Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 22 de agosto de 1995 Páx. 6.549

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 10 de agosto de 1995 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de postos de traballo na Consellería da Presidencia e Administración Pública.

O Decreto 213/1995, do 20 de xullo, polo que se modifica o Decreto 121/1992, do 14 de maio, que regula a estructura orgánica e as funcións da Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sinala que dependerán da Inspección Xeral de Servicios seis inspectores é seis subinspectores; segundo o disposto no artigo 27.2º da Lei 3/1995, do 10 de abril, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e no uso das atribucións conferidas polo artigo 15.4º da Lei 4/1988 a esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Anuncia-la convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, postos de traballo que se relacionan no anexo I desta orden.

Segundo.-Poderán concorrer tódolos funcionarios que reúnan os requisitos que se esixen e que se especifican no anexo I.

Ademais das condicións sinaladas no anexo I, os solicitantes, de conformidade co artigo 9 do Decreto 121/1992, do 14 de maio (DOG nº 96, do 21 de maio) deberán acreditar que prestaron servicios, como mínimo, durante un período de tres anos na Administración pública, nos corpos A ou B.

Terceiro.-As solicitudes para participar nesta convocatoria poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo para a presentación de instancias será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O modelo de solicitude publícase no anexo II.

Cuarto.-Os aspirantes deberán engadir á súa solicitude un currículum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos que aleguen.

Quinto.-O nomeamento do funcionario con destino definitivo noutra Administración pública ou que preste os servicios na Comunidade Autónoma como consecuencia dunha comisión de servicios concedida conforme o disposto na disposición transitoria oitava, punto 4º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, que resultase seleccionado, estará condicionado a que a súa Administración emita informe favorable sobre el, conforme o previsto no Real decreto 28/1990, do 15 de xaneiro, e demais disposicións concordantes.

Sexto.-A resolución desta convocatoria farase pública no DOG, e poderán declararse desertos os postos de traballo que se relacionan no anexo I, se se considera oportuno.

Sétimo.-O prazo de toma de posesión comezará a contarse desde o día seguinte ó do seu cesamento que deberá producirse dentro dos tres días seguintes ó da publicación no Diario Oficial de Galicia ou desde a data en que se lle comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso do funcionario doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión comenzará a contar desde a data seguinte á da publicación da resolución.

Oitava.-Contra a presente orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día da súa publicación, despois de comunicalo a esta consellería, segundo o previsto no artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Denominación do posto: inspector de servicios.

Nº de prazas: 3.

Dependencia: Inspección Xeral de Servicios.

Localidade: Santiago de Compostela.

Tipo de posto: S.

Grupo: A.

Nivel c. destino: 30.

Complemento específico: 2.153.772.

Corpo ou escala: Administración xeral.

Formación especifica: curso de inspección de servicios.

Denominación do posto: subinspector de servicios.

Nº de prazas: 2.

Dependencia: Inspección Xeral de Servicios.

Localidade: Santiago de Compostela.

Tipo de posto: S.

Grupo: A/B.

Nivel c. destino: grupo 28 A.

Complemento específico: 1.583.676.

Corpo ou escala: Administración xeral.

Formación específica: curso de inspección de servicios.

95-5580