Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 18 de agosto de 1995 Páx. 6.505

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 1995, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 315 que afecta ó monte Foxas, do lugar de Foxas, parroquia de Maroñas, concello de Mazaricos, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989 de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 24 de maio de 1995, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido na data do 24 de maio de 1995 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo seguinte:

Expediente nº: 315.

Monte: Foxas.

Lugar: Foxas.

Parroquia: Maroñas.

Concello: Mazaricos.

Resultando, que diversos veciños de Foxas, parroquia de Maroñas, concello de Mazaricos, solicitaron con data 25-5-1994 deste xurado a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 48,20 ha.

Lindeiros: procede do monte Santa Mariña, nº 103-L do C.U.P.

Norte: desde o piquete nº 67 o nº 76 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares de veciños de Foxas.

Leste: desde o piquete nº 76 ó nº 96 polo camiño que vai desde Foxas ata a estrada Sta. Comba-Muros, con monte da comunidade de Liñares; desde o nº 96 ó nº 101 segundo a orde de piquetes, con propiedades particulares de Foxas; desde o nº 101 ó nº 113 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares de Corbeira.

Sur: desde o piquete nº 113 ó nº 55 , coa estrada Sta. Comba-Muros.

Oeste: desde o nº 55 ó nº 67 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares de Castro.

Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 28-6-1994, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor deste a Juan Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 230 do 29/11/1994), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Resultando que os veciños de Foxas fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento do monte do dito lugar de forma consuetudinaria en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, presentando para iso documentación antiga en que se acredita tal condición desde tempo inmemorial.

Así mesmo, tal petición é informada favorablemente polo acordo do Pleno do Concello de Mazaricos do 25-2-1994, non presentándose ó longo do expediente alegación ningunha por parte doutros posibles titulares de dereitos sobre o monte.

Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, non comparecendo ningún deles.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Considerando que de conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Foxas, parroquia de Maroñas, concello de Mazaricos, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características:

1. Que pertenza a agrupacións de veciños na súa cualidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.

2. Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuñeiros.

3. Que os veciños comuñeiros residan habitualmente con «casa aberta» dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Considerando que das actuacións que constan no expediente e, en especial da comprobación do que se expresa no terceiro resultando, se deduce de forma indiscutible que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á Comunidade Veciñal de Foxas, parroquia de Maroñas, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereitos expostos, nesta data, acorda cualificar como monte veciñal en man común da Comunidade Veciñal do lugar de Foxas, parroquia de Maroñas, concello de Mazaricos, o denominado monte Foxas, cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro resultando. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña».

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-admministrativo no plazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 24 de maio de 1995.

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario

5109