Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 14 de agosto de 1995 Páx. 6.431

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 1995, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 308 que afecta ó monte Marraxón, da parroquia de Sillobre, concello de Fene, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 24 de maio de 1995, adoptou o seguinte acordo:

Reunido na data do 24 de maio de 1995 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, con asistencia do vicepresidente José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F.; Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia; Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña; José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común, e do secretairo Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo,

Expediente nº 308.

Monte: Marraxón.

Lugar: parroquia de Sillobre

Concello: Fene.

1º Resultando que diversos veciños da parroquia de Sillobre, concello de Fene, solicitaron deste xurado a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 26,18 ha.

Lindeiros:

De acordo coas declaracións dos veciños e o plano que presentan, o monte Marraxón está constituído por catro parcelas en liña de norte a sur e cos seguintes lindeiros:

Parcela I: Chao das Pozas. Cunha superficie de 6,39 ha. Ten un enclave de propiedade particular de Carmen Veiga e outros.

Norte: cruzamento de camiños e predio particular de Ramón Carregado. Leste: hdos. de Carmen Vázquez e outros.

Sur: Candelaria Salgado e outros.

Oeste: hdos. Vicente Vilar e outros; cambia de dirección estremando al norte con hdos. de Cándido Casal; novamente ó oeste con hdos. de Cándido Casal e outros.

Parcela II: Coto do Rei. Cunha superficie de 6,52 ha. Norte: Alfonso Salgado e outros. Este: Eduardo Gandoy e outros. Sur e oeste: hdos. José Novo e outros.

Parcela III: Cal do Foxo. Cunha superficie de 5,72 ha. Norte: hdos. Albino Saavedra e outros; estrada Sillobre-Marraxón e cruzamento de estradas. Leste: estrada que a separa predios particulares de Manuel Permuy e outros; hdos. de Pascual. Sur: Manuela Díaz; parcela IV e estrada; hdos. de Juan Fraga.Oeste: hdos. Bernardo Mauriz e outros.

Parcela IV: O Reboredo. Cunha superficie de 7,55 ha. Norte: linda coa parcela III e estrada. Leste: estrada que a separa de predios particulares de Josefa Díaz e outros; Manuel Permuy; camiño vello que a separa de predio particular de Gina Rodríguez. Sur: estrada que a separa de predio particular de Santiago Moreira; Santiago Moreira e outros. Oeste: hdos. José Anca e outros; canteira e propiedades particulares de Ind. Rivera; cambia de dirección estremando ó norte con predios particulares de Ind. Rivera; novamente ó oeste con predios particulares de Ind. Rivera e outros.

2º Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 18-5-1992, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor del a Ramón Olano Calleja, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á prosecucion do expediente, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Pontedeume, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Fene, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 214, do 7-11-1994), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º Resultando que os veciños da parroquia de Sillobre fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de madeiras, esquilmos, leñas, na práctica de cultivos na forma e modo que por costume o fan os labregos e nos aproveitamentos de pastos en réxime extensivo, presentando para iso documentación veciñal, así como documentos privados nos que figura como estremeiro o monte veciñal.

Así mesmo preséntase un acordo do Pleno do Concello, de data do 30-12-1986, no que se recoñece a condición de comunal do monte e apoiando tal petición. No citado pleno procede resalta-la moción presentada polo grupo municipal de Unidade Comunista, onde consta o compromiso de devolución ós veciños dos montes comunais, de colaboración nos trámites legais para a súa devolución, e de non realizar nada no monte mentres non sexa entregado, así como deixar en bo estado a zona dedicada a vertedeiro de lixo. O representante do grupo municipal manifesta a vontade favorable do seu grupo para aproba-la dita moción e proceder á devolución do monte, unha vez acreditado o carácter histórico da súa condición de comunal. Sometida a votación, o pleno acorda aproba-la moción por unanimidade.

4º Resultando que ante o presente expediente foi presentada polo Concello de Fene certificación de inscrición no Inventario de Bens do concello de tales predios co carácter de bens de propios desde o ano 1961.

5º Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ámbolos dous da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, e comparecendo e sendo oído o alcalde do Concello de Fene, non facéndoo a representación dos promotores do expediente.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

1º Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º Considerando que de conformidade co contido no artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Sillobre, concello de Fene, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa cualidade de grupos sociais, non como entiades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuñeiros; 3) Que os veciños comuñeiros residan habitualmente con «casa aberta» dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, e 1, 2, e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4º Considerando que das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no 3º resultando, se deduce de forma indiscutible que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á Comunidade Veciñal da parroquia de Sillobre no que se cumpren os aludidos requisitos, xa que o recoñecemento expreso de tal carácter, efectuado polo concello no acordo do 30-12-1986, non deixa lugar a dúbidas do carácter histórico comunal do monte de referencia.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

ACORDA:

Cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal da parroquia de Sillobre, concello de Fene, o denominado monte Marraxón, cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro resultando. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado, do Inventario de Bens do concello e do Catálogo dos de Utilidade Pública, se neles esetivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 24 de maio de 1995.

Vº e Prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario

5292