Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 14 de agosto de 1995 Páx. 6.429

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 1995, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 300 que afecta ó monte da Costa, do lugar de Outeiro, parroquia de Rus, concello de Carballo, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 24 de maio de 1995, adoptou o seguinte acordo:

Reunido na data do 24 de maio de 1995 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, con asistencia do vicepresidente José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F.; Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia; Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña; José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común, e do secretairo Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo,

Expediente nº 300.

Monte: da Costa.

Lugar: Outeiro

Parroquia: Rus.

Concello: Carballo.

1º Resultando que diversos veciños da parroquia de Rus, concello de Carballo, denunciaron con data do 6-2-1990 ante o Concello de Carballo, a ocupación

ilexítima de parcelas do monte da Costa por parte de particulares.

Que mediante escrito do 8-6-1990, rexistro de entrada nesta delegación nº 7.537, o Concello de Carballo informa que, efectuada a correspondente investigación, resultou evidente o feito denunciado, polo que se citou os ocupantes para que comparecesen na Casa do Concello presentando a documentación acreditativa da propiedadede tales parcelas, o que só algúns ixeron, limitándose os demais a manifestar que viñan posuíndo as ditas arcelas desde tempo inmemorial. No mesmo escrito, o cncello solicita do Xurado Provincial de Montes a iniciación do oportuno expediente para a declaración como veciñal do monte arriba citado, o cal ten as seguintes características:

Superficie: 13 ha.

Lindeiros:

Norte: piquete nº 1 ó 2 do deslindamento do monte Costa de Rus, comprendendo camiño a Entrecruces.

Leste: piquete nº 2 ó 9, comprendendo camiño a Entrecruces.

Sur: piquete nº 9 ó 35, cruzando camiño a Entrecruces e colindando con piñeiros de Carmen Viñas, Manuel Varela e outros, Manuel Paredes e Eliseo Varela.

Oeste: piquete nº 35 ó 38 estremando co camiño a Entrecruces e toxeiras de Eliseo Varela e outros, do nº 38 ó 41 e 1 estremando co labradío de Pedro Gastón e piñeiros de José Anión e outros.

2º Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 18-5-1992, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor do mesmo a Juan Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á prosecucion do expediente, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Carballo, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Carballo, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 67, do 8-4-1994), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º Resultando que o expediente de clasificación se inicia por instancia do Concello de Carballo, logo dunha investigación realizada pola citada corporación a petición de 112 veciños da parroquia de Rus, relativa á ocupación por algúns veciños das parcelas do monte Costa para usos privados, segundo queda recollido no escrito de solicitude de cualificación do monte dirixido ó Xurado Provincial e subscrito polo alcalde, do 7-6-1990, e que se incorpora ó expediente.

4º Resultando que ante o presente expediente formulou Manuel Paredes Porteiro unha alegación como propietario e posuidor de dous predios situados no monte da Costa, cunha superficie total de 1,66 ha, presentando copia de escrituras públicas de partición de herdanza e compra-venda, e solicitando a exclusión delas do expediente de clasificación.

Que, así mesmo, foi presentada por Eduardo Castro García, en representación de diversas persoas, alegación baseada na posesión de predios no citado monte deste tempo inmemorial e na condición de propietarios de tales predios por prescrición adquisitiva, en virtude dos artigos 609 e 1.930 e seguintes do Código Civil, que a denominación de «terreo público» que fan os promoventes do expediente contradí a pretensión de declaralo como veciñal, ó non ser esta a súa natureza xurídica e que non se cumpren os requisitos para que o monte sexa declarado como veciñal, é dicir, nin a súa pertenza ó grupo social que forman os veciños da parroquia de Rus, nin o seu aproveitamento en réxime de comunidade sen asignación de cotas.

5º Resultando que na tramitación das presentes actuacións cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ámbolos dous da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, e comparecendo e oíndose as representacións dos promotores do expediente, así como Manuel Paredes Porteiro, non facéndoo as persoas representadas polo avogado Eduardo Castro García.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

1º Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º Considerando que de conformidade co contido no artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Rus, concello de Carballo, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Considerando que a reclamación formulada por Manuel Paredes Porteiro é aceptada, ó estima-lo xurado que os documentos públicos presentados por este así como as correspondentes inscricións rexistrais acreditan suficientemente a propiedade delas.

4º Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa cualidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuñeiros; 3) Que os veciños comuñeiros residan habitualmente con «casa aberta» dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, e 1, 2, e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

5º Considerando que, segundo se comprobou, os aproveitamentos no citado monte viñan sendo realizados polos veciños do lugar de Outeiro, non por toda a parroquia de Rus.

6º Considerando que das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa nos 3º e 5º resultandos, se deduce de forma indiscutible que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar de Outeiro, parroquia de Rus, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

ACORDA:

Cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal do lugar de Outeiro, na parroquia de Rus, concello de Carballo, o denominado monte da Costa, cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro resultando. Non obstante, exclúense da cualificación aqueles predios nos que a titularidade figura inscrita no Rexistro da Propiedade a nome de Manuel Paredes Porteiro, ó considera-lo xurado que o formulado é cuestión relativa ó dominio privado de tales parcelas e polo tanto competencia dos tribunais de xustiza. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do Inventario de Bens do concello e do Catálogo dos de Utilidade Pública, se neles estivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 24 de maio de 1995.

Vº e Prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario

5058