Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 08 de agosto de 1995 Páx. 6.308

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 5 de xullo de 1995, pola que se regula a concesión de axudas a particulares para a creación e mellora de establecementos de restauración e hospedería no Camiño de Santiago.

A carencia de servicios de restauración nas proximidades dalgúns dos albergues do Camiño Francés fai imprescindible subvenciona-la creación e mellora destes, se ben, sendo o obxectivo prioritario da concesión destas axudas o prestar un servicio digno de restauración ós peregrinos, preténdese acadar con estas outras finalidades como son a recuperación e conservación da arquitectura popular galega e a valoración dos productos propios da zona e a gastronomía típica da localidade. En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A concesión de axudas a particulares para a creación e mellora de establecementos de restauración e hospedería no Camiño de Santiago, regularase pola presente orde.

Artigo 2º

1. Concederanse axudas ás accións que de seguido se relacionan:

a) Rehabilitación e acondicionamento de edificacións rurais galegas como establecementos de restauración.

b) Mellora de establecementos de restauración.

En ambos casos a súa arquitectura, decoración e mobiliario será acorde coa tradición arquitectónica da zona.

2. A zona xeográfica obxecto das axudas expresadas no punto 1 circunscríbese ás parroquias de Hospital da Condesa, Calvor, Barbadelo, Ferreiros, Gonzar, Ventas de Narón, Ligonde, Mato-Casanova e Ribadiso.

3. Non serán subvencionables as adquisicións de terreos e edificacións, así como os equipamentos que non supoñan obra.

Artigo 3º

Cada unha das axudas que se concedan non poderán excede-lo límite da dispoñibilidade orzamentaria consignada para o efecto. O aboamento das devanditas axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.121A.770.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, ata o esgotamento da partida orzamentaria establecida para o efecto.

Artigo 4º

1. As solicitudes de axuda presentaranse, conforme o modelo oficial, que figura como anexo desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro. O prazo de presentación será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Achegarase, tamén por duplicado, a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou da escritura de constitución da sociedade, segundo corresponda á titularidade da empresa.

-Orzamento do investimento da execución material asinado por técnico facultado ou contratista.

-Informe urbanístico de viabilidade do proxecto expedido polo concello.

-Fotografías da edificación existente.

-Plano de localización do proxecto de investimento.

-Escrito de compromiso de mante-lo establecemento aberto ó público ata o 31 de decembro do Ano Santo de 1999.

-Escrito de compromiso de participar nas actividades de formación especificamente dirixidas ós beneficiarios destas axudas, se é o caso.

-Calquera outra documentación que consideren oportuna á vista dos criterios de avaliación.

Artigo 5º

Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago poderán reclamar, se fose necesario, ós solicitantes, que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días desde o recibo do escrito do requirimento.

Artigo 6º

1. Para a avaliación das solicitudes constituirase unha comisión de valoración composta polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Promoción do Camiño de Santiago, ou quen o substitúa.

Vocais: os delegados provinciais de Cultura da Coruña e Lugo.

Actuará de secretario un licenciado en dereito elixido entre o persoal adscrito á Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago.

2. A comisión de valoración, á hora de emiti-la súa proposta, terá en conta os seguintes criterios:

-A oferta de servicios de restauración no contorno inmediato da localización do proxecto.

-A súa proximidade a un albergue.

-A oferta de servicios do establecemento.

-As características arquitectónicas da edificación.

-A xeración de postos de traballo.

-A capacidade de ofertar productos típicos da zona, de colleita ou elaboración propia.

3. A resolución das axudas correspóndelle ó conselleiro de Cultura, por proposta do director xeral de Promoción do Camiño de Santiago. O acordo de concesión ou denegación da axuda seralles comunicado por escrito ós solicitantes.

4. A resolución de adxudicación da convocatoria pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xusticia de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir da data da súa notificación efectiva ós interesados.

Artigo 7º

Os proxectos deberán reuni-los requisitos mínimos esixidos pola normativa turística vixente.

Artigo 8º

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a xustifica-lo emprego das cantidades recibidas cos fins para os que foron concedidas, mediante o envío, á Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago da Consellería de Cultura, dos xustificantes dos gastos, en orixinal e copia, xunto cunha copia do NIF ou CIF e certificación bancaria da conta onde deberá aboarse a axuda antes do 31 de novembro, co obxecto de proceder ó libramento dos fondos.

2. A concesión da axuda esixirá a declaración expresa, por parte do destinatario, de non ter débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia. Así mesmo, esixiranse certificacións xustificativas de estar ó día nas obrigas fiscais ou coa Seguridade Social. No caso de que estas obrigas non existan esixiríase declaración expresa do destinatario neste sentido.

3. No caso de que os xustificantes do investimento non se correspondan en parte ou totalmente cos conceptos expresados nos orzamentos de investimento aceptado na solicitude, a subvención reducirase a parte ou a totalidade na proporción que corresponda.

Artigo 9º

Nos locais obxecto destas axudas, os propietarios quedarán obrigados a colocar unha placa na que figure que aqueles foron subvencionados pola Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago da Consellería de Cultura.

Artigo 10º

No caso de que os beneficiarios das axudas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, podendo mesmo anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas segundo establece o Regulamento xeral da recadación.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Promoción do Camiño de Santiago para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 1995.

P.D. (Orde do 13-12-1993)

Rubén-Víctor Lois Calviño

Secretario xeral da Consellería de Cultura

5278