Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Xoves, 24 de agosto de 1995 Páx. 6.590

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 9 de agosto de 1995 pola que se establecen normas para a asignación de cantidades de referencia suplementarias de leite da reserva nacional, procedentes dun programa de abandono voluntario desenvolvido na Comunidade Autónoma de Galicia.

A reforma da política agraria común no sector do leite e dos productos lácteos recolle, entre outras medidas, no Regulamento (CEE) 3950/92, do consello, do 28 de decembro, a prórroga do réxime da taxa suplementaria durante sete novos períodos consecutivos de doce meses a partir do 1 de abril de 1993.

Este mesmo regulamento autoriza ós estados membros a lles conceder ós productores que se comprometan a abandonar definitivamente unha parte ou a totalidade da súa producción de leite unha indemnización que se pagará nunha ou varias anualidades, e a alimenta-la reserva nacional coas cantidades de referencia liberadas deste modo.

O Real decreto 1888/1991, do 30 de decembro, estableceu con carácter nacional un plan de abandono do sector do leite e dos productos lácteos, coa finalidade de corrixir basicamente as deficiencias da estructura productiva existente, no marco da normativa comunitaria, utilizando como elementos básicos, entre outros, a reserva nacional de cantidades de referencia para os fins de reordenación do sector lácteo, os programas de abandono voluntario da producción de leite e a asignación das cantidades de referencia dispoñibles da reserva nacional ós productores.

A incidencia que o sector lácteo galego ten no sector agrario e, en xeral, na economía e sociedade galegas esixe adopta-las medidas para levar a cabo a súa reestructuración e mellora-la súa competitividade.

O Real decreto 324/1994, do 28 de febreiro, polo que se establecen normas reguladoras do sector do leite e dos productos lácteos e do réxime de taxa suplementaria, prevé no seu artigo 10 a posibilidade de liberar, con cargo ós recursos financeiros das comunidades autónomas, cantidades de referencia para, a través da reserva nacional, serlles asignadas ou reasignadas, por proposta da mesma Comunidade Autónoma.

Co obxectivo de incrementa-la competitividade do sector lácteo galego, no marco da Unión Europea, a

orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 17 de agosto de 1994 estableceu un programa de abandono voluntario definitivo da producción leiteira, indemnizando con cargo ós orzamentos da Xunta de Galicia, para unha cantidade máxima de 35.000 toneladas de leite, para a súa posterior reasignación a explotacións gandeiras galegas.

As cantidades de referencia liberadas con base na dita orde integráronse na reserva nacional e é necesario, polo tanto, establecer agora as normas que regulen as reasignacións das cantidades de referencia correspondentes ós productores de leite de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A asignación de cantidades de referencia de entrega a compradores liberadas baseándose no plan de abandono regulado pola orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 17 de agosto de 1994 (DOG do 24-8), realizarase con carácter suplementario, ós gandeiros productores que teñan a súa explotación situada en Galicia e que presentaron a súa solicitude de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 2230/1994, do 18 de novembro, (BOE 19-11-94), polo que se establecen normas para a asignación de cantidades de referencia suplementaria da reserva nacional, e cumpran o establecido na presente orde.

Artigo 2º.-Limitacións.

As cantidades de referencia asignadas ó abeiro da presente orde non poderán ser obxecto de transmisión por venda ou arrendamento nin de cesión temporal ou abandono indemnizado, debendo reintegrarse á reserva nacional cando o productor decida cesar na actividade ou transferir total ou parcialmente a súa cantidade de referencia.

Exceptúanse do establecido no parágrafo anterior os casos de herdanza e as transferencias por doazón, sempre que se trate da mesma explotación que tiña o productor anterior, quedando as cantidades de referencia procedentes da reserva nacional suxeitas ós requisitos de orixe.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. Os productores que opten á asignación suplementaria de cantidades de referencia da reserva nacional deberán reuni-los seguintes requisitos na data na que presentarán a solicitude á que se fai referencia no artigo 1º:

a) Atoparse exercendo a actividade e ter cantidade de referencia asignada ou reasignada, de conformidade co disposto no artigo 1 do Real decreto 1319/1992.

b) Ostenta-la condición de agricultor a título principal, tal como se define no Real decreto 1887/1991.

c) Non se ter acollido ós plans de abandono definitivo da producción de leite, financiados con cargo a fondos da Unión Europea, nacionais ou autonómicos.

d) Non ter transferidas cantidades de referencia.

e) Que no período 1993-1994 de taxa suplementaria tiveran entregado leite e productos lácteos polo menos polo 85 por 100 da súa cantidade de referencia e que as entregas efectuadas no tempo que tivese transcorrido da campaña 1994-1995 fose polo menos o 63 por 100 da súa cantidade de referencia, salvo cando concorra algunha das causas excepcionais seguintes:

1ª Catástrofe natural grave que afecte a producción de leite.

2ª Destrucción accidental dos recursos forraxeiros ou das cortes destinadas á producción leiteira.

3ª Sacrificio obrigatorio das vacas leiteiras por saneamento oficial.

4ª Incapacidade laboral transitoria de longa duración ou invalidez do productor se se encargaba por si mesmo da explotación.

Os productores que xustificasen tales circunstancias e recibiran cantidade de referencia da reserva nacional deberán acada-lo nivel de producción correspondente á súa cantidade de referencia individual antes de que transcorresen dous períodos consecutivos a partir da data de asignación da cantidade de referencia procedente da reserva nacional. No caso contrario, a cantidade de referencia asignada reintegrarase á reserva nacional.

Para estes efectos, as cantidades de referencia cedidas temporalmente non terán a consideración de cantidades entregadas.

2. Os productores que obtivesen asignación de cantidade de referencia suplementaria da reserva nacional segundo o establecido no Real decreto 2230/1994, do 18 de novembro, non a poderán obter no marco do establecido na presente orde.

Artigo 4º.-Puntuación e clasificación das solicitudes.

1. De acordo co establecido no artigo 15 do Real decreto 1888/1991, a clasificación das solicitudes para a asignación de cantidades de referencia efectuarase de acordo co seguinte baremo de puntuación:

a) Explotacións con superficie forraxeira situada nas zonas declaradas como parques naturais indicadas no anexo I: catro puntos.

b) Ser agricultor novo, tal como se define na alínea 9 do artigo 2 do Real decreto 1887/1991: dous puntos.

c) Exerce-la producción de leite como actividade principal, entendendo por tal que o 50 por 100 da súa renda como mínimo proceda da producción de leite na súa explotación e que o tempo de traballo dedicado a outras actividades sexa inferior ó 50 por 100 do traballo total: tres puntos.

d) Ter efectuado ou estar realizando con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 2230/1994 melloras estructurais permanentes que impliquen incremento da producción de leite, ó abeiro

dos reais decretos 808/1987 e 1887/1991: dous puntos.

2. Para dar cumprimento ó establecido na alínea 3 do artigo 15 do Real decreto 1888/1991, complementaranse os criterios anteriores do seguinte modo:

a) Outorgar dous puntos ás agrupacións de productores agrarios, sociedades agrarias de transformación, cooperativas, comunidades de bens e sociedades civís. Estas entidades non poderán recibir ademais a puntuación establecida para os agricultores novos. Isto mesmo será aplicable ós membros de agrupacións de productores agrarios, cooperativas e sociedades agrarias de transformación, dedicadas á producción ou comercialización de leite ou productos lácteos, cando as ditas entidades asociativas non teñan cantidade de referencia asignada.

b) Outorgar dous puntos no caso das explotacións que cumpran os seguintes requisitos:

-Muxidora mecánica, sistema de refrixeración, ou, se non, polo menos, aloxamento independente das vacas leiteiras, con almacén de leite e utensilios tamén independentes.

-Auga corrente suficiente para garanti-la limpeza de utensilios e instalacións.

3. En todo caso, as cantidades de referencia individuais que se lle asignarán a cada solicitante estarán en función da cantidade de referencia individual dispoñible no momento en que presentou a solicitude (Q) e serán como máximo as indicadas no cadro seguinte para os diferentes estratos:

Cantidade de referencia dispo-

ñible do productor solicitante

quilogramos

Cantidade máxima

que se asignará (kg)

1º Ata 25.0000,5xQ
2º De 25.001 a 50.0005.000+0,3xQ
3º De 50.001 a 100.00010.000+0,2xQ
4º De 100.001 a 180.00022.500+0,075xQ
5º De 180.001 a 280.00030.240+0,032xQ
6º De 280.001 a 400.00037.320+0,0067xQ

A gandeiros con cantidade de referencia dispoñible superior a 400.000 quilogramos asignaráselles, como máximo, unha cantidade igual á que corresponda ós primeiros 400.000 quilogramos.

4. No caso de agrupacións de productores agrarios, cooperativas de producción, sociedades agrarias de transformación, comunidades de bens ou sociedades civís con cantidade de referencia asignada a nome da entidade, esta dividirase entre o número de membros que coticen ó rexime especial agrario da Seguridade Social ou ó réxime de traballadores autónomos, rama agraria, para os efectos da aplicación da porcentaxe máxima de asignación establecida na alínea 3.

Artigo 5º.-Procedemento para a asignación.

1. A distribución entre os productores das cantidades de referencia da reserva nacional efectuarase tendo en conta a puntuación acadada segundo o baremo establecido na alínea 1 do artigo 4º e a cantidade de referencia dispoñible do solicitante, coas porcentaxes máximas previstas na alínea 3 do dito artigo.

Para tal fin, tódolos expedientes se relacionarán polo número total de puntos acadados, e se procederá á distribución das cantidades de referencia suplementaria por orde de puntuación de maior a menor, ata que sexan esgotadas as cantidades de referencia dispoñibles da reserva nacional que poidan ser obxecto de asignación.

2. No caso de que dous ou máis solicitantes tivesen a mesma puntuación, darase preferencia ós productores que se encontren nas seguintes circunstancias, pola orde que se cita:

1º Que exerza a producción de leite como actividade principal, tal como define a alínea 1, c) do artigo 4º.

2º Que efectuasen as melloras contempladas na alínea 1, d) do artigo 4º.

En cada un dos grupos ordenaranse as solicitudes comezando polas entidades asociativas seguidas dos restantes titulares individuais, ordenados de menor a maior idade.

Artigo 6º.-Tramitación.

A clasificación das solicitudes efectuarase pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias tendo en conta os criterios xerais e os complementarios previstos no artigo 4º da presente orde, realizándose a proposta de reasignación correspondente á Dirección Xeral de Produccións e Mercados Gandeiros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Unha vez aprobada a proposta pola Dirección Xeral de Produccións e Mercados Gandeiros do MAPA, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, comunicaralles ós interesados as reasignacións correspondentes.

Artigo 7º.-Incumprimento.

A falsidade dos datos consignados na solicitude ou da documentación aportada dará lugar á anulación da asignación e será sancionada de conformidade coa normativa vixente, sen prexuízo das responsabilidades de toda orde que se puidesen derivar, especialmente as relacionadas coa aplicación da taxa suplementaria.

Disposición transitoria única

No caso de productores que obteñan asignación de cantidade de referencia, de acordo co previsto na presente orde, e, como consecuencia de recursos, obtivesen unha asignación no marco do R.D. 2230/1994, perderán a asignación recibida no marco desta orde que será reintegrada á reserva para ser reasignada de acordo co establecido na presente orde.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las disposicións necesarias para o cumprimento e aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO I

PARQUES NATURAIS DECLARADOS EN GALICIA

Parque naturalDeclarado porConcellos
Monte AloiaRD 3100/1978, do 4 de decembro (BOE 18-1-1979)Tui (Pontevedra)

Illas CíesRD 2497/1980, do 17 de outubro (BOE 15-11-1980)Vigo (Pontevedra)

Baixa Limia-Serra do XurésD 29/1992, do 11 de febreiro (DOG 22-2-1993)Entrimo (Ourense)

Lobios (Ourense)

Muíños (Ourense)

Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e VixánD 139/1992, do 5 de xuño (DOG 15-6-1992)Ribeira (A Coruña)

95-4520