Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 22 de agosto de 1995 Páx. 6.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial do sector de fabricantes de mobles de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de fabricantes de mobles (código nº 3200185), de Ourense para o ano 1995, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 6 de xuño do ano en curso, subscrito en representación da parte económca pola Confederación Provincial de Fabricantes de Mobles e da parte social polas centrais sindicais: FEMCA-UGT, CC.OO. e CIG, en xuntanza celebrada o día 11 de abril de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 8 de xuño de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de fabricantes de mobles de Ourense 1995

Artigo 1º

De conformidade co Estatuto dos traballadores, o presente convenio afectará a tódolos traballadores do sector de fabricantes de mobles non excluídos expresamente por el e dentro do ámbito das empresas radicadas en Ourense e provincia ou que no futuro se establezan dedicadas á ebanistería, carpintería e tapicería.

Quedan excluídos do presente convenio:

A) O persoal de alta dirección ou alto consello e os socios de empresas que revistan a forma xurídica de sociedade.

B) O persoal con contrato en prácticas ou para a formación profesional.

Artigo 2º

O presente convenio terá unha duración de 1 ano; entrou en vigor o 1 de xaneiro de 1995 e remata o 31 de decembro de 1995, se ben os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1995 e a súa vixencia manterase mentres non se negocie outro que o substitúa. O convenio denunciarase con tres meses de antelación ó remate da vixencia. A forma de denuncia será por medio de comunicación dunha parte á outra, na que se fará consta-la pretensión de denuncia-lo convenio, a representación que ostenta para negociar, así como as materias a negociar.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes deste convenio serán absorbidas ata onde chegue o cómputo anual con aqueloutras condicións que puidesen establecerse por disposición legal, agás cando expresamente se pacte o contrario.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

Polo tempo de vixencia deste convenio establécese unha xornada laboral de corenta horas semanais de traballo efectivo. A xornada máxima do sector queda establecida en 1.800 horas de traballo efectivo anual.

Artigo 5º.-Vacacións.

O tempo anual de vacacións será de trinta días naturais a salario real ou a parte proporcional que corresponda no caso de non levar traballando o ano requirido para o desfrute pleno deste dereito.

O total de días anuais de vacacións repartiranse para os efectos de desfrute con carácter xeral da seguinte forma: 15 días seguidos que se desfrutarán no verán.

O resto desfrutarase de acordo entre traballador e empresa, atendendo de forma prioritaria ás necesidades de producción.

Deberá facerse público cun mínimo de dous meses a data das vacacións.

Se ó final do ano 1995 se tivesen traballados máis das 1.800 horas sinaladas como xornada anual de traballo efectivo, como consecuencia do calendario de vacacións, as ditas horas traballadas de máis compensaranse con descanso.

Conceptos retributivos

Artigo 6º.-Salario.

O salario base será o que figura na táboa anexa ó presente convenio.

Artigo 7º.-Antigüidade.

A antigüidade fíxase en quinquenios ó 5% sobre o salario base para cada grupo salarial, ou valor que figura na columna do salario base.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo serán de 30 días de salario base máis antigüidade. A gratificación establecida no parágrafo 2 do artigo 110 da ordenanza laboral da madeira será de 12 días de salario base máis antigüidade e farase efectiva o 30 de abril.

Artigo 9º.-Indemnización por desgaste de ferramentas.

Establécese unha indemnización por desgaste de ferramentas para aqueles traballadores ós que non lles sexa facilitada pola empresa, consistente en 34 ptas. por día efectivo de traballo para o oficial e de 19 ptas. para o axudante. A empresa determinará os casos de aportación de ferramentas polo traballador.

Artigo 10º.-Permisos e licencias.

Establécese un permiso retribuído nos casos que se indica e polo tempo que se sinala:

15 días en caso de matrimonio.

2 días en caso de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou morte de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal razón o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días.

O tempo necesario para acudir ó médico, presentando a xustificación correspondente.

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralles a tódolos traballadores a roupa de seguridade a que houber lugar adaptada ós distintos postos de traballo. A roupa de traballo e a de seguridade reporase sempre que sexa necesario, cando o seu grao de deterioración non sexa imputable á neglixencia por parte do traballador. Esta roupa será sempre propiedade da empresa e o traballador estará obrigado á boa conservación e emprego.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

Ó persoal afectado por este convenio seralles aboado en caso de desprazamento fóra do seu centro de traballo habitual os gastos ocasionados e debidamente xustificados.

Artigo 13º.-Retribucións de menores.

Os traballadores comprendidos entre os 16 e os 18 anos percibirán unha retribución de 1.488 pts./día.

Artigo 14º.

No caso de non ser autorizado pola autoridade laboral competente algún dos preceptos deste convenio, este quedará sen efecto e deberase considera-lo seu contido total.

Artigo 15º.-Póliza de seguros.

As empresas están obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo no prazo de tres meses a partir da contratación do traballador unha póliza de seguros para a cobertura dos riscos de morte e incapacidade para todo tipo de traballo dos traballadores por accidente laboral, incluído o in itinere, que lle garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa no caso de morte ou invalidez para todo tipo de traballo, por causa fortuíta, expontánea e exterior á vontade de traballador, o percibo da indemnización seguinte:

1.500.000 ptas. en caso de morte

2.500.000 ptas. en caso de incapacidade para todo tipo de traballo.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío. Non obstante as

indemnizacións a que se fai mención neste artigo non se considerán como entrega a conta da indemnización que, se é o caso, puidese declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez que exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 16º.-Situacións de incapacidade laboral.

Tódolos traballadores afectados por este convenio, en caso de accidente laboral, con ou sen hospitalización, percibirán polo período de ILT, por conta da empresa, o 100 por cento do salario desde o día 10 ata o 70 ambos incluídos. Para os supostos de enfermidade común e enfermidade profesional percibirán en caso de ILT por conta da empresa o 100 por cento do salario desde o día 20 ó 60, ambos inclusive.

Artigo 17º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión mixta paritaria para interpretación deste convenio, constituída polos membros da comisión negociadora.

Disposicións transitorias

Única.-Para todo o non previsto no presente convenio teranse en conta como normas supletorias a orde ministerial do 2 de xullo de 1969, a cal á manterse en vigor mentres non sexa derrogada e as partes non acorden substituíla por acordo colectivo, Lei 1/1995, do 24 de marzo, e Lei 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Disposición derradeira

Cláusula de submisión ó AGA.

Dada a importancia que poida ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo, AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

TÁBOA SALARIAL

CATEGORÍASSALARIO BASE

Peón77.509 ptas.
Axudante84.342 ptas.
Oficial segunda86.452 ptas.
Oficial primeira86.758 ptas.
Encargado88.835 ptas.
Auxiliar administrativo84.342 ptas.
Administrativo de 2ª86.452 ptas.
Administrativo de 1ª86.758 ptas.

95-05530