Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 11 de agosto de 1995 Páx. 6.381

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial do persoal de limpeza da empresa contratista deste servicio np Centro Residencial Docente e o I.E.S.P. de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo do persoal de limpeza da empresa contratista deste servicio no Centro Residencial Docente e o I.E.S.P. (código nº 3200671), de Ourense para o ano 1995, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 8 de xuño do ano en curso, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polos delegados de persoal, en xuntanza celebrada o día 6 de xuño de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e o Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 12 de xuño de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do persoal de limpeza da empresa contratista deste servicio no Centro Residencial Docente e o I.E.S.P. de Ourense

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito persoal e territorial.

O presente convenio colectivo establece e regula as normas polas que se rexerán as relacións de carácter xurídico-laborar entre a empresa contratista do servicio de limpeza e o persoal que, suxeito á lexislación laboral, preste os seus servicios baixo a súa dependencia no C.R.D. e I.E.S.P. de Ourense.

Atópanse incluídos no ámbito de aplicación deste convenio tódolos/las traballadores/as dependentes desta empresa no servicio de limpeza do C.R.D. e I.E.S.P. de Ourense, calquera que sexa a función que realicen e a categoría profesional que ocupen.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

O presente convenio entrará en vigor o 1 de xullo de 1995 ó 30 de xuño de 1996 e manterá a súa vixencia ata a substitución por outro convenio tanto no contido normativo como obligacional.

Non obstante, a denuncia do convenio non significará modificación ningunha do seu texto articulado que continuará vixente ata a súa substitución polo novo, nos termos que as partes establezan. Se se produce a denuncia escrita de calquera das partes dentro dos dous últimos meses de vixencia, a comisión negociadora deberá reunirse dentro dos 20 días seguintes á denuncia sinalada anteriormente.

Capítulo II

Órgano de vixilancia

Artigo 3º.-Comisión paritaria de vixilancia, interpretación e desenvolvemento do convenio.

Para a interpretación e cumprimento do pactado no presente convenio e, en xeral, para cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria que estará integrada polo representante empresarial e o representante dos traballadores, todos eles de entre os integrantes da comisión negociadora do convenio.

As partes asinantes do presente convenio colectivo foron: Manuel Casteleiro Castro, en representación de Limpul S.L. actual contratista do servicio de limpeza, pola parte empresarial; María José Lorenzo Pascual, delegada de persoal, e Carmen Segurana Bedrina pola central sindical Comisións Obreiras (CC.OO).

A comisión reunirase a pedimento dunha das partes e, con carácter extraordinario, cando as circunstancias así o fagan preciso.

A constitución da comisión paritaria realizarase no prazo máximo de un mes, contando desde o día seguinte á publicación do convenio no BOP de Ourense. Os acordos tomaranse por unanimidad entre ámbalas dúas partes e serán recollidos en acta, dándoselle a debida publicidade nos taboleiros de anuncios do centro.

Capítulo III

Artigo 4º.-Estabilidade no emprego.

De conformidade co principio de estabilidade no emprego, os contratos de traballo abranguidos neste convenio entenderanse pactados por tempo indefinido, agás as excepcións legalmente establecidas.

Facilitaráselles ós delegados de persoal mensualmente o rexistro de persoal e razón de altas e baixas que houbese durante o período.

Artigo 5º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba, que en ningún caso poderá exceder de 6 meses para os técnicos titulados, nin de 3 meses para os demais traballadores, excepto para os non cualificados; neste caso a duración máxima será de:

a) Para as categorías incluídas nos grupos I e II, 3 meses.

b) Para as categorías incluídas no grupo III, 2 meses.

c) Para as categorías incluídas no grupo IV e V, 1 mes.

Durante o período de proba o traballador terá os mesmos dereitos e obrigas que o persoal fixo da súa mesma categoría profesional, agás os derivados da resolución de relación laboral, que se poderá producir a petición de calquera das partes durante o seu transcurso. As situacións de I.L.T. interrompen o período de proba.

A escisión durante este período non dará dereito a indemnización ningunha.

Capítulo IV

Artigo 6º.-Relación de postos de traballo.

No anexo II do convenio figuran as categorías do persoal que integran cada grupo.

Artigo 7º.-Promoción e ascensos.

O persoal comprendido no presente convenio terá dereito, en igualdade de condicións, a cubri-las vacantes de categoría superior que se produzcan na empresa e de acordo coas seguintes normas:

As vacantes que se produzan serán cubertas por traballadores do centro de traballo e da empresa por un sistema de concurso-oposición convocado previamente xunto cunhas bases elaboradas pola empresa e o representante dos traballadores. A igual puntuación e aptitude promocionará o de máis antigüidade no centro de traballo.

Do tribunal cualificador das probas terán que formar parte unha representación da empresa e o representante dos traballadores.

Capítulo V

Organización e dirección do traballo

Artigo 8º.-Traballos de superior e inferior categoría.

Ademais do establecido no artigo 39º do Estatuto dos traballadores, teranse en conta os seguintes principios:

1) A realización de traballos de categoría superior ou inferior responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible.

2) A ocupación dun posto de traballo, en réxime de desempeño de funcións de categoría superior, non poderá exceder de seis meses consecutivos ou dez alternos. Transcorrido o período citado, e persistindo as mesmas circunstancias, o desempeño de funcións realizarase por rotación semestral, no suposto de existir máis dun traballador que reúna os requisitos e

a capacidade necesarios da categoría a cubrir, sempre que se desenvolvan as funcións adecuadamente; o límite de 6 meses consecutivos ou dez alternos non será aplicable cando non sexa posible a rotación por non existir no centro de traballo outros traballadores que reúnan as condicións necesarias de acordo co disposto no presente punto.

A praza deixada vacante por este traballador ou polos seus substitutos cubrirase por contratación temporal.

3) A realización de funcións de categoría superior requirirá autorización expresa da empresa. Se a urxencia na cobertura da vacante non permite a autorización previa requirirase que, no prazo de 15 días, a empresa ratifique o citado desempeño.

Da autorización ou ratificación daráselle conta ó delegado de persoal.

4) O simple desempeño dunha categoría superior non consolidará o salario nin á categoría superior. O único procedemento válido para consolidar unha categoría superior e o de supera-lo correspondiente proceso selectivo nos termos regulados no capítulo IV do presente convenio.

5) O/A traballador/a só poderá realizar traballos da categoría inmediatamente inferior á súa durante un só período non superior a 30 días consecutivos, sen prexuízo do establecido no apartado 2 do artigo 39º do Estatuto dos traballadores.

Transcurrido o período citado, o/a traballador/a non poderá volver a ocupar un posto de categoría inferior ata que transcurra 1 ano.

A empresa comunicará ó delegado de persoal tódalas modificacións que se produzan recollidas en cada un dos apartados anteriores.

Artigo 9º.-Organización do traballo.

Conforme a lexislación vixente, a organización do traballo é facultade da empresa exclusivamente, e a súa aplicación práctica correspóndelle os seus representantes, sen prexuízo dos dereitos e facultade de audiencia e información recoñecidos ó persoal nos artigos 40, 41, 64.1º do Estatuto dos traballadores, así como o lexislado nesta materia na Ley orgánica de libertade sindical (L.O.L.S.).

Capítulo VI

Xornada, horario de traballo, descanso e vacacións

Artigo 10º.-Xornada de traballo.

A xornada ordinaria será de 38 horas laborables á semán de luns a sábado, distribuídas da forma seguinte: 6h 48m de luns a venres e 4 horas os sábados, quedando por tanto a equiparación para o curso 96-97.

Establécese un período de descanso obrigatorio de 30 minutos que se computará como tempo efectivo de traballo.

Artigo 11º.-Descanso e festivos.

1) Descanso semanal: os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal de día e medio ininterrompido.

2) Domingos e festivos: un domingo ou festivo de traballo inhabilita, como mínimo, a traballa-lo festivo ou domingo seguinte, fixándose criterios de rotación para o persoal suxeito a estas circunstancias.

Para os servicios que haxa que prestar necesariamente en domingos e festivos establecerase un descanso adicional do 75% do tempo de prestación. Este descanso adicional será pactado de mutuo acordo entre ámbalas dúas partes.

3) Todo o persoal vinculado a este convenio desfrutará como descanso os días 24 e 31 de decembro; se por necesidades do servicio non se puideran desfrutar eses días, facilitarase un descanso equivalente no mes de xaneiro seguinte, cunha compensación adicional igual á que teñen os domingos e festivos.

Artigo 12º.-Vacacións.

Todo o persoal acollido a este convenio desfrutará as vacacións en proporción ós días traballados a razón de 2 días e medio por mes ou fracción de mes traballado.

En tódalas situacións de I.L.T. ou baixa maternal que coincidan coas datas nas que debesen desfrutarse as vacacións, o desfrute pospoñerase ás datas posteriores á situación de alta, agás que o período de baixa se iniciase con posterioridade ó principio do desdrute das vacacións.

De acordo co representante dos traballadores a empresa confeccionará un calendario de vacacións antes do 15 de novembro de 1995 e con base no calendario vacacional do centro, mantendo a empresa dentro deses períodos os servicios mínimos indispensables para a atención das instalación do centro.

A prestación de ditos servicios mínimos distribuirase proporcionalmente entre os traballadores afectados.

Capítulo VII

Licencias e excedencias

Artigo 13º.-Licencias e permisos con soldo.

Todo o persoal vinculado a este convenio, logo de aviso e posterior xustificación (agás os asuntos propios) poderá desfrutar das seguintes licencias:

a) Por casamento, licencia retribuída de 15 días naturais ininterrompidos.

b) Polo nacemento ou adopción dun/ha fillo/a e pola morte, enfermidade grave ou intervención cirúrxica do cónxuxe ou persoa que se atopa ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/a beneficiario/a ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 2 días cando o suceso se produza na mesma localidade e 4 días cando sexa en localidade distinta.

c) Poderá dispoñerse de 9 días ó ano como máximo de permiso para asuntos persoais sen xustificación,

atendendo sempre a necesidades do servicio, que deberá ser expresamente xustificada. Se os servicios prestados son inferiores ó ano natural, os días a desfrutar serán en proporción ó tempo efectivamente traballado. Este permiso poderá desfrutarse ata o 30 de xuño de 1996.

d) Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, 1 día; en caso de ter cambio de residencia 2 días.

e) Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais, durante os días da súa celebración.

f) Poderá concederse permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

g) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal nos termos legalmente establecidos.

Artigo 14º.-Licencias con soldo parcial e sen soldo.

1) Licencias con soldo parcial: quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos, un ancián ou un diminuído físico ou psíquico, que non desempeñe ningunha outra actividade retribuída, ou non perciban ingresos superiores ó salario mínimo interprofesional, terá dereito a unha reducción da xornada total oridinaria dun máximo de 3 horas, sufrindo como mingua salarial o importe proporcional ó tempo de reducción. A solicitude deste permiso efectuarase con 15 días de antelación ó seu desfrute.

2) Licencias sen soldo: os traballadores fixos que leven como mínimo 1 ano de servicio poderán pedir licencias sen soldo, por un prazo non inferior a 15 días e non superior a 6 meses, nun intervalo de tempo de 2 anos.

O traballador solicitará a licencia con, polo menos, 15 días de antelación á data do inicio do desfrute; a empresa constestará dentro desde prazo e de non facelo entenderase concedido o permiso.

Artigo 15º.-Licencias especiais e condicións de traballo nos supostos de maternidade e paternidade.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar, durante o embarazo, un posto de traballo e/ou quenda distintos dos seus, sempre que exista tal posto e quenda alternativos e sempre que, segundo prescrición dun facultativo do sistema da sanidade pública, o seu posto ou quenda resulten nocivos para a súa saúde ou a do feto. Este cambio de posto de traballo non suporá modificación da súa categoría, nin mingua dos seus dereitos económicos.

Finalizada a causa que motivou o cambio de posto de traballo, procederase á reincorporación ó seu destino orixinal.

A traballadora embarazada terá dereito a escolle-la data das súas vacacións regulamentarias.

Artigo 16º.-Suspensión durante o servicio militar.

Durante o tempo no que un traballador fixo estea prestando o servicio militar obrigatorio ou voluntario, ou servicio social substitutivo, o contrato quedará suspendido, con reserva do posto de traballo. O traballador deberá reincorporarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir da cesación do servicio.

O traballador en servicio militar ou servicio social substitutivo, e mentres dure este, percibirá o 50% do seu salario base se ten algún familiar ó seu cargo. Se non se dá esta circunstancia, percibirá soamente as pagas extraordinarias.

Estas percepcións serán incompatibles co cobro dalgunha retribución salarial de índole castrense; tal concepto non abrangue os chamados «haberes do soldado».

O tempo prestado no servicio militar obrigatorio ou prestación social substitutoria será computado para efectos de antigüidade.

Artigo 17º.-Excedencias.

1) Para o coidado de fillos/as menores de tres anos.

Tódolos traballadores fixos terán dereito a unha excedencia por tempo non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a, contados desde a data de nacemento deste/a.

Os fillos sucesivos darán lugar a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá fin ó que se viñese desfrutando.

Non será preciso que o traballador esgote o tempo de excedencia para reincorporarse cando, por motivos persois acreditados, así o solicite.

Concederáselle este mesmo dereito ó traballador verbo dos/as fillos/as adoptivos/as.

Durante o desfrute da excedencia para o coidado dos fillos naturais e durante o primeiro ano para os adoptados, ó traballador reservaráselle o posto de traballo e quenda que viñese desempeñando con carácter definitivo.

Ó persoal que se atope nesta situación, computaráselle, para efectos da antigüidade, o primeiro ano de desfrute da mesma para os fillos adoptivos e a duración da mesma para os naturais.

2) Voluntaria.

a) Os traballadores fixos, cunha antigüidade mínima de dous anos na empresa ou centro de traballo deberán solicitar, cunha antelación mínima de 45 días, excedencia voluntaria por un período de tempo non inferior a un ano e non superior a dez anos.

Unha vez solicitada resolverase o procedente e notificarásello ó interesado con quince días de antelación á data de inicio proposta pola persoa interesada.

O traballador que solicite o seu reingreso, terá dereito a ocupa-la primeira vacante, con carácter provisional, que se produza no seu gurpo e categoría, agás no caso de concorrer un excedente forzoso, que terá preferencia. Se a vacante fose de inferior categoría

á que antes tiña, poderá optar a ela, a espera de que xurda a que corresponda á súa categoría.

O reingreso producirase por orde de antigüidade na solicitude.

Se o interesado non solicita o reingreso ou novo período de excedencia, que non supere en total 10 anos, polo menos 15 días antes de finaliza-lo prazo sinalado para a excedencia que desfruta, perderá o seu dereito ó posto de traballo. En todo caso, non se poderá solicitar nova excedencia voluntaria antes de transcorrido un ano.

b) Ós excedentes voluntarios e ós excedentes para coidado de fillos adoptivos que xa desfrutasen máis de un ano da dita excedencia concederáselle-lo ingreso ó servicio activo, de existiren vacantes, con carácter provisional, ata que obteñan destino con carácter definitivo a través do sistema de provisión de vacantes correspondente.

3) Forzosa.

A excedencia forzosa ó persoal fixo que dará dereito a conserva-lo posto de traballo, quenda e centro, e a que se compute a antigüidade durante a súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

O reingreso deberá efectuarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir da cesación no cargo. Para estes efectos, entenderase por cargo público e elección para deputado ou senador no Parlamento español, deputado de asembleas autonómicas, conselleiro dun concello ou o nomeamento para un cargo de carácter político dentro da Administración pública. Se non solicitan o reingreso no prazo citado serán declados, de oficio, en excedencia voluntaria por interés particular.

A reincorporación producirase na mesma categoría profesional e quenda que tiña o traballador ó se inicia-la devandita excedencia, computándoselle o tempo transcorrido para efectos de antigüidade. Este reingreso terá carácter inmediato desde o momento no que se solicite e, en todo caso, un mes despois do cesamento no cargo.

Capítulo VIII

Condicións económicas

Artigo 18º.-Estructura do salario.

As retribucións do persoal acollido ó presente convenio son as reflectidas no seu anxo I, estando constituídas polo salario base e os complementos salariais que a continuación se definen:

a) Salario base: é a parte de retribución do traballador/a fixada para a xornada oridinaria de traballo, en función da súa categoría profesional. A súa contía figura recollida no anexo I-A por períodos anuais. Así mesmo, no anexo I-B figuran as contías que, en concepto de salario base, terán dereito a percibir; ademais das fixadas no anexo I-A, as categorías que no mesmo se relacionan.

b) Complementos salariais:

1.-Antigüidade: o complemento de antigüidade será o estipulado no convenio da Xunta de Galicia para tódolos traballadores, calquera que sexa a súa categoría profesional, que perfeccionen trienios a partir da entrada en vigor do presente convenio. O trienio cumprido terá efectos económicos desde o primeiro día do mes seguinte a aquel no que se perfeccione, excepto se se cumpre na primeira quincena do mes, xa que neste caso os seus efectos serían desde o primeiro día do mes de cumprimento.

Para o cómputo de trienios, estimaranse os servicios prestados en período de proba ou excedencia forzosa con cargo público. Así mesmo, estimaranse os servicios prestados durante o tempo de duración do servicio militar ou equivalente.

A remuneración por trienios dos traballadores a tempo parcial será proporcional á establecida para os traballadores fixos a xornada completa. O cómputo do tempo para a consolidación dos trienios determinarase como se fose contratado a tempo completo.

2. Plus de convenio ó poso de traballo: é o complemento salarial que, na contía que para cada posto de traballo, se é o caso, figura na correspondente relación de postos de traballo, retribúe as especiais dificultades materiais e técnicas que esixa o desempeño do posto de traballo e, entre outras, a especial dedicación, responsabilidade, dirección e/ou conducción de vehículos.

Soamente terán dereito á percepción deste plus aqueles traballadores que efectivamente desempeñen o posto de traballo que o teña asignado na relación de postos de traballo.

3. Perigosidade, toxicidade e penosidade (anexo I-C): estes complementos salariais de natureza funcional e ocasional, só se derivarán das características especiais dun determinado posto de traballo, medidas obxectivamente. En consecuencia, terán necesariamente a súa causa no recoñecemento expreso da autoriadade laboral competente, logo de informe do Gabinete de Seguridade e Hixiene no Traballo.

A percepción simultánea destes pluses só será posible cando concorran causas diferentes que fundamenten a cada un deles previa comprobación, medición e análise das condicións e efectos, obxectivamente determinados para cada posto concreto.

Artigo 19º.-Incremento salarial.

O incremento para o curso 1995/1996 será de 13,5%. Para chegar á equiparación total co persoal laboral da Xunta de Galicia garántese unha subida suficiente no curso 96/97 coa seguinte orde:

Limpadora grupo V-11.

Peón especialista grupo V-2.

Encargado grupo III-6.

De facerse os pagamentos mediante domiciliación bancaria o traballador/a terá o ingreso como máximo o día hábil posterior ó 30 de cada mes.

Artigo 20º.-Pagas extraordinarias e percepción de haberes.

a) Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio terá dereito a percibir dúas pagas extraordinarias que se aboarán co salario mensual de xuño e decembro.

A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario base do convenio máis antigüidade.

b) As retribucións pagaranse mensualmente mediante nómina, na que se reflectirán con absoluta claridade tódolos aspectos retributivos, recollendo así mesmo tódolos conceptos polos cales se produzan descontos nos haberes dos traballadores/as.

O modelo de nómina será obrigatoriamente igual para tódolos traballadores incluídos no ámbito de aplicación deste convenio.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

1. As horas extraordinarias son aquelas horas ou fraccións que excedan da xornada normal de traballo e teñan un carácter excepcional.

2. Tenderase a reducir ó mínimo imprescindible as horas extraordinarias que non se deban a imprevistos e teñan sempre un carácter excepcional. Como norma xeral a realización de horas extraordinarias terá sempre un carácter voluntario.

O seu límite será de 80 en cómputo anual.

3. A dirección do centro ou organismo informará mensualmente ós delegados de persoal ou comités de empresa sobre o número de horas extraordinarias que se van realizar, especificando as causas, distribución, sesións e relación nominal do persoal laboral que as realiza.

4. Sempre que a organización do traballo o permita, as horas extraordinarias compensaranse por tempo de descanso.

Para compensar por tempo de descanso as horas extraordinarias, computaranse cada unha destas por 1.45 horas de descanso en días laborables e 2.15 horas en domingo e festivos.

Poderanse acumular eses tempos de descanso ata constituiren xornadas completas, que nunca se poderán sumar ós períodos de vacacións e permisos ordinarios pactados no calendario laboral de cada centro.

Para efectos económicos, o valor da hora extraordinaria será o resultante de incrementar nun 75% o valor da hora ordinaria. O seu cálculo farase coa fórmula seguinte:

Hora extra= S. bruto anual + antigüidade x 1,75

1.665 h. (nº h. efectivas anuais)

Para as horas extraordinarias que se fagan en domingos ou festivos o coeficiente multiplicador será de 2,25.

5. No non previsto no presente artigo, rexerá o determinado no Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo.

Artigo 22º.-Incapacidade laboral transitoria.

En caso de baixa por I.L.T. a empresa incrementará o subsidio económico da Seguridade Social ata acada-la contía igual á base de cotización do traballador/a do mes anterior a aquel no que se produza a baixa.

Nos centros de asistidos as situacións de incapacidade laboral trransitoria derivadas de enfermidade común, enfermidade profesional, accidente de traballo, acediente non laboral ou maternidade, nas que a duración peevisible sexa de un mes ou superior, cubriranse inmediatamente por contratos de interinidade, menttres dure esta situación.

Excepcionalmente e por necesidades do servicio, este límite poderá ser inferior.

A duración do contrato de interinidade virá determinada pola ausencia do substituído e aquela será idéntica a esta, cesando o substituto ó termina-la dita situación, sen dereito a indemnización ningunha.

Non obstante o anterior, o réxime será o seguinte:

a) Ausencias por enfermidade común ou accidente non laboral de un a tres días de duración, seguirase o seguinte procedemento:

1. Ausencias de un día: o persoal afectado comunicará a súa ausencia á unidade de persoal, órgano ou persoa responsable, preferentemente dentro da primeira hora de xornada, salvo causas de forza maior que impidan a comunicación. De non producirse a comunicación ou xustificación pertinente, descontarase dos haberes o día faltado.

2. Ausencias de dous ou tres días: neste caso segundo o disposto no artigo 17 da Orde do 13-10-67 (BOE do 4-11-76), deberase presenta-lo parte médico no prazo de cinco días, contados a partir do seguinte ó da súa expedición.

De non entregarse tal parte, descontaranse dos haberes os días faltados. Poderase recorrer contra estas deduccións ante a xurisdicción laboral.

En ámbolos dous casos a empresa poderá efectua-las inspeccións médicas oportunas, segundo o disposto no artigo 20 do Estatuto dos traballadores.

b) Ausencias por accidente de traballo, enfermidade profesional, maternidade, enfermidade común e accidente non laboral, de máis de tres días de duración.

Nestes casos o/a traballador/a percibirá o 100% do seu salario ordinario desde o primeriro día de baixa e ata o final da I.L.T. sempre que se cumpran os requisitos esixidos no artigo 17 da Orde do 13-10-67.

Capítulo IX

Beneficios sociais

Artigo 23º.-Orientación sobre planificación familiar e revisións médicas.

1. A empresa efecturará os seguintes recoñecementos médicos:

a) Unha vez ó ano, a todo o persoal.

b) Periódicos e específicos, ó persoal que pola súa actividade se considere necesario.

c) A todo o persoal de novo ingreso, antes de incorporarse ó posto de traballo.

d) Revisión xinecolóxica voluntaria.

2. Con carácter xeral, a empresa facilitará o acceso dos traballadores ós seguintes servicios:

a) Planificación familiar.

b) Consello xenético.

c) Consello prenatal.

Artigo 24º.-Xubilación e fomento do emprego.

1. Modalidades de xubilación:

a) Xubilación forzosa.

Coa fin de contribuír á realización dunha política de promoción de emprego, a xubilación para o persoal laboral fixo da empresa terá carácter de forzosa ó cumpri-lo traballador/a a idade de 65 anos.

Aqueles/as traballadores/as que, ó chegaren a esta idade, non teñan cumprido o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causar dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servicios ata cumpriren o citado período de cotización, momento no que causará baixa de xeito inmediato.

b) Xubilación especial.

De conformidade co Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo (BOE 20-7), para o caso de que os traballadores/as con 64 anos se queiran acoller á xubilación co 100 por 100 dos dereitos, a empresa substituirá o que se xubile deste xeito por calquera traballador que se atope inscrito como desempregado na correspondente oficina de emprego e nas listas, que se é o caso, se elaboren, mediante un contrato da mesma natureza cá do extinguido.

No caso de que a contratación se decida con carácter indefinido, deberá levarse a cabo de conformidade co regulado no capítulo IV do presente convenio.

c) Xubilación voluntaria.

O persoal poderá xubilarse voluntariamente de acordo cos requisitos establecidos no réxime da Seguridade Social ó que pertenza.

Artigo 25º.-Política de axuda a diminuídos físicos e psíquicos.

Todo traballador que teña baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas exepensas, consorte, fillos e ascendentes de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, diminuídos físicos, síquicos ou sensoriais recoñecidos como tales polos órganos competentes na materia e sempre que os ingresos do diminuído non superen o salario mínimo interprofesional en cómputo anual, percibirá unha axuda de 18.000 pesetas mensuais.

Artigo 26º.-Indemnización por invalidez e morte por accidente de traballo ou enfermidade profesional.

Ámbalas dúas partes acordan que, se non estivese xa asumido, se xestione un seguro que ampare a invalidez ou morte do traballador/a, por accidente de traballo ou enfermidade profesional, e a responsabilidade civil, percibindo os seus beneficiarios unha cantidade non inferior a 4.000.000 de pesestas.

Artigo 27º.-Fondo de axuda para anticipos.

O traballador/a terá dereito a percibir quincenalmente un anticipo dunha contía non superior ó 90% da cantidade devengada.

Artigo 28º.-Complemento das pensións de viuvez e orfandade.

A morte do traballador/a que prestase os seus servicios na empresa no momento do seu falecemento, ou se atopase nalgún dos supostos de suspensión do contrato de traballo previstas no artogo 45 do Estatuto dos traballadores e posúa o período de carencia esixido polas disposicións vixentes, poderá dar lugar ó recoñecemento dos seguintes complementos:

1. Complemento de garantía de salario real.

Serán beneficiarios deste complemente os viúvos/as ou persoa que se atopase ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/a causante, con fillos a cargo menores de 18 anos de idade ou a que fixe a normativa vixente da Seguridade Social ou orfos absolutos, sempre que non posúan ingresos, de calquera tipo, superiores ó salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

A contía será igual á diferencia entre o salario bruto, percibido como promedio nos 12 meses anteriores ó mes do feito causante e a suma das pensións de viuvez e orfandade xeradas polo traballador/a a consecuencia do falecemento.

Este complemento será fixo no tempo ata o momento da súa extinción, que terá lugar commo consecuencia das seguintes causas:

-Cumprimento da maioría de idade dos fillos ó seu cargo ou a idade que fixe a normativa específica da Seguridade Social.

-Percepción por parte do viúvo ou persoa que se atopase ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/a causante e os fillos a cargo, de ingresos superiores ó salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

-As causas xerais de extinción das pensións de viuvez e orfandade recollidas na lexislación da Seguridade Social.

Se a morte se produce por accidente de traballo ou enfermidade profesional contraída durante o seu servicio á empresa, non se esixirá antigüidade ningunha para o cobro dos complementos citados, percibindo os beneficiarios o salario bruto, sempre que non existan outros ingresos superiores ó salario mínimo vixente en cada momento, e coas mesmas causas de extinción que as establecidas no parágrafo anterior.

2. Complemento de garantía do salario mínimo interprofesional.

Nas situacións non previstas no punto 1, garantirase en todo caso un complemento, sobre a pensión que asigne a Seguridade Social, que iguale en cada momento o salario mínimo interprofesional.

Naqueles supostos en que o/a traballador/a tivese unha xornada reducida, este complemento reducirase en proporción á xornada realizada.

Estes complementos concederanse con efectos desde a data na que a Seguridade Social recoñeza as pensións.

O beneficiario virá obrigado a comunicar calquera cambio das circunstancias de carácter familiar ou económicas das que dan lugar ó recoñecemento do complemento.

Capítulo X

Seguridade e Hixiene

Artigo 29º.-Seguridade e Hixiene.

O persoal acollido a este convenio ten dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e a unha adecuada política de Seguridade e Hixiene no Traballo. Ten, así mesmo, o dereito a participar na formulación da política de prevención no traballo e no control das medidas adoptadas no desenvolvemento daquela a través dos seus representantes legais.

A empresa está obrigada a promover, formular e poñer en aplicación unha adecuada política de Seguridade e Hixiene no Traballo así como a facilita-la participación do persoal nela.

Así mesmo debe garantir unha formación práctica e adecuada nestas materias, cando se contrate persoal ou cando se cambie de posto de traballo ou se teñan que aplicar novas técnicas, equipos ou materiais que poidan ocasionar riscos para o/a traballador/a para os/as seus compañeiros/as ou a terceiros.

Artigo 30º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitará roupa de traballo e calzado profesional homologados e de uso obrigatorio a todo o persoal ó seu servicio. A súa data de entrega será nos meses de outubro e marzo de cada curso.

A especificación convencional deberán acordala a representación do persoal e a representación da empresa. O material e útiles de traballo seranlle entregados ós traballadores cando o precisen.

O persoal terá que devolve-la roupa e utensilios usados no momento no que se produza a substitución.

Artigo 31º.-Servicio e traballo.

O persoal acollido a este convenio non poderá realizar obras por un tanto, nin traballo axustado, durante a súa xornada laboral.

En ningún caso se poderá obrigar ó persoal que, polo específico do seu labor, desenvolva o seu traballo ó descuberto a realiza-las súas funcións cando a situación climatolóxica ou as condicións do terreo supoñan penosidade visible para o propio traballador/a. Nestes casos, paralizarase o traballo e empregarase os referidos traballadores en labores propios do seu posto

de traballo que se poidan realizar baixo cuberto.

O anterior non será de aplicación naqueles casos nos que a actividade estea causada ou motivada polas citadas condicións climatolóxicas, salvo sempre o cumprimento das medidas legais sobre Seguridade e Hixiene.

O representante dos traballadores e a dirección do persoal deberán velar polo dereito á intimidade, pola liberdade dos traballadores, e pola erradicación das conductas de acoso sexual, procurando silencia-la súa identidade.

Capítulo XI

Dereitos sindicais

Artigo 32º.-Delegados de persoal.

Os delegados de persoal, sen prexuízo das competencias, funcións e dereitos en xeral recoñecidos polas disposicións legais, terán os seguintes dereitos específicos:

1. Os delegados/as de persoal dispoñerán, logo de aviso sempre que sexa posible, con 24 horas á empresa, de tempo retribuído para realizar xestións conducentes á defensa dos intereses do persoal. As horas mensuais necesarias para cubrir esta finalidade fíxanse en 35 horas.

2. Os delegados/as de persoal poderán ser subsitituídos durante as súas horas sindicais, mediante previo aviso con 24 horas de antelación, se ten carácter ordinario, e sen previo aviso, se ten carácter de urxencia.

De non realizarse a substitución, en ningún caso quedará limitado o dereito dos representantes do persoal a realizaren as súas actividades sindicais.

3. Coñecer e consulta-lo rexistro de accidentes de traballo e as súas causas. Terán acceso ó cadro horario, do que recibirán unha copia. Tamén accederán ós modelos TC-1 e TC-2 das cotizacións a Seguridade Social, ó calendario laboral, ó orzamento da empresa, a un exemplar da memoria anual da empresa e a calquera outro documento relacionado coas condicións de traballo que afecten ó persoal.

4. Facilitaránselle-los taboleiros de anuncios necesarios para que, baixo a súa responsabilidade, coloquen tódolos avisos e comunicacións que deban efectuar e consideren pertinentes, sen máis limitacións cás expresamente sinaldas pola lei. Os ditos taboleiros instalaranse en lugares claramente visibles para permitir que a información chegue ó persoal.

5. O delegado/a de persoal terá ademais das garantías recollidas no presente convenio, as estableciadas nos apartados a), b) e c) do artigo 68 do Estatuto dos traballadores, desde o momento da súa proclamación como candidatos e ata dous anos despois do cesamento no seu cargo.

6. Realización de asembleas:

a) O delegado/a de persoal dispoñerá dun mínimo de 20 horas anuais para ese fin. As asembleas convocadas e cunha duración mínima de media hora,

antes do inicio ou do final da xornada, non serán computadas, se ben, con este carácter só porderán convocarse como máximo dúas asembleas mensuais. Para tal fin, a empresa facilitará os locais adecuados en cada centro de traballo.

Os convocantes garantirán en todo momento a prestación dos servicios por realizar durante as asembleas, así como a orde destas.

En ámbolos dous supostos, o previo aviso, con antelación de 24 horas, que se deberá facer perante a dirección da empresa, deberá ir acompañado da orde do día que se vai tratar na reunión.

Artigo 33º.-Das seccións sindicais, dos delegados/as sindicais e dos afiliados/as.

1. Ateranse ó disposto na Lei 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical (L.O.L.S.).

As seccións sindicais poderán utiliza-lo mesmo local do que, se é o caso, dispoña o delegado de persoal, facilitándoselle o desenvolvemento da súa actividade representativa.

O representante dunha sección sindical terá a representación de tódolos afiliados/as da súa sección sindical en tódalas xestións necesarias perante a empresa e serán oídos por esta no tratamento daqueles problemas de carácter colectivo que afecten o persoal, en xeral, e ós afiliados/as do seu sindicato en particular.

Serán informados e oídos pola empresa con carácter previo igual que os delegados de persoal nos seguintes casos:

-Acerca de despedimentos e sancións que afecten ós afiliados/as ó sindicato.

-En materia de reestructuración do cadro de persoal, regulacións de emprego, traslado de traballadores, cando revistan carácter colectivo ou individual, ou do centro de traballo en xeral, e sobre calquera proxecto ou acción administrativa que poida afectar ó persoal.

-Sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo.

2. Terán acceso á mesma información e documentación que a empresa deba poñer á disposición do comité de empresa, de acordo co regulado a través da lei, estando obrigados a gardar sixilo profesional nas materias en que legalmente proceda.

3. Dos afiliados/as.

Os afiliados/as a unha sección sindical terán os seguintes dereitos:

a) A obteren permisos sen soldo durante o tempo que pasen a ocupar postos de responsabilidade sindical con plena dedicación en ámbito superior ó centro de traballo. Este permiso terá unha duración mínima de seis meses e, ó rematar, o traballador/a será reincorporado na mesma quenda e condicións de traballo.

b) Un 10 por 100 dos afiliados/as a unha destas seccións sindicais terán dereito a permisos sen retribucións cando se cumpran os seguintes requisitos:

-Que exista a comunicación previa por parte da comisión executiva do respectivo sindicato, cursada coa necesaria antelación.

-Que non superen os 20 días ó ano por afiliado/a, nin os 200 anuais para o conxunto do 10 por 100 de afiliados/as de cada sección sindical.

c) A que se lle desconte na súa nómina o importe da cota sindical que corresponda, coa previa conformidade do afiliado/a. A empresa transferirá as cantidades retidas á conta bancaria que designe cada sindicato, facilitándolle mensualmente á correspondente sección sindical a relación nominal das retencións realizadas.

Capítulo XII

Réxime disciplinario

Artigo 34º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto ou a intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual, verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito.

A dirección de persoal da empresa e o representante dos traballadores velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a procurando silencia-la súa identidade.

Artigo 35º.-Faltas e sancións.

Os traballadores/as poderán ser sancionados pola dirección da empresa en virtude de incumprimentos laborais, de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen nos artigos seguintes:

As faltas cometidas polos traballadores/as clasificaranse atendendo á súa importancia e circunstancias concorrentes en leves, graves e moi graves.

Consideraranse faltas leves as seguintes:

1. De 1 a 3 faltas de puntualidade na asistencia ó traballo durante o período de 1 mes, inferior a 30 minutos, sen que existan causas xustificadas.

2. O abandono sen causa xustificada do posto de traballo, sempre que o dito abandono non resultase prexudicial para a empresa nin perturbara o traballo dos demais traballadores/as; nestes supostos considerarase como falta grave ou moi grave.

3. Non comunicar á empresa os cambios de domicilio ou circunstancias persoais que poidan afectar á súa relación e obrigas co a empresa no prazo de 5 días despois de efectualo.

4. As discusións cos compañeiros de traballo nas dependencias da empresa ou durante a xornada laboral, sempre que non sexa en presencia de público.

5. Faltar 1 día o traballo sen autorización ou causa xustificada.

6. Atrasa-lo envío dos partes de alta, baixa ou confirmación no caso de incapacidade laboral transitoria.

Clasificaranse como faltas graves as seguintes:

1. Máis de 3 faltas de puntualidade ó mes non xustificadas, superiores a 30 minutos.

2. Faltar 2 días ó traballo durante o período de 1 mes sen causa xustificada.

3. A desobediencia ós superiores en calquera asignación do traballo entregado por escrito.

Se a desobediencia supón quebranto manifesto para o traballo ou dela se derivase prexuízo notorio para a empresa, considerarase como falta moi grave.

4. Realizar sen o oportuno permiso traballos particulares durante a xornada laboral, así como empregar para uso propio ferramentas ou materiais da empresa sen a oportuna atuorización.

5. O abandono do posto de traballo sen causa xustificada que ocasione prexuízos á empresa.

6. Non presta-la dilixencia ou atención debidas no traballo encomendado que poida supor prexuízo de certa consideración para o propio traballador, os seus compañeiros, a empresa ou para terceiros.

7. A neglixencia ou imprudencia graves no desenvolvemento da actividade encomendada.

8. Proferir ameazas contra un compañeiro/a ou un subordinado.

9. A alteración ou permuta de quendas ou traballos sen autorización da dirección da empresa.

Consideraranse faltas moi graves as seguintes:

1. Faltar ó traballo máis de 2 días durante un período de 30 días sen causa xustificada.

2. Facer desaparecer, inutilizar ou causar intencionadamente danos en materiais, utensilios ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, obxectos, documentos ou calquera outro obxecto da empresa.

3. Violar intencionadamente o segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa, dos traballadores/as ou dos representantes dos traballadores.

4. Os malos tratos de palabra ou obra ou faltas graves de respecto e consideración ós superiores, compañeiros/as ou subordinados.

5. O abuso de autoridade por parte de quen a ostente.

6. O acoso sexual.

7. Orixinar frecuentes rifas e pendencias cos compañeiros/as de traballo.

8. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dos últimos 6 meses, sempre que fose obxecto de sanción, confirmada pola autoridade competente ou non recorrida.

Prescrición das infracciós e faltas.

As faltas leves prescribirán ós 10 días; as graves ós 20 días e as moi graves ós 60 días, a partir da data na que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós 3 meses de cometerse.

Sancións e aplicación.

As sancións que as empresas poderán impoñer segundo a gravidade e circunstancias das faltas cometidas serán as seguintes:

1. Por faltas leves:

Amoestación verbal.

Amoestación por escrito.

2. Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de 1 a 10 días.

3. Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de 10 a 30 días.

Previamente á imposición de sancións por faltas graves e moi graves ós traballadores seralle instruído expediente contradictorio por parte da empresa, no que serán oídos, ademais do interesado, os representantes dos traballadores.

No suposto de que a empresa impoña unha sanción por falta grave ou moi grave sen cumprido requisito mencionado no parágrafo anterior, esta sea considerada nula.

Artigo 36º.-Lexislación subsidiaria.

En todo aquelo que non quede deteminado especificamente no presente convenio, aplicarase o que dispoña o convenio colectivo de limpeza de edificios e locais da provincia de Ourense, así como a ordenanza laboral deste sector ou convenio colectivo substitutorio da mesma.

Disposicións adicionais

Primeira.-O persoal de limpeza que faga a súa xornada no centro de traballo durante un período mínimo de 4 meses, en caso de cesamento da contrata, terá dereito a seguir coa nova empresa adxudicataria cos mesmos servicios.

Esta nova empresa adxudicataria terá o abriga de absorber este persoal repectando a antigüidade e demais dereitos conseguidos.

Segunda.-Os acordos contidos neste convenio único forman un todo orgánico no seu conxunto e, polo tanto, tódalas condicións que se establezan nel, sexan ou non de natureza salarial, son compensables e absorbibles no seu conxunto coas melloras de calquera tipo que viñese anteriormente satisfacendo.

Terceira.-A contía das pagas extraordinarias e o desfrute das vacacións anuais será proporcional ó tempo traballado durante o ano; para estes efectos as fraccións de mes computaranse como mensualidade completa. Con tal fin, a mensualidade computarase como de 30 días naturais.

ANEXO I

TÁBOA SALARIAL

Anexo I-A

Soldo anualSoldo mensual

Grupo III14 pagas

Encargada (6)1.957.248139.803
Grupo V14 pagas

Limpador/a (11)1.479.588105.685

Peón especialista1.479.588105.685

Anexo I-B

Plus convenio categoría encargada grupo III-6.

103.458 en 12 mensualidades.

Plus convenio categoría peón especialista grupo V-2.

49.618 en 12 mensualidades.

Anexo I-C

Plus perigosidade ou penosidade, será en cada intre o que estipule o convenio do persoal laboral da Xunta de Galicia.

ANEXO II

GRUPOS CATEGORÍA PROFESIONAL

Neste centro só existen tres categorías encadradas en:

Encargada de oficios varios mantemento. Grupo III, subgrupo 6.

Dentro do grupo V a categoría peón especialista subgrupo 2 e categoría limpador/a subgrupo 11.

5434