Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 08 de agosto de 1995 Páx. 6.306

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de xullo de 1995 pola que se aproban as bases do concurso público para a adxudicación de axudas de profesor/a-bolseiro/a de lingua e literatura galegas nas universidades de Trier, Birmingham, Heidelberg e Barcelona e se anuncia a súa convocatoria.

A Constitución española establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias no «ensino da lingua da Comunidade Autónoma» (artigo 148º 17º), e que «a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección» (artigo 3.3º).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva da «promoción e o ensino da lingua galega» (artigo 27.20º)

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, do 15 de xuño, dispón no seu artigo 21.1º:

O Goberno galego fará uso dos recursos que lle confiren a Constitución española e o Estatuto de autonomía para que os emigrantes galegos poidan dispoñer de servicios culturais e lingüísticos en lingua galega.

Dado que as actuacións tendentes á potenciación do estudio da lingua e literatura contribúen ó enriquecemento da ciencia e da cultura dos pobos de España, para atende-lo interese crecente que hai polos estudios da lingua e literatura galegas nos centros universitarios das universidades de Trier, Birmingham, Heidelberg e Barcelona, e tendo en conta así

mesmo que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten subscrito convenios de colaboración coas anteditas universidades, é por todo isto polo que

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocar un concurso público de méritos para a concesión de axudas de profesor/a bolseiro/a de lingua e literatura galegas en cada unha das universidades seguintes: Trier, Birmingham, Heidelberg e Barcelona, no curso académico 1995/1996. A selección farase entre licenciados en filoloxía hispánica (subsección galego-portugués), licenciados en filoloxía galega ou licenciados que gañaron a oposición de lingua galega e literatura de ensinanzas medias.

Artigo 2º.-Aproba-las bases que rexerán para este concurso e para a posterior concesión destas axudas para as prazas sinaladas tal e como se detallan nos anexos desta orde.

Artigo 3º.-A axuda será por un período mínimo de un ano académico, prorrogable como máximo ata tres. No caso de que o seleccionado/a sexa un profesor/a funcionario/a da Comunidade Autónoma galega, o nomeamento irá acompañado da correspondente comisión de servicios.

Artigo 4º.-Os pagamentos de profesores/as bolseiros/as faranse sempre a través da universidade receptora e do seguinte xeito:

1.-Profesor/a bolseiro/a non funcionario/a: 1.500.000 (un millón cincocentas mil) pesetas por ano para os destinos en universidades españolas e 1.700.000 (un millón setecentas mil) pesetas por ano para os destinos en universidades estranxeiras.

2.-Profesor/a bolseiro/a funcionario/a: recibirá o seu soldo como funcionario da Comunidade Autónoma galega e aboaráselle ademais unha cantidade suplementaria de 500.000 (cincocentas mil) pesetas por ano para aqueles destinos que sexan nas universidades españolas e 700.000 (setecentas mil) pesetas por ano para os destinos nas universidades do estranxeiro.

Estes pagamentos mencionados faranse con cargo ás partidas orzamentarias que figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e que se apliquen para cada universidade.

Artigo 5º.-Facúltase o director xeral de Política Lingúística para dicta-las resolucións necesarias e para toma-las medidas oportunas para a execución desta orde.

Santiago de compostela, 10 de xullo de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Sr. Secretario Xeral da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria.

Sr. Director Xeral de Política lingúística.

Sres. Directores Xerais de Universidades e Investigación, de Persoal, de Ordenación Educativa e Cen

tros, de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos

Sres. Delegados Provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Bases que rexerán a convocatoria

Primeira.-Para solicita-la axuda sinalada nesta orde os candidatos/as debrerán cumpri-las seguintes condicións:

-Ter nacionalidade española

-Ser licenciado en filoloxía hispánica (subsección de galego-portugués), licenciado/a en filoloxía galega ou profesor/a funcionario/a de lingua e literatura galega no ensino secundario.

Segunda.-A asignación orzamentaria será especificada no artigo 4º desta orde, e inclúe tódolos conceptos (viaxe, desprazamentos, residencia, etc.)

Terceira.-As actividades obxecto destas bolsas comprenderán o ensino da lingua e da literatura galegas e a súa inserción na realidade de Galicia. Ademais a persoa seleccionada terá que participar nos actos de difusión da lingua e da cultura galegas para os que sexa requirido polo departamento correspondente e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para a promoción e a difusión da realidade galega. En todo caso, a súa dedicación académica axustarase á normativa da universidade receptora.

Cuarta.-Para poder proceder á prórroga do seu nomeamento, o profesor/a bolseiro/a terá que presentar no mes de xuño, na Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha memoria-resumo que deberá leva-lo visto e prace do departamento da universidade receptora e un informe positivo do encargado do Centro de Estudios Galegos da universidade respectiva.

O incumprimento das actividades, a non presentación da memoria, ou a non consecución do visto e prace nesta, levará consigo a revogación da axuda e a imposibilidade dunha prórroga, logo de audiencia do interesado perante os responsables da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da universidade correspondente.

Quinta.-Os interesados deberán presenta-la súa solicitude, de acordo co modelo do anexo II desta convocatoria, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro de 1992).

Canda a solicitude presentarase a seguinte documentación (orixinais ou fotocopias cumpulsadas):

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia do título de licenciado (ou acreditación de telo solicitado).

-Certificado de estudios.

-Currículum vitae e xustificantes dos méritos alegados.

-Escrito redactado polo interesado (5 folios como máximo) sobre os motivos da solicitude e que conteña un posible proxecto de traballo.

Sexta.-O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir dos seguintes ó da publicación desta orde no DOG.

Os defectos nas solicitudes notificaránselles ós interesados e daráselles un prazo de dez días para que emenden os erros ou omisións. Transcorrido ese prazo, se non se producise a emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite.

Sétima.-A selección das persoas responsables destas axudas e do desenvolvemento das prazas será feita por unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingúística e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Universidades.

-Un membro da universidade receptora (ou persoa na que delegue) do profesor/a bolseiro/a de lingua e literatura galegas.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario con voz pero sen voto.

Esta comisión proporalle os candidatos ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá.

Oitava.-Para a selección do candidato valorarase:

-Currículum académico e méritos alegados.

-Experiencia no ensino e na organización de actividades relativas á lingua e á literatura galegas.

-Interese do proxecto presentado.

-Coñecemento, se é o caso, do idioma oficial da universidade receptora.

Novena.-Antes de presentarlle a proposta de nomeamento ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a comisión poderá entrevista-los candidatos preseleccionados.

Décima.-Se no prazo máximo de tres meses non recae resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

ANEXO II

Xunta de Galicia

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Procedemento

Adxudicación de prazas de profesor/a bolseiro/a de lingua e literatura galegas en diversas universidades

Código do Procedemento

Documento : solicitude

Datos do Solicitante

ApelidosNomeNIF

EnderezoLocalidade

ProvinciaCódigo postalTeléfono

Solicito:

Ser admitido/a á convocatoria pública de prazas de profesor/a bolseiro/a de lingua e literatura galega nas universidades de Trier, Birmingham, Heidelberg e Barcelona pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no DOG nº..., do día..., ó considerar que reúno os requisitos esixidos para tomar parte nela, e para tal efecto detallo a continuación:

Universidade ou universidades que solicita:

Carreira cursada e grao obtido

Documentación complementaria

-Fotocopia do título de licenciado/a (ou acreditación de telo solicitado).

-Certificado de estudios.

-Currículum vitae, acompañado dos xustificantes oportunos.

-Fotocopia do DNI.

-Proxecto de traballo.

Observacións

Lexislación aplicable

-Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

-Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-Lei de orzamentos xerais para o ano 1995

Sinatura do solicitante ou persoa que o representa

.........., de......... de 1995

(A cubrir pola Administración)

Recibido

Revisado e conforme

Número de expediente

Data de entrada

Data de efectos

Data de saída

Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

5382