Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 18 de agosto de 1995 Páx. 6.504

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 1995, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 314 que afecta ó monte Caldebarcos e San Cibrán, do lugar de Caldebarcos, parroquia de San Mamede, concello de Carnota, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989 de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 23 de maio de 1995, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido na data do 23 de maio de 1995 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo seguinte:

Expediente nº: 314.

Monte: Caldebarcos e San Cibrán.

Lugar: Caldebarcos.

Parroquia: San Mamede.

Concello: Carnota.

Resultando, que diversos veciños de Caldebarcos, parroquia de San Mamede, concello de Carnota, solicitaron con data 26-7-1993 deste xurado a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 195,96 ha.

Lindeiros:

É parte do monte Pindo, nº 368 do C.U.P.

Norte: parte do punto de confluencia entre a pista forestal que vai da Curra a Quilmas e a que se inicia

en Vadebois, segue en liña recta na dirección N-L ata o picacho de cota 426; de aí ata o de cota 247, e deste último establécese como linde o regato Rego da Alba que chega ó río Vadebois polo piquete nº 59.

Leste: desde o piquete nº 59 ata o nº 226, seguindo a orde de piquetes, xunto á estrada C-550.

Sur: desde o piquete nº 226 ata o nº 572 seguindo a orde de piquetes, ata a Cruz da Pedra, no camiño que sobe dando servicio a predios de particulares e que une Caldebarcos con Panchés.

Oeste: estrema con monte da comunidade de Panchés, seguindo as augas vertentes do monte Pindo na súa orientación cara ó leste, e tomando como referencia os lugares tradicionais de pastoreo. Desde a Cruz da Pedra sobe cara ó Chan das Lamas ata o piquete nº 494; deste ó Lombro de Laxa e segue ata a confluencia das pistas forestais de Curra a Quilmas coa de Vadebois.

Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 28-6-1994, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor del a Federico Sánchez Rodríguez, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos a tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Carnota, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 3, do 4-1-1995), taboleiros de anuncios do concello e lugares de costume.

Resultando que os veciños de Caldebarcos fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común na pertenza do monte á dita agrupación veciñal na súa calidade de grupo social, non como entidade administrativa, e no seu aproveitamento en réxime de comunidade sen asignación de cotas.

Tal petición é informada favorablemente polo acordo do Pleno do Concello de Carnota do 29-12-1994, non formulándose ningunha reclamación sobre o expediente por parte de terceiros posibles titulares de dereitos sobre o monte.

Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, non comparecendo ningún deles.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Considerando que de conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Caldebarcos, parroquia de San Mamede, concello de Carnota, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características:

1. Que pertenza a agrupacións de veciños na súa cualidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.

2. Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuñeiros.

3. Que os veciños comuñeiros residan habitualmente con «casa aberta» dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Considerando que das actuacións que constan no expediente e, en especial da comprobación do que se expresa no terceiro resultando, se deduce de forma indiscutible que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á Comunidade Veciñal de Caldebarcos, parroquia de San Mamede, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereitos expostos, nesta data, acorda cualificar como monte veciñal en man común da Comunidade Veciñal do lugar de Caldebarcos, parroquia de San Mamede, concello de Carnota, o denominado monte Caldebarcos e San Cibrán, cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro resultando. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña».

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-admministrativo no plazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 23 de maio de 1995.

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario

95-05232