Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Xoves, 24 de agosto de 1995 Páx. 6.601

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 1995 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de 11 prazas de auxiliares técnicos de bibliotecas vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Coa finalidade de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios, este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro), de reforma universitaria en relación co artigo 3 e), así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir prazas de auxiliares técnicos de bibliotecas vacantes no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo 11 prazas de auxiliares técnicos de biblioteca, incluídas no grupo IV do convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 3 de marzo de 1993), polos sistemas de promoción interna e de acceso xeral libre.

1.2. A cobertura da totalidade das prazas convocadas resérvase inicialmente á quenda de promoción interna.

1.3. As prazas que non sexan cubertas pola anterior quenda acumularanse para a súa provisión polo sistema de acceso xeral libre.

1.4. Os aspirantes que ingresen polo sistema de promoción interna terán preferencia sobre o resto dos

aspirantes para cubri-los postos de traballo vacantes ofertados.

1.5. Os aspirantes só poderán participar en un dos dous sistemas, promoción interna ou acceso xeral libre.

1.6. Dentro do respectivo sistema de acceso, a adxudicación das prazas efectuarase de acordo coa puntuación total obtida no proceso selectivo.

1.7. O número de prazas convocadas poderá incrementarse coas vacantes que se produzan desde a data desta convocatoria ata o momento da publicación da lista definitiva de aprobados, sempre que tal incremento non exceda do 10% de prazas vacantes comprometidas na oferta de emprego da Universidade de Vigo.

1.8. Do total das prazas convocadas resérvase para a súa aplicación ó sistema de acceso libre unha praza para ser cuberta por persoas cun grao de minusvalidez igual ou superior ó 33%, consonte o previsto na disposición adicional décimo novena da Lei 23/1988, do 28 de xullo (BOE do 29).

2. Procedemento de selección.

2.1. O procedemento de selección dos aspirantes será, en ámbolos dous sistemas de provisión, o de concurso-oposición, e as probas e valoracións axustaranse ó que se especifica no anexo I desta convocatoria.

2.2. No concurso, que non terá carácter eliminatorio, valoraranse os servicios efectivos prestados e recoñecidos en calquera das tres universidades públicas de Galicia, de conformidade co anexo antes citado.

2.3. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

3. Requisitos dos aspirantes.

3.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos e non exceder dos sesenta e cinco anos de idade.

c) Estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non estar despedido ou suspendido do servicio de calquera administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio da función pública.

3.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Pertencer ó cadro de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas de Galicia.

b) Pertencer a categoría profesional distinta á das prazas convocadas na presente convocatoria.

3.3. Tódolos requisitos enumerados deberán posuírse, se é o caso, na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento da formalización do contrato.

4. Solicitudes.

4.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo ó rector da Universidade de Vigo en instancia segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4.2. Tódolos aspirantes xuntarán á súa instancia fotocopia do DNI ou documento acreditativo de ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

Os aspirantes pola quenda de promoción interna, necesariamente, e os que concorran pola quenda de acceso xeral libre, no seu caso, deberán achegar ademais certificación da xerencia da universidade correspondente acreditativa dos servicios prestados referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Os aspirantes con minusvalidez deberán achegar certificación do seu grao de discapacidade expedida polo órgano competente. Na súa instancia deberán facer constar esa circunstancia e solicita-las posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios.

4.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo (r/ Oporto, 1. 36201-Vigo), ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.4. Os dereitos de exame serán de 5.410 ptas, que se ingresarán na conta corrente número 22599.4 aberta na O.P. de Caixavigo coa referencia «Universidade de Vigo. Outros ingresos». Na solicitude deberá figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión dos aspirantes.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma ante o rectorado da universidade.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. Rematado o prazo de admisión de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo publicará no taboleiro de anuncios do rectorado no prazo máximo de un mes, resolución pola que se aproba a lista provisional de admitidos e excluídos, na que consten as causas de exclusión e o prazo para emendalas.

Para corrixi-los defectos que motivaron a exclusión ou omisión, os aspirantes disporán dun prazo de dez días naturais contados a partir da data de publicación da resolución. Os aspirantes que, dentro do prazo sina

lado, non remedien a exclusión ou omisión, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

5.2. Só procederá a devolución dos dereitos de exame ós aspirantes que fosen excluídos definitivamente destas probas selectivas, e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio.

6. Tribunal.

6.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III a esta convocatoria. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Vigo, rúa Oporto nº 1, 36201-Vigo (Pontevedra).

6.2. O tribunal que actúa nestas probas terá a categoría cuarta das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

6.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ó rector da universidade cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992.

6.4. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

6.5. O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.

6.6. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle ó rector da Universidade de Vigo.

6.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalideces dispoñan de similares condicións para a realización dos exercicios ás dos demais participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalideces que o soliciten, na forma prevista na base 4.2. as adaptacións posibles en tempo e medios para a súa realización.

6.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que sexan escritos e non lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes.

6.9. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6.10. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 23.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superen, coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais, as vacantes e necesidades

que poidan producirse ata a realización da próxima convocatoria.

7. Desenvolvemento dos exercicios.

7.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra R, de conformidade co establecido na resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de marzo de 1995 (DOG do 5 de abril).

7.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal para acreditaren a súa identidade.

7.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun só chamamento, sendo excluídos das probas aqueles que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados, e libremente apreciados polo tribunal.

7.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

7.5. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se fixese o anterior, así como no rectorado da universidade, ou por calquera outro medio que se coide conveniente, para asegura-la máxima divulgación, cunha antelación, polo menos, de corenta e oito horas á sinalada para a súa iniciación.

7.6. Os aspirantes por promoción interna estarán exentos da realización do segundo exercicio da fase de oposición.

8. Lista de aprobados.

8.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no lugar de celebración daqueles, no rectorado e naqueloutros que coide oportunos, a relación dos aspirantes seleccionados en cada un deles, con indicación da puntuación obtida.

8.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública no rectorado unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

8.3. A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das correspondentes á fase de oposición máis a puntuación obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. O tribunal fará pública, para cada sistema de acceso, a lista de aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. A devandita relación, que será elevada polo tribunal ó rector da universidade, xunto coa proposta de contratación a favor dos aspirantes que figuren nela, será publicada no taboleiro de anuncios do rectorado.

9. Presentación de documentos.

9.1. Os candidatos seleccionados deberán presentar na xerencia da Universidade de Vigo, nun prazo de

dez días naturais desde que se faga pública a lista daqueles, os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou documento acreditativo equivalente de ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Copia autenticada ou fotocopia compulsada do título académico esixido na convocatoria.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das funcións correspondentes.

d) Declaración xurada ou promesa de non estar suspendido ou despedido, mediante expediente disciplinario, de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas. Os nacionais dos demais estados membros da Unión Europea deberán acreditar estes requisitos nos termos previstos na Lei 17/1993, do 23 de decembro.

Quen non presente, ou o faga de maneira incompleta, a documentación sinalada no prazo fixado, excepto en casos de forza maior, perderá os seus dereitos a ocupa-la praza.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria e tódolos actos administrativos que se deriven dela e das actuacións dos tribunais poderán ser impugnados nos casos e nas formas establecidas na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vigo, 7 de agosto de 1995.

P.D.(Resolución 31-7-1995)

José Tojo Suárez

Vicerrector de Investigación

ANEXO I

Procedemento de selección

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

1) Fase de oposición.

1. A fase de oposición constará dos exercicios que a continuación se indican, todos eles obrigatorios.

1.1. Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en contestar por escrito no tempo que determine o tribunal, a un grupo de preguntas tipo test, con respostas alternativas correspondentes á primeira parte do programa, penalizando nun 0'33% as respostas incorrectas.

Este exercicio será cualificado de 0 a 12 puntos, sendo preciso para superalo obter un mínimo de 6 puntos.

1.2. Segundo exercicio, eliminatorio: consistirá en contestar por escrito no tempo que determine o tribunal, a un grupo de preguntas tipo test, con respostas alternativas, correspondentes á segunda parte do pro

grama, penalizando nun 0'33% as respostas incorrectas.

Este exercicio, do que estarán exentos os aspirantes por promoción interna, será cualificado de 0 a 8 puntos, sendo preciso para superalo obter un mínimo de 4 puntos.

1.3. Terceiro exercicio, non eliminatorio: constará de dúas probas a realizarán no tempo que determine o tribunal:

a) Primeira proba: consistirá na traducción dun texto do castelán para o galego.

b) Segunda proba: consistirá na traducción dun texto do galego para o castelán.

Este exercicio será cualificado de 0 a 3 puntos.

2) Fase de concurso.

Valorarase a antigüidade da seguinte forma: máximo 4 puntos

1. Quenda de promoción interna: 0,20 puntos por ano de antigüidade nas universidades de Galicia.

2. Quenda libre: 0,35 puntos por mes de antigüidade nas universidades de Galicia en igual posto e categoría que a praza convocada.

3) Puntuación final.

A puntuación final das probas selectivas virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de concurso e na de oposición, sempre que os candidatos fosen declarados aptos na fase de oposición.

Esta puntuación final determinará os candidatos seleccionados, que en ningún caso poderán supera-lo número de prazas convocadas, e establecerá a súa orde definitiva no proceso selectivo.

No caso de empate na puntuación final, dirimirase a prol dos que obtivesen a maior puntuación na fase global de oposición e, se persiste o empate, decidirase a prol do aspirante con maior puntuación no primeiro e segundo exercicio da fase de oposición sucesivamente; en último caso utilizarase o criterio de idade resolvendo a prol do que tivera a maior.

ANEXO II

Programa

Primeira parte.

1. A biblioteca: concepto e función:

a) Concepto e tipos de bibliotecas.

b) A biblioteca univesitaria: definición e obxectivos; estructura ou modelos.

c) O arquivo universitario.

2. Materiais documentais na biblioteca; tipos e proceso técnico:

a) Recepción do material. Rexistro. Selado. Preparación do material (rotulado, papeleta de control

de préstamo). Colocación de fondos: tipos de signaturas.

b) Catalogación e clasificación: 1.-Ficha única. Tipos de fichas; 2.-Tipos de catálogos; 3.-Normas xerais de alfabetización; 4.-Reproducción de ficha única e de signaturas. 5.- Ordenación dos diferentes catálogos: autores, alfabético de materias, topográfico, CDU.

3. Servicios:

a) Normas de utilización de tódolos servicios: cartas do lector: tipoloxía, expedición e renovación, ordenación.

b) Servicio de lectura na sala: tipos de salas. Control do servicio en relación a diferentes organizacións das bibliotecas.

c) Servicio de préstamo: normas de préstamo. Ficheiros de préstamo.

Control e reclamacións. Entrega dos materiais.

d) Outros servicios da biblioteca: boletíns de novidades e sumarios: reproducción e distribución.

e) Orientación ós usuarios sobre o manexo de ficheiros e equipos, así como información xeral dos servicios da biblioteca.

4. Comprobación do estado dos fondos e o seu mantemento:

a) Recontos: ordenación dos fondos. Encadernación.

b) Estatísticas: finalidade e tipos.

Segunda parte.

1. A Constitución española.

2. Os estatutos da Universidade de Vigo.

3. Aritmética e cálculo elemental.

4. Gramática, lingua e ortografía española e galega.

5. O convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 3 de marzo de 1993).

6. Arte, xeografía, historia e literatura de Galicia.

ANEXO III

Tribunal

A) Titular.

Presidende: Jesús Graña Nogueiras, xerente da Universidade de Vigo.

Vocais:

Inés Alonso Castro, directora biblioteca.

Julia Jiménez López, directora biblioteca.

Dous representantes do comité de empresa.

Secretario: Manuel Castro Oliva, xefe do Servicio de Persoal, con voz e sen voto.

B) Suplente.

Presidenta: Mª Carmen Pérez Pais, directora da biblioteca universitaria.

Vocais:

Paz Canduela Martínez, directora biblioteca.

Mª Dolores Mendía Sanmartín, directora biblioteca.

Dous representantes do comité de empresa.

Secretario: José Manuel Fernández Viña, xefe da Sección de Recursos Humanos, con voz e sen voto.

95-5114