coas normas establecidas na ordenanza laboral de transportes por estrada. Por acordo entre o comité de empresa ou delegado de persoal e a dirección do centro de traballo poderase substituí-la roupa de traballo por unha axuda económica mensual acordada por ámbalas partes.

Artigo 26º.-Vacacións.

Todo o persoal ó servicio das empresas afectadas polo convenio desfrutará dun período de vacacións anuais de trinta días naturais, retribuídas a salario base máis antigüidade e plus de actividade. Neste caso o plus de actividade será aboado por 25 días.

O período de desfrute fixarase de común acordo entre empresario e traballador, que tamén poderá convir na división en dous do período total. A falta de acordo, seguiranse os criterios seguintes:

O empresario poderá excluír como período vacacional aquel que coincida coa maior actividade productiva estacional da empresa, logo de consulta cos representantes legais dos traballadores.

Por acordo entre empresario e os representantes legais dos traballadores, poderanse fixa-los períodos de vacacións de todo o persoal, xa sexa en quendas organizadas sucesivamente, xa sexa coa suspensión total das actividades laborais, sen máis excepcións que as tarefas de conservación, reparación e similares.

Cando exista un réxime de quendas de vacacións, os traballadores con responsabilidades familiares teñen preferencia a que as súas coincidan cos períodos de vacacións escolares.

Se existise desacordo entre as partes, a xurisdicción competente fixará a data que para o desfrute corresponda e contra a súa decisión non se poderá interpor recurso. O procedemento será sumario e preferente.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes, polo menos, do comezo do seu desfrute.

Artigo 27º.-Axudas de custo.

Os gastos ocasionados pola propia natureza do traballo como as axudas de custo e aloxamento serán aboados pola empresa na súa totalidade, logo de xustificación.

Artigo 28º.-Plus de actividade.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá un plus de actividade equivalente a 476 ptas. por día efectivamente traballado.

Artigo 29º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas entre as doce da noite e as seis da mañá levarán un recargo do 25 por cento do salario base.

Exclúese do cobro do expresado suplemento o persoal que realice a súa función durante a noite e que fose contratado expresamente para traballar durante ela ou que, sen ter sido contratado así voluntariamente, o traballador e a empresa o acepten.

Artigo 30º.-Prmisos e licencias.

Concederanse de acordo co establecido na lexislación vixente, a excepción de:

a) 15 días naturais en caso de casamento.

b) 2 días en caso de nacemento de fillos ou falecemento de parentes, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto superior a 100 km o prazo será de 4 días.

c) 1 día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica.

e) As traballadoras, por lactancia dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia ó traballo, que poderán dividir en dúas fraccións de media hora. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en unha hora, coa mesma finalidade.

f) Os que por razón de garda legal teñan ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terán dereito a unha reducción da xornada de traballo entre un tercio e un máximo da metade da duración daquela, coa diminución proporcional do salario.

Artigo 31º.-Dereitos sindicais.

As empresas poderán deducir a través das nóminas as cotas correspondentes ós afiliados ás centrais sindicais. Os interesados deberán solicitalo por escrito á dirección da empresa. Os importes retidos serán entregados ás persoas ou entidade que designe a central sindical correspondente.

Artigo 32º.-Garantías sindicais.

Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das funcións, nin dentro do ano seguinte ó seu cesamento, salvo que este se produza por renovación ou demisión e sempre que o despedimento ou a sanción se basee na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves obedecesen a outra causa deberase tramitar expediente contradictorio, no que serán oídos, á parte

do interesado, o comité de empresa ou restantes delegados de persoal.

Non poderá ser discriminado na súa promoción económica ou profesional por causa ou razón do desempeño da súa representación.

Poderá exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa, en materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, exercendo tales tarefas coa norma legal vixente para o efecto.

Dispoñerá do crédito de horas mensuais que a lei determine.

Sen excede-lo máximo legal, poderán ser utilizadas as horas retribuídas de que dispoñan os membros do comité de empresa ou delegados de persoal, co fin de preve-la súa asistencia normal a cursos de formación organizados polos seus sindicatos.

Artigo 33º.-Excedencias.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para o cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa de un ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria

por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido cada vez por un traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia voluntaria non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñese desfrutando. Cando o pai ou nai traballen só un deles poderá exercer este dereito.

4. Así mesmo poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadors que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

5. O traballador excedente só conserva un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

6. Quedan excluídos os traballadores contratados eventuais con contrato igual ou inferior a dous anos.

Artigo 34º.-Gratificación polo transporte de correo.

Os cobradores de liñas interurbanas que sexan portadores de correo percibirán unha gratificación de 62 ptas. os días que efectivamente presten tal servicio.

Artigo 35º.-Quebranto de moeda.

Establécese polo quebranto de moeda unha cantidade mensual equivalente ó salario de un día.

ANEXO I

Táboa salarial

Salario basePlus de actividade

GRUPO I. Persoal superior e técnico

Xefe de servicio103.750476 ptas./día
Enxeñeiros e licenciados101.879476 ptas./día
Enx. técnico e aux. titulado 91.704476 ptas./día
A.T.S. 91.704476 ptas./día

GRUPO II. Persoal administrativo

Xefe de sección76.275476 ptas./día
Xefe de negociado75.979476 ptas./día
Oficial de 1ª75.657476 ptas./día
Oficial de 2ª74.629476 ptas./día
Auxiliar administrativo74.116476 ptas./día
Aspirante74.092476 ptas./día

GRUPO III. Persoal de movemento

Xefe de estación 1ª76.277476 ptas./día
Xefe de estación 2ª75.248476 ptas./día
Xefe de administración 1ª76.277476 ptas./día
Xefe de admón. en ruta75.657476 ptas./día

Taquilleiros72.460476 ptas./día
Factor72.460476 ptas./día

GRUPO IV. Transporte de viaxeiros en autobuses e microbuses

Xefe de tráfico de 1ª76.277476 ptas./día

Xefe de tráfico de 2ª75.248476 ptas./día

Xefe de tráfico de 3ª76.277476 ptas./día

Inspector 2.466 ptas./día natural476 ptas./día

Conductor-Chófer 2.466 ptas./día natural476 ptas./día

Conductor-perceptor 2.466 ptas./día natural476 ptas./día

Cobrador 2.466 ptas./día natural476 ptas./día

GRUPO V. Persoal de servicios de talleres e auxiliares

Xefe de taller76.289476 ptas./día

Encargado- contramestre75.277476 ptas./día

Encargado-xeral76.277476 ptas./día

Encargado almacén76.277476 ptas./día

Xefe de equipo 2.488 ptas./día natural476 ptas./día

Oficial 1ª 2.488 ptas./día natural476 ptas./día

GRUPO VI. Persoal de talleres auxiliares

Oficial 2ª 2.462 ptas./día natural476 ptas./día

Oficial 3ª 2.415 ptas./día natural476 ptas./día

Conductor mecánico 2.533 ptas./día natural476 ptas./día

Mozo de taller 2.399 ptas./día natural476 ptas./día

Aprendiz (1, 2 e 3º ano) 2.399 ptas./día natural476 ptas./día

GRUPO VII. persoal subalterno

Cobrador de facturas72.759476 ptas./día

Telefonista72.759476 ptas./día

Porteiro72.759476 ptas./día

Vixilante72.759476 ptas./día

Limpadora72.759476 ptas./día

5926