Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 11 de agosto de 1995 Páx. 6.397

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 1995, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 311 que afecta ós montes da Veiga de Arriba e outros, do lugar de Coira, parroquia de San Cristovo de Reis, concello de Teo, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 23 de maio de 1995, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o 23 de maio de 1995 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegaco da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común e do secretario Manuel Puente Aráujo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo:

Expediente: nº 311.

Monte: da Veiga de Arriba e outros.

Lugar: Coira.

Parroquia: San Cristovo de Reis.

Concello: Teo.

1º Resultando que diversos veciños de Coira, parroquia de San Cristovo de Reis, Concello de Teo, solicitaron con data do 24/1/1994 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 2,09 ha.

Lindeiros: de acordo coas declaracións dos veciños e o plano que presentan, o solicitado é catro parcelas de monte, coas seguintes estremas:

-Monte da Veiga de Arriba: cunha superficie de 56,57 áreas. Norte: Dolores Buela; sur: Ramón Fuentes; leste: camiños; oeste: pista. Está cruzado por unha pista deducida da superficie.

-Monte da Aldea de Arriba: cunha superficie de 92,52 áreas. Norte: acaba en punta entre camiños; sur: gabia e muro e logo Victoria Duarte e outros; leste: camiño e testas; oeste: camiño e pista.

-Monte do Agriño de Viñanova: cunha superficie de 10,43 áreas. Norte: José Oliveira; sur: acaba en punta; leste: camiño de carro; oeste: muro.

-A Cruz de Cabanelas: cunha superficie de 50,30 áreas. Norte: acaba en punta; sur: división e logo testas e pista; leste: gabia e logo herdeiros de Jesús Mato; oeste: muro.

2º Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 26/4/1994, acordou iniciar o oportuno expediente nomeándose como instructor deste a Federico Sánchez Rodríguez, quen aceptou expresamente o dito cargo. Proedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Padrón, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Teo, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 22 do 1/2/1995), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º Resultando que os veciños de Coira fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento do citado monte desde tempo inmemorial de forma consuetudinaria en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, alegando a súa posesión pública, pacífica e ininterrompida.

Acreditan a dita petición presentando acta de notoriedade que recolle as manifestacións de varios veciños do lugar e inventarios de particións nas que os predios lindan con terreos que se chaman comunais.

4º Resultando que ante a citada solicitude comparece o Concello de Teo como parte interesada no expediente, opoñéndose á cualificación do monte como veciñal en man común alegando que as ditas parcelas figuran no inventario do concello desde o ano 1947 como bens de propios, que a administración e aproveitamento de tales bens os viña realizando o concello, e que os veciños solicitantes non poden xustifica-la titularidade de forma documental, nin tampouco a posesión e aproveitamento dos predios.

Con data do 7/3/1995 incorpóranse ó expediente escritos de Manuel Reyes Piedra e outros, e de Antonio Devesa Villar e outro. Nos citados escritos indícase que as catro parcelas de monte obxecto do expediente cualificatorio nunca tiveron aproveitamento polos veciños do lugar de Coira, e que, de facer algún aproveitamento deles, este correspondería ós vecños dos lugares de Vieiro e Monteselo, pero consideran que son propiedade do Concello de Teo e así queren declaralo ante o Xurado de Montes.

5º Resultando que de toda a información recadada, tanto documental como directa sobre o terreo, parece posible que o monte tivese unha orixe comunal, aínda que nalgún momento xa inmemorial se produciu unha partición ou ocupación por parcelas do monte en xeral. Esta ocupación posesoria por parte dos veciños ó longo do tempo recóllese nos inventarios particionais, que serviron de información nas bases de concentración parcelaria da zona de San Cristovo de Reis. Este mismo feito posesorio prodúcese nas parcelas de monte de titularidade do Concello de Teo e que a xunta promotora solicita para a súa cualificación polo xurado.

As características físicas das parcelas das que ten a titularidade o Concello de Teo son exactamente iguais ás dos particulares que teñen recoñecidos uns dereitos de titularidade polo Servicio de Estructuras Agrarias no proceso de concentración parcelaria. No seu conxunto, predios duns e outros, están nun monte aberto.

6º Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesíon no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, e comparecendo e oíndose as representacións dos promotores do expediente, así como o representante do Concello de Teo, non o facendo Manuel Reyes Piedra nin Antonio Devesa Villar.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

1º Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º Considerando que en conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Coira, parroquia de San Cristovo de Reis, Concello de Teo, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación, e que o Concello de Teo está lexitimado para a defensa duns intereses xuridicamente protexidos, opoñendose

á tal cualificación facéndose parte interesada no expediente.

3º Considerando o exposto nos resultandos 4º e 5º, o instructor ten a ben propoñer ó Pleno do Xurado desestima-la cualificación como veciñal das parcelas descritas con anterioridade por considerar que iso supoñería, pola aplicación de que a parte segue ó todo, que a declaración entraría en contradicción co expediente de concentración parcelaria de San Cristovo de Reis, as bases definitivas do cal recollen a titularidade individualizada do monte da Veiga de Arriba. Por outra parte, o Concello de Teo ten inventariadas as parcelas descritas como bens de propios desde o ano 1947, segundo se acredita na documentación que figura no expediente. Á vista disto, o Xurado considera que o formulado no expediente é cuestión relativa ó dominio de tales montes da competencia dos tribunais da xurisdicción ordinaria, a substanciar polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data, acorda que non hai lugar a pronunciarse sobre a cualificación como veciñal en man común do monte Da Veiga de Arriba e outros afectado polo presente expediente».

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 23 de maio de 1995.

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario

5025